Ola a todas e todos: acabo de repasar as historias que
escribiron algúns profes para ver se son capaz de facer algo
parecido. Parécenme todas tan bonitas…
Eu, ós cinco anos, fun vivir con miña avoa e meu tío,(meus
pais foron para
Venezuela), a unha
parroquia que tiña varias
aldeas, que máis ou
menos distaban entre si un
quilómetro e medio.
Na aldea que vivía eu
non había escola. Nunha
das aldeas, á que lle
chamaremos A, había
unha escola mixta con
aproximadamente 60
rapaces/as e noutra aldea
á que chamaremos B, había unha escola de nenas e outra de
nenos.
As nenas e nenos da miña aldea ían á escola de A, e eu
empecei tamén a ir alí, co cal ía encantada porque ó ir todos xuntos,
pasabámolo moi ben. Falabamos en galego, que era a nosa lingua,
agás nas horas de escola. O verán pasado volvín alí e atopei a
dona Celia, a mestra. Estivemos recordando cousas daquela época:
como escribiamos con plumilla e tinteiro ou o queixo da bola e o
leite en polvo que nos daba no recreo. Gardo moi bo recordo dela,
aínda que só estiven dous anos alí,porque a miña familia quería que
eu “estudiara” e alguén pensou que se seguía nesa escola non ía a
saír “fina”, polo que me levaron á escola de nenas de B que era a
“capital”, á que tiña que ir soa (o camiño facíaseme eterno), onde
non coñecía a ninguén e todo mundo falaba o castelán, que me
parece moi ben o que pasa é que se me fixo costa arriba porque eu
non o falaba ben e sentíame desprazada. Alí estiven outros dous
anos.
Fixádevos que non falo de contos, porque nin nunha escola
nin noutra había biblioteca, que digo, non había nin un conto, só o
libro de estudiar, a pizarra (máis tarde viñeron os cadernos) e o
mapa de España.
Logo ós nove anos fun interna para un colexio. Alí vin os
primeiros libros de lectura ,pero nós non podiamos collelos, había
que estudiar. Pero á monxa que nos coidaba, gustáballe a literatura
e despois de cear, sempre nos lía
un pouco dalgún libro de aventuras.
Facíao tan ben que viviamos as
historias. Así empezou a gustarme
a mín.
Ós doce anos por un premio
que recibín, non me acordo de que,
regaláronme o meu primeiro libro.
Era de Enid Blyton e chamábase
Aventura en Torres de Malory.
Chorei de emoción (eu era moi
chorona e aínda o son), de pensar
que era só meu. A partir daquela, empecei a aficionarme á lectura.
E ségueme encantando ler, son os meus deberes antes de durmir.
Boto de menos non ter quen me contara contos de pequena,
non ter sequera unha pequeniña biblioteca na escola. Por iso me
parece que vós sodes moi afortunados tendo a Abadiño e o seu
marabilloso mundo. Non o desaproveitedes.
MOITOS LIBROS PARA TODOS! E… ide á biblioteca. Como
está escrito nunha das súas paredes, *non collades cartos, non hai que pagar*. Espero que non me suspendades.