A Obra Lugar hoxe integrado en Celanova. A palabra obra ... · Oseira (lug. e parroq. de San...

29
O A Obra (Celanova, Celanova).- Lugar hoxe integrado en Celanova. A palabra "obra" ten diversas acepcións, pero a nivel popular a que predomina é a de edificio en construción. Posiblemente se refira a isto o topónimo e probablemente se tratase dunha obra que se prolongou no tempo ata o punto de que este nome prevaleceu sobre calquera outro. Tampouco se pode descartar que, nalgún momento, non fose un obradoiro do próximo mosteiro. Ogos (parroq. e Conc. de Lobios).-- Probablemente sexa un hidrónimo derivado da raíz paleoeuropea *weg w - / *ug w -, "húmido". Oimbra (lug., parroq. e Concello da Com. de Verín).-- Sempre se pensou que Oimbra, escrito Olimbria no 953 e procedente dun hipotético *Olimbriga anterior, contiña na parte final a voz celta -briga, "altura fortificada, fortaleza, castro nun monte". En canto á primeira parte (Oim-) Cabeza Q. propón a hipótese de que se corresponda co tamén celta olina, "curva, reviravolta". Sen embargo, posteriormente outros autores (J. J. Moralejo, E. Bascuas, …) propoñen como étimo o lexema, tamén celta, -mbrig-, "territorio, límite, fronteira". O xentilicio dos habitantes de Oimbra é oimbrao, oimbrá. Oira: Castro, aldea (nova e vella) e praia fluvial. Oira (Barrio de Ourense).-- Aparte de ser hoxe un núcleo urbano á beira do Miño foi o nome dun castro cercano, o máis próximo ó solar de Ourense. O nome ten máis de 2000 anos, pero os autores non se acaban de poñer de acordo sobre a súa orixe. Predominan os que o relacionan co ouro (latín aurum). Segundo Cid Rumbao Oira significa ‘lavadoiros de ouro’. Pero a pesares diso hai que constatar que puidera ser un hidrónimo antigo derivado da raíz prerromana *awr-, referente a correntes de auga, aplicada a casos como o lucense río Ouro (antes Aurio). Incluso hai quen di que "Oira", aparte de topónimo, foi apelativo nun galego primitivo e que entrou a formar parte de nomes compostos, como Valoira, cun valor hidronímico. En Alfoz (Lugo) hai unha parroquia chamada "As Oiras",

Transcript of A Obra Lugar hoxe integrado en Celanova. A palabra obra ... · Oseira (lug. e parroq. de San...

  • OA Obra (Celanova, Celanova).- Lugar hoxe integrado en Celanova. A palabra "obra" ten diversas

    acepcións, pero a nivel popular a que predomina é a de edificio en construción. Posiblemente se refira a isto o topónimo e probablemente se tratase dunha obra que se prolongou no tempo ata o punto de que este nome prevaleceu sobre calquera outro. Tampouco se pode descartar que, nalgún momento, non fose un obradoiro do próximo mosteiro.

    Ogos (parroq. e Conc. de Lobios).-- Probablemente sexa un hidrónimo derivado da raíz paleoeuropea *wegw- / *ugw-, "húmido".

    Oimbra (lug., parroq. e Concello da Com. de Verín).-- Sempre se pensou que Oimbra, escrito Olimbria no 953 e procedente dun hipotético *Olimbriga anterior, contiña na parte final a voz celta -briga, "altura fortificada, fortaleza, castro nun monte". En canto á primeira parte (Oim-) Cabeza Q. propón a hipótese de que se corresponda co tamén celta olina, "curva, reviravolta". Sen embargo, posteriormente outros autores (J. J. Moralejo, E. Bascuas, …) propoñen como étimo o lexema, tamén celta, -mbrig-, "territorio, límite, fronteira". O xentilicio dos habitantes de Oimbra é oimbrao, oimbrá.

    Oira: Castro, aldea (nova e vella) e praia fluvial.

    Oira (Barrio de Ourense).-- Aparte de ser hoxe un núcleo urbano á beira do Miño foi o nome dun castro cercano, o máis próximo ó solar de Ourense. O nome ten máis de 2000 anos, pero os autores non se acaban de poñer de acordo sobre a súa orixe. Predominan os que o relacionan co ouro (latín aurum). Segundo Cid Rumbao Oira significa ‘lavadoiros de ouro’. Pero a pesares diso hai que constatar que puidera ser un hidrónimo antigo derivado da raíz prerromana *awr-, referente a correntes de auga, aplicada a casos como o lucense río Ouro (antes Aurio). Incluso hai quen di que "Oira", aparte de topónimo, foi apelativo nun galego primitivo e que entrou a formar parte de nomes compostos, como Valoira, cun valor hidronímico. En Alfoz (Lugo) hai unha parroquia chamada "As Oiras",

  • como se efectivamente Oira fose un apelativo.

    O Ivedo (Ver no "I")

    Olás (Olás de Vilariño, A Merca) ║ Olás de Vilariño (parroq. da Merca).-- Estes dous topónimos son o mesmo correspondendo a primeira forma ó lugar e a segunda á parroquia. Está documentado como Olanes (964) e Ollanes (1069). Bascuas ve como moi posible (baseándose na forma *Ol- da raíz *El-, "fluír") que o valor inicial fose hidronímico, pero o sufixo -anes (> -ás) faille pensar nun xentilicio, sen querer decidirse por ningún dos dous.

    Oleiros (Sande, Cartelle ║ Ponte Castrelo, Castrelo de Miño ║ Desteriz, Padrenda) ║ Vilar de Oleiros (Vilamaior de Caldelas, Castro Caldelas)║ Seoane de Oleiros (lug. e parroq. de Xinzo de Limia).-- A palabra "oleiros" refírese aos artesáns que traballan o barro e fan olas.

    O Olivar (Esposende, Cenlle) ║ Oliveira (lug. da parroq. e Conc. da Arnoia).-- Olivar é unha plantación de oliveiras e "oliveira" a árbore (Olea europaea), lat. olivaria, que da as olivas.

    O Ollal (Ponte Veiga, O Carballiño).-- Podería ser un fitónimo alterado (allal, un sitio de allos) ou un derivado de oculu para referirse a un nacente de auga.

    Orbán (parroq. de Vilamarín ║ Milmanda, Celanova).-- Podería estar relacionado cun *villa Urbani (“Vila de Urbanus”), pero E. Bascuas ve moi difícil esta relación e suxire que podería vir do tema indoeuropeo *ur-w- que ten un valor hidronímico.

    A Orde (Vilarrubín, A Peroxa).-- Supón Cabeza Quiles que estes topónimos se estean a referir a antigas posesións territoriais dalgunha orde relixiosa. Serían o resto de sintagmas do tipo (*leira de) a Orde, (*igrexa de) a Orde, (*terra de) a Orde, (*hospital de) a Orde, etc. A Orde suxerida podería ser a Militar de Malta.

    Ordelles (Chaodarcas, O Pereiro de Aguiar) ║ Vilar de Ordelles (lug. e parroq. de Esgos).-- E. Rivas asóciao a Ordes e propón unha orixe prelatina en *ord / *urd, hidronímica ou oronímica. Relacionado co vasco ordo, ‘chaira’, como en Orduña. ║ Non se pode descartar unha derivación do lat. hordeales, "campos de cebada", co que sería un equivalente dos casteláns Urdiales.

    Ordes (parroq. de Rairiz de Veiga).-- Ver o primeiro parágrafo do anterior. Outra hipótese é unha derivación de hordeum, "orxo, cebada".

    Orega (lug. e parroq. de Leiro).-- Hidrónimo. Nome invariable desde, polo menos, o século XIII con algunha excepción ocasional como Urrega ou Ourega. Ven tendo o mesmo étimo ca seguinte (Orga), pero engadindo un sufixo -kp (>go) que quizais teña que ver coa palabra galega "rego".

    Orga (lug. e parroq. de Celanova).-- Documentado como villa Orga no 991 é un hidrónimo (procedente dun *Orica) formado sobre o tema *Or-tia da raíz indoeuropea *ER-, "moverse". E. Bascuas expón que orga (ou en leonés "huerga") tivo en Galicia un valor apelativo cun significado asociado a "veigas, ríos ou presas". Recolle opinións de varios

    item huna pouca cousa que o moesteyro ha em Auelenda das Penas et en Orega et o que eu conprei en Paredes;Pedimento. 1356. San Clodio do Riberio

  • autores sobre os valores da palabra sendo o máis común o de terreo húmido ou lamacento.

    Orosa (Campo, O Irixo) ║ Oroso (Nieva, Avión).-- Poden vir dunha base prerromana *or- / *oro-, "monte, val, altura". Por outro lado "óros-" é un prefixo grego que significa "montaña". (Por exemplo en "orografía".) Tamén o dicionario de Carré Alvarellos rexistra a palabra galega "oroso", adxectivo sinónimo de montañoso. ║ Así mesmo tamén poderían ser deturpacións de hedrosa / hedroso, relacionados co a hedra (Hedera helix), a planta sempre verde que gabea por muros e árbores. (Do lat. hedera.) ║ E finalmente cabe a relación co nome latino Orosius/Orosia (Orosio/Orosia), coma o seguinte.

    Oroxo (San Mamede de Urrós, Allariz).-- Evolución do antropónimo Orosius.

    Orraca (lug. da parroq. e Conc. de Allariz).-- É difícil confirmalo, pero podería referirse a unha dona chamada Urraca, nome habitual na Idade Media. Unha alternativa sería unha procedencia da forma prerromana *orr- designativa dun val ou depresión, como no caso seguinte.

    Orriós.-- Ver Riós.

    Orros (A Cidá, O Irixo).-- Posiblemente proceda da base prerromana *orr- significante de "val entre montañas". É a mesma base que algúns autores (non todos) aplican á formación de "Valdeorras".

    Orxais, Os (Xava, O Bolo) ║ A Orxeira (Freás, Punxín).-- Os dous son abundanciais derivados de "orxo" (lat. hordeum), nome antigo da cebada. É equivalente os Urdiales doutras terras.

    Oseira (lug. e parroq. de San Cristovo de Cea).-- Oseira significa sitio de osos, pero o topónimo débese a que o mosteiro dese nome (Santa María a Real de Oseira) foi construído a beira do río Ursaria, hoxe, igualmente, Oseira.

    Santa Maria de Oseira leva ese predicado por ter sido edificada á beira do río dese nome

    Osebe (Lebosende, Leiro).-- Nome de posesor. Dun *villa Osebi, sendo Osebi unha forma familiar de Eusebii que hoxe sería "de Eusebio".

  • Osmo (lug. e parroq. de Cenlle).-- Escrito Osamo no ano 928. E un nome superlativo celta, que podería ser *owxr-amo, "o máis alto", ou quizais *ups-ma > upsama, que significaría "castro ben alto".

    Osoño (lug. e parroq. de Vilardevós).-- Dun nome de posesor Ausonius. A través de (*villa) Ausonii, sendo este xenitivo daquel.

    Oulego (lug. e parroq. de Rubiá).-- Malia que non se poida asegurar podería ser unha alternativa de "ourego", a olorosa herba Origanum vulgare, "orégano" en castelán.

    *** *** ***

    Ourense (Cidade, capital da provincia do seu nome).--

    Topónimo historicamente discutido. Hai teorías para todos os gustos pero abondan bastante máis as fantasías que as probas documentais.

    A modo de curiosidade podemos lembrar propostas curiosas coma a do latín Aquare urente ('augas abrasadoras') ou a do xermánico Warmse ('lago quente').

    Con todo cada vez hai máis consenso en torno á idea hidronímica prerromana.

    Trataremos de facer un resumo das opinións que consideramos máis coherentes:

    1.- Ourense é unha evolución de AURIENSE, sendo esta palabra un adxectivo de AURIA, concretamente un xentilicio.

    2.- Auria na Idade Media era o nome civil da cidade (o topónimo). Sendo así facilmente se podería falar da "Cidade auriense" ou da "Sé auriense". Neses tempos tal cidade era pouca cousa, pero tiña bispo, e dicir, a cidade era sede episcopal. E non só iso. Desde 1122 (por decisión de Tareixa de Portugal) o bispo tiña asignada a xurisdición da cidade, coma amo e señor, ao estilo feudal. E así foi durante varios séculos. Dese xeito a importancia principal de Auria estaba na súa condición de sé episcopal, Auriensem sedem, a Sé Auriense. Todas as sés limítrofes eran nominadas polo adxectivo (lucense, asturicense, tudense, bracarense, etc) no ámbito eclesial; pero o status especial da "auriense" motivou que este nome-adxectivo acabase prevalecendo sobre o nome propio incluso fóra dese ámbito eclesiástico (cousa que non ocorreu coas outras sés).

