Diana, a nena que sabía voar

127
1

Transcript of Diana, a nena que sabía voar

Page 1: Diana, a nena que sabía voar

1

Page 2: Diana, a nena que sabía voar

2

Page 3: Diana, a nena que sabía voar

3

Diana, a nena que sabía voar

Marta Santos

Page 4: Diana, a nena que sabía voar

4

Page 5: Diana, a nena que sabía voar

5

Diana, a nena que sabía voar

Marta Santos

Page 6: Diana, a nena que sabía voar

6

Diana, a nena que sabía voar

Título orixinal: Julia, la niña que aprendió a volar

Tradución, ilustracións, maquetación e deseño de cuberta: Marta Santos García [email protected]

Esta obra está baixo unha licencia Creative Commons: Recoñecemento-NonComercial-SenObraDerivada 4.0 Internacional Recoñecemento: debe recoñecer a autoría da obra do xeito especificado pola autora ou licenciadora. Non comercial: a licenciadora permite copiar, distribuir e comunicar públicamente a obra. A cambio, esta obra non pode ser utilizada con finalidades comerciais, agás obtendo o permiso da licenciadora. Sen obra derivada: a licenciadora permite copiar, distribuir e comunicar publicamente soamente copias inalteradas da obra, non obras derivadas baseadas nela.

Page 7: Diana, a nena que sabía voar

7

Prólogo. Voando cara aos soños

por José Antonio Santos

Un dos maiores agasallos que lle poden facer a un escritor é pedirlle que prologue un libro, é unha mostra infinita de aprecio e amizade. Mais tamén supón un risco, xa que hai que estar á altura do texto que tras as súas pobres palabras vai emanando todo o caudal de imaxinación e soños que o autor entrega aos lectores. E o certo é que nunca se sabe de que falar. Falar da novela e arriscarse a destripala. Falar da autora co risco de non saber transmitir toda a maxia que deposita nas súas verbas.

Page 8: Diana, a nena que sabía voar

8

O certo é que resulta tremendamente difícil e por iso o primeiro paso antes de escribir o prólogo consiste en mergullarse dentro do texto buscando ese camiño que permita fluír as verbas para poder explicar e motivar o lector. E comecei a ler as andanzas de Diana e naveguei polo río de tinta cheo de poesía e de beleza que nos interna dentro da amizade verdadeira, que nos invita a somerxernos na fantasía buscando acariñar os soños, e que o fai coa fluidez de quen vive o que conta. E que contándoo nos transporta a ese Balcón das Aguias onde poderemos acompañar a Diana no seu voo.

É un libro de fantasía, poboado por soños, dragóns e poesía, mais é unha obra que non agocha a crueza da realidade na que algúns nenos viven. A súa aveluda escritura axúdalle a amosar con rigor a marxinación que ás veces padecen aqueles que só desexan vivir os seus soños en paz.

Por todo iso e moito máis convídote, amigo lector, a que acompañes a Diana no seu camiño de aprendizaxe. Asegúroche que tocarás o ceo nun voo que xamais poderás esquecer.

Page 9: Diana, a nena que sabía voar

9

Para a miña irmá Montse, por saber soñar

Page 10: Diana, a nena que sabía voar

10

1. Unha escola e tres dragóns

—Veña filla, garda ese libro e colle a mochila, que marchamos! –exclamou mamá apurada, flotando entre un mar de présas, chaves e mais un bolso.

Diana botoulle unha última ollada ao seu libro preferido: Tain, o neno que sabía voar. Logo protexeuse colocándose o seu abrigo verde con dragóns bordados nos petos.

Diana era unha nena moi amable, e moi baixiña.

Vivía nun edificio gris, con moitas escaleiras feitas de pedriñas de cores e un ascensor que tiña un espello. O espello era especial,

Page 11: Diana, a nena que sabía voar

11

porque nun dos seus recantos semellaba ter unha tea de araña. Mamá sempre lle dicía que non a tocara, porque iso significaba que o espello estaba roto e podía cortar o dedo. Diana non a tocaba, mais adoitaba mirarse nela porque a súa cara víase partida en anaquiños.

Era coma se, no canto dunha soa Diana, houbera moitas Dianas pequeniñas.

Movíanse todas ao mesmo tempo, e en ocasións formaban a cara dun alieníxena monstruoso que lembraba un pouco a ela. Mais, a pesar da súa monstruosa monstruosidade, era bastante simpático. Sempre que ela sorría, o alieníxena devolvíalle o xesto.

—Veña Diana, deixa de mirarte no espello e imos ao coche!

Mamá era boa, aínda que a ela nunca lle facía graza mirarse na tea de araña. A maioría das veces, nin sequera semellaba decatarse de que estaba alí.

Diana sentou no asento traseiro do coche, e pasou a curta viaxe ata a escola contando a través da xanela o

Page 12: Diana, a nena que sabía voar

12

número de nenos que tamén ían aos seus colexios.

Algúns eran altos e fortes. Outros eran máis baixiños, coma ela. Todos levaban unha mochila no lombo, e unha delas tiña debuxados uns dragóns semellantes aos do seu abrigo. Estaban un pouco máis sucios, aínda que eran máis grandes e feroces, e posuían unha boca que infundía máis medo. Diana non albergaba dúbidas de que, se chegaban a pelexar os dragóns dos seus petos cos da mochila dese neno, os seus sairían perdendo. Oxalá que nunca loitasen… ela queríaos moito.

Ademais de dragóns nos petos, Diana tamén tiña unha escola. Non é que a Diana lle gustase demasiado a súa escola, pero era a súa, así que a aceptaba. Tampouco estivera en máis escolas, así que non sabía se era mellor ou peor que as demais. Estaba nun edificio de ladrillo enorme e tiña un patio xigantesco cheo de raias de cores, que eran os campos de fútbol e de baloncesto, onde saían a xogar a maioría dos nenos no recreo. Ela só os utilizaba na hora de educación física, porque o deporte non se lle daba moi ben.

Page 13: Diana, a nena que sabía voar

13

Cando chegaron ao colexio, mamá acompañouna ata o valo, deulle un bico na meixela e marchou correndo cara ao coche, coma todas as mañás. E coma todas as mañás, o bico sóubolle a présa. Diana mergullouse no río de nenos, ata que unha man a colleu polo ombreiro.

—Ola Diana! —saudouna Mara, unha nena moi leda que era a súa mellor amiga—. Viches onte Philips e Fen?

—Ola! Si o vin, foi moi divertido. Gustoume sobre todo cando Fen se puxo a cantar coa leituga que falaba, a canción era xenial!

—Si, a min tamén me gustou moito! Ademais, a leituga era moi graciosa cando se poñía a bailar con Fen. Viches como lle caían as follas?

—Si! –Diana e Mara non deixaron de rirse coa leituga que bailaba con Fen e coas súas follas caídas ata que se sentaron nos seus pupitres. Elena, a profesora de Matemáticas, entrou sorrinte na aula co seu libro de mestra, e mandou aos nenos facer todos os exercicios da páxina 56. Algúns protestaron, pero ela animábaos

Page 14: Diana, a nena que sabía voar

14

dicindo que, ao primeiro en rematalos, daríalle un punto máis no exame. Aínda que tamén tería que telos ben feitos, claro.

Diana, aínda que non foi a primeira, axiña rematou a súa tarefa. Así que, mentres os demais ían rematando, comezou a facer debuxos na última folla da súa libreta. Primeiro fixo a unha nena baixiña paseando cun dragón por un campo cheo de flores. Aínda que o dragón era tan baixiño coma ela, botaba moito lume pola boca, polo que ninguén ousaba perturbalo.

Logo tamén debuxou un alieníxena que tiña a cara feita a anaquiños, e unha araña que o acompañaba. A Diana gustoulle moito como lle quedara a araña, así que debaixo escribiulle un nome: Momosoda. Despois pensou que non era xusto que fora ela a única en contar cun nome, así que tamén llo foi poñendo aos demais. Ao alieníxena chamouno Riselochi, e ao dragón, Repuceto. Para a nena non lle acordaba ningún nome máxico e extraordinario dabondo, así que simplemente escribiu “Diana”.

—Eh, champiñón! Xa remataches os exercicios? –berrou Gus, o compañeiro que se sentaba á súa esquerda. Ela non respondeu.

Page 15: Diana, a nena que sabía voar

15

—Moco, estouche a falar! –insistiu, lanzándolle un anaquiño de goma.

Diana continuou esborranchando no seu caderno, simulando que estaba ocupada, aínda que en realidade non debuxaba nada en concreto. Quería que Gus a deixara en paz, pero era demasiado tímida para contestarlle. Ela adoitaba agardar a que cansara de dicir parvadas, e a maior parte das veces, esta estratexia dáballe un bo resultado.

—Tíralle máis gomas, que é parva e non se decata! –suxeriu Ana González, quen se sentaba detrás de Diana.

A Gus podía ignoralo. A Gus e a Ana González xuntos, non.

Os pequenos ollos marróns de Diana comezaron a derramar diminutas bágoas, que fluían polas súas meixelas brillando coma se foran estrelas fugaces. En canto se decatou, inclinou suavemente a súa cabeza cara a diante, deixando que o seu pelo formase unha cortina castaña que lles impedise aos seus compañeiros vela chorar.

Page 16: Diana, a nena que sabía voar

16

Caeron máis gomas ata que chegou a hora do recreo, e máis mofas e insultos. Mais Diana non dixo nada.

Page 17: Diana, a nena que sabía voar

17

2. O tesouro de Mara

Coma todos os días, Diana agardou a Mara na porta da clase para baixar ao patio.

—Hoxe non vai ser un recreo coma calquera outro, Diana. Teño que amosarche un tesouro! –exclamou emocionada a súa amiga, sinalando enerxicamente o peto dereito do seu pantalón vaqueiro.

—Que tesouro? –preguntou Diana, fervendo de curiosidade.

—Xa o verás. Agarda a que cheguemos a un lugar seguro… —murmurou Mara. A continuación, dirixiu unha ollada suspicaz ao

Page 18: Diana, a nena que sabía voar

18

seu arredor; unha ollada que deixou a Diana flotando nunha nube invisible de intriga e confusión.

—De acordo. Baixemos canto antes, logo –cedeu esta, dominando a súa impaciencia.

Descenderon polas escaleiras o máis rápido que lles deixaron as súas pernas, e logo atravesaron a porta que as separaba dos campos de baloncesto. Despois, Mara agarrouna suavemente do brazo e conduciuna cara ao final do pórtico de columnas. Simulando un paseo, conseguiron introducirse no oco entre o edificio e o valo.

—Aquí non nos verán –sorriu Mara.

—Onde se atopa o tesouro? –inquiriu Diana.

Sen extinguir o seu doce sorriso, a súa amiga extraeu do peto un pequeno saquiño de cor morada, pechado cun estreito lazo violeta. Fíxolle un aceno coa man a Diana para que sentase no chan, e cando se sentaron unha en fronte da outra, depositou docemente o saquiño no medio das dúas. Os enormes ollos de

Page 19: Diana, a nena que sabía voar

19

Mara estaban tan acendidos que lembraban as chispeantes chamas dunha cacharela.

—Por favor, Diana, ábreo ti.

Esta accedeu sen demora, e comezou a desfacer meticulosamente o laciño que pechaba o pequeno saco.

—Máis rápido, máis rápido! –pregou Mara, impaciente.

Cando Diana por fin retirou o lazo e extraeu cos seus finos dedos o que contiña o saquiño, os seus ollos comezaron a brillar aínda máis que os da súa amiga.

—Meu Deus, é precioso!

Page 20: Diana, a nena que sabía voar

20

Nese intre, un anel tan dourado coma os soños das princesas refulxiu maxestosamente ante elas. A súa forma circular sostiña un xigantesco rubí en forma de corazón, que desprendía unha multitude de fulgores avermellados cando os raios do sol incidían sobre el. Bordeando o rubí, xurdían numerosos e diminutos diamantes que delineaban a forma do corazón. Á súa vez, os diamantes e o rubí engastábanse con elegancia nunhas delicadas pólas labradas en ouro, das cales xurdían pequenas follas douradas que se fundían co aro.

—De quen é este anel tan incrible? –quixo saber Diana.

—Iso é o máis emocionante! –exclamou a súa amiga, rebordando ilusión—. Pertenceu ao rei Alfonso XIII!

