Contos das familias
CEIP Emilio González López
Letras galegas 2010
Letras galegas 2010
Páxina 1
LETRAS GALEGAS 2010
Benqueridas familias:
Volve de novo a asomarse aos vosos fogares esta pequena publicación feita
grazas á colaboración e esforzo de todos e todas:
♠ Das familias que ano tras ano, e xa van catro, achegan as súas
historias con xenerosidade.
♠ Dos nenos e das nenas que elaboraron as ilustracións.
♠ Do profesorado, que motivou ao alumnado para a realización das
imaxes que tedes nas vosas mans e asumiu como propias as
propostas do EDNL ao longo do curso.
♠ Do Concello de Cambre e da Dirección Xeral de Política Lingüística
da Consellería de Educación e O.U., que financian esta
publicación.
Chegan tempos de cambio e, nesta ocasión, os cambios veñen da man de
dous rapaces do colexio que van compartir con tod@s nós os seus contos.
Resultaron gañadores, dos seus respectivos niveis, no Certame de Contos e Lendas
sobre Seres Mitolóxicos, convocado polo Equipo de Biblioteca co gallo do Día do
libro. E pareceunos que tamén deberían formar parte desta revista.
Os autores e autoras dos relatos e tamén os ilustradores e as ilustradoras
remataron aquí a súa obra. Correspóndenos agora a tod@s desfrutar en familia cos
relatos .
Confiamos en que sexan do voso agrado.
Un agarimoso saúdo .
Xuño de 2010
O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística
Páxina 2
LETRAS GALEGAS 2010
Chimpo o can astronauta
Nun lugar afastado do bosque de Cecebre, escoitase cantar….
“Que viva Chimpo, Chimpo cadelete
Un cadeliño sen igual
Marrón e negra é a súa pelaxe
E o seu tamaño medianiño nada máis…”
–Pero, que é esa bulla? Xa ninguén
respecta que unha durma a sesta en paz!
Que está a pasar? –di Tomasa a toupa
achegándose ao grupo de animais que
cantan.
–É Chimpo, señora Tomasa. Finalmente conseguiu volver da lúa –respóndelle a
nutra Conchita.
–Oh!, eu sempre dixen que ese cadeliño chegaría lonxe.
–Si, si! Ás veces, cando era ben pequeno, desaparecía semanas enteiras, para
logo chegar ledo á súa casa coma se nada –confirma Carmelo, o coello.
–Pero é que o de agora xa foi de máis. Viu na tele a cadeliña esa que mandaron
os humanos á Lúa, e dixo que el non quería ser menos –Engadiu Conchita.
-Sí pero non deixa de ser un can, como ía ir á Lúa? –Exclama Tomasa.
–Ser é un can, mais non é un can calquera é o can de Maru, a fada bolboreta do
bosque. –Manifesta Carmelo o coello– Foi ela quen lle puxo a medalliña que leva
no colo co seu nome que disque ten poderes máxicos.
–Poderes máxicos! –Profire Tomasa admirada.
–Si, mais contan que para activalos alguén ten que chamar ao cadeliño polo seu
nome –expresa Conchita.
Pois si, amigas e amigos, esta é a
historia de Chimpo o alegre cadeliño
de Maru a fada bolboreta do bosque,
que un día se propuxo ir á Lúa, e non
parou ata conseguilo.
O primeiro problema que tiña que
resolver era o de chegar á Lúa. Xa
probara algunha vez o de ir ao ceo,
Páxina 3
LETRAS GALEGAS 2010
facéndose pequeno (cos poderes da medalla) e subindo ao lomo da pega Aroa, mais
iso só fora un voo de baixura…
―Para chegar á Lúa necesito a alguén que voe máis rápido e con máis forza‖,
matinaba Chimpo. Nesas estaba, cando viu á bexata Xoana, practicando a súa super
caída en picado, nos seus exercicios matutinos. ―Xa está!, coa axuda de Xoana e da
miña medalliña poderemos invertir o vo, fortalecer as súas plumas e chegar á Lúa‖.
Contoulle o seu plan a Xoana e esta ficou encantada, porque se ben coñecía a
moitas aves viaxeiras que ano tras ano daban voltas ao redor do planeta Terra,
nunca pasaba por aquí algunha procedente da Lua, de Marte, de Venus o dalgún
outro planeta do Sistema Solar, e xa era tempo de coñecelas.
Así o día sinalado, pedíronlle a a fada bolboreta que viñera despedilos, para
activar o poder da medalla. Maru foi, aínda que non de moi boa gana, porque o
plan parecíalle un pouco tolo.