    3.- Admitido isto o verdadeiro problema está en coñecer de onde viña ese Auria inicial. Sábese que un nome primitivo (volveremos sobre iso) era Palla Aurea [ou Pala Aurea], pero independentemente do que esa primeira palabra significase a cuestión determinante está en dilucidar a segunda, Auria (antes Aurea). Vexamos tres propostas.

    4.1.- A opinión máis antiga e socorrida, hoxe superada, era que procedía do adx. lat. aureus, a, um, "dourado, de ouro". Parte esta idea do suposto de que os romanos considerarían este lugar como a "cidade do ouro", a "civitas auriense", pero nin consta esa denominación nin hai nada que confirme que as cantidades obtidas de ouro fosen tantas como para decidir ese nome de cidade.

    4.2.- Pensouse tamén que podería ser un antrotopónimo. Sería a adxectivación dunha propiedade dalgún Aurius. (Aurius ou Aureus era un nome persoal, que segundo algúns facían referencia ós roibos. É equivalente a Aurelio e co feminino Auria/Aurea). Sería unha "Villa Auria" ou unha "Palla Auria", coa posterior elisión do primeiro elemento.

    Esa explicación é a tradicional para Oria -Almería- (villa Auria) ou Orio -Guipuzcoa- (fundus Auriu).

    4.3.- Actualmente a idea máis aceptada, e a que parece máis consistente, é a de que se trata dun hidrónimo prerromano. Estaría formado a partir da raíz indoeuropea *awer, "auga, chuvia,

  • río" ou "mollar, fluir", presente en moitos outros casos como son os nomes dos ríos Avia, Avión, Oria (antes Auria, Guipúzcoa), Ouro (antes Aurio, Lugo), Ouria (Asturias), Ave (Portugal), Abión (Soria), Aviño (A Coruña), Vara (Italia), Varón (Carballiño), etc.

    Ese nome hidronímico tanto podería estar motivado polas fontes das Burgas como, hipoteticamente, por ter ese arcaico nome (Auria), antes da vida dos romanos, o tramo do río Miño correspondente á zona onde hoxe está a cidade. (Tramo que incluiría o castro de Oira, á beira da actual aldea do mesmo nome. Isto concordaría coa tese de que Oira e Auria tiveron un ancestral nome común o cal, evolucionaría en cada caso da súa maneira.)

    Cabe que o nome primitivo (o que fose, derivado de *awer) lle soase ós oídos dos romanos como algo similar a áureo e eles, convencidos de facelo ben, pronunciasen 'auria' ou 'áurea', dando pé á futura confusión. Sería o que hoxe se coñece como unha "etimoloxía popular", pero executada polos romanos no século primeiro. Abundando no dito podemos engadir que desa raíz indoeuropea xeral, *AWER-, derivou nalgunha lingua das prelatinas aquí faladas (¿celta?) a forma UR- ou AUR- co significado máis concreto de 'fonte'. En calquera caso podemos concluír, aínda que non podamos precisar máis, que AURIA ten que ver con augas, tanto se se trata de río (*awer-) como de fonte (*our-).

    Os hidrónimos Auria e Oira/Oria, de non ser o mesmo, están relacionados: ben por ser un deles deivado do outro, ben por teren ambos un precedente común.

    5.- Na documentación medieval vese reflectida a secuencia evolutiva [Auria - Auriense - Aurense - Ourense] aínda que haxa que advertir que non se trata dunha cadea consecutiva ou progresiva, senón de formas coetáneas. Non son funcións matemáticas dependentes do transcurso do tempo senón de formulacións humanas supeditadas aos gustos, coñecementos e conservadorismos de cada notario ou amanuense. Por iso non hai unhas liñas concisas e definidas senón tendencias, máis ou menos resoltas en escasos 4 séculos. Poñemos algunhas citas a modo de exemplo:

    Auria:

    1172: In Auria Adefonsus episcopus. (Nunha escritura de partición. Santo Estevo de Ribas de Sil)

    1200: Et hoc sub era Ma CCa XXXVIIIa, regnante rege Alfonso in Legione; tenente terra Castelle Osorius Iohannis; tenente Auria episcopo Adefonso. (Dun foro. San Clodio do Ribeiro)

    1221: L(aurentius) episcopus in Auriam. (Dun foro. S. Estevo de Ribas de Sil)

    1275: Facta carta era Ma CCCa XIIIa, XVII dias de feuereiro, regnante rege Alffonso in Legione et Castella; episcopo in Auria domno Iohanne Didaci; tenente Nouoam Nuno Gonzalui. (Unha venda. San Clodio do Ribeiro)

    Auriense:

    1109: Didacus Auriense sedis episcopus confirmavit. (Doazón. San Vicenzo de Pombeiro)

    1199: Ad pontem auriensem quantam hereditatem in ipso porto emi et ganaui et laboraui. (Testamento. "Galicia Histórica", A. López Ferreiro)

    1205: Regnante rege Alfonso; in Auriensi episcopus Adefonsus; tenente Castella Osorio Iohannis. (Foro. San Clodio do Ribeiro)

    Aurense/ Aurens:

    1259: Bisspo en Aurense don Iohan Diaz. (Venda. Catedral de Ourense, E. Diro Peña)

    1259: Rey de Leon e Castella, Toledo, Murza, Geen, Cordova et Sivilla don Afonso, seu

  • merino mayor en Galliza don Rui Garcia; ricome en Limia don Fernan Anes, merino en Limia Rui Garcia, juyz Stevao Payz, bispu in Aurens don I. (Doazón. Santa María de Oseira)

    1329: Et tragernos edes o pan que nos aqueeçer dese casar o nosso çeleiro de Lobazes ou Aurense, e doutras herdades nossas se as lavrardes; e non taledes as árvores por que se o casar dane; e seredes vassalos obidientes do moesteiro sobre dito. (Foro. San Pedro de Rocas)

    Ourense / Ourens:

    1240: Assi como queria comer que me soubesse ben, | assi queria bõo son [d]e seculorum amen | pera meestre Joan. | Assi com ' eu beveria [do] bõo vinho d ' Ourens, | assi [eu] queria bõo son de [O] cunctipotens | pera meestre Joan. (Cantiga de escarnio. Afonso X o Sabio)

    1253: De min don Roi Suariz merino mayor en Galliza a uos juyzes leygos dOurense. (Sentenza. Documentos gallegos de los siglos XIII al XVI, A. Martínez Salazar.

    1352: Dada foy esta sentença en Ourense des et noue dias de mayo era de mill et trezentos et noueenta annos. (Sentenza. San Vicenzo de Pombeiro)

    1519: Estas son las díbidas que eu debo e a min me debben: prymeiramente, debo a San Martiño d ' Ourense un cuartillo. (Testamento. Vida e fala dos devanceiros)

    6.- Cuestión cando menos curiosa e interesante ainda que hoxe toponimicamente xa non teña tanta trascendencia (pola elisión da primeira palabra) sería a do presunto primitivo nome da cidade, Palla Aurea. O documento coñecido como "Parrochiale suevum", ou "Divisio Theodemiri", reflicte a organización eclesiástica do Reino suevo a finais do s. VI. (Supostamente no ano 569.) Relaciona as sedes existentes cos nomes das igrexas dependentes de cada unha. No caso de Ourense ("Ad Auriensem sedem") pón en 1º lugar "Palla aurea", que -igual que nos demais casos- é o topónimo do lugar preciso onde radica a sede. E dicir Palla aurea (que -sendo latín- haberá que ler Pala aurea) era o nome polo que se coñecía -ou coñecera- Ourense. Non temos noticias da antigüedade desa denominación pero haberá que supoñer que sería secular. Pode que ese fose un nome oficial, protocolario, e que a poboación xa non o usase, pero aí está a testemuña.Sorprende nese nome composto a palabra "palla" [pala] que non ten que ver nin coa palla dos cereais (latín "palea") nin coa ferramenta pa ("pala" en latín e castelán). O "palla" que nos ocupa é un tema prerromano, indoeuropeo ou quizais preindoeuropeo, relacionado coas rochas. Consérvase coa forma 'pala' e varios significados: Buraco debaixo das rochas onde se meten os peixes; cavidade natural ou artificial no terreo; gruta en terreo calizo; etc. Na parte oriental da provincia hoxe ten a acepción ben coñecida de 'cova'. Tamén subsiste como topónimo en moitos lugares (de metade superior da península ibérica e de parte de Europa), sempre para conceptos relacionados con montes, pedras ou covas. A maioría deles como primeiro elemento dun nome composto (máis ben de sintagmas) o que indica que no seu momento foi palabra común. Pénsase que o seu significado máis primitivo era 'refuxio baixo unha roca que sobresae'. No caso ourensán puidera ser ben unha cova ou burato, ben unha cavidade na terra, nun plano vertical, unha especie de marquesiña ou alpendre natural, que servise para acollerse en caso de chuvia. Pero o concepto, por extensión, tamén podería ser unha depresión do terreo e estarse a referir á fochanca ou valgada que forma o terreo na contorna das Burgas.Con todo a interpretación do sintagma completo, pala auria, segue sendo un misterio. ¿Podería referirse a unha gruta cunha fonte? ¿Unha das burgas nun primitivo terreo agreste? ¿Unha mina de auga?Se o lector nos permite unha práctica fantasiosa (non para sentar unha teoría senón para estimular a imaxinación) poderíamos figurarnos que estas “covas” ou palas (sobre todo no caso de haber varias) terían un nome e que esta de aquí, a próxima ás Burgas, sería a 'pala auria'. Algo así como a "cova da auga", por exemplo.

  • Nesta contorna naceu Ourense, pero o aspecto actual con sobrepostas infraestruturas medievais, modernas e contemporáneas non nos permite adiviñar como sería isto hai 2000 anos.

    *** *** ***

    OURENSE (Comarca).-- Comprende 12 concellos, a saber: Amoeiro, Barbadás, Coles, Esgos, Nogueira de Ramuín, Ourense, O Pereiro de Aguiar, A Peroxa, San Cibrao das Viñas, Taboadela, Toén e Vilamarín. Ten unha superficie de 623,14 Km2 e unha poboación (no 2015) de 144.810 habitantes (106.231 no concello da capital.) o que supón que nesta comarca vive un 45,48 % do total da provincia. O número de parroquias depende do criterio (civil ou eclesiástico) con que se cuantifiquen: se só contamos as rurais tradicionais sumarían 118, pero se engadimos as da cidade (as 3 históricas do casco antigo e 10 modernas) habería que sumar 13 máis.

    Ourille (parroq. de Verea) ║ Ourille de Arriba (lug. desa parroq.).-- Antrotopónimo. De *(villa) Aurelii, "(vila) de Aurelius", nome latino, hoxe Aurelio.

    Ouriz (Sta. Mª de Melias, O Pereiro de Aguiar).-- Antrotopónimo. De *(Villa) Honorici, ‘(Vila de) Honoricus’, nome visigodo.

    Ousecende (Cerdeira, San Xoán de Río).-- Antrotopónimo. Dalgún nome xermánico, hoxe descoñecido, rematado en -sindus (xenitivo -sindi).

    Ousende (Coucieiro, Paderne de Allariz).-- Antrotopónimo. Propiedade de alguén chamado Ausindus cuxo xenitivo latino (o que deu lugar á topónimo) sería Ausindi.

    Outarelo (O Castro, O Barco de Valdeorras).-- Diminutivo de alto. E dicir, un alto pouco alto; un alto, pero a media altura.

    Outariz (San Miguel de Canedo, Ourense).-- Provén dun nome de posesor, Audericus. De *villam Auderici. ║ O principio da palabra fai pensar nun lat. altus, ‘lugar elevado’, pero o sufixo –iz non deixa lugar a dúbidas.

    Outeiral (Valongo, Cortegada) ║ Outeirás (Anllo, San Amaro).-- Son derivados de Outeiro (V. seguintes) con formas adxectivas en vez de nominativas. O primeiro en singular e o

  • segundo en plural.

    Outeiriño (Vilarrubín, A Peroxa) ║ O Outeiriño (Poboeiros, Castro Caldelas ║ lug. da parroq. e Conc. de Rairiz de Veiga ║ O Mesón de Calvos, Taboadela) ║Outeiriños (San Xes, A Peroxa) ║ Os Outeiriños (Melias, Coles ║ Fustáns, Gomesende ║ Pontedeva, Pontedeva).-- Diminutivos de Outeiro.