A boca de Diana estaba completamente aberta, formando un “o” perfecto.

—O rei Alfonso XIII?

—Si, o mesmo. O último rei que houbo en España antes da Segunda República e da guerra civil que se desatou despois.

Page 21: Diana, a nena que sabía voar

21

—E logo, como o conseguiches?

—Onte pola tarde veu a miña avoa á casa. Traía con ela este saquiño, e díxome que era para min. Non obstante, explicoume con melancolía que debía revelarme algo antes de entregarmo. Sentouse moi misteriosa no sofá, ao tempo que comezaba a narrarme toda a historia do anel. Unha vez que rematou de contarma enteira, regaloumo cun sorriso que recendía a amor–explicou Mara con orgullo.

—E cal é esa historia? Poderías contarma a min? –pregou Diana, curiosa.

—Verás… —Mara aclarou a gorxa, e, con voz solemne, comezou a falar—. O seu avó, é dicir, o meu tataravó, estivo servindo como mordomo no palacio real durante cinco anos. Levábase moi ben co rei don Alfonso, e chegaron a facerse grandes amigos. Un día, o meu tataravó comentoulle ao rei que se namorara perdidamente dunha muller e que desexaba pedila en matrimonio. A muller en cuestión era moi bondadosa e intelixente, mais pertencía a unha familia moi rica que non lle deixaba casar con xente de clase máis baixa ca eles. Así que, como

Page 22: Diana, a nena que sabía voar

22

el non era máis cun mordomo, o seu amor era imposible. Entón, o rei don Alfonso entregou ao meu tataravó un dos seus máis prezados e valiosos aneis. Un anel que gardaba celosamente na caixa forte do seu real dormitorio. “Pídea en matrimonio e entrégalle este anel. En canto o vexa a súa familia, farante o seu xenro sen dubidar” díxolle o rei ao meu tataravó.

Os pequenos ollos de Diana pestanexaban coma dous brillantes vagalumes.

—E que pasou ao final? Casou coa muller? —preguntou.

Mara asentiu, esbozando un sorriso tan doce que recendía a algodón de azucre.

—Esa muller era a miña tataravóa. Gardou o anel nun caixón secreto do cal só ela posuía a chave. Todas as noites, antes de ir durmir, poñíao nun dedo e ensináballo ao meu tataravó, para lembrarlle que aínda o quería como o día no que este llo regalou.

Entre as dúas amigas fíxose un silencio sagrado que entrou tan despaciño como se foi, para non molestar.

Page 23: Diana, a nena que sabía voar

23

—É unha fermosa historia –murmurou Diana, absorta.

—De certo que o é –corroborou Mara—. Tempo despois, o anel converteuse no noso tesouro familiar. A miña tataravóa entregoullo á miña avoa antes de morrer, e a miña avoa entregoumo a min. Agora ensineicho a ti, porque quero que simbolice o noso pacto.

—O noso pacto? –estrañouse Diana.

—Si, o noso pacto de amizade. O rei Alfonso XIII entregoullo a o meu tataravó en honor á amizade tan grande que había entre eles os dous, e agora eu quero convertelo nun símbolo da nosa.

—E logo… podes facer iso? Quero dicir, á túa avoa non lle vai incomodar? E outra cousa… como o imos compartir?

—Ela díxome que o gardara ben, e que só o compartise con alguén que fora o suficientemente importante para min. Ademais, mira isto.

Mara volveu acender, sen necesidade de interruptor, o seu resplandecente sorriso. O anel, que refulxía maxestoso entre os

Page 24: Diana, a nena que sabía voar

24

seus dedos, abriuse coma unha bisagra en canto ela desenganchou un pequeno peche situado detrás do rubí.

—Se as dúas persoas que comparten o anel vivisen separadas, poderían seccionalo en dúas partes e gardar unha cada unha.

Os ollos de Diana abríronse coma pratos.

—Estás dicindo que a metade do anel é para min?

—O anel será das dúas, e cada unha gardará unha parte. Só se coidamos a nosa amizade poderemos volver xuntalo no momento axeitado, e facer que volva brillar de novo por sempre xamais.

Os finos braciños de Diana pecháronse en torno ao corpo de Mara, e a calidez que se transmitiron nese intre foi máxica. Se alguén as tivese visto, diría que as que realmente desprendían luz eran elas, e non o anel.

Page 25: Diana, a nena que sabía voar

25

3. Amigos cortados con tesoiras

Ao voltar do recreo, o peto dereito dos vaqueiros de Diana xa non estaba tan baleiro coma antes. Agora contiña a metade do anel dun rei. E tamén contiña, nada máis e nada menos, que o sincero e cálido cariño duhna amiga de verdade.

Ao chegar á aula, Mara afastouse de Diana para sentarse no seu pupitre, no outro extremo da clase. Aínda faltaban moitos alumnos por subir do patio, mais o aire xa comezaba a encherse de conversacións, risas e estudantes. Roi e Xián intercambiaban algúns cromos do Barça, mentres Lorena, David Soutelo e Clara parolaban animadamente nunha esquina. Lorena xesticulaba

Page 26: Diana, a nena que sabía voar

26

demasiado; probablemente estaría a contarlles aos seus compañeiros algunha das moitas viaxes nas que acompañara ao seu pai, que era camioneiro. Diana quixo sentarse no seu propio pupitre e sacar tamén os seus propios trebellos.

Mais para ela non foi tan doado.

Enriba da súa mesa, diseminados, atopábanse unha infinidade de pequenos anacos de tea verde.

Ao comezo costoulle recoñecelos, e pensou que alguén lle enchera o pupitre de lixo para amolala. Mirou cara a Ana González, e viu como ela tamén a miraba, suxeitando un sorriso cruel na boca e unhas tesoiras nas mans.

Fora ela.

Diana volveu pousar os ollos no seu pupitre, e de paso reparou no seu abrigo, colocado enriba da súa cadeira. Aínda que sería máis preciso dicir que, no que realmente reparou, foi nos petos do seu abrigo.

Neles abríase un burato negro, moi negro, tan negro coma

Page 27: Diana, a nena que sabía voar

27

a tristura que comezaba a medrar no corazón de Diana. Os dragóns verdes non estaban alí. Os anacos dos dragóns verdes estaban no seu pupitre.

Ana González recortáraos e esnaquizáraos.

—Mira Gus, mira que parva é Diana! Mira como chora polos seus dragonciños! –A súa compañeira, coas tesoiras asasinas aínda nas mans, ría escandalosamente.

Gus, que acababa de sentarse no seu pupitre, tamén ría.

O único que choraba era o corazón de Diana, pensando en que nunca xamais podería aloumiñar de novo os dragóns, a inventar historias con eles, a sentirse protexida polas súas fauces abrasadoras.

Para os demais eran só un anaco de tea, mais para ela significaban moito máis. Eran a chave que abría a súa fantasía. Unha chave que Ana González partira en anaquiños diminutos, añaquiños mesmo máis ananos que as bágoas que xermolaban dos ollos castaños da pequena Diana.

Page 28: Diana, a nena que sabía voar

28

Se existira alguén que afirmara con rotundidade que os anxos non choran, deberíaselle ter ensinado o rostro de Diana neses intres. A tristura dos seus ollos rotos e desacougados non era unha tristura calquera: a súa xeaba o sangue nas veas e cortaba a alma en anacos. Só alguén que tivera a alma cuberta por pedra e cemento podería tela ignorado.

Ese era o caso de Gus e Ana González, e dos seus risos afiados.

Ese día Diana chegou en silencio a casa, e non prendeu máis a luz da súa alma. Coma o pequeno ser extraordinario que era, exhalou a súa tristura en forma de suspiros quedos, que só os que teñen o corazón moi brandiño son capaces de oír.

Rosa, a señora que a coidaba, decatouse deseguida da ausencia dos dragóns nos seus petos e adiviñou a causa da súa pena. Como non quería abrirlle máis a ferida da alma que aínda lle estaba a sangrar, tratou de sandala a base de aloumiños, contos e bocadillos de chocolate.

Mais sobre a falta dos dragóns non lle quixo preguntar nada.

Page 29: Diana, a nena que sabía voar

29

Diana escoitou os contos, comeu os bocadillos e absorbeu os aloumiños, e hai que dicir que pola noite xa se atopaba moito mellor. Ademais, cando se ía poñer o pixama, atopou a metade do anel de Alfonso XIII aínda dentro do peto do seu pantalón. O anaco de xoia seguía brillando cunha intensidade case cegadora. Mais agora o seu brillo cantaba un arrolo que trataba de adormecer a súa dor, envolvéndoa con papel de amizade para que non fixera dano, e tirándoa logo ao lixo.

Ela quedou durmida decontado, sentíndose máis confortada e arroupada pola súa manta de cores e pola calidez do anel. Pero, desgraciadamente, ao entrar no mundo dos soños, a ferida volveríaselle abrir.

Cando se durmiu, Diana somerxeuse nunha fraga colorida e luminosa na que todo estaba feito de papel: as árbores, as plantas, os animais, os regueiros, as pedras… Primeiro apareceu ante os seus ollos a araña Momosoda, tecendo enormes teas entre as pólas das árbores máis altas e vigorosas, e sorrindo mentres se dedicaba en corpo e alma ao traballo. Ao decatarse da presenza de Diana, saudouna animadamente cunha das súas finas e habelenciosas

Page 30: Diana, a nena que sabía voar

30

patiñas. A nena contestou cun tímido sorriso, mentres o seu corazón choutaba de ledicia.

Logo, emerxendo de entre as árbores de papel e as flores de cores, presentouse ante ela Riselochi, o alieníxena de mil caras. Tamén estaba feito de anaquiños de papel, pero él xa non sorría. Camiñaba despaciño, como agochando algo. O corazón de Diana foi deixando de choutar segundo el se achegaba, e cando chegou ao seu carón, latexaba tan despaciño que ela pensou que se atascara. E é que o dragón Repuceto ía detrás de Riselochi, resgardado baixo a súa sombra.

E estaba roto.

As súas noutrora chameantes fauces apenas deixaban saír agora pequenos resopridos de fume apagado, e as súas feras e implacables gadoupas estaban apegadas ao seu abdome por varios anacos de fita adhesiva, do mesmo xeito que as súas patas. A Diana deulle moito dó velo así. Nese intre a súa alma non quixo outra cousa que abrazalo, así que, disposta a sandalo con todo o amor que puidera, correu con enerxía ao seu carón.

Page 31: Diana, a nena que sabía voar

31

O que ela non sabía era que, cando o tocara cos seus dedos, o corpo de Repuceto se derrubaría no chan.

O corazón de Diana encolleu, e o seu doce rostro comezou a tremer. “Como podo arranxarte, dragón?” preguntou aflixida a

Page 32: Diana, a nena que sabía voar

32

nena, mais non houbo resposta. O alieníxena Riselochi e a araña Momosoda tamén desapareceran, deixándoa soa e perdida. Aquela fraga de papel comezou a facerse máis grande e menos colorida cada vez, e non pasou moito tempo ata que as sombras a cubriron coas súas negras ás.

O día seguinte era sábado, e Diana non tiña colexio. Ao espertar, a avelaíña e agrisada luz que emanaba ese día das nubes evitou discorrer por entre as fendas da súa persiana. A chuvia caía case silenciosamente polos tellados da cidade, como querendo facer xogo coas bágoas da nosa amiga. Nese intre botou de contas que aquela fin de semana ía ser a máis gris que vivira nunca na súa curta vida.

Que equivocada estaba Diana!

Page 33: Diana, a nena que sabía voar

33

4. Viaxe á illa de Merz

Coa tristura aniñando na súa cabeza, Diana tomou o leite con cereais de todas as mañás. Para ela, a cor dese leite foi gris, e gris foi tamén a cor dos cereais.

Gris era o seu ánimo, e semellaba coma se este lle tivera colocado uns lentes especiais nos ollos para que esa mañá non puidera ver nada de cor na súa vida. Rematou o almorzo moi cedo, e despois de facer a súa cama, estomballouse sobre a colcha granate.

Discorreron minutos, e minutos, e minutos, e minutos, e minutos, e minutos, mentres pensaba nos seus dragóns rotos.

Page 34: Diana, a nena que sabía voar

34

“Tic-tac, tic-tac, tic-tac” dicía o reloxo.

“Dragóns” choraba a súa mente. “Dragóns esnaquizados”.