Chegado o momento, deulles os consellos de rigor, unha apreta, desexoulles
sorte e moi suaviño dixo: ―Chimpo‖. Nese momento unha luz verde forte iluminou
a Xoana cuxas ás tornaron de cor metal e a Chimpo, que de súpeto se fixo
pequeniño e subiu ao lombo da miñata, nun plis-plas, desapareceron a toda
potencia cara á Lúa.
A chegada a Lúa foi un pouco accidentada e moi artística, pois foron caer
nunha gran pista de xeo, na que tiveron que facer tres mil trescentas piruetas para
poder manterse en pé e conseguir ter control.
Acabaron exhaustos, pero valeu a pena, porque aquilo non se parecía a ningún
dos lugares que os nosos protagonistas tiñan coñecido. Percorreron o satélite de
cabo a rabo, ata que unha dúbida empezou a presentarse nas súas cabezas:
–Chimpo, e agora como imos facer para volver á Terra? –dixo Xoana
–Eu tiña a esperanza de atopar algún extraterrestre que dixera a palabra máxica,
- contestoulle Chimpo– mais ata agora non atopamos ningún….ningún…ningún…
gún….
Páxina 4
LETRAS GALEGAS 2010
–Xoana escoitaches iso…iso…iso. Hai eco ben, ben , bravo…bravo…
–Pois non sei eu por que te pos tan contento por un pouco de eco… eco…
eco….co –engade Xoana
–Pois porque pode ser a nosa oportunidade para volver a casa, aínda que tal vez
non consigamos con el toda a forza necesaria, mais terémolo que
intentar….intentar… intentar….tar.
E así o fixeron, preparáronse e á de tres, os dous gritaron a un tempo
―CHIMPO‖, cando se escoitou CHIMPO, CHIMPO, PO…Unha luz verde clariña
envolveunos e emprenderon o regreso a casa.
Ao pasar a atmosfera sufriron fortes turbulencias, e sentiron que as forzas xa
lles fallaban, mais ao lonxe viron que remataba de chover no bosque de Cecebre e
que un gran Arco da Vella se estaba a formar. Dirixíronse cara a el e,deixáronse
deslizar coma por un tobogán, ata chegaren ao mesmo centro do Bosque de
Cecebre.
Xoana tiña unha importante ferida nunha á, así que rapidamente a levaron ao
hospital da Curuxa Laura. Mentres animais de todo o bosque fóronse xuntando para
escoitar a historia do noso heroe, e cantarlle….
“Que viva Chimpo, Chimpo cadelete
Un cadeliño sen igual
Marrón e negra é a sua pelaxe
E o seu tamaño medianiño nada máis”
“Que viva Chimpo, Chimpo cadelete
Un cadeliño sen igual
Marrón e negra é a súa pelaxe
E o seu tamaño medianiño nada máis”…
Páxina 5
LETRAS GALEGAS 2010
Choiva e Lúa
– Boas tardes. Qué tal está?
–Hola nena. Ti es nova, non si?
–Certo. Chámome Sara. Quén é vostede? É que aínda non coñezo a tódolos
residentes.
–Eu son Choiva.
–Qué nome máis bonito. Nunca coñecín a ninguén con ese nome. Agora
vouna levar á súa habitación para que descanse.
–Grazas, neniña. Hoxe vaime visitar a miña irmá. Veume ver onte e díxome
que hoxe volvería.
–Non se preocupe que eu lle direi que a espera na súa habitación.
–Queda un pouquiño comigo, por favor.
–Está ben. De qué quere que falemos?
–Do que ti queiras, nena. Só quero unha pouca compañía.
–Cónteme algo de vostede, así coñecereina mellor.
–Chámome Choiva.
Teño … moitos anos.
Vivo na residencia
dende hai … non sei
… algúns anos. Todos
son moi amables e teño
boas amigas. Aínda
que a mellor amiga que
tiven en toda a miña
vida chámase Lúa e é a
miña irmá. Lúa
visitábame a diario dende que estou aquí. Hai uns meses deixou de vir. Pero
onte volveu. Qué alegría! Non lle pedín explicacións de porqué tardara
tanto, supoño que tiña cousas que facer. Pasamos a tarde enteira falando,
recordando cómo era a nosa vida cando eramos nenas. Gustábanos escoitar
á nosa nai contando o que acontecerá o día en que nacemos.
A nosa familia tiña unha granxa en África, alí nacemos e nos criamos. Moi
cerca dun enorme lago que non sempre estivera alí. Antes había un val moi
fondo. O día que eu nacín, comezou a chover ben cedo, choveu toda a maña
Páxina 6
LETRAS GALEGAS 2010
e toda a tarde, cada vez con máis forza. Tanto que se formou o gran lago.