    Outeiro (Santa Baia de Berredo, A Bola ║ A Mezquita e Parderrubias, A Merca ║ Toubes e Vilarrubín, A Peroxa ║ lug. da parroq. e Conc. de Amoeiro ║ Bóveda, Amoeiro ║ Ambía, Baños de Molgas ║ Calvos, Calvos de Randín ║ Acevedo do Río e Amoroce, Celanova ║ Ribela, Coles ║ Triós, O Pereiro de Aguiar ║ Cudeiro, Ourense ║ Santa María de Nones, Petín ║ Loeda, Piñor ║ Redemuíños, Quintela de Leirado ║ Candás, Rairiz de Veiga ║ Salamonde, San Amaro ║ Domés e Sanguñedo, Verea ║ Parada de Outeiro, Vilar de Santos) ║ O Outeiro (lug. histórico urbano de Ourense; ó lado das Burgas, no saínte onde está o cárcere vello, antes outeiro con relación o entorno. ║ Arrabaldo, Palmés, Untes e Velle, Ourense ║ lug. da parroq. e Conc. da Arnoia ║ Xagoaza, O Barco de Valdeorras ║ Sorga, A Bola ║ Nogueiroá, Bande ║ Astureses e Cameixa, Boborás ║ A Veiga, Cañón, Orga e Viveiro, Celanova ║ Rabal, Chandrexa de Queixa ║ Refoxos, Cortegada ║ Orega, Leiro ║ lug. da parroq. e Conc. de Lobios ║ Armeses, Louredo e Maside, Maside ║ Marrubio, Montederramo ║ Faramontaos, Nogueira de Ramuín ║ Corneda e Reádigos, O Irixo ║ San Xoán de Moreiras e Santa Marta de Moreiras, O Pereiro de Aguiar ║ lug. da parroq. e Conc. dos Blancos ║ Monte Redondo, Padrenda ║ Coiras e Torcela, Piñor ║ lug. da parroq. e Conc. de Punxín ║ Mosteiro e Paizás, Ramirás ║ Beariz, Grixoa e Navío, San Amaro ║ Soutopenedo, San Cibrao das Viñas ║ Seoane de Argas, San Xoán de Río ║ Soutomaior e Torán, Taboadela ║ Alongos, Toén ║ Chamosiños, Trasmiras ║ Covelo, Viana do Bolo) ║ Outeiros (Siabal, Paderne de Allariz).-- Este é o topónimo máis veces repetido en Galicia. Máis de 530 lugares se chaman así. Moitos deles con "apelido", para una mellor identificación. (Ver as entradas seguintes.) A palabra vén do lat. altarium, "sitio alto", e este do adxectivo altus, -a, -um, "alto". A evolución fonética, un tanto complexa, foi a seguinte: altarium > autarium > autario > outario > outairo > outeiro. (Algunhas destas etapas puideron ser simultáneas.) Téñase en conta que "outeiro" é un relevo orográfico polo que a palabra non designa precisamente a cima -como se puidera pensar- senón toda a mole. Con isto quero dicir que pode haber algún lugar chamado Outeiro que non estea no cumio senón na ladeira, ou incluso, no pé desa elevación coñecida coma outeiro.

    Outeiro Calvo (Soutopenedo, San Cibrao das Viñas).-- Calvo é pelado, sen vexetación.

    Outeiro Cruz (lug. da parroq. e Conc. da Arnoia) ║ Outeiro da Guía (A Guía, Gomesende) ║ Outeiro da Torre (lug. da parroq. e Conc. de Maceda) ║ Outeiro de Carracedo (Carracedo, A Peroxa ) ║ Outeiro de Melias (S. Miguel de Melias, Coles ║ Outeiro de Orraca (lug. da parroq. e Conc. de Allariz) ║ Outeiro de Laxe (Augas Santas, Allariz) ║ Outeiro de Torneiros (Torneiros, Allariz) ║ Outeiro do Cabo (Asadur, Maceda) ║ O Outeiro de Abaixo e O Outeiro de Arriba (San Cosmede de Cusanca, O Irixo) ║ O Outeiro de Beacán (Beacán, A Peroxa).-- Sintagmas de Outeiro. Nos máis dos casos a segunda parte é unha referencia de localización xeográfica.

    Outeiromeao (Santa Marta de Moreiras, O Pereiro de Aguiar).-- Composto de outeiro e meao, vindo este de medianu, "mediano" = “Outeiro do medio”.

  • Outomuro (capitalidade do Conc. de Cartelle, na parroq. do Mundil).-- A pesar da aparencia non ten nada que ver cun "muro alto" senón cunha propiedade dun Octumuli. Quizais a etimoloxía popular foi a que acabou dándolle o nome actual.

    Outón (Monte Redondo, Padrenda).-- Lugar alto. De altus, -a, -um, "alto, elevado".

    A Outraldea (Orbán, Vilamarín).-- Composto transparente.

    As Ouxeas (parroq. e C. de Vilamarín).-- Segundo Cabeza Quiles é probable que faga referencia a unhas mulleres coñecidas con ese nome colectivo que sería o dunha nai, unha avoa ou unha irmá máis vella chamada Ouxea.

    Ovenza (Loeda, Piñor).-- Ovenza, escrito tamén Ovença, Oveença, etc., é unha palabra común do galego medieval aínda que hoxe non figure nos dicionarios. O Dicionario de Juan Cuveiro (1876) defínea como "Tenencia ou priorato". E nunha tese de doutoramento (M. Barreiro, 1995) lemos: ".- subst. 'lugar destinado ós usos particulares dunha casa ou corporación. Aquí parece que se trata da despensa, ou máis concretamente da bodega dun mosteiro." Tratábase dunha dependencia dun mosteiro, seguramente do próximo de Oseira con xurisdición sobre a zona. A palabra quizais proceda do lat. obedientia, "obediencia, sumisión, subordinación". Pervive neste topónimo e no apelido Obenza.

    Oxén (Sobreira, Vilamarín ║ Podentes, A Bola ║ Olás de Vilariño, A Merca).-- Segundo o profesor J. L. Pensado vén do nome persoal latino Eugenius. O xenitivo Eugenii, que

    .. et os paños que mandey en meu testamento aas ovenzas de Mellon outorgo quellos dou polo que ouven dessas oveenzas do que dellas tive que lle non paguey como devera.Codicilo de 1305. "Galicia Histórica" de A. López Ferreiro.

  • parte do sintagma *villa Eugenii, daría, pola elipse do termo villa, máis a transformación Eu > Ou > O e a desaparición do –ii final, o actual Oxén. (Está mal O Xen como figura escrito nalgún sinal de circulación.)

    PPaciños (Requeixo de Valverde, Allariz ║ Mudelos, O Carballiño).-- Diminutivo de pazos.

    Podería ser pexorativo ou burlesco.

    Pacio (Carracedo, A Peroxa ║ Mendoia, A Pobra de Trives ║ lug. da parroq. e Conc. da Rúa ║ Faramontaos, Nogueira de Ramuín) ║ Pacios (Xagoaza, O Barco de Valdeorras ║ Melias, Coles ║ lug. da parroq. e Conc. de Nogueira de Ramuín ║ Toubes, A Peroxa) ║ O Pacio (Alais, Castro Caldelas ║ Poboeiros e Santa Tegra de Abeleda, Castro Caldelas ║ Velle, Ourense ║ Chandrexa, Parada de Sil) ║Pacios de Condelle e Pacios de Toutelle (Alais, Castro Caldelas) ║ Pacios de San Xurxo (San Xurxo, San Xoán de Río) ║ O Palacio (Navea, A Pobra de Trives ║ Orbán e Vilamarín, Vilamarín ║ lug. da parroq. e Conc. de Vilariño de Conso).-- Son todos eles -do mesmo xeito que (O) Pazo e similares- derivados da voz palatiu aínda que con evolucións lixeiramente distintas. A forma 'Pazo' é a máis "ortodoxa" estando 'Pacio' (exclusiva da metade oriental) quizais influenciada polo leonés ou polo castelán. Coa forma 'Pazo' temos uns 290 casos en Galicia mentres que como ‘Pacio’ hai 110 e estes sómente se dan nas provincias de Lugo e Ourense. Da forma (O) Palacio só hai 10. ║ Non se pode esquecer o apunte feito por J. J. Moralejo nun traballo seu de que, aparte do lat. palatiu, "residencia señorial", houbo un prelatino palatio con significados gandeiros (aprisco, cortello de ovellas, etc) que puido, nalgún caso concreto, dar algún dos resultados toponímicos mencionados.

    ..., Iohannes Iohannis d-Oirioes, Dominicus dictus de Donas, Gundisalvus Martini d -Ougen, ...Doazón. 1272. Santa María de Oseira.

  • Paderne de Allariz (Conc. da Com. de Allariz-Maceda).-- Outro nome de posesor. Neste caso Paternus cuxo xenitivo (Paterni) foi o étimo do topónimo. (O engadido 'de Allariz' é simplemente para distinguilo doutro Concello da Coruña chamado só Paderne.)

    Padreda (lug. e parroq. de Vilar de Barrio) ║ Padrenda (parroq. e Conc. de Terra de Celanova ║ Rubiás, Ramirás) ║ Padrendo (Río Caldo, Lobios) ║ Padroso (Rioseco, Calvos de Randín ║ Lampaza, Rairiz de Veiga ║ lug. da parroq. e Conc. de Sarreaus ║ A Abeleda, Xunqueira de Ambía).-- Abundanciais, con distintos sufixos, da forma botánica "padreiro". (V. seguinte)

    Padreiro (lug. da parroq. e Conc. de Castrelo de Miño).-- Na fala común a palabra "padreiro" é equivalente á normativizada "pradairo", nome da árbore Acer pseudoplatanus, en castelán "arce blanco" ou "falso plátano".

    Padroso (Ver Padreda)

    Paicordeiro (lug. e parroq. de Allariz) ║ Painavalla (Valdín, A Veiga).-- Antrotopónimos. A nivel popular o nome Pelaio (de Pelagium) da Paio que logo, en compostos, por proclise queda en Pai. Nestes dous topónimos pode haber unha conxunción de dito nome e cadaun seu alcume (Cordeiro - o que fai cordas- e Navalla, respectivamente).

    Paizás (lug. e parroq. de Ramirás).-- Paizás é plural de "paizal". Son lugares abundantes en paínzo, nome do cereal Setaria italica, sinónimo de "millo miúdo". Lat. paniceum. En castelán é panizo e en portugués painço. (O equivalente en castelán do topónimo sería Panizales, coma un que hai en Mieres -Asturias-.)

    Palacio (V. Pacio)

    A Palela (Covas, Maceda).-- Palela é un diminutivo de "pala" e nesta, entre as múltiples

  • acepcións que ten, destaca, como referencia espacial, o significado de 'cova' ou 'refuxio rochoso'.

    O Palleiro (Sta. Cruz de Arrabaldo, Ourense).-- De paleario, e este de palea. Xeralmente ‘palleiro’ é unha morea de palla en forma cónica erguida ó aire libre mentres ‘palleira’ e unha dependencia ou construción onde se garda a palla.

    Palleirós (Reigada, Manzaneda).-- Diminutivo e depreciativo de palleiro, en plural, redución da palabra palleirolos.

    A Pallota (Coiras, Piñor ║ Salamonde, San Amaro).-- Unha "pallota" é o mesmo ca unha palloza ou caseta cuberta de palla.

    Pambre (Casardeita, Ramirás).-- Este nome, que se repite como topónimo e como hidrónimo en Palas de Rei (Lugo), parece ser un composto no que o segundo elemento (-mbre) sería unha continuación do celta -briga, "vila, cidade". En canto ó primeiro termo só caben conxecturas como a de que, visto que o nome medieval foi Palambre, logo Paambre, ese Pala tería unha multitude de posibilidades incluída a do significado de cova ou refuxio baixo roca que aínda está vivo en varias partes.

    Panoia (Trado, Pontedeva).-- Fitotopónimo. Panoia é o nome duna planta gramínea parecida a avea, pero tal palabra quizais teña máis uso como unha forma dialectal de nomear á mazaroca do millo. Nesta acepción en asturiano din "panoya" e en castelán "panoja".