Chegou un intre no que o peso da tristura se fixo tan grande que case non a deixaba respirar, e non tivo outra opción para non afogar na pena que buscar outra cousa á que dedicar a súa atención. Así que Diana colleu un libro do andel. Nada máis e nada menos que Tain, o neno que sabía voar. Só un libro tan interesante coma ese podería axudala a superar a perda dos seus amigos, os dragóns verdes.

Aquel libro narraba a marabillosa e incrible historia de Tain.

El era un neno normal. Coma Diana. Coma calquera outro. Coma ti, que estás a ler este libro. Pero Tain vivía na illa de Merz, ou, como el a chamaba, a illa da fantasía. O lugar onde o poder da imaxinación era tan grande, que todo o que un desexara podía ocorrer.

Unha das características principais que diferenciaban a Merz do resto do planeta Terra era que non había ningún adulto. Non era

Page 35: Diana, a nena que sabía voar

35

que non os aceptaran, moi pola contra: os nenos e as fadas que poboaban a illa estarían moi orgullosos de ter persoas maiores que os acompañaran nas súas máxicas aventuras. Non obstante, polo de agora non había ningún adulto que cumprira a regra fundamental:

EN MERZ SÓ PODERÁN ENTRAR AQUELES QUE CREAN NA FANTASÍA.

Esa regra foi creada pola Fada Nai de Merz ao inicio dos tempos, e atópase escrita debaixo de todos os letreiros de benvida á illa que hai en cada unha das súas praias. O seu obxectivo é protexer ás fadas e ás fragas máxicas. E é que, se alguén que non crese nas fábulas os chegase a ver, todos eles se esfumarían coma po branco e se mesturarían coas nubes. Por iso a illa sempre se atopa arrodeada por unha néboa eterna que fai de muralla, agochada nun lugar tan recóndito que nin os máis avezados científicos poden atopala.

Tain era un dos nenos que vivían na illa de Merz, e lembraba un pouco a Peter Pan. El tampouco desexaba medrar, e ademais, coma Peter… Tain era capaz de voar! Como o envexaban os

Page 36: Diana, a nena que sabía voar

36

olliños castaños de Diana! A ela tamén lle gustaría poder sobrevoar as montañas de Merz, as fragas máxicas, as nubes de cores e os pazos das fadas.

E non só iso: se ela vivira na illa da fantasía, tamén podería pedirlle a unha fada bondadosa que lle axudase a reconstruír e sandar os dragóns dos seus petos. Podería ser mesmo que a fada fora extraordinariamente compasiva, e lle axudase ademais a darlles vida á araña Momosoda, ao alieníxena Riselochi e ao dragón Repuceto, os que de momento estaban condenados a existir tan só en forma de debuxo de papel.

A Diana teríalle encantado poder gozar da máxica maxia de Merz, darse un mergullo na lagoa que nunca molla e arranxar e encher de vida os seus amigos imaxinarios. Mais ela non era unha nena de conto, así que nunca podería lograr semellante proeza. Desgraciadamente, ela era unha nena real. Aínda que…

A verdade é que, se algo caracterizaba a Diana, era que posuía toda a fantasía necesaria para meterse dentro dun libro de contos. Mesmo aínda que fora un tan especial como Tain, o neno que sabía voar.

Page 37: Diana, a nena que sabía voar

37

Á fin e ao cabo, que podería perder por probar?

Nada.

En cambio, podería gañar moito.

Podería revivir os seus dragóns, por exemplo.

Diana non o pensou máis, e concentrouse con todas as súas forzas na illa de Merz. Imaxinou como o seu cuarto se ía convertendo pouco a pouco nunha das fragas da illa, e como Tain saía a darlle a benvida. Estivo un bo anaco a pensar en todos e cada un dos pormenores que daba o libro sobre a illa de Merz, sobre os seus poboadores, sobre o vento cálido que zoaba na illa enteira e aloumiñaba a pel de cada máxico habitante. Imaxinouno todo tan ben, que xa lle parecía estar dentro do libro. E, de súpeto, o milagre aconteceu.

Polos andeis do seu cuarto comezaron a gabear enredadeiras salvaxes, que se enroscaban entre os libros e os peluches de Diana mentres nacían as súas delicadas flores. Ao mesmo tempo, as portas do seu armario abríronse de par en par, e delas xurdiu un

Page 38: Diana, a nena que sabía voar

38

golpe de vento que encheu o cuarto dun reconfortante recendo a herba húmida.

Diana, agoirada, anicouse contra o cabeceiro da cama, agochando a súa pequena cabeza entre as súas pernas dobradas que abrazaba con forza. Como é lóxico, ver que o seu cuarto comezaba a transformarse a tanta velocidade infundiulle moito medo ao principio.

Page 39: Diana, a nena que sabía voar

39

A carón da súa cama, o chan comezaba a empaparse dunha auga cristalina, cuxo nivel subía e subía ata ir converténdose nunha lagoa calma. Seguidamente, esta comezou a arrodearse dunha mesta vexetación que medraba incriblemente sobre o mobiliario. Cando a agua e a fraga chegaron a cubrilo todo, Diana ergueu a cabeza e botou unha ollada ao seu arredor.

Unha preciosa paisaxe que despregaba todos os tons posibles de verde substituíra ao seu cuarto. Ella atopábase á beira dunha pequena lagoa, sentada entre herba e area, e polos seus ollos infiltrábanse os raios de luz dun ceo de tons rosas e laranxas. O silencio disolvíase co zunido murmurante do vento, e tamén co melódico canto dalgúns pequenos paxaros azuis e violetas que sobrevoaban con elegancia o ceo rosa alaranxado.

Naquel momento, Diana soubo que se atopaba na illa de Merz. Só alí o ceo e as aves poderían ofrecer unhas cores tan extraordinarias.

Todo o que abranguían os seus ollos era marabilloso, mais decidiu pechalos por un intre para poder apreciar mellor a canción do vento e os rechouchíos dos paxaros. A súa alma bailou con

Page 40: Diana, a nena que sabía voar

40

aqueles sons durante uns intres, ata que unha terceira melodía se uniu á máxica sinfonía que envolvía aquela lagoa. Diana puxo máis atención, e puido clasificar aquel son coma o que produce un instrumento de vento. Entón, abriu os ollos para poder ver con claridade de onde proviña aquel son.

E viuno aló, sentado enriba dunha póla, tocando a súa lendaria harmónica.

Page 41: Diana, a nena que sabía voar

41

5. Voando entre nubes de algodón

El continuou absorto na súa música, concentrado durante un bo anaco naquel universo aberto pola melodía da súa propia harmónica. Os paxaros, ao escoitalo, achegábanse ata a

Page 42: Diana, a nena que sabía voar

42

árbore onde estaba sentado e voaban debuxando círculos ao seu arredor, como planetas gravitando ao redor dunha cegadora estrela.

A Diana non lle estrañou que aquela música os hipnotizara, xa que nela mesma producía un efecto similar. Mais non resultaba nada estraño. Á fin e ao cabo, tratábase da lendaria harmónica de Tain. Aquel instrumento tiña poder para iso, e para moito máis.

Ao cabo duns minutos, una estraña aínda que melodiosa voz interrompeu o concerto improvisado.

—Quen es ti? –Ao alzar a cabeza, Diana puido comprobar que se trataba da voz do propio Tain, quen separara a harmónica dos seus beizos e a ollaba con desconfianza.

—Eu son Diana –contestou con timidez.

O neno seguía a observala con sospeita, mentres gardaba a harmónica no peto e brincaba da póla ao chan cunha axilidade abraiante. Os paxaros voaron en línea recta por enriba da lagoa, desaparecendo velozmente a través do ceo rosa alaranxado.

Page 43: Diana, a nena que sabía voar

43

—Es unha fada infantil… ou unha nena? –inquiriu Tain, mentres achegaba o seu rostro ao de Diana e a analizaba minuciosamente.

—Eu… son unha nena –respondeu ela, confusa.

—Unha nena? –O habitante da illa de Merz deu un chouto cara a atrás, sorprendido, coma se rematara de ver unha pantasma—. Iso é xenial! Hai meses que non vén ningún neno novo por aquí! –De socato, a cara de Tain semellaba rebordar unha ilusión tan enorme coma inesperada—. Dime, nena Diana, como entraches en Merz?

—Pois… —A Diana facíaselle un pouco difícil explicar a extraordinaria transformación que tivera lugar no seu cuarto, pero non lle quedou máis remedio que procurar facer un esforzo—. O certo é que estaba a ler o libro de Tain, o neno que sabía voar, quero dicir, o teu libro; e entráronme moitas ganas de internarme na illa de Merz. Quería poder usar a maxia, coma ti, para arranxar aos meus dragóns verdes, así que me puxen a imaxinar con todas as miñas forzas que…

Page 44: Diana, a nena que sabía voar

44

—Dixeches dragóns verdes? –O neno de Merz ergueu unha cella—. Dous dragóns de tea sen nome, e un de papel que se chama Repuceto?

Aquelo desconcertouna.

—Así é… como o sabes?

—Apareceron na illa de Merz onte pola noite. Foi moi raro, porque había xa varios anos que ningún dragón se pasaba por aquí. Ademais, os dragóns de tea estaban completamente esnaquizados; tiven que usar moitas follas da Árbore da Saúde para poder sandalos. Agora que a Repuceto non lle fixeron falla tantas como aos outros, só tiven que pegarlle as gadoupas e as patas. Agora xa están todos bastante ben, así que se queres podemos ir a velos.

Os ollos de Diana brillaron como ás de anxo baixo a luz da lúa.

—Iso é fantástico! Moitas grazas! –exclamou a nena—. Imos pois!

Page 45: Diana, a nena que sabía voar

45

El devolveulle o sorriso, agachando as súas costas diante dela.

—De acordo! Sobe!

—Nas túas costas? –preguntou Diana, desconcertada.

—Claro, imos voando! Senón, non chegaremos nunca.

A nena, asombrada e ilusionada, subiu dun chouto enriba das costas de Tain, e este despregou os brazos. Sobrevoaron a lagoa a rentes de auga, e logo, remontando o voo, dirixíronse cara á posta de sol. Enormes montañas coroadas por capas de neve foron quedando atrás, baixo os seus pequenos corpos, rodeadas dunha néboa misteriosa que non deixaba ver o que había debaixo dela. A Diana deulle mágoa non poder coñecer a illa de Merz en todo o seu esplendor dende as alturas.

—Sempre hai esta néboa? –preguntoulle a Tain.

—Non adoita habela. Só os días en que chegan novos habitantes á illa. E creo que esta vez saíron para recibirte a ti.

Page 46: Diana, a nena que sabía voar

46

Diana riu, incrédula. Era difícil asimilar que aquelas nubes que bulían coma o vapor dunha sopa quente se tivesen formado tan só para saudala e darlle a benvida á illa de Merz. Non obstante, alí estaban. Grandiosas pero suaves. Coma un manto de algodón que protexía ás montañas e os acompañaba no seu voo. Máis tarde, ao comezar a descender, os dous tiveron a oportunidade de somerxerse naquela branca manta e envolverse no seu celestial e intenso frescor.

—Xa estamos a chegar –anunciou Tain, a medida que baixaban a terra. Unha inmensa árbore comezou a perfilarse diante dos seus ollos. O seu tamaño era tan grande, que algunhas das súas pólas máis altas chegaban mesmo a mesturarse coa néboa que envolvía Merz. Semellaba un carballo, aínda que o seu toro era tan groso coma unha casa. As súas follas eran do tamaño da cabeza de Diana, e o seu verde resultaba especialmente intenso.

Cando á fin pousaron sobre o chan, a nena comprobou que non estaban sós. Ao abeiro da árbore, anicados contra o seu enorme toro, atopábanse tres siluetas verdes, descansando. Tiñan gadoupas, e patas, e fauces…

Page 47: Diana, a nena que sabía voar

47

—Os meus dragóns! –berrou, saltando das costas de Tain abaixo e correndo cara a eles. Cando se detivo, a dous pasos dos dragóns, eles ergueron lentamente a súa cabeza e ollárona.

—Ti es Diana? –preguntou o maior deles, o de fauces máis alongadas.

