OS ARROASES: a súa primeira aventura

24
A AVENTURA SABE A sardiña, A XURELO, A RODABALLO, A MEXILlÓN, A TROITA, A LIRIO, A PESCADA... A sua primeira aventura

description

Campaña da Consellería de Mar da Xunta de Galicia "O sabor da aventura está no mar"

Transcript of OS ARROASES: a súa primeira aventura

Page 1: OS ARROASES: a súa primeira aventura

A AVENTURA SABE A sardiña, A XURELO, A RODABALLO, A MEXILlÓN, A TROITA, A LIRIO, A PESCADA...

A sua primeira aventura

Page 2: OS ARROASES: a súa primeira aventura

Edita:XUNTA DE GALICIARevisión lingüística: Ramiro ComboDepósito Legal: C 3851-2016

Page 3: OS ARROASES: a súa primeira aventura

A sua primeira aventura

Page 4: OS ARROASES: a súa primeira aventura

1

Era o primeiro día do curso. A titora presentoullos á clase. Segundo ían dicindo os seus nomes, os sete foron levantando a man: Miguel, Elsa, Hugo, Clara, Mencía, Serxio e Andrés. Á hora do recreo, remataron por coincidir no mesmo recanto

do patio e puxéronse a falar entre eles. Cando un balón lles chegou rodando, Mencía intentou devolvérllelo dunha patada aos que estaban a xogar con el. Pero sentíase frouxa e o balón non chegou moi lonxe. Púxose colorada.

“Non te preocupes”, consolouna Miguel, “a min pásame algo parecido co baloncesto. Como non son precisamente áxil, escápame o balón todo o tempo.”

Serxio, que estaba sentado ao seu carón, mirouno con curiosidade, mentres tamborilaba coas súas mans nos xeonllos facendo un ruído algo molesto.

“Os deportes son moi cansos”, interveu Clara, que estaba recostada contra a parede.

“E aburridos!”, exclamou Hugo. Serxio tamborilou nos seus xeonllos aínda con máis ímpeto.

“A min gústanme, pero non entendo moitas das regras”, respondeulle Andrés. “Non vos parecen moi complicadas?”

Elsa suspirou profundamente e dixo: “O meu problema é que non teño moi boa vista”, e moitas veces só vexo o balón cando xa o teño enriba...” Serxio golpeou os xeonllos a un ritmo aínda máis rápido. Os seus seis novos amigos volvéronse a miralo ao mesmo tempo, sorprendidos.

“Xa sei, xa sei... Perdón”, desculpouse, “é que son un pouco nervioso e, sen querer, fago ruído coas mans”. Tras un instante de silencio, todos botaron a rir xuntos. Vaia grupo que facían!

Page 5: OS ARROASES: a súa primeira aventura
Page 6: OS ARROASES: a súa primeira aventura

2

Ao saíren do colexio, foron paseando xuntos para as súas casas. Vivían preto uns dos outros. A súa vila estaba xunto ao mar e polo camiño debían pasar a carón do seu porto, no que cabeceaban as multicolores embarcacións dos pescadores:

lanchas, chalanas, arrastreiros... As gaivotas sobrevoábanos ruidosas. As ondas batuxaban contra a base do peirao. A conversa dunhas señoras que arranxaban unhas redes mesturábase coas voces duns mariñeiros que estaban a cargar caixas de madeira na súa tarrafa.

Pero había un son que ningún escoitaran ata entón. Un lamento triste que chegaba desde unhas rochas baixas. Intrigados, dirixíronse ata ese lugar.

Nunha pequena poza entre esas rochas descubriron un arroaz de cor gris e expresión asustada. Era el quen se laiaba. Parecía pedir auxilio. Ao retirarse a marea, quedara atrapado alí e agora non podía saír. Necesitaba axuda.

Os sete novos amigos deixaron as súas mochilas a un lado e achegáronse con coidado ao animal. Non querían asustalo aínda máis nin recibir por ese motivo unha rabexada. O problema era que non se lles ocorría ningún xeito de sacalo de alí. Miguel non se fiaba da súa axilidade, nin Mencía da súa forza. Clara confesábase moi cansa e Elsa non se atrevía a camiñar moito polas rochas, pois temía non ver ben e esvarar. Serxio empezou a asubiar moi alto, nervioso, mentres que Andrés se aburriu axiña de pensar unha solución e a Hugo todo o que se lle ocorría parecíalle moi pouco intelixente.

Miráronse uns a outros, desconcertados. Máis desconcertado aínda estaba o arroaz. Daquela escoitaron tras deles unha forte e simpática voz:

“Ídesme axudar a salvar ese pillabán?”