    O Pao (lug. e parroq. de Gomesende) ║ Paredes do Pao (O Pao, Gomesende).-- A igrexa parroquial de Santa María do Pao está construída ó lado dun terreo que é, pola parte de máis arriba, un gurgullón (onde nace auga) e cara abaixo unha braña pola que esa auga corre abundante. Sendo así é máis que probable que o nome de 'pao' sexa unha derivación do lat. palus, -udis, "lagoa, pantano, estanque". Como o andaluz 'Palos de la Frontera' só que sen o 'l' intervocálico propio do galego. (Incluso cabe, á vista do artigo determinado que ten, que nalgún momento 'pao' fose un nome común con ese significado de braña.) De ser así é facilmente comprensible que ese topónimo, primeiro da igrexa, se trasladase ós dous lugares que hoxe o teñen.

    A igrexa do Pao está contigua a un terreo palúdico.

  • Parada (parroq. de Lobeira ║ lug. e parroq. de Vilamarín ║ Cameixa, Boborás ║ Ponte Castrelo, Castrelo de Miño ║ Asadur, Maceda ║ Parada de Labiote, O Irixo ║ Sabadelle, O Pereiro de Aguiar ║ Grixoa, Viana do Bolo ║ As Maus, Vilar de Barrio ║ Parada de Outeiro, Vilar de Santos).║ A Parada (Piñor, Barbadás).-- Lat. parata, p.p.f. do latín parare, ‘preparar alimentos/aposentos’. Soe corresponder cun lugar de descanso nunha encosta. (Algunha vez, podería referirse a unha alvariza, un recinto de colmeas.)

    Parada Seca (lug. e parroq. de Chandrexa de Queixa ║ Vilar de Cerreda, Nogueira de Ramuín) ║ Parada de Labiote (parroq. do Irixo) ║ Parada de Sil (lug., parroq. e Conc.da Terra de Caldelas) ║ Parada da Serra (lug. e parroq. da Gudiña) ║ Parada de Amoeiro (lug. e parroq. de Amoeiro) ║ Parada de Outeiro (parroq. de Vilar de Santos) ║ Parada de Ribeira (lug. e parroq. de Xinzo de Limia) ║ Parada de Ventosa (lug. e parroq. de Muíños) ║ Parada do Monte (Parada, Lobeira).-- Compostos de Parada. O xentilicio do concello de Parada de Sil é paradés, -esa.

    Paradela (lug. e parroq. de Coles ║ lug. e parroq. de Manzaneda ║ lug. e parroq. do Bolo ║ lug. e parroq. de Viana do Bolo ║ lug. de Moldes, Boborás ║ Randín, Calvos de Randín ║ Barral, Castrelo de Miño ║ San Estevo de Ribas de Sil, Nogueira de Ramuín ║ Lobás, O Carballiño ║ Vilar de Astrés, Ourense ║ Niñodaguia, Xunqueira de Espadanedo) ║ Paradela de Abeleda (lug. e parroq. de Porqueira).-- Diminutivo de Parada.

    Paradiña (lug. e parroq. de Sarreaus ║Asadur, Maceda ║ Rebordondo, Monterrei) ║ Paradiñas (Torneiros, Allariz).-- Diminutivos de Parada.

    Parafita (lug. e parroq. de Chandrexa de Quieixa ║ Pedrafita, A Teixeira).-- Proceden do lat. petra ficta, "pedra fincada", e refírense a un marco de pedra delimitador dunha propiedade ou dun territorio.

    O Paraiso (Santiago das Caldas, Ourense ║ Albarellos, Boborás).-- Do latín paradisum, ‘xardín, paraíso’, pero nunha acepción concreta de gran parque ou finca pechada, recordando ó Paraiso do Xénese.

    Paramios (Castrelo, San Cristovo de Cea).-- De paramus, "chaira alta", vocábulo latinizado procedente dunha voz prerromana (probablemente iliria, segundo Moralejo Laso, ou doutra lingua indoeuropea, segundo Corominas).

    O Paraño (O Regueiro, O Irixo).-- Dun lat. *petraneo, "de pedra, pedroso".

    Pardavedra (lug. e parroq. da Bola).-- É o resultado dun antigo Parata Vetera, parada vetusta ou vella. (V. Parada)

    Pardeconde (Os Pensos, Esgos ║ Os Pensos, Xunqueira de Espadanedo).-- Son dous núcleos distintos separados entre si apenas 100 metros, que pertencen á mesma parroquia, pero a distinto Concello. En documentos medievais figura o precedente "Parata comitis", Parada do Conde, sen que podamos precisar máis o sentido desa forma, pero que ben puidera tratarse dun lugar de descanso dun cabaleiro dese título.

    Parderrubias (lug. e parroq. da Merca).-- Antigamente Parietes rubias, "Paredes rubias", referido a esa cor que tira a vermello, a cor da arxila. Fai supoñer que as primeiras casas, as que lle deron nome ó núcleo, eran desa terra, alí abundante.

  • Pardellas (Monte Redondo, Padrenda).-- Do lat. vulgar parietella, "parediña", diminutivo de paries, -etis, "parede, muro".

    Os Pardieiros (Calvelle, Pereiro de Aguiar ║ Lobaces, Trasmiras) ║ Os Pardiñeiros (León, Vilamarín).-- Están todos relacionados co latín vulgar *parele, do clásico pariete, ‘parede’. Pódense referir ás paredes dun edificio sen rematar, a unhas paredes de cercado ou a unhas ruínas. A palabra 'pardiñeiro' figura no dicionario actual ("Edificio en ruínas e deshabitado.") aínda que o seu coñecemento sexa moi restrinxido. (Ver no cadro seguinte dous exemplos do uso do apelativo "pardiñeiro".)

    Paredes (lug. e parroq. de Montederramo ║ Albarellos, Boborás ║ Poulo, Gomesende ║ Serantes, Leiro ║ A Cidá, O Irixo ║ A Corna, Piñor ║ Puga, Toén ║ lug. da parroq. e Conc. de Verea ║ San Pedro de Laroá, Xinzo de Limia) ║ Paredes do Pao (O Pao, Gomesende).-- Transparente. Do lat. paries, -etis, "parede, muro". Seguramente a intención precisa era a de muro ou cerramento dalgunha dependencia agrícola. Tamén poderían referirse a restos de edificacións antigas.

    O Parladoiro (Calvelle, O Pereiro de Aguiar).-- Parladoiro, segundo o dicionario, é, propiamente, cada un dous asentos de pedra que había nas casas antigas no van das ventás para sentar neles e falar dúas persoas, pero podería aplicarse a calquera outro sitio para falar.

    A Parrocha (Asadur, Maceda).-- É un derivado de parra. É unha palabra prelatina, que se supón equivalía a "emparrado", "enreixado" ou "glorieta", e que deu -aparte da nosa parra- variadas derivacións en distintas linguas con significados distintos como "cercado", "horto", "celeiro", etc. Así como, precisamente, a palabra galega "parrocha": "Cabana, casoupa para guardar ferramentas ou para abrigar-se" (Dic. Estraviz). Claro que iso non quita que poida ser una forma coloquial e afectiva de referirse, efectivamente, a unha parra. ║ Parrocha tamén é un arcaismo por "parroquia".

    Parteme (Froufe, O Irixo).-- Nome de posesor. De *(villa) Partemii, e dicir, "(vila) de Partemius", nome grego latinizado.

    Partovia (lug. e parroq. do Carballiño).-- A web do Concello do Carballiño falando do Balneario das Caldas de Partovia di que "mentres para uns Partovia significa etimoloxicamente ‘o porto da vida’ –Portus Vitae– (Ferro Couselo, Fariña Jamardo), para outros é o ‘lugar de onde parte unha vía’ (Xosé Luís Sobrado), confirmando así a existencia dunha calzada

    ... damos e outorgamos a uós Gomes Gonçalues Lobato em concanbeo e por jur de herdade para senpre aquel pardiñeiro que ffoy cassa que ora está descuberto e asolado. Cambio ("concambeo"). 1391. Tombo Catedral de Santiago.

    ... os quaes pardineyros suyan seer casas sobradadas e foron queimadas e destruidas ena entrada que entrou Pero xarmento en esta çidade de Tuy e o qual lle aforaron con todas perteenças e entradas e saydas por tal pleito e condiçon que o dito Vaasco Duraaz e a dita sua moller alçen e façan as ditas casas de pedra e de tella e de madeyra e de todaslascousas que averen mester en maneyra que seyan feitas e acabadas...Foro. 1370. [Tui séculos XII-XV - Portela Silva, Ermelindo]

  • romana con orixe en Partovia". No primeiro caso o nome procedería dos romanos que se estarían referindo as augas salutíferas das históricas fontes do lugar de Caldas.

    Pasadán (O Mesón de Calvos, Taboadela).-- No século XV xa se usaba como topónimo igual que A Pousa de Pasadán. Os topónimos rematados en -án soen referirse a propietarios de nome xermánico con xenitivo en -ani ou en -anis.

    Pascais (Amiudal, Avión).-- Derivado de lat. pascuum, "pasteiro" (lugar de pastos), expresado en plural. En galego antigo (Na "General Estoria") aparece a forma "pasco".

    Pazo (Augas Santas, Allariz ║ Valongo, Cortegada ║ Desteriz, Padrenda ║ O Pazo (Pardavedra, Berredo e Sorga, A Bola ║ Santa Comba, Bande ║ Ponte Ambía, Baños de Molgas ║ Pazos de Arenteiro, Boborás ║ Espiñoso, Cartelle ║ lug. da parroq. e Conc. de Castrelo de Miño ║ Casardeita, Celanova ║ Santa Comba de Trevoedo, Maside ║ Banga e Ponte Veiga, O Carballiño ║ Triós, O Pereiro de Aguiar ║ Figueiroá, Paderne de Allariz ║ Coiras, Piñor ║ Freás, Punxín ║ Casardeita, Ramirás ║ Gargantós, San Cibrao das Viñas ║ Puga, Toén) ║ Pazos (Armental, A Peroxa ║ Cadós, Bande ║ Ambía, Baños de Molgas ║ A Veiga, Celanova ║ Grou e Lobios, Lobios ║ Barxés, Muíños ║ O Castro de Beiro, Ourense ║ Paizás, Ramirás ║ Anllo, San Amaro ║ Soutopenedo, San Cibrao das Viñas ║ Pereda, San Cristovo de Cea ║ Codosedo, Sarreaus ║ Santiago da Rabeda, Taboadela║ lug. e parroq. de Verin) ║ Os Pazos (Espiñoso, Cartelle).-- Transparentes. Pero só en principio porque poidera haber algún caso (tamén aplicable ós que xa vimos de Pacio e Palacio) de que, popularmente, de forma metafórica ou, quizais, irónica, se lle dese esa denominación a uns muros antigos ou a unha casa pretenciosa. (Ver Pacio)

    Pazos da Abeleda (A Abeleda, Xunqueira de Ambía) ║ Pazo das Chousas (Acevedo do Río, Celanova) ║ Pazos de Abaixo e Pazos de Arriba (lugares da parroq. e Conc. de Punxín) ║ Pazos de Arenteiro (lug. e parroq. de Boborás) ║ Pazos de Monte (lug. da parroq. e Conc. de Vilamarín) ║ Pazos de Olás (Olás de Vilariño, A Merca) ║ Pazos de San Clodio (lug. e parroq. de San Cibrao das Viñas) ║ Pazos Ermos (A Pena, Cenlle).-- Compostos de Pazos. Os predicados son meramente identificativos. Xeralmente aluden á parroquia.

    Pazó (Parada de Ventosa, Muíños) ║ San Martiño de Pazó (parroq. de Allariz).-- Deriva do lat. palatiolu, sendo este un diminutivo de palatio. Pazo pequeno.

    Peago (Souto, San Cristovo de Cea).-- "Peago" en galego (normativo "piago") é un "pozo ou lugar profundo no río". Ven do lat.pelagus, e este do grego pélagos, co significado -en ambas linguas- de "mar, alta mar", valor que se mantén no castelán "piélago". En galego, como vimos, deu outro significado, pero, ademais disto, nun dicionario latino (Spes) vemos que pelagus tiña unha segunda acepción (distinta das do galego e castelán comúns). É a de "augas desbordadas dun río". O lugar do que falamos está ó pé do chamado río Pequeno, afluente do Barbantiño, e xusto na parte de afora dunha curva do río facilmente alagadizo.

    Peaguda (Ordes, Rairiz de Veiga).-- De primeiras podería pensarse nunha "pedra aguda" que denotase algunha pedra nesas condicións (quizais unha pedrafita) ou unha forma bicuda

    Sabeam quantos esta carta virem commo nos frey Affonsso abbade d ' Osseyra et o convento desse lugar damos a vos Johan Vidal et a vossa moller Maria Martinez et a hun vosso fillo d ' anbos ou filla … uso dos froytos a meatade do nosso casar de Paços d ' Arinteyro, a monte et a fonte, o qual e su sino de San Salvador de Paacos, …Aforamento. 1336. Santa María de Oseira

  • do terreo. Do lat. petra e o lat. acuta, "bicuda". Sen embargo na observación actual do lugar non se observa, a pesares de ser un terreo moi pedregoso, ningunha das circunstancias aludidas.