Ela quedou paralizada. Aqueles dragóns non eran de tea nin de papel; eran de verdade. Había dous iguais entre si, coma se foran xemelgos. De constitución semellaban ser máis ben repoludos, e a súa pel presentaba un verde máis forte e vivo que o do terceiro. Este, o que falara, era de cor verde pálida e máis alto que os dous primeiros.

—Si, eu son Diana –respondeu, dubitativa.

—Entón, ti es a nosa dona.

O dragón alto ensanchou aínda máis as súas alongadas fauces, formando un sorriso cheo de dentes.

Page 48: Diana, a nena que sabía voar

48

Page 49: Diana, a nena que sabía voar

49

6. Lume de dragón

Diana non sabía moi ben que dicir, mais tampouco fixo demasiada falla. O dragón máis alto falou por ela:

—É que non te lembras de min? Eu son Repuceto. Ti creáchesme ao debuxarme, e ti puxéchesme o nome.

Ela abriu os ollos de par en par, abraiada. O mesmo Repuceto en persoa (mellor dito, en dragón) estáballe a falar!

—E nós somos os dragóns do teu abrigo –replicou un dos outros dous, inclinándose lixeiramente cara a adiante—. Aínda que nunca nos puxeches un nome.

Page 50: Diana, a nena que sabía voar

50

—É verdade. Perdoade –desculpouse a nena, coa queixada tremendo pola emoción de volver ver aos seus dragóns sans e salvos—. Se queredes, podo poñervos un agora mesmo.

Tain cruzou os brazos e asubiou.

—Ai, Diana, Diana! Así que non lles tiñas nomes aos teus colegas, eh? Tranquila muller, eu heite axudar. A este –sinalou o dragón máis tímido dos xemelgos, que non interviñera aínda– pódelo chamar Luisiño o Caladiño, e a este –proseguiu, sinalando ao irmán– pódelo chamar Perala o que Fala.

Repuceto riu, animado. Os outros dous dragóns asentiron, amosando a súa conformidade.

—A min paréceme ben –interveu Perala o que Fala—. E a ti? –preguntou, mirando o seu irmán.

—A min tamén –sorriu Luisiño o Caladiño—. A verdade é que non me gusta falar moito.

Page 51: Diana, a nena que sabía voar

51

—Pois ben, todo arranxado –anunciou Tain, dando dúas palmadas coas mans—. Agora temos que preparar unha cacharela para pasar a noite. Parece que vai ir frío hoxe.

Nese mesmo intre, ergueuse un refacho de vento xeado que estremeceu a Diana e lle deu a razón a Tain. A nena fregou os brazos e comentou:

—Para facer leña poderiamos coller algunhas pólas desta árbore, é xigante!

—Iso non se pode facer –suspirou Perala.

—E por que non? –preguntou Diana. Repuceto esbozou un sorriso irónico.

—Non me digas que aínda non sabes que árbore é esta… —dixo.

—Pois non —. Diana comezaba a incomodarse con tanta intriga.

Page 52: Diana, a nena que sabía voar

52

—É a Árbore da Saúde –interveu Tain, situándose en fronte do enorme toro e mirando de fronte á lendaria árbore—. Só hai tres en toda a illa de Merz. Coas súas follas pódese sandar calquera ferida ou enfermidade, e está totalmente prohibido arrincarlle unha folla ou unha póla se non é coa fin de sandar a alguén. Algunhas follas desta árbore foron as que usei para arranxar os dragóns e convertelos en personaxes de carne e óso.

—En serio? –inquiriu a nena.

— Si, en serio. Nesta illa hai dous tipos de árbores sagradas: as Árbores da Saúde e as Árbores do Alimento. As Árbores da Saúde xa sabes para que serven. As Árbores do Alimento medran moito máis rápido que as Árbores da Saúde, e hai cincuenta na illa de Merz. Isto é porque as súas follas son as que nos alimentan a todos os seus habitantes. Aquí non precisamos carne, nin peixe, nin froitas, nin verduras… As follas das Árbores do Alimento conteñen todos os nutrientes que precisamos para sobrevivir. Logo xa verás unha delas… despois de todo, creo que teremos que cear –rematou Tain, chiscándolle o ollo.

Page 53: Diana, a nena que sabía voar

53

—Ben, pois agora imos conseguir pedras e pólas para a cacharela –terzou Repuceto.

Os dous nenos e os tres dragóns puxéronse a buscar con afán polos arredores pólas que caeran ao chan, evitando coller todas aquelas que tivesen podido caer da Árbore da Saúde. Despois de breves intres, conseguiron reunir un montonciño o suficientemente grande como para acender unha cacharela. Luisiño formou un círculo de pequenos cantos, dentro do cal Tain foi colocando as pólas.

—Agora, o toque máxico –dixo Perala —. O lume!

E, dun só soprido das súas fauces, cuspiu unha labarada de lume abrasador que acendeu a cacharela. O lume quentou en poucos intres o frío ambiente que os envolvía, e iluminou os ollos de Diana con fulgores lilas e amarelos.

—Este lume ten unha cor un pouco rara, non? —cuestionou a nena.

Page 54: Diana, a nena que sabía voar

54

—Todo na illa de Merz ten cores extraordinarias que non se viron nunca en ningunha outra parte do mundo –respondeu animado Tain—. Calquera cousa pode ser da cor que menos o esperas. E agora seguiralo comprobando. Dragóns! — exclamou, mirando aos demais—. Quedade vixiando o lume mentres eu vou con Diana a pola nosa cea.

Page 55: Diana, a nena que sabía voar

55

—De acordo, Tain –confirmou Repuceto—. Non tardedes moito, se non queredes rematar chamuscados con lume de dragón.

—De acordo, Repu! –Diana sorriu, mentres sentaba enriba das costas de Tain—. Ata logo, dragóns!

Tain e mais ela saudáronos coa man, para logo alzar o voo cara ao ceo nocturno. En poucos segundos xa se atopaban voando a unha altura considerable, por enriba das montañas nevadas da illa de Merz. Agora só a luz da lúa alumeaba o horizonte, cubrindo a ensombrecida paisaxe dunha tenue capa de luz branca.

Diana fixouse en que a néboa de antes xa non estaba. Agora xa debían de considerala unha máis do lugar. Tería saído a néboa tamén para os dragóns?

—Tain –borboriñou a nena—. Sabes como chegaron os meus dragóns ata aquí?

O neno, que ía gozando en silencio da preciosa paisaxe que se debuxaba aos seus pés, contestou:

—Trouxéchelos ti, sen decatarte.

Page 56: Diana, a nena que sabía voar

56

7. A fundación da illa de Merz

Aquela resposta descolocouna por completo. Como ía ela a levar os seus dragóns ata a illa de Merz? Ademais, sen decatarse! Diana non o entendía. E o seu desconcerto foi palpado pola aguda intuición do seu novo amigo.

—As túas bágoas por eles foron a enerxía que vos conectou aos catro coa illa de Merz. Despois de todo, esta illa está feita para os nenos que están tristes –continuou Tain.

—Eu pensaba que Merz era a illa da fantasía.

Page 57: Diana, a nena que sabía voar

57

—E abofé que o é –afirmou o neno, pousándose con suavidade no chan. Fíxolle un sinal a Diana para que se erguera das súas costas, e logo púxose de pé—. A nosa viaxe rematou. Ahí tes a unha das cincuenta Árbores do Alimento.

Ante eles alzouse unha árbore xigantesca, aínda que o seu tamaño era algo menor có da Árbore da Saúde na que acababan de estar, e as súas follas moito máis pequenas. A súa cor non se distinguía moi ben a causa da escuridade que reinaba naquel lugar, mais a Diana pareceulle que as súas follas eran de cor violeta. Tain comezou a arrincar algunhas delas e a gardalas no peto. En total, colleu dez.

—Non cres que son moi poucas? –preguntoulle Diana—. Se somos cinco, só nos tocarán dúas follas para cada un.

El deixou saír unha pequena gargallada, mentres pechaba a cremalleira do seu peto.

—Estas follas alimentan demasiado. Xa o verás.

Page 58: Diana, a nena que sabía voar

58

—De acordo. Leva as que vexas, á fin e ao cabo, ti es o que vive aquí. Desde logo, este mundo é moi estraño –reflexionou Diana en voz alta—. Por certo, aínda non me explicaches por que esta illa é para os nenos tristes se é a illa da fantasía, e como é que eu trouxen aos meus dragóns ata aquí sen decatarme.

Tain suspirou.

—Creo que non me queda outra que contarche a historia da illa de Merz dende os seus inicios –dixo, mentres sentaba enriba da suave e amolecida herba do chan—. Queres oíla?

—Claro que si! –Diana sorriu, tomando asento ela tamén.

—Pois ben, ponme atención —e Tain comezou a narrar a orixe, o suceso dos sucesos, o acontecemento máis importante de todos…

A creación da illa de Merz.

“Había unha vez unha fada solitaria que vagaba polo mundo dos humanos agochándose día tras día deles, pois a maioría non estaban preparados para ver a un ser máxico. Adoitaba voltarse

Page 59: Diana, a nena que sabía voar

59

invisible e observalos en silencio, polo que aprendeu moito dos seus costumes. Con grande tristura, comprobou que moitos deles estaban tristes. A miúdo facíanse dano uns a outros, ou perdían os seus soños, ou simplemente esquecíanse de gozar da vida e de ser felices.

O que máis dó lle deu á fada foi comprobar que non só había adultos tristes, senón tamén nenos. Os nenos tristes perdían as súas fantasías e as súas ilusións ao pouco de nacer, e a fada decidiu que tiña que facer algo por eles, para que as recuperaran outra vez.

Sobrevoou todo o mundo día e noite durante meses, buscando un lugar que puidera acoller a todos eses nenos. Un lugar onde se sentiran sans e salvos e puidesen recuperar a súa ledicia, sen que entrase ningún adulto que tivera esquecido a súa fantasía.

Ao cabo de dous anos, atopou unha illa no medio do Océano Atlántico que ningún ser humano pisara xamais. Era unha illa pequeniña, formada por cadeas de fermosas montañas e bañada por lagoas de límpidas augas. A fada bautizouna como

Page 60: Diana, a nena que sabía voar

60

Page 61: Diana, a nena que sabía voar

61

“illa de Merz”, e elixiuna como o lugar no que fundaría o seu reino da fantasía.

Tinguiu as montañas, o ceo e as augas de cores extraordinarias, e ergueu dúas clases de árbores sagradas: as Árbores da Saúde e as Árbores do Alimento, para que na illa de Merz ningún neno padecera xamais fame nin enfermidades. Ademais, arrodeou a illa dun manto de protección feito de fantasía, para que ninguén que carecera dela puidese entrar.

Por último, escribiu moitos libros sobre a illa e mandounos ao mundo humano. Eses libros serían a chave para que os nenos tristes accedesen á illa de Merz. Ao lelos, a soa forza da súa fantasía arrastraríaos á illa. Bastaría con que formulasen na súa mente o desexo de entrar nela e que fosen capaces de imaxinala como algo real, con todos os detalles.

Non pasou moito tempo ata que os primeiros nenos comezaron a chegar.

As fragas da illa de Merz inundáronse deseguida de pequenos humanos aos que lles feriran a alma e que desexaban sandar o seu

Page 62: Diana, a nena que sabía voar

62

corazón con fantasía. A fada, que a partir dese intre se fixo chamar Fada Nai, converteu moitos dos seus desexos en realidade. Mesmo houbo algúns nenos afortunados aos que ensinou a usar a maxia e a voar.

A Fada Nai tiña á súa vez fillas, as Fadas Infantís, que se encargaban de manter a fantasía na illa de Merz e de axudar os novos nenos que ían chegando á illa. Os nenos ían e viñan, segundo se lles sandaba o corazón, mais houbo tres deles que decidiron quedar na illa para sempre. Chamóuselles nenos lendarios, pois co paso do tempo, chegaron a dominar a maxia con tanta mestría que se comezaron a escribir moitas lendas sobre eles.

Co tempo, non só os nenos e as fadas poboaron a illa de Merz, senón tamén os personaxes de soños. Estes eran os amigos imaxinarios dos nenos, aqueles personaxes que inventaban e cos que falaban, xogaban e soñaban. Os nenos tristes esquecíanos a miúdo por causa da súa tristura. Mais a Fada Nai e as súas fillas, as Fadas Infantís, recuperábanos cando estes chegaban á illa de

Page 63: Diana, a nena que sabía voar

63

Merz, pois non tardaron en comprobar que este era o xeito máis eficaz de sandar o corazón dos nenos.

