Boletín do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística CEIP de Randufe Nº 48 maio de 2014
Penélope Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, ¡ Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados como sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
¡ Un paso adiante e outro atrás, Galiza!
BICICLETAS
Hai moitos tipos de bicicletas, algunhas moi clásicas e outras moi modernas. Porén, clásicas ou modernas, todas teñen sela (o asento) e todas teñen guiador para dirixir a dirección da marcha. Moitas delas, especialmente as de andar polo monte, levan amortecedores (coma os autos ou as motos) que serven para reducir a intensidade ou amortecer os golpes polas
irregularidades do terreo por onde circulan. Así o amortecemento dos golpes facilita o circular por terreos esgrevios. Hainas que levan un faro ou lámpada para circular de noite e tamén unha bucina (ou buguina) para facer sinais acústicos de aviso. As rodas están compostas por pneumáticos que van cheos de ar a presión, que se insufla cunha bomba de aire (ou ar), e que van montados sobre un circulo metálico chamado pina, que está armada con numerosos raios. Algunhas bicicletas levan pola parte superior das rodas unha peza chamada gardalamas e que ten por finalidade evitar as salpicaduras. As bicicletas móvense pola forza aplicada nos pedais que a través da
cadea e da catarina transmite o movemento ao piñón. Outros compoñentes son os freos; o prato da roda; o cadro, que é o armazón metálico onde se artellan as distintas pezas; a barra naquelas bicicle-tas que a levan e o calzapé do pedal nalgunhas de competición. A bicicleta, método de transporte non contami-nante, é o único vehículo onde a persoa transporta-da tira da máquina.