Page 7: OS ARROASES: a súa primeira aventura
Page 8: OS ARROASES: a súa primeira aventura

3

Volvéronse sorprendidos. Era un pescador de mesta barba, enfundado nun chuvasqueiro amarelo e cunha pipa apagada na man.

“Chámome Luís”, presentouse. “Traballo no mar e coñezo desde hai tempo este arroaz. Non é como os outros, que van sempre en grupo. A este gústalle ir e vir só, ao seu aire. Ás veces fai algunha trasnada, pero perdoámosllas, porque non parece ter máis amigos que as persoas. Parece que hoxe está nun serio apuro, así que máis vale que poñamos mans á obra canto antes. Veña!”

Os sete amigos non dubidaron en correr tras Luís polo peirao. Só se detiveron, asombrados, cando chegaron fronte a un bonito barco pintado de branco e azul ao que Luís subiu dun chimpo. Tras a acristalada ponte, na popa, un forte guindastre parecía durmir a sesta.

“Todos a bordo!”, ordenou Luís. Nun instante estaban reunidos na ponte mentres o pescador debuxaba nun caderno a estratexia para salvar o arroaz. Miguel e Elsa ían regresar xunto a el cunha sardiña. Hugo e Clara ían estender unha rede ao seu carón. Mencía, Serxio e Andrés ían permanecer na cuberta do barco, a proa, babor e estribor, mentres Luís o achegaba ás rochas co guindastre estendido. A súa misión era axudarlle na manobra.

Luís arrancou o motor do barco. Miguel, Elsa, Hugo e Clara saltaron ao peirao e axudaron a soltar as amarras das bitas. Logo correron de regreso ás rochas.

O arroaz semellaba esquecer a súa apurada situación e observábaos a todos con curiosidade.

Page 9: OS ARROASES: a súa primeira aventura
Page 10: OS ARROASES: a súa primeira aventura

4

Clara e Hugo estenderon a rede nunhas rochas planas que había ao carón da poza na que quedara atrapado o arroaz. A continuación, seguindo as precisas indicacións de Mencía, Serxio e Andrés, Luís foi achegando con coidado o seu

barco a ese lugar.

“Amodiño!”, berraba Serxio cada pouco, “amodiñooo! ¡AMODIÑOOOO!”

“Tranquilo, rapaz, que te oio ben!”, riu Luís. Cando o barco estivo onda as rochas, estendeu o guindastre. Del penduraban catro cordas (Luís chamáballes “cabos”) que Clara e Hugo engancharon ás esquinas da rede.

Nese intre entraron en acción Elsa e Miguel. Primeiro mostráronlle a sardiña ao arroaz, que se revolveu na súa poza sen quitarlle ollo. Sen dúbida estaba morto de fame. A continuación, botárona ao aire. O arroaz, tomando o pouco impulso que podía nun lugar tan pequeno, deu un pequeno chimpo e caeu xusto enriba da rede, pero sen a sardiña. Entón Luís subiu rapidamente o brazo do guindastre, que levantou a rede polas súas catro esquinas co arroaz atrapado nela. Logo, con moito coidado, moveuna ata situala sobre a auga e volveu baixala. Cando o arroaz xa estaba baixo a superficie, desenganchou os cabos á man e o animal saíu nadando tan contento.

Os sete amigos aplaudiron ledos. “Bo traballo! Parabéns!”, felicitounos Luís. O arroaz, tras dar un acrobático brinco, volveu ás carreiras xunto ás rochas e empezou a berrarlles a Miguel e a Elsa.

“Que lle pasa agora?”, preguntaron os dous nenos.

“Que quere a súa sardiña!”, respondeulles Luís cunha gargallada. Os nenos recollérona das rochas e botáronlla ao arroaz, que a capturou, esta vez si, cunha elegante pirueta.

Page 11: OS ARROASES: a súa primeira aventura
Page 12: OS ARROASES: a súa primeira aventura

5

Ao día seguinte Luís convidou o grupiño a percorrer o porto no seu barco, o Mascato. Avanzaban entre outros barcos máis grandes e pequenos que, abalados polas pequenas ondas, cabeceaban como saudándoos. Tamén os saudaban os pescadores

que estaban neles. Todos coñecían a Luís, a quen respectaban e tiñan por un bo amigo.

“Vedes aquel edificio amarelo?”, explicaba Luís, “é a lonxa! Alí é onde os pescadores levamos as nosas capturas para vendelas. Cómprannolas por exemplo os donos dos mercados ou restaurantes das proximidades, ou os representantes de empresas de distribución, que, á súa vez, llelas venden a mercados e restaurantes de máis lonxe.”