Os personaxes de soños chegan á illa e nunca marchan, de maneira que os nenos poden volver visitalos cada vez que desexen regresar á illa de Merz.”

Page 64: Diana, a nena que sabía voar

64

8. Non é fácil ser un neno lendario

—É dicir, que os meus dragóns en realidade son personaxes de soños, e foi a miña tristura quen os trouxo comigo á illa de Merz –resumiu Diana.

—Exacto. Eles están aquí para axudarche a sandar a ferida da túa alma –asentiu Tain, mentres se erguía devagar do chan e sacudía o pantalón.

—E ti es un dos tres nenos lendarios.

Tain calou uns intres, incómodo. Non adoitaba falar moito con outros nenos, e, se o facía, a maior parte das veces era con algún

Page 65: Diana, a nena que sabía voar

65

dos outros dous nenos lendarios. Non lle gustaba sentirse diferente.

—Si, si que o son–contestou á fin.

—Os nenos lendarios xa non poden voltar ao mundo humano? –inquiriu Diana, chea de curiosidade.

—Claro que podemos. Ninguén está obrigado a quedar na illa de Merz. É só que non queremos voltar.

—Xa… —dixo Diana, pensativa—. É porque levades moito tempo aquí, non? E entón no mundo humano xa vos terán esquecido…

—Non é iso –gruñiu Tain con brusquidade—. Todo neno que quere voltar ao mundo humano faino no intre preciso no que desapareceu, así que ninguén se decata da diferenza. Se non volvo alí é porque non quero.

O neno fixo de novo unha longa pausa, medindo as súas verbas. Había moito tempo que non confiaba en ninguén. Había moito tempo que se centrara en sandar o corazón dos outros

Page 66: Diana, a nena que sabía voar

66

nenos, e esquecérase do seu. Mirou a Diana aos ollos, e decatouse de que era a primeira vez que falaba con outro neno sobre os seus propios sentimentos. De socato, entroulle unha gana enorme de contarllo todo.

—O meu mellor amigo foise da cidade onde viviamos, e os meus outros amigos comezaron a deixarme de lado. Os meus pais non deixaban de rifar, e a miña irmá sempre andaba roubando as miñas cousas e facéndome a vida imposible. Por iso quedei na illa de Merz. Aquí podo tocarlles a harmónica aos paxaros, aquí podo voar, non teño que ir ao colexio. Aquí podo estar só cando queira. Podo ser libre.

—E non os botas de menos? –preguntou suavemente a nena.

—A quen? –estrañouse Tain.

—Aos teus amigos, aos teus pais, á túa irmá…

—Claro que non! –exclamó o neno lendario—. Oíches o que che dixen? Non se portaban ben comigo. Como os ía botar de menos?

Page 67: Diana, a nena que sabía voar

67

—Poderías facer as paces coa túa irmá, falar cos teus pais para que deixasen de rifar e buscar outros amigos –comentou Diana con dozura—. Creo que, en realidade, te sentes moi só. E no fondo, aínda que digas o contrario, iso non che gusta.

Esta vez, Tain non respondeu. Unha pequena bágoa comezou a percorrer en silencio a súa meixela, deixando tras de si un sendeiro prateado que brillaba cos raios da lúa.

—Ter poderes non dá a felicidade, sobre todo se non tes con quen compartilos –proseguiu ela.

Page 68: Diana, a nena que sabía voar

68

O neno lendario agachouse diante de Diana, sen mirala apenas:

—Sobe, por favor —dixo, moi serio—. Volvamos cos dragóns. Han estar preocupados.

A viaxe de volta fíxose máis longa, xa que no seu transcurso non articularon unha soa verba. As estrelas acompañáronos durante todo o voo, regando o ceo coa lene luz dos seus pestanexos sen fin. Cando aterraron a carón da Árbore da Saúde, Luisiño durmía pracidamente enriba da herba fresca, e Perala xogaba ás palmas con Repuceto.

—Home, non era sen tempo! –exclamou Repuceto ao velos.

—Empezabamos a pensar que vos pasara algo–engadiu Perala.

Diana baixou das costas do neno lendario con lentitude, xa que lle empezaran a entalar un pouco os músculos.

—É que Tain me estivo a contar a historia da illa de Merz –desculpouse a nena.

—Ah! Así que era iso? –dixo Repuceto.

Page 69: Diana, a nena que sabía voar

69

—A nós contóunola onte —proseguiu Perala —. Hai que recoñecer que é unha historia fascinante.

—Si, abofé que o é –cortou Tain, tallante—. A ver, ceamos ou non?

Perala e Repuceto asentiron, mentres Diana espertaba con coidado a Luisiño. Tain foi repartindo a cada un as follas que recollera na Árbore do Alimento, e logo sentaron en círculo a comer. Todos se abalanzaron famentos sobre as súas follas, agás Diana. Para ela era algo moi raro comer as follas dunha árbore, e antes de morder as súas, dedicou un anaco a contemplar como engulían os demais.

—Non ceas? –preguntoulle Perala.

—Si, si, agora vou –contestou Diana—. É que como nunca comín follas de árbore…

—Veña, muller! –exclamou Repuceto, dándolle unha palmada nas costas—. Se tes sorte, pode que che tocara unha folla con sabor a chocolate.

Page 70: Diana, a nena que sabía voar

70

—A chocolate? –estrañouse a nena.

—Si, a chocolate, ou a vainilla, ou a amorodo… Cada folla da Árbore do Alimento é dun sabor distinto. Hai moitos –asegurou Tain, mentres engulía o último bocado das súas—. A min acábame de tocar unha de xeado de limón e outra de tomates recheos.

—En serio? Que ben! –Diana deu unhas cantas palmadas, emocionada—. Pois agora vou probar as miñas, a ver a que saben!

Con enerxía, deulle a primeira dentada a unha das dúas follas que tiña na palma da súa man. Despois de mastigala durante uns segundos, cuspiuna ao chan:

—Boh! Esta sabe a coliflor! É a comida que máis odio!

Tain, quen devoraba as súas follas recostado no chan, botou a rir:

—Non te agonies tanto e cómea. As follas de sabor a coliflor son das máis nutritivas que hai!

Page 71: Diana, a nena que sabía voar

71

—Xa, iso dilo para que non proteste –rosmou Diana, con cara de noxo.

—O que di Tain é certo –interveu Luisiño—. Ademais é mellor que unha coliflor de verdade, porque como a folla da Árbore do Alimento é pequeniña, remátala deseguido.

A nena meditou uns intres, observando detidamente a folla con sabor a coliflor que seguía na palma da súa man.

—De acordo, Luisiño. Comereina.

Diana fixo de tripas corazón e meteu a folla enteira na boca.

Comezou a mastigala con rapidez mentres contiña a respiración, para non a saborear, e nun abrir e pechar de ollos, tragouna.

—É certo! –sorriu ao rematala—. Cómese deseguida! Imos ver a que sabe esta outra…

Page 72: Diana, a nena que sabía voar

72

Colleu con delicadeza a segunda folla e deulle unha dentadiña, saboreándoa a conciencia para intentar identificar o seu sabor. Nada máis facelo, abriu os ollos de par en par.

—Esta sabe a chocolate!

Page 73: Diana, a nena que sabía voar

73

9. A lagoa que nunca molla

Despois de cear, os dragóns e mais os nenos tendéronse na herba, a carón da cacharela. Ao principio, a Diana dáballe algo de reparo durmir ao raso, sen sequera unha manta que a tapara un pouco. Non obstante, en canto se recostou sobre a herba, comprobou que esta era moito máis branda e cálida do que imaxinara. Nin sequera había rochas ou durezas no chan.

—Sempre dormes ao raso, Tain? –preguntou Diana, en voz baixiña para non espertar os dragóns.

O neno, tendido cara a arriba e contemplando as estrelas, respondeu:

Page 74: Diana, a nena que sabía voar

74

—Dende logo! Pero só a carón das árbores sagradas. O chan ao seu arredor está feito de terragodón, así que é moi brando e cálido.

—Terragodón?

—Si, é unha mestura entre terra e algodón que creou a Fada Nai para que calquera neno puidera durmir ao aire libre. Colocouna hai moitos anos arredor de cada árbore sagrada.

—Xa dicía eu que estaba moi cómoda aquí. Por certo Tain, que imos facer mañá?

—Mañá pola mañá bañarémonos na lagoa que nunca molla, e logo presentareite á Fada Nai. Ela ensinarache a voar.

A Diana iluminóuselle o seu tenro rostro, proxectando a través dos seus ollos un feixe de fulgurante ledicia que rubía ata as estrelas.

—A voar! Iso é incrible! –exclamou, alzando un pouco a voz. Pero Tain non engadiu máis. En poucos segundos quedara profundamente durmido.

Page 75: Diana, a nena que sabía voar

75

Á mañá seguinte, cando Diana abriu os ollos, nin os dragóns nin Tain se atopaban alí. A nena ergueuse deseguida, cegada pola penetrante luz do nacente sol. Ao seu arredor tan só se escoitaban os melodiosos cantos dos paxaros de cores que poboaban as árbores da illa de Merz.

—Que raro! –pensou. Despois de estarricarse, erguerse e sacudir a terra dos pantalóns, comezou a internarse na fraga. Andou un bo anaco na procura dos seus amigos, ata que escoitou unha música peculiar. A súa melodía mesturábase elegantemente cos cantos dos paxaros, e a Diana comezou a soarlle familiar. Mirou cara ao alto, cara ás pólas das árbores, e viu a Tain tocando a súa harmónica.

—Bos días, durmiñona! –saudouna este con alegría, observándoa—. Pensei que non te ías erguer nunca.

Antes de contestarlle, ela fregou a cara coas mans, para despexarse e poder velo mellor.

—É que eu tardei bastante en durmir. Ti xa caíches mentres estabamos a falar.

Page 76: Diana, a nena que sabía voar

76

—En serio? Vaia, perdoa –desculpouse Tain—. Eu son capaz de durmir ata montado nun Tiranosauro!

Ambos os dous deixaron saír unha sonora gargallada. Logo, Tain decidiu chimparse da póla abaixo. Entón comezaron a camiñar baixo o frondoso arboredo, que construía enriba das súas cabezas un tellado de follas verdes salpicado de ocos polos que entraban cálidos raios de sol.

—Onde están os dragóns? –quixo saber Diana.

—Marcharon a primeira hora da mañá. Ían buscar unha praia para facer un concurso de labaradas. Estaban moi ilusionados, e dixéronme que foramos indo nós primeiro á lagoa que nunca molla. Aínda que van estar tan entretidos que non creo que veñan.

—Que é iso do concurso de labaradas?

—É unha competición na que tres dragóns alzan as súas fauces ao ceo, e, ao dar o sinal, lanzan cada un a labarada de lume máis potente que poidan. Gaña o que consiga lanzar a labarada máis

Page 77: Diana, a nena que sabía voar

77

alta. Pero iso, claro está, non o poden facer na fraga, porque poderían plantarlle lume. Así que buscan unha praia.

—Caramba! Ten que ser espectacular!

Tain asentiu.

A fraga discorría ante os seus ollos segundo paseaban coma se fora unha cidade de animais, chea de vida. Os esquíos rubían e baixaban das árbores levando as súas abelás, e de cando en vez asomaba algún xabaríl ou raposo de entre as matogueiras. Estes quedaban ollando os nenos durante un anaco, con curiosidade, e logo volvían meterse dentro da vexetación.

Despois de camiñar durante un bo intre, as árbores comezaron a escasear. Chegou un punto no que as matogueiras as substituíron case por completo, e os nenos só podían avanzar apartando a maleza.

Mais non pasou moito tempo ata que as matogueiras tamén comezaron a desaparecer, e un gran val cuberto de herba

Page 78: Diana, a nena que sabía voar

78

debuxouse diante dos seus ollos. No centro dese enorme herbal estendíase unha xigantesca lagoa en calma.

—Señora Diana, aquí a ten. A lagoa que nunca molla –anunciou solemne Tain, mentres trataba de abranguer o val coa mirada.

—É enorme – observou a nena—. Semella un grande espello, todo o ceo se reflicte na súa superficie.

—Si, é o espello das nubes. Pero o máis divertido é bañarse nela. Imos, Diana!