    Os Peares (lug. e parroq. da Peroxa).-- 'Peares', substantivo masculino plural, son un conxunto de pedras colocadas para pasar un río, sinónimo de 'pasal' ou 'pasadoiro'. Cada unha desas pedras é un 'pasal' ou ‘piar' do lat. vulgar pilare, de pila, ‘columna’. ‘Pear’ tamén figura nalgúns dicionarios co significado de ‘o que cobre o pé’. Sexa dunha forma ou doutra ambos están asociados á idea de pasa-lo río.

    A Pedra (Velle, Ourense) ║ Pedra do Sol (Montoedo, A Teixeira).-- Palabra común que por algunha razón se aplica nestes casos.

    Pedrafita (parroq. da Teixeira).-- Do lat. petra ficta, "pedra chantada", tanto pode designar un marco de propiedade como un menhir prehistórico.

    Pedraio (Santa Marta de Moreiras, O Pereiro de Aguiar).-- De ‘villa Petragio’, documentado en 938.

    Pedrazas (Chaveán, Chandrexa de Queixa).-- Transparente. Aumentativo de pedra, en plural.

    Pedreira (Carracedo, Peroxa) ║ A Pedreira (San Vitoiro da Mezquita, Allariz ║ Barxés, Muíños).-- Lat. vulgar petraria, ‘chan rochoso’. Sitio de moitas pedras. (¿Algunha vella canteira?)

    Pedriña (Corneda, O Irixo).-- Topónimo relacionado con pedra. Podería ser un diminutivo tardío de pedra, pero é máis probable que sexa un adxectivo latino (petrina, "pétreo") co substantivo omitido.

    Pedrosa (Grou, Lobios ║ Trado, Pontedeva ║ Trasestrada, Riós) ║ A Pedrosa (A Xironda, Cualedro).-- Topónimo repetido en toda Galicia alude, como é fácil supoñer, a un lugar (un monte, por exemplo) pedregoso, pedrento, que ten moitas pedras.

    Pedrouzo (San Cosmede de Cusanca, O Irixo) ║ Pedrouzos (parroq. de Castro Caldelas).-- Alusión a pedras grandes ou a pedregal. Lat. petrosus, a, um, "cheo de pedras".

    Pegariña (Sorga, A Bola).-- X-A Porto Dapena, a propósito dun topónimo Pegariña sito en Cedeira, propón tres hipóteses das que da como máis probable a dun suposto *pecuarina, derivado de pecuarius, -a, -um, adxectivo "gandeiro", co que se estaría a falar dun lugar onde se mete ó gando a pacer. (De pecuarius derivan tamén "pegureiro" (pastor) e, por vía culta, "pecuario".)

    Pegas (Ordes, Rairiz de Veiga) ║ As Pegas (parroq. e Conc. de Sandiás) ║ Pegas do Cotorro (Coedo, Allariz).-- De primeira impresión estes topónimos parecen lembrar á "pega", o paxaro Pica pica, "urraca" en castelán (ou, en todo caso, á "pega marza", Garrulus glandarius, arrendajo en castelán). Sen embargo ó tratarse dun paxaro moi común e abondoso costa crer que servise de referente toponímico. Por outro lado a circunstancia de que eses tres topónimos, únicos na provincia, estean próximos entre si, situados os 3 nun radio de apenas 5 kms., induce a pensar nalgún localismo (dialectal ou non) propio da zona nalgún momento do devir lingüístico. Como mera hipótese poderíamos pensar nalgunha palabra da familia do lat. pecus, -oris, "gando". (Unha derivada desta, pecuarius, "referente ó gando", é o étimo da palabra patrimonial 'pegureiro' -pastor- e do cultismo 'pecuario'.) Esa palabra podería referirse a algunha instalación dese tipo, quizais cun substantivo hoxe elidido. A modo de exemplo posible apuntaremos o adxectivo pecuinus, a, um, cuxo

  • acusativo feminino sería pecuinam o cal evolucionaría a pégua, facilmente asimilado popularmente como "pega". ║ O predicado do último, Cotorro, é un coto considerado de forma despectiva ou diminutiva.

    Pegas do Cotorro

    Peimogo (Barbantes, Punxín).-- Antroponímico. Composto dun nome de persoa e un sobrenome. Peimogo < Pai Mogo < Paio Mogo. (Paio vén de Pelagius.) Por outra parte "mogo" é un equivalente de "monxe" e pode estar aquí como profesión, apelido ou alcume. (Lat. monachus, -i, monxe.)

    Os Pelamios (Ourense cidade).-- Lugar onde se curten as peles. Consérvase o topónimo na Ponte dos Pelamios, a pesar de que esta construción non sexa a orixinaria.

    Peliquín (Hoxe das Caldas, antes de Cudeiro, Ourense).-- A terminación en –ín induce a pensar que estamos ante o nome, xenitivo en –ini, dun posesor medieval (-inus). Como é o caso de Marín, Petín, Gundín, etc. ║ Juán Carlos Rivas di que está relacionado co lat. Pellis, "pel, coiro".

    O Pelouriño (Tibiás, O Pereiro de Aguiar).-- Sitio público onde se castigaba, e expoñía, ós reos culpables. Tamén chamado ‘picota’ coma en castelán.

    A Pena (lug. e parroq. de Xinzo de Limia ║ Anfeoz, Cartelle ║ lug. da parroq. e Conc. de Castro Caldelas ║ lug. da parroq. e Conc. de Cenlle ║ Sanmartiño, Manzaneda ║ A Carballeira, Nogueira de Ramuín ║ Señorín, O Carballiño ║ Vilariño, O Pereiro de Aguiar ║ lug. da parroq. e Conc. de Padrenda ║ Chandrexa, Parada de Sil ║ Reádegos, Vilamarín).-- Transparente. Pena, rocha, penedo. Lat. pinna, "amea". ║ A palabra pinna xa en latín era polisémica. Valía para unha pluma de ave (pena en galego arcaico), para as aletas dos peixes e para as ameas dunha fortaleza ou muralla. Foi este último valor o que se comezou a aplicar metaforicamente ás rocas que coroaban as cristas dun monte e así deste xeito chegou a servir para designar as penas, rocas ou rochedos. (É, ó mesmo tempo, homófona doutra distinta, a concernente á mágoa ou castigo, derivada de poena.) No sentido pétreo mencionado é no que se usou para construír os topónimos. Por certo, hai case 390 lugares en Galicia con nomes relacionados con ‘Pena’, moitos deles compostos, pero, salvo gran parte deses compostos e só 6 máis, todos levan artigo. ¿Será isto testemuña de que xa se formaron en romance e non antes en latín?

  • As Penas (Ambía, Baños de Molgas ║ Os Abeledos, Montederramo) ║ A Graña, Xunqueira de Ambía).-- Transparente. Plural de A Pena. (V.)

    As Penas (Ambía, Baños de Molgas ║ Os Abeledos, Montederramo) ║ A Graña, Xunqueira de Ambía).-- Transparente. Plural de A Pena. (V.)

    Pena Folenche (lug. e parroq. da Pobra de Trives) ║ Pena Petada (lug. e parroq. da Pobra de Trives) ║ Pena Verde (Rebordondo, Cualedro) ║ Pena do Chao (Viñoás, Nogueira de Ramuín) ║ Pena do Souto (O Navallo, Riós) ║ A Pena de Abaixo e a Pena de Arriba (Garabás, Maside).-- Compostos varios con “pena”.

    Penadiz (Arnuíde, Vilar de Barrio).-- Composto de "Pena e "Diz", equivalente a "Pena de Díaz", sendo este último o patronímico "fillo de Diego".

    Penaflor (Torneiros, Allariz).-- Segundo G. Navaza é un nome eufemístico "que veu substituír a denominación tradicional da aldea, que era Cabrón". Entre finais do século XIX e comezos do XX.

    Penalba (Viñoás, Nogueira de Ramuín ║ San Xes, Paderne) e Penas Albas (Santa María de Albán, Coles).-- A primeira parte destes topónimos está clara (lat. pinna), pero a segunda é controvertida: pode derivar da latina albam, “ branca" ou gardar relación coa raíz indoeuropea *alb / *alp que significa "altura". Entón, ¿pena branca ou pena alta?

    Penalonga (Covelas, Os Blancos).-- Pena longa.

    Penalta (Mourillos, Celanova).-- Transparente: Pena alta.

    Penedo (Couso, Avión ║ Pedrouzos, Castro Caldelas ║ Sagra, O Carballiño ║ Triós, Pereiro ║ Soutopenedo, San Cibrao) ║ O Penedo (A Encomenda, A Pobra de Trives ║ Partovia, O Carballiño ║ Santa Marta de Moreiras, O Pereiro de Aguiar ║ Cortegada, Sarreaus) ║ O Penedo de Xuvencos (Xuvencos, Boborás).-- Transparente: rocha grande e de certa altura. De pinnetum, diminutivo de pinna, ‘pena, rocha’. ║ Ou do celta penn-, ‘roca’ máis o sufixo –edo.

    Penelas (Sas de Penelas, Castro Caldelas ║ Coucieiro, Paderne ║ Ordes, Rairiz de Veiga) ║ A Penela (Astureses, Boborás ║ Orbán, Vilamarín ║ San Miguel do Campo, Nogueira de Ramuín) ║As Penelas (Puga, Toén).-- Diminutivos de ‘pena’, ‘pena pequena’. Poderían estarse referindo a un pequeno outeiro.

    Penín Novo (Sabucedo, Porqueira).-- De *villa Pennini, e dicir, Vila de Penninus. O atributo “novo” fai pensar que houbo un desprazamento espacial.

    Penouta (lug. e parroq. de Viana do Bolo ║ Correxais, Vilamartín de Valdeorras).-- Palabra composta de "pena" e "outa" (alta). "Pena alta" no sentido de estar nun sitio alto. O adxectivo outo/a só se conserva na toponimia.

    Penosiños (parroq. de Gomesende e Ramirás: San Salvador ║ Santo André de Penosiños (parroq. de Ramirás: Santo André).-- Diminutivo en plural de penoso, "pedregoso".

    Penouzos (Seixalbo, Ourense ║ Padreda, Vilar de Barrio).-- Parece un aumentativo de pena (penedo), unha variante da palabra 'penouco'. (Un penouco é unha pena grande que sobresae das demais.)

    Os Pensos (lug. e parroq. de Esgos).-- Debe o nome ó río dos Pensos ou río de Esgos que desauga no Loña, cerca dos Gozos.

  • Pentes (lug. e parroq. da Gudiña).-- Pentes é o mesmo que peites (o utensilio de peitearse), plural de pectine, "peite", pero pénsase que aquí está en sentido figurado e que en realidade alude ó cardo bravo ou cardencha, o cal en moitos lugares é chamado peite (peine en castelán). Ocorre que este cardo é o que deu lugar ao verbo "cardar" pois coa súa cabeza peiteábase a la antes de fiala.

    Pepín (lug. e parroq. de Castrelo do Val).-- Antrotopónimo. De *(villa) Peppini, ou sexa, "(vila) de Peppinus". Posesor latino.

    Peralba (Valongo, Cortegada).-- Aparenta ser un composto dun anterior "pedra" e mais "alba", "pedra branca".

    Pereda (lug. e parroq. de San Cristovo de Cea ║ lug. da parroq. e Conc. de Cartelle) ║ O Peredo (Covas, Montederramo).-- Ambos son colectivos, formados con piraria (pereira) ou pirariu (pereiro) + o sufixo -eta ou -etu. Posiblemente os dous nomes citados se correspondan correlativamente con pereira e pereiro, por esa orde, pero non se pode asegurar. (V. Pereira e O Pereiro)

    Pereira (Pereira de Montes, A Merca ║ Corvelle, Bande ║ Carballeda, Piñor ║ Paizás, Ramirás) ║ Pereira, A ( lug. e parroq. de Entrimo ║ Santo Eusebio da Peroxa, Coles ║ Refoxos, Cortegada ║ Vilanova, A Pobra de Trives ║ Viñoás, Nogueira de Ramuín ║ Sabariz, Rairiz de Veiga)║ Pereira de Montes (parroq. da Merca) ║ Pereira de San Tomé (Santo André de Penosiños, Ramirás) ║ Pereiras (Xendive, Boborás ║ Santiago da Rabeda, Taboadela) ║ As Pereiras (Bobadela, Celanova ║ Gabín, Montederramo ║ Armariz, Nogueira de Ramuín ║ Redemuíños, Quintela de Leirado ║ Santo André de Penosiños, Ramirás) ║ A Pereiriña (Candás, Rairiz de Veiga).-- Transparente. Árbore (Pirus communis) que dá a pera como froito. Lat. piraria. Castelán peral.