“Aí móvense moitos cartos!”, exclamou Elsa.

“Depende”, respondeu o pescador. “Cando vén un temporal de varios días, os barcos non poden saír. Daquela non che hai peixe que vender. Logo, unhas veces resulta que hai tanto peixe que se vende moi barato, e outras, hai tan pouco que se vende moi caro...”

“E parecía doado!”, opinou Miguel.

Luís proseguiu: “Aí á esquerda tedes os almacéns nos que os pescadores gardamos as redes, caixas de madeira e moitas outras cousas fundamentais para o noso traballo. E ao outro lado, nesa casa de tellas laranxas, está o Centro de Formación Pesqueira. Alí é onde aprenden os pescadores de agora e do futuro.”

“Os de agora tamén van á clase?”, preguntou intrigada Clara.

“Por suposto! Os pescadores debemos estar ao día de cantas novidades técnicas aparecen para termos máis seguridade no noso traballo, para navegar, localizar os bancos de peixes...”

“Os bancos de peixes é onde gardades os vosos aforros?”, preguntou Andrés.

“Ha, ha, ha! Esa si que é boa, Andresiño! Chámanse bancos os grandes grupos de peixes que buscamos cos nosos radares.”

“Ben, en certo modo tamén son os vosos aforros, non si?”, respondeulle Mencía, “se quedades sen peixes, quedades sen traballo.”

Luís mirouna moi sorprendido e serio, e dixo: “Tes toda a razón. Toda a razón”.

Page 13: OS ARROASES: a súa primeira aventura
Page 14: OS ARROASES: a súa primeira aventura

6

Os días seguintes os sete amigos, moi impresionados pola visita ao porto e polas explicacións de Luís, sorprenderon os seus pais cunha petición: “Quero comer máis peixe”. Non se puxeran de acordo. Nin sequera o falaran entre eles. Cada un

polo seu lado convencéranse de que pagaba a pena probar a comer máis peixe, a ver que pasaba.

Axiña Miguel se descubriu como un grande afeccionado ao rodaballo. O seu pai preparábao os domingos cunha receita que aprendera do avó. Chamáballe “Rodaballo ao estilo avó de Miguel”.

Elsa toleaba pola troita. Mesmo empezou a debuxar troitas nos seus cadernos de clase. Troitas nadando contra a corrente, troitas brincando, troitas con patacas asadas, troitas afumadas...

Hugo converteuse nun apaixonado dos xurelos. Chegou a descargar da Internet unha boa morea de receitas de xurelo, e a enviárllelas por e-mail aos seus pais, por se non se decataran de que estaría feliz de poder comer xurelo todos os días.

Para Clara non había sabor comparable ao da pescada. Xa fose á galega, á romana, á mariñeira, en salsa verde ou das mil e unha outras formas diferentes de cociñala. Colgou na parede do seu cuarto unha cartolina na que foi apuntando as moitas receitas diferentes que ía probando.

Mencía preferiu as sardiñas. Mesmo empezou a soñar cada noite co delicioso aroma das sardiñas asadas. Como era posible que tardara tantos anos en descubrilas? Non era estraño que o arroaz toleara por elas! “Soñarán tamén os arroaces con sardiñas?”, cavilaba.

O do Serxio co lirio foi amor á primeira vista. Nada máis velo no prato, soubo que aquilo ía ser diferente, e moito máis saboroso que calquera alimento que tomara ata entón. Logo, cada vez que alguén da súa familia comentaba algo acerca dun prato que lle gustara especialmente, Serxio respondía: “Xa, xa, pero onde estea o lirio, que se quite todo o demais”.

Andrés, por último, converteuse nun absoluto fan dos mexillóns. Non son peixes, claro, mais viven no mar. Tanto lle gustaban que empezou a coleccionar nun álbum diferentes etiquetas de latas de mexillón. Por suposto, antes baleirara esas latas e saboreara o seu contido. Ademais, o son que fan as cunchas de mexillón ao chocaren entre si comezou a parecerlle a música máis fermosa que escoitara xamais.

Page 15: OS ARROASES: a súa primeira aventura
Page 16: OS ARROASES: a súa primeira aventura

7

Pasadas unhas semanas, o grupo convertérase en inseparable. Todos os días quedaban para ir xuntos á clase e regresaban do colexio paseando xunto ao porto para saudar o seu amigo Luís, o pescador, con quen a miúdo parolaban un

bo anaco acerca de mil e un temas relacionados coa pesca e o marisqueo. Luís sempre contaba cousas interesantes, e dunha forma moi entretida, pois sabía infinidade de historias e anécdotas.