Case sen deixarlle tempo para reaccionar, Tain descendeu correndo pola herba ata chegar á beira da lagoa. A continuación, sen quitar a roupa, introduciuse na auga dun salto, chimpando mil e unha pingas cara o ceo.

—Que fas, tolo? Agarda por min! –berrou Diana, mentres corría ela tamén.

Unha vez na beira da lagoa, a nena detívose uns intres a contemplar como o neno lendario brincaba e chapuzaba con

Page 79: Diana, a nena que sabía voar

79

ledicia. El decatouse de que o estaba a mirar e voltou á beira despaciño, emerxendo pouco a pouco das augas.

—Non te atreves a meterte? Es unha aburrida!

E deseguido deu unha enorme patada na auga que fixo chover unha morea de pingas enriba da nena.

—Pero, que fas? Vasme empapar! –exclamou ela, protexendo a testa cos brazos.

—Estou a demostrarche o insólita que é a lagoa que nunca molla.

Ao principio Diana non o entendeu, pero logo pasou as mans polo pelo e polos brazos, sentindo a súa propia pel tan seca coma antes. Pero se Tain lle lanzara media lagoa enriba!

—É certo! A auga desta lagoa non molla nada! –berrou, chea de asombro.

—Claro, é a lagoa que nunca molla! –exclamou Tain, rindo—. Mira, mira.

Page 80: Diana, a nena que sabía voar

80

O neno lendario somerxeuse de pronto na auga, volvendo emerxer nun segundo.

—Ves? Estou completamente seco.

—É xenial! –dixo Diana, mentres se ía metendo na auga. Notaba a temperatura fría desta mordéndolle a pel e penetrando a través da súa roupa, como se en realidade se estivera a mollar. Pero, cando levantaba os brazos, estes non saían húmidos.

—Podes mergullarte cos ollos abertos. Como a auga non os molla, non se van irritar –explicou o neno lendario, antes de mergullarse por completo dentro da lagoa.

—Vale! –A nena imitouno ao momento. Afundiu a súa pequena cabeza naquel universo acuático, e comprobou que alí había aínda máis vida que na fraga.

Page 81: Diana, a nena que sabía voar

81

Page 82: Diana, a nena que sabía voar

82

10. O pazo das torres afiadas

Decenas de bancos de peixes de cores cruzaban a lagoa en todas direccións, axitando as algas que serpeaban na area do fondo. Parecían un arco da vella de criaturas viventes que se desfacía e se volvía formar a cada segundo. Entre todos eles destacaba a silueta de Tain nadando cunha elegancia exquisita, coma se en vez de nadar estivese a voar.

Parecía o ser máis grande que poboaba naqueles momentos a lagoa, pero, fixándose un pouco máis, Diana descubriu dúas siluetas do seu mesmo tamaño.

Page 83: Diana, a nena que sabía voar

83

Naquel momento asustouse moito.

Estas nadaban a toda velocidade cara a ela. Ao principio só eran dúas grandes sombras, pero, segundo se foron achegando, Diana puido comprobar que se trataba dunha araña e dun ser cunha cara moi rara, como dividida en mil anacos. Cando chegaron ao seu lado, a araña levantou a pata, saudándoa. A nena, inqueda, saíu á superficie.

Os dous personaxes imitárona.

E, alí, por fin, decatouse de quen eran.

—Riselochi! Momosoda! Como chegastes vós ata aquí?

Page 84: Diana, a nena que sabía voar

84

Momosoda fixo un xesto de ofensa con dúas das súas patiñas dianteiras, sinalándose a si mesma.

—Por favor, Diana, oféndesme. Esquecérasnos xa?

—Nós tamén somos personaxes de soños teus —proseguiu Riselochi—. Ti debuxáchesnos, igual que a Repuceto, así que chegamos a este mundo con el. O que pasa é que nós non estabamos feridos, así que saímos a dar unha volta turística pola illa, mentres Repu e os dous dragóns dos teus petos eran sandados por Tain.

—Quen está a falar de min por aí? —interrompeu o neno lendario, emerxendo de entre as augas da lagoa. Deseguida recoñeceu os personaxes de soños de Diana, e lanzouse a darlles unha efusiva aperta—. Riselochi, alieníxena traidor! Momosoda, araña de mil patas! Por onde andabades?

—Ti fuches o que nos botou por aí, á aventura! — exclamou a araña Momosoda, mentres estreitaba a Tain entre as súas oito patas.

Page 85: Diana, a nena que sabía voar

85

—Non vos botei, díxenvos que fosedes dar unha volta mentres sandaba aos dragóns. Pero logo xa non volvestes máis. Esquecéstesme. —O neno lendario cruzou os brazos, simulando estar enfadado.

—É que nos atopamos coa Fada Nai, e deixounos colorear nubes —alegou a araña, entusiasmada—. Vistes ultimamente unha de cor laranxa con puntos negros?

Diana negou coa cabeza.

—Pois que pena —queixouse Momosoda—. A esa elixinlle eu a cor, igualiño ao da miña pel! Riselochi en troques díxolle á Fada Nai que quería pintar a súa de morado, pero eu creo que así non é tan bonita. A vós que cor vos gusta máis: o laranxa con puntos negros ou o morado?

—Hmmm... Hai que ter en conta que é para unha nube... —Tain vacilou, rañando a cabeza—. Eu quizais elixiría a cor verde.

—Verde? —asombrouse Momosoda.

Page 86: Diana, a nena que sabía voar

86

—A min gústame de cor morada, como a de Riselochi —engadiu Diana docemente.

—Está visto que para gustos, as cores; e para cores, as nubes... —riu o alieníxena.

—Iso é verdade —afirmou a araña—. Por certo, temos noticias para vós da Fada Nai: mandounos esta mañá a buscarvos. Quere ensinar a voar a Diana canto antes e cre que Tain a está a entreter demasiado.

—Que eu a entreteño demasiado? —O neno lendario engurrou a cara, molesto—. Hai que ver que impaciente é esa muller, sempre metendo présa... Non pode un nin se dar un baño na lagoa que nunca molla.

—Son ordes do alto, Tain, así que deixa de protestar —alegou Riselochi—. Ben, imos ou que?

—Está ben, está ben... Diana, sobe ás miñas costas!

A nena obedeceu, e pronto se atoparon voando sobre o ceo da illa de Merz. A lagoa volveuse pequeniña deseguida, para ir logo

Page 87: Diana, a nena que sabía voar

87

desaparecendo oculta entre unha morea de altas montañas e mestas fragas. Momosoda voaba ao seu lado, con Riselochi viaxando enriba das súas costas.

—Ti tamén sabes voar? —preguntou asombrada Diana.

—Pois claro! E tamén Riselochi. Iso foi o que nos estivo a ensinar a Fada Nai onte pola tarde.

A nena ilusionouse deseguida. Se os seus personaxes de soños deprenderan nunha soa tarde, non debía de ser tan difícil deprender a voar.

Continuaron viaxando en silencio polos ceos da illa de Merz, ata que chegaron a un gran pazo que se erixía no cume dunha montaña. Estaba tan alto que mesmo se viron obrigados a remontar un pouco o voo, para poder aterrar á súa altura. As súas numerosas torres afiadas parecían picar ás coloridas nubes que o sobrevoaban.

Tain e Momosoda pousáronse enriba do gran patio central, situado xusto en metade da fortificación e atrapado entre as

Page 88: Diana, a nena que sabía voar

88

afiadas torres do pazo. Non tiveron que agardar moito tempo ata que unha fermosa muller se presentou ante eles, rodeada de decenas de pequenas flores brancas que levitaban ao seu arredor.

Na súa man dereita portaba unha vara máxica, e Diana deduciu, polo seu porte e a súa elegancia, que debía tratarse da

Page 89: Diana, a nena que sabía voar

89

famosa dona e fundadora da illa de Merz. Nada máis e nada menos que...

A Fada Nai.

Page 90: Diana, a nena que sabía voar

90

11. Sen ás, Diana deprende a voar

—Diana! Por fin nos vemos as caras! —A Fada Nai sorriu nun xesto acolledor, abrazándoa con dozura—. Encantada de te coñecer, miña filla.

—Igualmente, señora —contestou Diana—. É unha honra para min.

Mentres lle daba un bico na meixela, as flores que a rodeaban apartáronse cara a atrás, para non a molestar. Logo, a muller dirixiuse cara a Tain, ofrecéndolle unha cara máis seria:

—Tardaches en traerma, pequeno tunante. Díxenche que a quería no pazo en canto despuntase a alborada.

Page 91: Diana, a nena que sabía voar

91

—Síntoo, Fada Nai —desculpouse o neno lendario—. É que Diana estaba cansa e tardou en espertar, e logo quixen ensinarlle a lagoa que nunca molla.

A Fada Nai exhalou un suspiro. Non parecía estar moi enfadada, senón máis ben impaciente.

—Paréceme moi ben que lle ensines as marabillas da illa de Merz. Pero entende que me fixeches agardar demasiado, e xa comezaba a estar intranquila.

—Seino, síntoo. Non volverá ocorrer —dixo Tain, agachando a cabeza.

—Está ben, acepto as túas desculpas. Agora non perdamos máis tempo, e subamos ao Balcón das Aguias. Teño que ensinarlle a Diana a voar.

A Fada Nai, rodeada das súas pequenas flores brancas, introduciuse por un dos grandes portóns que comunicaban o patio central coas torres afiadas. Os nenos, Momosoda e Riselochi, seguírona inmediatamente.

Page 92: Diana, a nena que sabía voar

92

Percorreron asombrados os luxosos corredores, cheos de grandes espellos, xigantescas lámpadas de cristal e mesas e cadeiras talladas en ouro. Avanzaron por unha alfombra vermella que atravesaba os pulcros corredores, e que logo ascendía por unha interminable escaleira de caracol. Tardaron un bo anaco en rematar de subila, e cando o fixeron, estaban exhaustos.

A Fada Nai abriu a gran porta de madeira que se alzaba ao final da escaleira, e cun amable sorriso, invitounos a cruzala.

—Pasade, pasade por aquí, por favor. Benvidos ao meu balcón favorito de todo o pazo: o Balcón das Aguias.

Cando Diana se asomou, puido comprobar o motivo polo que aquel balcón era o favorito da Fada Nai, e polo cal lle puxeran ese nome.

Dende alí podíase contemplar toda a illa de Merz a vista de aguia. Era o balcón máis alto da torre máis alta daquel pazo, que á súa vez estaba situado no cume da montaña máis alta da illa. Diana supuxo que a Fada Nai debía de telo construído así para poder vixiar toda a súa illa dende a súa propia casa.

Page 93: Diana, a nena que sabía voar

93

As lagoas, os vales, as fragas e as montañas de Merz parecían formar parte dunha maqueta, coma se a illa fora construída no tamaño dun belén de Nadal.

Page 94: Diana, a nena que sabía voar

94

—Agora tes que tirarte dende aquí para aprender a voar, Diana —anunciou o neno lendario.

—Pero, que dis? —protestou a nena—. Ti ves o alto que está isto? Voume matar, Tain!

A Fada Nai riu, divertida. Logo, acariciando a meixela de Diana, tranquilizouna:

—Non te vas lanzar ata que non ensaiemos un pouco. E para iso, antes hei de ensinarche a técnica do voo. Momosoda, Riselochi, Tain... deixádenos soas, por favor. Agora precisamos moita tranquilidade e concentración.

—Está ben... —resignouse a araña—. E eu que quería ver os seus primeiros voos...

—Se non pode ser, non pode ser, Momosoda —comentou Tain.

—Estaremos a xogar no patio. Avísenos se nos necesita, Fada Nai —engadiu o alieníxena.

Page 95: Diana, a nena que sabía voar

95

—De acordo, moitas grazas Riselochi —interveu a Fada Nai—. Agora, Diana, senta no chan coas pernas cruzadas —continuou, mentres os demais desaparecían pola porta.

Diana sentouse e pechou os ollos. Sentiu como a brisa mexía suavemente os seus cabelos, erguéndoos un pouquiño, e empezou a notar un agradable frescor que lle invadía a caluga.

—Sente ao vento envolver o teu corpo, e desprega os teus brazos coma se fosen ás —a nena seguiu os seus consellos, sen abrir os ollos—. Concéntrate neles. En realidade, eles serán as túas ás. Os teus brazos elevarante ao ceo se os axitas suavemente. Móveos agora con coidado, notando como o vento se vai desprazando debaixo deles.