Parou a choiva á noitiña, cando nacín eu. E non volveu chover máis ata que
naceu a miña irmá, un ano despois. A min chamáronme Choiva.
O día que naceu a miña irmá o sol quentaba con forza xa ben de mañá. Os
xornaleiros preparaban as terras para sementar o café. De súpeto os cans
comezaron a porse nerviosos. Tamén os cabalos. Escureceu. O sol quedou
totalmente tapado e no ceo brillaba unha inmensa lúa chea. Dúas horas
despois a miña irmá choraba con forza nos brazos da nosa nai. Pouco a
pouco, o sol asomou de novo e aquela incrible lúa chea desapareceu. A nosa
nai decidiu o nome da miña irmá: Lúa.
–Tamén é un nome precioso. Supoño que eran moi felices en África.
–Foi a época máis feliz da nosa vida. Vivíamos nunha casa enorme, unha
gran mansión, cun alpendre inmenso na parte de atrás onde Lúa e eu
tiñamos clases. A avoa empeñárase en poñernos unha mestra particular que
falara e nos ensinara francés. Así que un bo día chegou Mademoiselle
Sophie.
–Guau! Terá vostede moi bos recordos dela.
–Non creas. Mademoiselle Sophie despediuse ás dúas semanas. Despois
houbo outras, Mademoiselle Marie, Valerie, Isabelle … Ningunha duraba
máis dun mes.
–Comprendo … para alguén que vai de Francia ten que ser duro o clima de
África.
–Non era iso. Miña irmá Lúa tiña un don especial. Era capaz de facer que os
obxectos se moverán sós e ver o que ía acontecer. Cando aparecía pola
maña na escaleira que baixaba ó comedor ataviada con canto colar atopaba
e coa roupa máis estrambótica e colorista que te poidas imaxinar era porque
Páxina 7
LETRAS GALEGAS 2010
ese día nos visitaría alguén á hora do almorzo. Encantáballe vestir así e a
verdade é que estaba moi guapa. A quen non lle gustaba era á nosa nai.
Chamábanos a un lado e prohibíanos terminantemente asomarnos ao
comedor mentres a visita non marchara. Ese día Lúa e máis eu comíamos na
cociña para evitar que puxera en práctica algunha das súas ―técnicas‖ se
non lle gustaba a visita: facer que a cafeteira se desprazara soa polo
comedor ata meterse na cociña, ou soster no aire, diante dos fociños do
invitado, algún obxecto… O invitado acostumaba saír correndo e perdíase
polo camiño cara os cafetales, cando non caía desmaiado susto. Miña nai,
entón, viña á cociña feita unha furia. Que van dicir de nós no pobo, ninguén
nos falará nin nos van querer atender en ningún lado –dicía— Lúa e máis
eu poñiamos cara de arrepentimento e dabamos a nosa palabra de non
volvelo facer, pero cos dedos cruzados detrás do cu. As mademoiselles
duraban o que duraban, porque a Lúa non lle gustaba moito estudar e cando
lle preguntaba a lección que non estudiara, o libro comezaba a voar por riba
das cabezas das mademoiselles ata que se desmaiaban co medo. Logo
preparaban a equipaxe tan rápido como podían e marchaban. Lúa sempre
foi moi divertida.
Pasabamos xuntas todo o día e, pola noite, cando todo o mundo durmía,
faciamos plans para o futuro.
Cos anos, eu marchei a París para ir á universidade e Lúa viaxou á India
para traballar de enfermeira nun hospital de orfos. Pasamos moitos anos sen
vernos, pero mantendo o contacto con longas cartas semanais. Hai un
tempo, cando me notei moi maior para estar soa e decidín vir vivir aquí,
conteillo por carta. Entón Lúa vivía en África de novo. Viaxou ata aquí e
quedou a vivir nunha casiña que alugou moi preto. Viña tódolos días verme
e pasabamos horas falando. Logo deixou de vir. Espereina durante meses
Páxina 8
LETRAS GALEGAS 2010
sen ter novas súas. Onte, por fin, volveu. Prometeume que hoxe tamén
volvería para estar xuntas sempre. Estou desexando que chegue e regresar
ámbalas dúas a África, á nosa casa.
–Estou abraiada con todo canto me acaba de contar. Gustaríame moito falar
con vostede máis veces. Agora é mellor que descanse e eu que siga
traballando. Non quero que me despidan! Virei por vostede para cear.
–Moi ben nena. Eu descansarei un pouco. Quero estar ben descansada
cando veña Lúa.
–Deica logo.
–Adeus.
…
–Lúa, es ti? Estas moi bonita, coma cando eramos nenas. Igual.