    O Pereiro (lug. e parroq. da Mezquita ║ Piñeiro, A Pobra de Trives ║ Palmés, Ourense ║ Pedrouzos, Castro Caldelas ║ Milmanda, Celanova ║ lug. da parroq. e Conc. de Cenlle ║ Santa Mariña de Albán, Coles ║ Valongo, Cortegada ║ Cerdedelo, Laza ║ Monte Redondo, Padrenda ║ Castrelo, San Xoán de Río ) ║ Orbán, Vilamarín ║ Os Pereiros (lug. da parroq. e Conc. de Cartelle ║ Marrubio, Montederramo) ║ O Pereiro de Aguiar (lug. de Prexigueiró, Pereiro de Aguiar e Conc. da Com. de Ourense) ║ O Pereiro de Alén (Prexigueiró, Pereiro de Aguiar).-- Transparente. Pereiro é un tipo de mazaira que da os peros, mazás con forma de pera. Do lat. pirariu. Pero algún tamén podería ter relación con petrarium, de petra, -ae, ‘pedra’. (O lug. do Pereiro de Aguiar antigamente chamábase "Vila do Pereiro".)

    A Peroxa (lug., parroq. e Conc. da Com. de Ourense) ║ A Peroxa Vella (Graíces, A Peroxa) ║ Santo Eusebio da Peroxa (parroq. de Coles que por algunha razón conserva como determinante o nome do concello veciño).-- Lat. patrosa, ‘pedrosa’. Sitio pedroso. O xentilicio do concello da Peroxa é peroxau, -xá.

    Perrelos (lug. e parroq. de Sarreaus).-- Este topónimo podería esconder un latín petra, "roca", o que deu lugar a "pedra".

    Pesqueiras (Pedrouzos, Castro Caldelas).-- Aínda que non podamos precisar a relación con ese enxeño recordemos que unha pesqueira (lat. piscaria) é unha construción popular para a pesca fluvial. Ás veces tamén se usa como sinónimo de "presa" para regar ou para fornecer un muíño.

    As Peteiras (Melias, O Pereiro de Aguiar).-- Podería estar relacionado coa configuración

  • do terreo (V. A Petada) ou ser un termo agrario. Os dicionarios de Carré e Estraviz tran a palabra co significado de "terra con abundancia de plantas de varias familias para que non se desenvolvan moito". Á súa vez, "peteiro", así en masculino, pero que en toponimia podería ser feminino, denomina a un "conxunto de plantas que destacan das outras pola súa altura". É palabra sinónima de mouteira e de petada.

    Á beira do romano ponte da Cigarrosa (na marxe esquerda do Sil) está o concello que antes foi a "vila de Pettinus".

    Petín (Vila, parroq. e Conc. da Com. de Valdeorras).-- Nome de posesor. De *(Villa) Pettini, ou sexa, "Vila de Pettinus". Xentilicio: petinés, -nesa.

    Pías (Castro de Escuadro, Maceda) ║ A Pía (Ourille, Verea) ║ As Pías (A Manchica, A Merca ║ Vilameá de Ramirás, Ramirás).-- A palabra é sobradamente coñecida (do lat. pila, "morteiro" distinto -aínda que homófono- de pila, "columna"-), pero a motivación puido ser moi ampla, desde estanque para abeberar ata lavadoiro de roupa ou fochanca na roca.

    Picouto, O (capitalidade do Conc. de Ramirás, parroq. de Freás de Eiras ║ Pazos de San Clodio, San Cibrao das Viñas).-- Orónimo. Relativo a un pico orográfico alto. Pico ven de bico e este do celta becus. Outo é un arcaísmo galego por 'alto' que só se conserva na toponimia.

    Pidre (Solbeira de Limia, Xinzo de Limia).-- De *(villa) Petri, ou "(vila) de Petrus", hoxe Pedro.

    O Pino (Canedo, Ourense) ║ Os Pinos (Vilameá, Ramirás).-- Estes dous topónimos, ademais da diferenza de número gramatical, pode que respondan a motivacións distintas: O primeiro posiblemente aluda ó adxectivo "pino", sinónimo de costento, pendente, reborondo, cualificando o declive do terreo. O segundo, debido ó plural e mais ó artigo, fai pensar nun conxunto de piñeiros. A palabra "pino" tamén se usa en galego, pero debeu de entrar como castelanismo ou como cultismo. En latín houbo, en épocas distintas, pinu e pinariu. A voz que aquí veu foi a segunda. A primeira habería dado "piño". ║ G. Navaza di ó respecto que “Podemos conxecturar que os escasos topónimos en que aparece pino han de ser recentes, do XVIII ou posterior ...”

    Pintás (Lobás, Calvos de Randín).-- Dubidoso. Podería derivar (en calquera dos casos formando un colectivo) de unha de dúas palabras do vocabulario común: peita ou peite. A primeira, peita (lat. pactus, -a, -um, "cousa pactada"), designa un antigo tributo medieval.

  • (En castelán "pecho".) Ten outra acepción -seguramente en sentido figurado- de "suborno". A segunda palabra, peite (lat. pecten.-inis), de ser correcta non se estaría referindo o coñecido instrumento de aseo senón a un cardo peiteador usado en tempos para cardar (peitear con cardo) a la. En termos toponímicos esta segunda opción é a máis verosímil. ║ Tamén cabe un antrotopónimo formado desde o nome xermánico Penta. ║ En Asturias hai un topónimo equivalente, Pintanes, que probablemente, se corresponda con algunha das motivacións expostas.

    Pinza (lug. e parroq. de Viana do Bolo).-- Pode derivar de pinu, a forma máis arcaica (fronte á posterior pinariu) de nomear en lat. ao piñeiro. Para Moralejo Laso provén de Painza, forma anterior derivada do colectivo latino vulgar panicia, "paínzos".

    Piñeira (Anfeoz, Cartelle ║ O Burgo, Castro Caldelas) ║ Piñeira de Arcos (lug. e parroq. de Sandiás) ║ Piñeira Seca (lug. e parroq. de Xinzo de Limia) ).-- É indubidable que está relacionado co piñeiro, pero pode haber dúas diferenzas de matiz: a primeira, que esteamos ante o que algúns chaman xénero dimensional en virtude do cal unha "piñeira" sería un "piñeiro" enorme. A segunda posibilidade é a de que lle chamasen piñeira (do lat. pinaria) a un colectivo de piñeiros. Seguramente hai casos dun e casos doutro. (Con todo non se pode desbotar a posibilidade dunha vila Piniaria, pensando nuns Piniarius, xentilicio latino de Pinius.)

    O Piñeiral (lug. da parroq. e Conc. de San Cibrao das Viñas).-- Bosque de piñeiros.

    Piñeiro (lug. e parroq. de A Pobra de Trives ║ lug. e parroq. de Maside ║ Proente, A Merca ║ Castromao, Celanova ║ Osmo, Cenlle ║ lug. da parroq. e Conc. de Padrenda ║ Mosteiro, Ramirás ║ Las, San Amaro) ║ O Piñeiro (Piñor, Barbadás ║ San Martiño de Moreiras, O Pereiro de Aguiar).-- Árbore da familia das pináceas, xénero Pinus, da que hai varias especies. Chama a atención que haxa máis topónimos motivados polo nome en singular, e dicir, por un exemplar só, que por conxuntos dos mesmos. Do lat.pinariu. ║ É crenza xeneralizada que esta árbore chegou a Galicia no século XVIII, pero é un topónimo que xa figura na documentación medieval se ben, a maioría, en singular referíndose a exemplares illados.

    Piñeiroá (Camba, Castro Caldelas).-- Diminutivo de piñeiro, derivado do lat. pinariola.

    Piñoi (Cados, Muíños) ║ Piñón (Zaparín, Cortegada).-- De *villa Pinioli, "‘finca de Piniolus", sendo Piniolus un diminutivo familiar de Pinius.

    Piñor (Conc. da Com. do Carballiño ║ lug. da parroq. de Barrán capitalidade do Conc.de Piñor ║ parroq. de Barbadás).-- Orixe antroponímico, igual ca os anteriores. Son distintas resolucións dunha mesma procedencia. O xentilicio do concello de Piñor é piñorao, -á.

    A Pipileira (Piñor, Barbadás).-- A palabra galega "pipileira" correspóndese coa castelá "humero". Ambas significan tanto o canón dunha cheminea como o sitio onde se afuma a matanza. Algunha destas dúas circunstancias debeu de servir de causa para este topónimo.

    Piornedo (lug. e parroq. de Castrelo do Val).-- Lugar onde abunda o piorno, un arbusto bravo, especie de xesta. O Adenocarpus complicatus, entre outros.

    Pioselo (Santa Marta de Moreiras, Pereiro de Aguiar).-- En 1356 xa é citado como topónimo: “... que anbos agades de consuu, o noso casal que avemos na vila de Pioselo, o qual chaman Cima de Vila;…” (San Pedro de Rocas.)

  • A Pitanza (Boimorto, Vilamarín).-- "Pitanza" hoxe, en termos coloquiais, é o alimento decotío. En tempos a palabra, derivada de "piedade" no italiano "pietanza" (comida que se da por piedade), designaba á ración extraordinaria de comida que recibía unha comunidade ou uns necesitados ou tamén un estipendio en diñeiro ou comida. Como topónimo é de supoñer que responda ben a algún feito anecdótico, hoxe esquecido, relacionado con unha pitanza , ben a unha casa onde se cociñase ou repartise tal cousa.

    A Piteira (lug. e parroq. do Carballiño).-- Parece relacionado coas galiñas. Pode ser un sitio de pitas ou unha muller tratante nelas. Tampouco non se pode descartar unha variante popular de "peteira" (V. As Peteiras) nin un oronímico en base á raíz pett- / pitt, "rocha bicuda".

    Pitelos (lug. e parroq. de Verea).-- É palabra, en plural, do léxico común. Designa un pauciño delgado axeitado para prender o lume. Os dicionarios din que é una estela ou racha pequena de madeira, pero tamén ten se pode asimilar co garabullo ou guizo.

    Piúca (lug. da parroq. de Piúca ou Araúxo, Maceda).-- En principio "piúca" podería ser un diminutivo de "pía" (lat. pila + sufixo -ucca). Non é unha formación moi abondosa, pero si posible, como en casuca, mulleruca ou maluca. Sen embargo pódese ter en conta o seguinte: Na documentación do mosteiro de San Vicezo de Pombeiro noméase, a partir do século XIII, varias veces un topónimo "Piúca", e antes, desde o X ao XIII, "Peduca", e tanto un coma o outro sempre relacionado con auga/arrogio/rivulum. Evidentemente este Peduca/Piúca non é o que estamos a tratar senón outro que, aínda hoxe, existe no Concello de Pantón (Lugo), o mesmo concello do mosteiro citado, pero pode darnos unha pista. É esta podería ser que ese rivulum (ou regato) tivese un paso a pé para peóns, con algún tipo de peal, pasal ou pasadoiro, con ese nome que sería un derivado de pes, pedis, "pe".

    Placín (lug. e parroq. de Manzaneda).-- A pesar da proximidade fonética cun diminutivo de praza puidera tratarse dun antrotopónimo formado sobre Placini, xenitivo do nome latino Placinus.

    Pobadura (Gustei, Coles ║ Oseira, San Cristovo de Cea).-- Pola forma parece palabra derivada do verbo poboar, como poboamento, pero non atopei confirmación ó respecto.

    O Poboado (parroq. e Conc. de Manzaneda) ║ Poboado de Prada (Prada, A Veiga).-- Transparentes. O primeiro é unha urbanización moderna a un lado da vila e o segundo foi construído pola empresa promotora do encoro de Prada no río Xares.

    A Poboanza (Parada de Amoeiro, Amoeiro).-- Igual que poboamento. Deverbativo de poboar co sufixo -anza < lat. -antia. (Este sufixo, compañeiro de verbos da 1ª conxugación, é patrimonial fronte ós cultismos -ancia.)

    Poboeiros (parroq. de Castro Caldelas repartida en 8 lugares).-- Da familia do verbo poboar, é o mesmo que "poboadores". Seguramente se refire a xentes vidas de afora que repoboaron os lugares da parroq.