Diana obedeceu, movendo os seus brazos arriba e abaixo, empurrando ao vento debaixo do seu corpo.

—Non pares, continúa sen parar —animouna a Fada Nai.

A nena seguiu axitándoos constantemente, notando cada vez máis que o vento que a rodeaba se convertía nunha masa de

Page 96: Diana, a nena que sabía voar

96

aire que ela podía desprazar cos seus brazos, coma se fose auga. Comezou a sentirse lixeira, moi lixeira, como unha pluma empurrada cara a arriba polo vento.

—Agora abre os ollos —dixo a súa mestra, cunha voz que a Diana lle soou afastada—. Pero non te asustes.

Ao despegar as súas pálpebras, a nena non viu ningún balcón. Só ceo.

Atopábase flotando polo medio das nubes.

Page 97: Diana, a nena que sabía voar

97

12. Alguén está en perigo

—Non pares de axitar os brazos! —aconselloulle a Fada Nai, dende o balcón—. Se queres baixar tes que ir deixando de movelos moi pouquiño a pouco, para non caer de súpeto.

Diana obedeceu, e foi descendendo con suavidade ata o lugar onde estivera sentada.

—É xenial! —exclamou en canto se pousou no chan—. É coma se fose un paxaro! Estaba completamente soa no medio do ceo, sen nada nin ninguén debaixo de min!

—Alégrome moito de que che gustase —respondeu a Fada

Page 98: Diana, a nena que sabía voar

98

Nai mentres lle daba un abrazo—. Agora, se queres desprazarte, só debes ir apartando o aire cos brazos na dirección á que desexes ir.

—E podo atravesar a illa de Merz voando? —cuestionou Diana, cos ollos brillantes.

—Claro que si! Se queres podes mesmo voar ata o continente, que non está demasiado lonxe de aquí. Pero antes tes que chamar a Tain para que te acompañe, e logo hei de regarvos os dous con pos da invisibilidade. Ningún humano pode vervos voando; lembra que só os que entren na illa de Merz poden presenciar a existencia da maxia.

—De acordo! Iso sería xenial, así podería mesmo ver a miña cidade dende o ceo —sorriu a nena. A continuación asomouse ao balcón polo lado que daba ao patio central, e divisou o neno lendario. Este estaba a correr atropeladamente detrás de Momosoda, que escapaba del movendo a toda velocidade as súas oito patas. Riselochi mantíñase afastado nunha esquina, como agardando que non o vise. O neno debía de estar a xogar co alieníxena e coa araña ao pilla-pilla.

Page 99: Diana, a nena que sabía voar

99

—Tain! —berrou Diana— Sobes a acompañarme? Vou voar ata o continente!

Este parou de correr, alzou a cabeza e puxo as mans a xeito de megáfono:

—Que dis? Non te oio ben!

—Que se sobes a acompañarme a voar! —berrou a nena, espremendo ao límite a súa gorxa.

—Ah! —Tain baixou un momento a cabeza, meditando a súa resposta, e logo volveuna alzar—. Está ben! Espérame que subo!

O neno lendario despregou os brazos e elevouse do chan. Voou con elegancia cara ao balcón, e logo pousouse suavemente ao lado de Diana.

—Xa aprendiches a voar? —preguntou. A súa amiga afirmou coa cabeza—. Caramba, que rápida.

—Pois claro! Que pensabas? —respondeu Diana, rindo.

Page 100: Diana, a nena que sabía voar

100

—Nenos! —interrompeu a Fada Nai—. Agora teño que regarvos cos pos da invisibilidade. Poñédevos un a carón do outro, e agarrádevos da man.

Os nenos obedeceron, aliñándose en fronte da Fada Nai. A máxica muller alzou entón a vara que gardaba no peto do seu vestido, e cun movemento circular enriba das súas cabezas, fixo xurdir unha chuvia de po prateado. Os nenos comezaron a desaparecer a medida que os pos brillantes ían entrando en contacto coa súa pel, e nuns segundos, remataron por volverse completamente invisibles.

—Ben, xa podedes soltar as vosas mans. Agora poderedes vervos o un ao outro, pero ninguén máis poderá facelo. Nin sequera eu sei onde estades —explicou a Fada Nai—. Botade a voar, e gozade da experiencia —dixo, mentres daba unha palmada.

—De acordo —respondeu Diana con entusiasmo—. Moitas grazas, Fada Nai! Ata pronto!

—Ata logo! —secundou Tain.

Page 101: Diana, a nena que sabía voar

101

—Coidádevos moito, queridos —finalizou a Fada Nai, saudando ao baleiro coa man.

Page 102: Diana, a nena que sabía voar

102

Diana e o neno lendario subiron á ornamentada varanda. Detivéronse un instante para contemplar sorprendidos a grandeza dos vales e as montañas que se abrían ante eles. Sentíronse moi pequenos, apenas unha parte máis daquel vasto todo, salpicada por tons azulados entre os que reinaba a cor verde da inmensidade.

A súa vista era de aguia. Sentíanse lixeiras aves, e como tales, choutaron sen medo ao baleiro. Planearon primeiro sobre o vento, despregando logo os brazos para empezar a axitalos cun movemento rítmico. Xuntos atravesaron a illa de Merz polos aires, somerxidos entre nubes de cores. De cando en vez entrábanlles ganas de cambiar de perspectiva, e entón descendían para voar a rentes de chan, sobre a herba fresca.

Diana sorría, confortada por todo aquel universo de árbores e cores que a facía sentir tan especial.

Unha vez sobrevoaron toda a illa, dirixíronse cara ao continente. Non estaban cansos en absoluto. Só tiñan que sentir ao vento na pel e deixarse levar.

Page 103: Diana, a nena que sabía voar

103

Nun abrir e pechar de ollos, atravesaron o océano e franquearon as beiras do outro lado do mar. A nena puido percibir deseguida a evidente diferenza con respecto á illa de Merz. Era un universo menos colorido, pero tamén máis grandioso e inmenso. O verde dominábao todo sen excepción; un verde tan intenso e puro que cortaba a respiración. Aquela alfombra de árbores que se estendía maxestosamente ante os seus ollos lembráballe profundamente á inmensidade do océano.

De pronto, mentres Diana sobrevoaba pracidamente aquela paisaxe que lle subxugaba a alma, o anaco de anel que lle regalara Mara saíu voando do seu peto. Aquel enorme rubí alzouse no aire ante os atónitos ollos dela e do seu amigo, emitindo unha intensa luz de cor branca. Entón, despregándose coma un abano, proxectou ante eles unha especie de holograma que lles mostrou unha imaxe aterradora:

Mara berraba entre labaradas de lume. Parecía quedar atrapada nun incendio, e co corpo cuberto de cinzas e tusindo convulsivamente, intentaba sen éxito saír de alí. A súa cara deformábase e contraía en acenos de desespero, e parecía quedarlle

Page 104: Diana, a nena que sabía voar

104

cada vez menos aire nos pulmóns. As chamas tragaban vorazmente ás árbores e cortábanlle o paso, rodeándoa por todas as partes.

Pedía auxilio a berros, pero ninguén parecía oíla.

Page 105: Diana, a nena que sabía voar

105

13. Incendio

—Temos que ir rescatar a Mara rápido! O lume vaina devorar! —berrou Diana horrorizada.

—Pero, e como a imos atopar? —cuestionou Tain.

—A fraga onde está Mara probablemente se atopa nos arredores da súa aldea, que é onde vai ela todos os fins de semana. Eu voarei cara a alí, ti sígueme —resolveu a nena.

—Está ben, imos!

Os nenos voaron o máis rápido que lles permitiron os seus

Page 106: Diana, a nena que sabía voar

106

nerviosos brazos, e non tardaron en divisar ao lonxe unha gran fumareda que tinguía o ceo de gris, tapando con po e escuras cinzas a luz do mesmo sol.

—Que horror! Ese incendio debe de ser enorme —comentou apesarado Tain.

Ao ir aproximándose ao lugar, o aire que os rodeaba comezou a quentarse dun xeito alarmante, ata case arder. Cando chegaron ao incendio, tiñan tanta calor que a roupa se lles pegaba ao corpo, e a suor esvaráballes a chorros pola pel. Ademais, o fume negro era tan denso que se lles metía nos ollos, proéndolles e obstruíndolles a visión.

—Isto é imposible! —exclamou o neno lendario, desesperado—. Non podemos saber onde está! O incendio é enorme e estao a queimar todo!

—Pero temos que atopala! Non a podo deixar soa! —suplicou Diana, deixando escapar amargas bágoas. Logo engadiu, con voz tremente:

Page 107: Diana, a nena que sabía voar

107

—Non podo deixala morrer así.

Nese momento, unha luz branca extraordinariamente fulgurante xurdiu dun punto da fraga, non moi afastado deles. A nena, sorprendida, comprobou como esa luz se dirixía directamente cara ao anaco de anel que volvera gardar no peto.

—Esa luz ten que proceder da parte do anel que ten Mara! Estanos a dicir onde está! —berrou esperanzada.

Seguindo o rastro da cegadora luz branca puideron atravesar todo o fume que os envolvía e que case non os deixaba respirar. Diana descendeu valentemente entre as perigosas labaradas de lume ata o claro da fraga do cal proviña a luz. Salvar a súa amiga era o único que lle importaba neses momentos, e nin a calor abrasadora do lume, nin a asfixia que lle estaba a provocar o fume negro, lograron disuadila do seu propósito.

Cando pousou no chan, advertiu que Mara tiña os ollos pechados.

Page 108: Diana, a nena que sabía voar

108

—Está inconsciente! —exclamou Diana—. Tain, axúdame a cargala, por favor!

O neno lendario colocou rapidamente a Mara sobre as costas de Diana, e de inmediato, para non se seguir expoñendo ao perigo, alzaron o voo de novo.

—Temos que levala á illa de Merz —suxeriu Tain—. Alí poderá sandar coas follas da Árbore da Saúde, ou coa maxia da Fada Nai.

—De acordo —respondeu Diana.

Os dous nenos volveron cruzar o océano, cara á illa da fantasía, coa amiga de Diana cargada sobre as costas dela. Ao ser invisibles, parecía coma se a silueta inconsciente de Mara flotase soa a través do ceo.

—Fada Nai, temos unha urxencia! —berrou Tain, en canto comezaron a descender no patio central do pazo.

A Fada Nai achábase alí abaixo, tombada enriba dunha toalla, gozando dos cálidos raios de sol que bañaban a súa maxestosa

Page 109: Diana, a nena que sabía voar

109

vivenda. En canto escoitou o berro urxente do neno lendario, ergueuse a toda velocidade e saíu correndo a recibilos no medio do patio, palpando o aire ás cegas pola zona na que recostaran a Mara.

—Que pasou, meus fillos?

—A miña amiga está inconsciente! Atopámola atrapada nun incendio forestal! —anunciou Diana con nerviosismo—. Hai que reanimala rápido!

A Fada Nai axitou a vara máxica ao seu arredor e deseguida cubriu o patio dun fermoso e cegador po prateado que volveu visibles os nenos. Cando a muller máxica viu de novo a Diana, abrazouna e borboriñou no seu oído:

—Tranquila, querida, eu curareina. Podes estar segura.

A pequena non puido evitar que chovese nos seus ollos.

A Fada Nai palmeoulle cariñosamente as costas, e logo comezou a pronunciar un feitizo no idioma máxico de Merz:

Page 110: Diana, a nena que sabía voar

110

—¡Sanem salute niáliba! ¡Ercuum laniro térribo! ¡Laque, laque eneáfito!

Mara continuaba inconsciente, sen dar sinal ningún de vida. Diana comezou a impacientarse, e xa estaba a punto de intervir, cando as pálpebras da súa amiga subiron como dúas pequenas persianas.

—Onde estou? —preguntou a nena, incorporándose. Desconcertada, levou a man á fronte, e ao retirala comprobou que estaba manchada de cinza.

—A miña árbore! —berrou de pronto—. Onde está a miña árbore? Que pasou co incendio?

Page 111: Diana, a nena que sabía voar

111

—Acabámoste de salvar das chamas —aclarou a súa amiga—. Estabas atrapada en metade da fraga. Por certo, que facías alí?

—Oh, Diana! Salváchesme de verdade? Moitas grazas! —exclamou Mara, abrazándoa.