Luís case nunca faltaba á súa cita. Por iso aquela tarde, cando chegaron ata o seu barco, sorprendeulles non atopalo. No seu lugar, había unha nota para eles:

“Compañeiros: hoxe tiven que marchar a mercar unha peza para o motor. Mañá vémonos!”

“Que lle imos facer!”, resignouse Andrés, “Apetécevos pasar polo mercado a ver se teñen novas latas de mexillóns?”, propuxo axiña. Os demais non puideron evitar o riso. Vaia afección a do seu amigo! No mercado sempre había oportunidade de ver nos postos do peixe troitas, xurelos, pescadas, lirios, sardiñas ou rodaballos, así que todos tiñan un motivo para dar unha volta por el.

Non deran dez pasos cando un triste e familiar son resoou no porto.

“Non pode ser!”, exclamou Mencía.

De novo o arroaz quedara atrapado nas rochas. Esta vez nunha poza na que había moi pouca auga. Desde alí mirábaos cunha mestura de angustia e de esperanza. Chegaba ao rescate a cuadrilla que o socorrera a vez anterior!

“Non fai falla que vos recorde que hoxe Luís non vai poder axudarnos...”, comentou Elsa, sacando a mochila con decisión e poñéndoa no chan, “nin que temos que facer algo, e canto antes!”. Así era. O arroaz tiña pinta de levar alí atrapado demasiado tempo. “Veña!” Desde logo, aquela non era a Elsa de había unhas semanas, a que sempre estaba cansa.

Tampouco Serxio era o mesmo. “Tranquilidade!”, ordenou, “porque se nos poñemos nerviosos, acabaremos por facer algo mal...” Os seus amigos mirárono asombrados. Tiña toda a razón. Aínda máis sorprendente, se cabe, foi o que a continuación dixo Andrés:

“Ocorréuseme un bo plan”. Pero se Andrés case sempre cría que as súas ideas eran pouco intelixentes! Fixeron un corro, escoitaron a súa estratexia e comezaron a traballar.

Page 17: OS ARROASES: a súa primeira aventura
Page 18: OS ARROASES: a súa primeira aventura

8

Hugo ía cumprir morto de risa a súa misión. Nunca se divertira tanto. E iso que ata había pouco case todo lle parecía moi aburrido... Tiña que conseguir unha sardiña e montóns de chuvasqueiros de plástico, dos que usan os pescadores para evitar

que as ondas os empapen.

Mentres tanto, Mencía e Clara fixéronse con cadanseu caldeiro de auga. Enchéronos na beira e logo baleiráronos sobre o arroaz para que a súa pel non secase ao aire. Ao mesmo tempo, Elsa estudaba polo miúdo as rochas que había entre esa poza e a auga buscando as zonas máis chas. A súa agudeza visual mellorara moito desde había unhas semanas.

Cando Hugo regresou, ademais da sardiña e de gran cantidade de chuvasqueiros, traía consigo unha pequena multitude de pescadores disposta a botar unha man en canto fixese falla. Rapidamente puxeron mans á obra para axudarlles aos demais .

Seguindo as instrucións de Andrés, entre todos colocaron os chuvasqueiros formando unha rampla que ía desde a poza ata o mar seguindo o camiño das rochas máis planas que lles marcaba Elsa. A continuación, Mencía e Clara botaron auga sobre os chuvasqueiros para que estivesen ben escorregadizos.

O seguinte paso era convencer o arroaz para que se puxese pouco a pouco sobre eles. Para iso facía falla alguén que, cunha sardiña na man, fose animando o animal a que o seguise camiño da súa salvación. A tarefa non era doada. Quen o intentase corría o risco de esvarar e levar un bo golpe.

“Fareino eu!”, ofreceuse moi decidido Miguel. E sen pensalo dúas veces situouse sobre os primeiros chuvasqueiros coa sardiña na man e mostroulla ao arroaz dicíndolle: “Como non a comas ti, devóraa Mencía”. O animal, cunha rabexada, deu un primeiro chimpo e caeu sobre a improvisada rampla. Miguel saltou cara a atrás, sen caer, e volveu axitar a sardiña. Nunca antes estivera tan áxil. Ata entón considerábase a si mesmo máis ben do tipo torpe. Así, a brincos, e unha vez tras outra, foi conducindo o arroaz cara á beira, ata que, xa a carón dela, botou a sardiña ás ondas e o arroaz saltou tras dela para mergullarse definitivamente no mar.