–Choiva, veño por ti.
–Qué gañas teño de volver á nosa casa, Lúa.
–Qué sorpresa van levar todos cando nos vexan aparecer.
–Sempre me gustou esa roupa que levas Lúa, e todos eses colares e
abalorios, que tan furiosa poñían a mamá, lémbraste?
–Claro, Choiva. Imos. Será coma antes. E cando veña de visita alguén que
non nos guste, farei que a cafeteira voe polo comedor e pasaremos a tarde
rindo.
–Dáme a man, Lúa. Imos.
…
Páxina 9
LETRAS GALEGAS 2010
–Pobriña, era moi maior.
–Teremos que avisar ao cura. Buscarei no expediente o teléfono da familia.
–Qué familia? A señora Clara estaba soa. Non tiña a ninguén.
–Clara? Non, non estaba soa. Tiña unha irmá. Chámase Lúa. Ela mesma mo
contou esta tarde. Lúa visitouna onte e hoxe ía volver.
–Sara, a irmá da señora Clara chamábase Celia e morreu hai uns seis meses,
é imposible que viñera vela onte.
–Pero Choiva …quero dicir Clara, díxome que Lúa … é dicir Celia …
Olvídao!
–Sara, mira pola ventá. Espero que trouxeras paraugas, está chovendo
moito.
–Pois si, chove abondo. Por certo, viches algunha vez unha lúa tan fermosa
e inmensa?
Páxina 10
LETRAS GALEGAS 2010
O afinador de pianos
Ao abrir o día Martiño ergueuse, vestiu e almorzou un café ben quentiño cun
par de madalenas. Meteu nun saquiño o termo, un anaco de queixo e un par de
mazás para o camiño e foi buscar o seu burro Federico, pois a viaxe que ía comezar
non se podía facer a pé nin en coche; quizais si en helicóptero, certamente, pero
desde logo en burro íalle saír máis económica.
Martiño montou no burriño e botaron a andar a paso alegre pola corredoira. Era
día 1 de xuño e, coma
todos os anos, tocaba
visitar Vilasol, unha vila
na montaña con casas
pintadas de cores
rechamantes para non
desaparecer baixo a neve
nos invernos, á que non
chegan estradas nin pistas.
A viaxe facíase
agradable, lucía o sol.
Martiño cantaba e
asubiaba e Federico...
Federico, non. Na Fraga
dos Mil Carballos
decidiron repousar un
chisco á sombra para
coller folgos. Federico
triscou un pouco de herba
e Martiño... Martiño, non.
Aproveitou para remexer
ao pé das árbores, apañar
non sei o que e metelo na
súa bandoleira. Habían ser
uns morotes ou uns
cogomelos, non o vin
ben... Despois continuaron
a marcha.
Subiron monte arriba, por sendas só boas para cabras e burriños, ata ver ao
lonxe as casiñas de Vilasol. Federico fixo a última parte do camiño ao trote, porque
Páxina 11
LETRAS GALEGAS 2010
o pillabán tiña na aldea unha ―amiguiña‖ de vello e xa lle tardaba vela e ornear un
pouco con ela.
Os habitantes da vila reuníranse na Praza Maior para recibilos. A chegada do
afinador era todo un acontecemento anual. Agardaban a alcaldesa, a médica, o
arquitecto municipal, a mestra, e detrás deles a orquestra, que en canto Martiño e
Federico puxeron un pé (e unha pata) na praza, comezou a tocar a overtura
d’As Vodas de Fígaro co fervor dun amor adolescente. “Vaites, este ano toca
Mozart!‖, pensou Martiño, que tamén era pianista e de música entendía bastante...
Tras a actuación, o discurso de benvida e os saúdos aos veciños e veciñas. Despois
todos tomaron chocolate con churros mentres a orquestra amenizaba a festa. Ai,
amiguiñas e amiguiños, o caldeiro de chocolate era tan grande como o da poción
máxica de Astérix, e os churros... os churros rebordaban de sesenta e catro caixas
de madeira amoreadas debaixo da carpa, así como volo conto.
Os habitantes de Vilasol sonvos especiais. Por xunto chámanse vilasolenses..
Por separado, Harmonía, Coral, Fa, Sinfonía, Corchea, Escala, Fusa ou Semifusa as
máis das mulleres e nenas; Acorde, Bemol, Dó, Re, Solfexo, Valse, Concerto ou
Arpexio case todos os homes e nenos. Tamén son moi comúns nomes que noutrora
foran compostos, como Dorremí, Sibemol ou Clavedefá, que tanto valen para nenos
coma para nenas (poderiamos dicir que son nomes unisex).
Top Related