—Non fun eu soa quen o fixo. Tain axudoume.

O neno lendario, que ata ese momento se limitara a mirar a escena como un mero espectador, deu un paso adiante e ofreceulle a man a Mara, quen lla estreitou desconcertada.

—Encantado de coñecerte, amiga de Diana. Son Tain, un dos tres nenos lendarios da illa de Merz, tamén coñecida como illa máxica ou da fantasía. Poderías explicarnos que é o que che levou a rematar acurralada polo lume?

Mara permaneceu uns intres en silencio, tratando de dixerir a nova información, antes de contestar:

—Eu estaba a regar a miña árbore na fraga —comezou a narrar, con voz trémula—. Cando vou á miña aldea cos meus pais encántame pasear por alí, e adoito camiñar entre as árbores. Como

Page 112: Diana, a nena que sabía voar

112

xa as coñezo de memoria téñolles moito cariño, e un día ocorréuseme a idea de plantar unha. Así que, sempre que volvía á aldea, o primeiro que facía era regar a miña árbore e vixiar as demais para comprobar que estaban ben. Pero hoxe eu non era a única que visitaba a fraga. Había unha familia preparando unha barbacoa, e empeceime a preocupar cando escoitei o ruído do coche afastándose e vin que a cacharela seguía ardendo. Entón dirixinme cara a alí, para intentar apagala. Pero foi inútil. O lume xa se propagara ás árbores. Todo comezou a queimarse de súpeto, as chamas avanzaban a unha velocidade vertixinosa, e en poucos segundos quedei rodeada polo lume. Intentei buscar unha saída, pero todo estaba a arder. Foi horrible. Empecei a tusir, o fume non me deixaba respirar... e xa non me lembro de nada máis. Supoño que me desmaiei —Mara tragou cuspe con xesto grave, e despois engadiu:

—Tiven moita sorte de que me atopasedes.

Diana, Tain e a Fada Nai escoitaban atentamente a historia, con cara compunxida. Ao neno lendario entristecérao moito, porque el tamén adoitaba pasear pola fraga e perderse entre as

Page 113: Diana, a nena que sabía voar

113

árbores. Doíalle moito que se queimaran. Sen decatarse, abrazárase ao brazo esquerdo da Fada Nai, buscando a súa protección.

Diana, pola súa banda, recordaba o extenso que fora o incendio. Media fraga debía de terse queimado. A árbore de Mara debía de ser un dos moitos esqueletos negros arrasados polo lume que agora se quedarían abandonados en metade dun deserto negro, acompañados tan só por cinzas. E, en canto aos animais...

Algúns terían podido fuxir. Os demais terían unha morte horrible.

Mara debía de estar a pensar no mesmo que a súa amiga, pois botou a chorar desconsolada.

—Querida —murmurou A Fada Nai—, non te apesares. Sei que é moi triste... pero eu son unha fada. E se por algo nos caracterizamos as fadas, é porque podemos solucionar toda clase de problemas coa nosa maxia.

—De verdade? —preguntou a nena, enxugando as bágoas coa man.

Page 114: Diana, a nena que sabía voar

114

—De verdade. Diana debe regresar ao mundo humano, e, como os demais nenos que entraron na illa de Merz, farao no momento e lugar xustos nos que desexou introducirse no libro. Pois ben, farei que regreses con ela. Chegaredes ao seu cuarto e será o día de onte pola mañá. Nese momento, o incendio aínda non tivo lugar, así que, ao día seguinte, volverás á túa aldea con Diana. E o primeiro que faredes será dicirlle a esa familia que non se poden acender cacharelas na fraga.

As bágoas de Mara desfixéronse ao instante, evaporadas pola calor do seu sorriso.

Page 115: Diana, a nena que sabía voar

115

14. As gardiás das fragas

—Esta fraga é preciosa —admirouse Diana, mentres levaba ao nariz unha margarida que collera segundos atrás.

—Si, dende logo. A miña árbore é a raíña absoluta de todas as árbores, e está na fraga máis preciosa de todas as fragas —asegurou Mara con convicción, para deixar escapar logo unha sincera gargallada—. Ben, creo que igual estou a esaxerar un pouco.

A súa amiga sorriu.

—Por certo, cal é a túa árbore? Esta de aquí? —dixo Diana,

Page 116: Diana, a nena que sabía voar

116

sinalando un estreito toro que medraba nun pequeno claro da fraga, rodeado por algunhas matogueiras baixas.

—Si, esa. Aínda é moi pequena porque só hai dous meses que a plantamos o meu pai e mais eu. De todas as maneiras, agora xa creceu un pouquiño. É coma se fose a miña filla. Eu encárgome de regala e de vixiar que creza sa.

—Iso é xenial, a min tamén me encantaría ter unha árbore—respondeu Diana—. Creo que vou plantar unha, e poreille de nome "Merz", en honor á illa.

Mara, quen albergaba no máis fondo da súa alma a esperanza de poder coñecer a illa tanto como o fixera a súa amiga, debuxou un sorriso na súa cara e afirmou con franqueza:

—Ese sería un bo nome, dende logo.

Diana observouna cuns ollos que lían almas, e asegurou cunha voz doce:

—Volverei a Merz, Mara. E fareino contigo.

Page 117: Diana, a nena que sabía voar

117

Nese xusto momento, algo brillou nos petos das dúas amigas. Respiraron profundamente, e cada unha agarrou con forza a súa metade do anel. Era coma se as dúas aprisionasen entre os dedos a súa amizade.

Transcorreron uns instantes sagrados mentres gozaban daquela sensación, ata que o ruxido dun motor as interrompeu.

—Óese un coche por aí! Veñen os da barbacoa! —sobresaltouse Diana.

—Imos!

As dúas nenas achegáronse correndo cara ao lugar de onde proviña o son. Agardaron sixilosas ata que o motor do coche deixou de soar, momento no que deduciron que xa debían de ter aparcado. Entón saíron de detrás dos arbustos, e encontráronse cunha pequena familia que se dispoñía a comer na fraga. O pai levaba na man un paquete de carbón, e parecía querer acender unha cacharela enriba dunhas cantas pedras que colocara no chan.

Page 118: Diana, a nena que sabía voar

118

—Desculpe, señor —falou Diana—. Ese carbón é para acender lume?

—Ola nena! —saudouna o home alegremente—. Pois si, iamos preparar unha barbacoa, por que?

—Deberían saber que na fraga non se pode acender lume, podería descontrolarse e plantar un incendio —continuou Mara—. Pero preto de aquí hai un merendeiro no que se poden facer barbacoas. Iso si, controlando o lume en todo momento e apagándoo cando vaian marchar.

A cara do home agravouse. Semellaba incomodado.

—Grazas polo consello, pero son unha persoa maior e sei o que fago —contestou con sequidade. Dito isto, continuou sacando carbón do paquete e colocándoo no medio do círculo de pedras.

—Pero señor... —insistiu Diana.

—Xa vos oín, grazas. Ata logo nenas.

Page 119: Diana, a nena que sabía voar

119

As dúas amigas miráronse, doídas e impotentes, e retiráronse entre os arbustos.

—E agora que podemos facer? Se deixa a cacharela acendida, acabará estendéndose e queimando toda a fraga! —exclamou Diana con impaciencia.

Mara rañaba a queixada, pensativa. As risas dos fillos daquel home resoaban ocas ás súas costas, ata que unha suba de cellas da nena indicou que dera coa solución.

—Xa sei! Preto de aquí está a caseta das ferramentas do señor Tomás, que case sempre adoita deixar aberta. Podemos coller emprestado un sacho, e cando a familia se vaia, botar terra sobre a cacharela para apagala.

—Paréceme perfecto! —contestou Diana con emoción—. Imos, non perdamos tempo!

Correron ata a caseta impulsadas polas ás da esperanza, e non lles custou demasiado coar un dos seus pequenos brazos pola fenda da porta entreaberta, para coller os dous sachos que

Page 120: Diana, a nena que sabía voar

120

estaban máis a man.

Volveron tamén con présa ao lugar onde aquela familia comía despreocupadamente, agochándose tras as matogueiras e agardando o momento oportuno para saír.

Transcorreu algo máis dunha hora de monotonía, con nenos xogando e pais falando entre eles, mentres unha cacharela ardía inesgotable. As pernas empezaban a durmírselles de estar tanto tempo sentadas na mesma posición, e o aburrimento causaba efecto no seu ánimo. Non obstante, aquel sacrificio esqueceulles ao instante cando oíron o motor do coche arrincando e afastándose na distancia.

—Veña, Mara!

Levadas por unha emoción que só pode dar o amor a unha fraga, arrincáronlle terróns de terra ao chan cunha rapidez abraiante. Ao ir caendo estes enriba das chamas, a cacharela foi morrendo en silencio, sen protestar.

—Vitoria! —berrou Mara, deixando caer o sacho no chan—.

Page 121: Diana, a nena que sabía voar

121

Evitamos o incendio!

—Agora somos unhas auténticas "gardiás das fragas" —contestou Diana.

As nenas sorriron. O alcume de "gardiás das fragas" soaba moi ben. Nese mesmo momento, decidiron que fundarían unha asociación de protección das fragas, e ese sería o seu nome oficial.

Page 122: Diana, a nena que sabía voar

122

Epílogo

A fin de semana pasou, e chegou o luns. Con el, volveron á súa vida de sempre. Regresaron ao colexio, ao tobogán do parque, ás libretas cheas de deberes e ás series de debuxos. Pero a illa de Merz nunca se foi dos seus corazóns. Ían volver antes ou despois, diso estaban seguras: tan só terían que ler xuntas o libro e desexalo con moita forza.

Diana podería axudar a Mara a voar, bañaríase con ela na lagoa que nunca molla e presentaríalle os seus dragóns, a Riselochi e a Momosoda. Escoitarían a música da harmónica de Tain, verían bailar os paxaros e presenciarían na praia un concurso de

Page 123: Diana, a nena que sabía voar

123

labaradas. Comería con ela as follas da Árbore do Alimento e, quen sabe? ao mellor tocáballes unha con sabor a chocolate.

Case todas as tardes falaban dos seus plans máxicos á saída do colexio, mentres comían o bocadillo da merenda. A miúdo adoitaban cruzarse con nenos doutros colexios que tamén voltaban á súa casa, ou que ían xogar un chisco ao parque. Á maioría non os coñecían.

Pero, un día, houbo un que si recoñeceron.

Camiñaba en compañía doutros dous nenos, e parecía que estaba a pasalo ben. Levaba unha mochila chea de libros ás costas, e unha carpeta de Spiderman nos brazos.

Diana tivo que pestanexar dúas veces antes de asimilar quen era. A continuación, botou a correr cara a el.

—Tain! —berrou como unha histérica—. Decidiches voltar ao mundo humano!

O neno lendario oíu a súa chamada e volveu a cabeza cara a ela.

Page 124: Diana, a nena que sabía voar

124

Os ollos abríronselle de par en par, perplexos, e a carpeta de Spiderman resoou cun golpe seco ao caer enriba da beirarrúa. Logo, os seus beizos curváronse nun enorme sorriso...

... e agora, querido lector, tócache a ti seguir a historia.

Page 125: Diana, a nena que sabía voar

125

Índice

Prólogo. Voando cara aos soños (por José Antonio Santos).........................7

1 Unha escola e tres dragóns ……………………………...……………......... 10

2 O tesouro de Mara ……….....…………….......……..…………….…....…... 17

3 Amigos cortados con tesoiras ...……………..………………………...……. 25

4 Viaxe á illa de Merz ……...………………………………………….....…… 33

5 Voando entre nubes de algodón ……………………………...…….....…... 41

6 Lume de dragón ……………………………………………………..….....….. 49

7 A fundación da illa de Merz ………………………......………..…............ 56

8 Non é fácil ser un neno lendario ………………………......….............… 64

9 A lagoa que nunca molla ………………………………………......….….... 73

10 O pazo das torres afiadas ……………………………………….......….….82

Page 126: Diana, a nena que sabía voar

126

11 Sen ás, Diana deprende a voar.........…………..…..……..…….….....…....90

12 Alguén está en perigo …......…………………………………….…...….... 97

13 Incendio..……………………………………………………………...…….... 105

14 As gardiás das fragas..……………………………………….......................115

Epílogo............................................................................................................122

Page 127: Diana, a nena que sabía voar

127