Cando o arroaz volveu asomar a súa simpática cabeza coa sardiña atrapada no seu sorriso, o grupiño e os pescadores estalaron en aplausos e risos.

Page 19: OS ARROASES: a súa primeira aventura
Page 20: OS ARROASES: a súa primeira aventura

9

Luís o pescador estaba moi orgulloso dos seus amigos. Reuníranse todos na cuberta do seu barco e celebraban a operación de salvamento do arroaz cuns refrescos e uns mexillóns.

“Sabedes como vos chaman agora aquí no porto?”, preguntoulles mentres levaba á boca un grande e saboroso mexillón laranxa.

“Como?”, preguntaron todos os nenos á vez, intrigados.

Luís tragou o mexillón e deulle logo un grolo ao seu refresco. A continuación, cun gran sorriso, respondeulles:

“Os Arroases!” A todos lles fixo moita graza e gustoulles ese nome para o grupo.

“E que pensades facer a partir de agora?”, preguntoulles entón Luís. “Debedes saber que toda a xente do porto espera grandes cousas de vós. Non se atopa todos os días un grupo de superheroes dispostos a axudarlles aos demais!”

As rapazas e rapaces miráronse os uns a aos outros moi sorprendidos. Superheroes?

“Que sucede? Non o credes? Fostes uns heroes salvando o arroaz! E como os superheroes, combinastes as vosas ganas de axudar co descubrimento das fontes da vosa intelixencia, forza, visión, diversión, enerxía, tranquilidade e intelixencia. Acaso non aumentaron todas elas desde que comedes alimentos do mar?”

Luís tiña, coma sempre, toda a razón.

“Somos os Arroases!”, exclamou entón Andrés, erguéndose dun chimpo. Os seus amigos uníronselle decontado: “Somos os Arroases!” E como os superheroes teñen todos nomes especiais, cada un elixiu o seu, relacionado coa fonte do seu superpoder:

“Eu serei Rodaballo!”, dixo Miguel, “Máis axilidade!”“Eu serei Troita!”, dixo Elsa, “Mellor visión!”“Eu serei Xurelo!”, dixo Hugo, “Máis diversión!”“Eu serei Pescada!”, dixo Clara, “Máis enerxía!”“Eu serei Sardiña!”, dixo Mencía, “Máis forza!”“Eu serei Lirio”, dixo Serxio “Máis tranquilidade!”“Eu serei Mexillón!”, dixo Andrés, “Máis intelixencia!”

E así foi como comezaron as súas aventuras.

Page 21: OS ARROASES: a súa primeira aventura
Page 22: OS ARROASES: a súa primeira aventura

Xurelo

Contén niacina (vitamina B3), que favorece o noso bo humor: MÁIS DIVERSIÓN!

Péscase lonxe da costa no inverno e preto dela no verán.

Non deixes de probar a lasaña de xurelo! ÑAM ÑAM!

Rodaballo

Contén potasio, moi importante para enviar o impulso aos nosos músculos: MÁIS AXILIDADE!

Péscase en augas pouco profundas. Vive camuflado nos fondos areosos.

Que bo está o rodaballo en paella ou filloas recheas! ÑAM ÑAM!

Troita

Contén retinol (vitamina A), fundamental para a vista: MELLOR VISIÓN!

A troita de mar, tamén chamada reo, péscase nas bocas das nosas rías.

Á prancha, en croquetas ou en pastel, está saborosísima!

Page 23: OS ARROASES: a súa primeira aventura

Sardiña

Contén cobalamina (vitamina B12), que favorece o metabolismo e o mantemento do sistema nervioso: MÁIS FORZA!

Péscase botando as redes sobre os grandes bancos que forma preto da superficie.

A sardiña está moi rica en hamburguesa! ÑAM ÑAM!

Mexillón

Contén iodo, moi importante para o noso desenvolvemento físico e mental: MÁIS INTELIXENCIA!

Recóllese nas rochas e cultívase en bateas nas rías.

Se aínda non probaches a fideuá de mexillóns non sabes o que perdes!

Lirio

Contén un tranquilizante natural que axuda a manter a boa saúde do noso sistema nervioso: MÁIS TRANQUILIDADE!

Péscase ás veces a moita profundidade, onde vive en grandes bancos.

A pizza de lirio é deliciosa!

Pescada

Contén tiamina (vitamina B1), que é moi importante para producirmos enerxía: MÁIS ENERXÍA!

Péscase no inverno en augas frías e profundas, e no verán preto da costa.

Se a preparas en albóndegas, ao forno ou en barriñas, vas chupar os dedos!

Page 24: OS ARROASES: a súa primeira aventura