    A Pobra de Trives (Vila, parroq. e Conc. cabeza de Com.).-- Pobra, deverbativo de poboar (ou dunha variante), indica a acción deste verbo. Xeralmente se aplicaba este nome (e a veces algunha variante) a un determinado tipo de poboamento, planificado desde o poder e cun outorgamento de privilexios. Nos séculos XII e XIII foi habitual que os reis, proclamando as chamadas carta-pobra, poboasen ou repoboasen novos territorios ou que lle desen un status especial a unha vila xa existente. Se ben en Galicia é difícil que se dese o primeiro destes casos si que se deu o segundo. A parte diso é factible que, por mimetismo, outras xerarquías inferiores (nobreza ou conventos) emulasen esas repoboacións ou favores por algunha comenencia do momento. Con todo o uso desa palabra e equivalentes quedou, curiosamente en todas partes, restrinxido á toponimia:

  • Puebla ou Pobladura en Castela, Pobla en Cataluña, Pola en Asturias, Póvoa en Portugal e Pobra, Proba ou Póboa en Galicia. ║ O predicado (Trives) alude a un grupo étnico, de presenza histórica: os tiburos. Xentilicio: trivés, -esa. (V. Trives)

    Podentes (lug. e parroq. da Bola).-- Para uns, nome de posesor. De *(villa) Potentiis, "(vila) de Potentius", nome latino. Para outros, do latín potentes, "os poderosos". Ocorre que ese nome propio Potentius estaba formado, precisamente, sobre o común citado co cal é imposible aclarar a disxuntiva.

    Podentiños (Podentes, A Bola).-- Estando cerca de Podentes e na mesma parroquia reproduce o topónimo pero como diminutivo.

    Poedo (lug. e parroq. de Baños de Molgas).-- Podería ser un fitotopónimo similar a "punxedo", colectivo de "poexo" (Menta pulegium), pero G. Navaza dubídao e di explicitamente que cre poida ser un derivado de "po". Lat.vulgar *pulvu, clásico pulvis, -eris, "po". Neste caso sería "lugar poeiro ou poeirento".

    Pol (lug. da parroq. e Conc. de Coles ║ A Piteira, O Carballiño).-- De *(Villa) Pauli, ‘(Vila de) Paulus’, nome latino.

    A Pola (Trabazos, Castro Caldelas).-- "Pola" é a forma que en Asturias deu o lat. popula, "lugar poboado" que aquí deu os Pobra, Proba, etc. Aínda que cada zona soa ter as súas propias constantes non se pode descartar que neste sitio (polas razóns que fose) dise Pola, máxime se se ten en conta que estamos a falar dunha evolución bastante diversificada. (Ver A Pobra de Trives.)

    Polígono Industrial (Noalla, San Cibrao das Viñas).-- Topónimo transparente e moderno. É evidente que se trata dunha denominación común convertida, sen máis, en topónimo.

    O Pomar (lug. e parroq. da Arnoia).-- Fitotopónimo transparente. A definición de pomar é "Terreo ou horta plantada de árbores froiteiras, especialmente de maceiras" (Dic. R.A.G). Poma, (plural de pomum, "froiteira") foi o primeiro nome da mazá, antes de selo matiana. En Galicia, o nome do colectivo, en moitas partes, pasou de "pomar" a "pumar". (V. Pumar)

    O Pombal (Santiago das Caldas, Ourense).-- Palabra do léxico común: construción para gardar pombas domesticas. (Do lat. palumbalem, “pombal”)

    Pombar (San Estevo de Ribas de Sil, Nogueira) ║ O Pombar (Abeleda, A Teixeira ║ Forcas, Parada de Sil).-- Variante de pombal, construción para gardar pombas.

    A Pombiña (O Pao, Gomesende).-- 'Pombiña' é o diminutivo de pomba, pero non é nada doado que sexa esta a motivación do topónimo. É moito máis probable que se trate dun fitónimo. Concretamente da planta herbácea, medicinal, Fumaria officinalis, a cal, aparte do dito nome vulgar de pombiña recibe os de 'herba dona' ou 'matafogo'. En castelán, fumaria, palomilla ou sangre de Cristo. Aínda que estea en singular sería un colectivo.

    A Ponte (lug. da parroq. da Arnoia, capitalidade do Conc. da Arnoia) ║ (lug. e parroq. da

    Eu Julian Sanchez notario publico da pobla de Triues que presente foy a esta carta por mandado destas partes sobredictas scriuy e meu signal y fiz.

    Foro. 1272. San Salvador de Sobrado de Trives

  • Veiga ║ Brués, Boborás ║ lug. da parroq. e Conc. de Castrelo de Miño ║ San Clodio, Leiro ║ lug. da parroq. e Conc. de Melón ║ Carballeda, Piñor ║ lug. da parroq. e Conc. de Pontedeva ║ Parada de Outeiro, Vilar de Santos).- Transparente: núcleo de poboación formado á beira dunha ponte.

    A Ponte / Puente-Canedo (Caldas, Ourense).-- O que hoxe é un distrito importante da cidade de Ourense empezou sendo un pequeno casarío ao pé da Ponte Vella e de aí tomou o nome. Inda que estaba cerca do Ribeiriño, das Tapias ou de Quintián o sitio, en si, non tiña propiamente un nome polo que a xente para referirse a el falaban do “barrio da Ponte”, por estar ó lado da Ponte Vella. (“Vou a Canedo, ao barrio da Ponte”). Despois da chegada do ferrocarril comezou a medrar espectacularmente e ese grupo de casas que era un barrio deixaría de selo para converterse na capitalidade do (entón) municipio de Canedo.

    Ponte Ambía, Ponte Ambía de Abaixo e Ponte Ambía de Arriba (parroq. e 2 lugares dela, Baños de Molgas) ║ Ponte Barxas (Padrenda, Padrenda) ║ Ponte Cadós (Cadós, Bande) ║ Ponte Ermida (Zarracós, A Merca) ║ Ponte Fechas (Faramontaos, A Merca ║ Fechas, Celanova ║ Rabal, Celanova) ║ Ponte Mandrás (Mandrás, San Cristovo de Cea) ║ Ponte Rubiás (Pardavedra, A Bola) ║ A Ponte Navea (lug. da parroq. e Conc. de San Xoán de Río) ║ A Ponte Nova (Navea, A Pobra de Trives ║ Xurenzás, Boborás) ║ A Ponte do Val (Arrabaldo, Ourense) ║ A Ponte Liñares (Güín, Bande) ║ A Ponte Trado (Valongo, Cortegada) ║ Ponte dos Madeiros (Freás de Eiras, Ramirás) ║ A Ponte Noalla (Noalla. San Cibrao das Viñas .-- Compostos varios de "ponte". Os predicados soen facer alusión á parroquia ou ao río.

    Ponte Navea: Un topónimo transparente (Ponte e río Navea)

    Ponte Pedriña (Ourense cidade).-- Este era o nome dunha ponte de Ourense sobre o Barbaña, extensivo ó barrio lindeiro. Era do 1200 e estaba onde hoxe o chamado ponte de Ervedelo. Pedriña non é un diminutivo de pedra senón unha evolución do adxectivo latino petrinea, "de pedra".

    Pontedeva (parroq. e Conc. da Terra de Celanova ║ Na parroq. de Pontedeva (San Breixo) está a chamada Aldea de Deva -capitalidade do Municipio- e na parroq. de Freáns -do

  • mesmo Conc.- están Freáns de Deva e Xinzo de Deva ).-- Deva é o nome do río que percorre o Concello antes de desaugar no Miño por Cortegada. Pero, relativamente cerca, hai outro río Deva que desemboca tamén no Miño por Arbo (Prov. de Pontevedra) e, así mesmo, hai ríos con ese nome en Asturias, Cantabria, País Vasco e Teruel, todas zonas de pasado celta. A explicación está en que deva é unha palabra celta que significa "deusa" (equivalente á "dea" do lat.) o que resulta un testemuño da divinización de certos ríos a consecuencia das crenzas de tal pobo. (A palabra deva deriva, á súa vez, da raíz *deiw, "luminoso, divino".) A palabras usadas para nomear ós habitantes son pontedevés e pontedevesa.

    O Pontillón (Crespos, Padrenda) ║ Pontón (Pinza, Viana do Bolo).-- Transparentes: Ponte pequena de construción simple.

    O Pontón e O Alto do Pontón (lugares da parroq. e Conc. de Barbadás).-- Aluden a unha ponte pequena (pontón) que hai sobre o Río dos Muíños (mal chamado Barbañica en Ourense).

    Porqueira (parroq. e Conc. da Comarca da Limia coa capitalidade na Forxa ║ lug. da parroq. e Conc. da Arnoia).-- O apelativo de porqueira alude a un lugar no monte onde habitan os porcos bravos ou xabarís. É unha palabra derivada do lat. porcus que tanto designaba ó porco bravo (Sus scrofa) coma ó porco doméstico (Sus scrofa domestica). A palabra xabaril é moi tardía e ven do árabe yabalí (concretamente do sintagma hinzir yabalí, "porco montés"). ║ O xentilicio do concello de Porqueira é porqueirés, -resa.

    Porqueirós (lug. e parroq. de Muíños).-- É un diminutivo plural do anterior, lat. porcariolas. (Ver Porqueira)

    Porreira (Nieva, Avión).-- Horta de porros, planta que pertence á familia dos allos (Allium porrum), en castelán "puerro".

    A Porta do Prado (Arrabaldo, Ourense).-- Parece transparente, mais resulta algo dubidoso. Os prados soen ter portelos ou cancelas máis que portas. Podería ser ‘Porto do Prado’. Ou ¿non sería ‘posta’ en vez de ‘porta’? (Dic. da RAG: “Posta: Lugar de parada situado nas estradas e camiños, onde antigamente se efectuaba o cambio de cabalos das dilixencias, correo, etc.”) Este lugar é onde está a gasolineira de Santa Cruz, no cruce coa estrada de Trasalba. Bo sitio para unha posta. En calquera caso o de 'porta' é ben antigo.

    Portalaxe (Quins, Melón).-- Este lugar está considerado como unha aberración administrativa pois se ben forma parte de núcleo urbano de Francelos (do Concello de Ribadavia) resulta que pertence ó Concello de Melón, parroquia de Quins. A comunicación con Quins é con Melón (que está a 10 Km.) ha de facerse a través de Ribadavia (que está a pouco máis de 1). Suponse que isto ven de antigo, polas distintas xurisdicións, pero é un tema pendente. A Portalaxe debe o nome a un 'porto-da-laxe', é dicir a un porto ou paso que se distinguía por unhas enormes laxes ("Pena de grandes dimensións e de superficie lisa, que aflora nun terreo"). Tal porto estaba no chamado 'Camiño Vreeiro', un camiño medieval secundario

    Item aforam a Gonsalvo das Quartellas et a Alvaro do Rigeyro et a suas molleres et a senllos fillos o olivar de Santa Cruz commo se parte do camino que bem d ' Ourense para outro camino que vay para a Porta do Prado, anno de lavrar et repar, et dar aa metade das belotas colleytas por suas custas et levadas a adega de Santa Cruz, seo non lavrarem que perca o foro.

    Relación de bens, 1473. Santa María de Oseira.

  • polo que os arrieiros levaban o viño do Ribeiro a Santiago. No Madoz (1849) figura este lugar co nome de "Porto-á-lage" e "Porto da Lage".

    A Portaxe (Araúxo, Lobios).-- O nome suxire un portádego, e dicir, un sitio no que habería que pagar por pasar e que tanto podería ser unha portela no monte coma un paso nun río. O lugar está situado na confluencia dos ríos Salas e Cabaleiro, este hoxe salvado cun gran viaduto. A paisaxe está moi alterada por efecto do encoro de Lindoso.

    Porteiro de Abaixo (Seixalbo, Ourense).-- Porto onde se cobraba un portarium ("dereitos de paso por unha porta ou entrada"). (O lugar está próximo ó regato de Zaín - que quizais sexa o que no medioevo se menciona como "in rivulum de Portario"- , cerca da Verea Real de Seixalbo.)

    Portela (lug. e parroq. de Verea ║ Pedrouzos, Castro Caldelas ║ Caxide, Parada de Sil) ║ A Portela (lug. e parroq. de Vilamartín de Valdeorras ║ A Encomenda, A Pobra de Trives ║ Fontao, A Teixeira ║ Meda, A Veiga ║ San Trocado, Allariz ║ A Portela do Trigal, Carballeda de Valdeorras) ║ Portela de Baixo e Portela de Riba (ambas de Coiras, Piñor) ║ A Portela do Trigal (parroq. de Carballeda de Valdeorras) ║ A Portela da Aira Vella (lug. da parroq. e Concello de Allariz) ║ A Portela de Portomourisco (Portomourisco, Larouco ║ Portomourisco, Petín) ║ A Portela da Quinta (Bresmaus, Sarreaus).-- Do lat. portella, diminutivo de porta, "porta". Xeralmente fan alusión a un paso entre montañas, pero podería haber algún caso no que se referise a unha entrada a algún sitio. (Para Portomourisco ver Mourisca.)

    Porteleiro (Alais, Castro Caldelas).-- Un 'porteleiro' é, xeralmente, a abertura que se fai no valado dun eido para que pasen carros ou gando.

    Porto (As Maus, Vilar de Barrio) ║ Porto Alto (Boado, Xinzo de Limia) ║ Porto Amieiro (Vilamarín, Vilamarín) ║ Porto Pereiras (Xendive, Boborás) ║ Porto de Eguas (Partovia, O Carballiño) ║ Porto da Veiga (Campo, O Irixo) ║ Porto do Souto (A Canda, Piñor) ║ O Porto (lug. e parroq. de Rubiá ║ S. Miguel de Canedo, Ourense ║ Santa María de Mones, Petín) ║ O Porto do Carro (Moldes, Boborás) ║ Porto do Souto (lug. da Canda, Piñor).-- Un porto é un paso dun río ou un acceso entre montañas. Lat. portus, "paso dun río ou dunha montaña". Da mesma familia semántica que porta.

    Porto Carreiro (Barrio de Ourense, en tempos extra-muros, que hoxe está integrado no tramado da cidade).-- 'Porto' é o paso dun río (neste caso o Barbaña) e 'carreiro' refírese ós carros.

    Porto Quintela (Santa Comba, Bande).-- Leva como predicado o nome dun lugar que está ó seu lado. Hoxe está á beira do encoro das Conchas, pero con toda seguridade alí había un paso/porto do río, "o porto de Quintela" ou "o porto Quintela".

    Portocelos (Parada de Amoeiro, Amoeiro).-- Debe ser un derivado dun lat. vulgar *portucellus, que sería parello do clásico porticulus, "porto pequeno", en calquera caso.

    Portomourisco (lug. e parroq. de Petín).-- Composto de "porto" (ver os anteriores) e

    … donna Elvira frontou a Gonçalvo Eanes da Porta da Trydade e disso que en como el e a dita sua moler comprasen de Pedro Gonçalez e de sua moler Maria Meendez hua vina en Porteyro segundo se contiina en hun estrumento que era sinado con sinal de Johan Martiz iurado notario sobredito …

    Fronta. 1274. Catedral de Ourense.

  • "mourisco", voz herdeira da base preindoeuropea *mor-, "pedra, rocha". (Ver Mourisca.)

    O Poste (parroq. e Conc. de Pontedeva).-- Antes de nada habería que saber se é un topónimo relativamente recente porque nese caso sería trasparente (por exemplo un poste da luz ou algún tipo de sinal). De ser antigo pode vir dun latin postis, xamba dunha porta, columna, pía dun edificio, etc. ║ N. Ares, a propósito de outro Poste, de Lugo, admite a posibilidade de que, no camiño francés, se usase por 'posta' (relevo de cabalos da dilixencia, remuda), do lat. posita, pero que en francés é, precisamente, poste. Isto, que podería ser certo para o caso de Lugo, resulta pouco verosímil para Pontedeva, afastado de influenzas francesas.

    As Poulas (Vilariño Frío, Montederramo) ║ Poulo (parroq. de Gomesende).-- Poula é un terreo que se deixa sen cultivar, un barbeito. O masculino Poulo probablemente sexa o mesmo, pero tamén podería referirse a un pasteiro: Lat. pabulu, "pasto".

    Pousa (Sorga, A Bola ║ Pedrouzos, Castro Caldelas ║ Grou, Lobios ║ Leirado, Quintela de Leirado ║ Mesón de Calvos, Taboadela) ║ A Pousa (Vilarrubín, A Peroxa ║ San Mamede de Urrós, Allariz ║ Bobadela, Celanova ║ Refoxos, Cortegada ║ lug. da parroq. e Conc. de Monterrei ║ Couso de Salas, Muíños ║ Velle, Ourense ║ Freás, Punxín ║ lug. da parroq. e Conc. de San Xoán de Río ║ Boimorto, Vilamarín ║ León, Vilamarín ║ Armariz, Xunqueira de Ambía).-- Do latín serodio pausare, ‘parar, cesar, descansar’. Unha ‘pousa’ en tempos medievais era unha casa de campo e recreo, un lugar de repouso para xente con posibles.

    Pousada (Graíces, A Peroxa ║ Macendo, Castrelo de Miño ║ Santo Eusebio da Peroxa, Coles ║ Amarante, Maside ║ A Carballeira, Nogueira de Ramuín ║ Progo, Riós) ║ A Pousada (Santa Baia de Urrós, Allariz ║ Coucieiro, Paderne de Allariz) ║ Pousada de Abaixo (San Paio de Abeleda, Castro Caldelas).-- Pousada é un deverbativo do lat. pausare, "parar(se)" que empezou sinalando espazos de parada e descanso nas costas dos camiños dos montes. (En certo modo é sinónimo de “parada”.) En moitos casos neses sitios construíron instalacións de descanso que se seguiron chamando pousadas. Así a palabra pasou a ter dúas acepcións (“parada” e “fonda”).

    O Pousadoiro (Ponte Castrelo, Castrelo de Miño ║ Refoxos, Cortegada).-- Sitio, a beira dun camiño, onde se podía descansar.

    Pousafoles (lug. da parroq. e Conc. de Padrenda).-- Parece un composto expresivo de formación popular aludindo a un sitio de descanso, aproveitado para pousar os foles, sacos de coiro para levar grans, fariña, etc.

    Poutás de Abaixo (Parroq. e Conc. de Amoeiro).-- Pouta aparte de ser un sinónimo de garra ou gadoupa é o nome dunha planta, parásita das carpazas e similares, tamén chamada apóutiga ou mel de raposo, a Cytinus hypocistis, "hipocisto" en castelán. Suponse que o nome duns lugares de poutas, "poutales" (pouta + -ales), se reduciría a "poutás".

    Poza (Vilameá de Ramirás, Ramirás) ║ Pozavella (Desteriz, Padrenda).-- Lat. puteus, "pozo; foxo; cova pouco profunda e con auga". Poza en toponimia soe referirse a un fondal ou terra baixa.

    Prada (lug. e parroq. da Veiga).-- Equivale ao plural "os prados" por derivar do lat. prata, plural neutro de pratum. (V. Prado)

    Prado (lug. e parroq. da Veiga ║ lug. e parroq. de Vilar de Barrio ║ Prado de Miño, Castrelo de Miño ║ Prado de Limia, Muíños ║ Alongos, Toén ║ O Prado (Podente, A Bola ║

  • Xurenzás, Boborás ║ Sande, Cartelle ║ Soutopenedo, San Cibrao de Viñas ║ León, Vilamarín) ║ Prados (Ribela, Coles) ║ Os Prados (Vilar de Condes, Carballeda de Avia ║ Acevedo do Río, Celanova).-- Abundante topónimo transparente formado sobre o motivo "prado", lat. pratum.

    Prado de Limia (parroq. de Muíños) ║ Prado de Miño (parroq. de Castrelo de Miño).-- Sintagmas de 'Prado' nos que as segundas partes se refiren exclusivamente á situación xeográfica.

    Pradoalbar (lug. e parroq. de Vilariño de Conso).-- Composto de 'Prado', pero non se sabe se formado con adxectivo 'albar' (branco) ou co antropónimo Alvarus. Neste caso viría de Prato Alvari.

    Pradobó (Palmés, Ourense) ║ Pradocabalos (lug. e parroq. de Viana do Bolo)║ Pradolongo (lug. e parroq. da Veiga) ║ Pradorramisquedo (lug. e parroq. de Viana do Bolo).-- Compostos de 'prado' que teñen o segundo elemento tamén transparente: bo, [de] cabalos e longo. Ramisquedo alude ó dialectal "ramisca", leña miúda, garabullada.

    Pradomao (lug. e parroq. de Parada de Sil).-- Composto de 'prado' e unha palabra conflictiva, 'mao'. Mao pode ser unha síncopa de 'malo' pero tamén pode ser unha evolución do medieval 'omano' (a veces escrito 'homano' ou 'humano') que sería un hidrónimo de ascendencia indoeuropea baseado no tema *um + sufixo -n.

    Pradorramisquedo.-- Ver Pradobó.

    Prados, Os Prados.-- Ver Prado.

    Praducelos (Seoane Vello, Montederramo).-- Plural dun diminutivo de 'prado'. Lat. pratucellu.

    Prancibe (San Paio de Arauxo, Lobios).-- Posiblemente do antropónimo latino Principius, xenitivo Principii.

    Prexigueiro (Parada de Labiote, O Irixo ║ Francelos, Ribadavia) ║ Prexigueiró (lug. e parroq. do Pereiro de Aguiar).-- O primeiro é unha variante do nome do pexegueiro, a árbore (Prunus persica) que dá os pexegos. Prexigueiró é un diminutivo formado co sufixo –olu : prexigueirolo > prexigueiró.

    O Priorato (Bóveda de Amoeiro, Amoeiro).-- Transparente = Territorio dun prior. (Sinónimo de "priorado". O portugués conserva tamén as dúas formas desa palabra.)

    A Proba (lug. e parroq. do Barco de Valdeorras).-- O lat. serodio popula, "lugar poboado", deu distintos resultados populares, sendo "proba" un deles (igual que "Pobra", "Póboa", "Póvoa", etc.). (Ver A Pobra de Trives)

    Proente (lug. e parroq. da Marca ║ Penosiños, Ramirás).-- Antrotopónimo formado sobre Prudentii, xenitivo do nome de posesor latino Prudentius.

    Progo (lug. e parroq. de Riós).-- Antrotopónimo. Orixinado polo nome persoal latino Proculus.

    Puga (lug. e parroq. de Toén).-- Puga é unha palabra do vocabulario común galego con varias acepcións coñecidas (pincho, enxerto, etc.) e que se corresponde en portugués e castelán coas formas "pua" e "púa", respectivamente. Derivan todas de "puga", de orixe incerta. Pero, ademais, é un dos moitos nomes da planta Cytinus hipocistis, tamén coñecida como apóutiga, póutiga, ameleira, mel de raposo, etc. En castelán: hipocisto, melera, chupameles, etc. Como causa toponímica é máis verosímil a do fitónimo que a dos outros

  • obxectos.

    Pumar (lug. da parroq. e C. de Taboadela) ║ O Pumar (Trasariz, Cenlle ║ Niñodaguia, Xunqueira de Espadanedo) ║ Pumares (lug. e parroq. de Carballeda de Valdeorras ║ Seoane, Allariz ║ Cadós, Bande ║ Ponte Ambía, Baños de Molgas) ║ Os Pumares (Espiñoso, Cartelle) ║ Pumar Vello (Penosiños, Ramirás) .-- Hoxe, pumar ou pomar, é un lugar de mazairas, pero se o nome é antigo e vén directamente do latín será de pomarium, ‘verxel, xardín ou horta de froiteiras’. (V. Pomar)

    Pumedo (Vilanova de Valdeorras, O Barco de Valdeorras).-- Colectivo de mazairas. Igual ós anteriores. De poma + etum.

    Punxeiro (lug. e parroq. de Viana do Bolo).-- Correspóndese co lat. pulegiariu, colectivo derivado da planta olorosa pulegiu, "poexo" (Mentha pulegium), poejo en portugués e poleo en castelán.

    Punxín (parroq. e Conc. da Com. do Carballiño).-- É un antrotopónimo, pero presuntamente non o é dun nome propio senón dun alcume que faría alusión a alguén que sempre está a "punxir", picar ou punzar. Sería derivado do verbo latino pungere, "punzar, ferir". O xentilicio é punxinés, -esa.

    Pusmazán (lug. e parroq. de Carballeda de Valdeorras).-- G. Navaza suxire un étimo Pomale Martiani ("Pumar de Martianus") se ben recoñece que non ten documentación que confirme tal hipótese. A evolución sería Pomale Martiani > * Pomar marzán > * Pomarzán > Purmazán > Pusmazán.

    O Puxedo (San Paio de Araúxo, Lobios).-- Pode ser un derivado de pulegietu, colectivo de pulegiu, poexo, planta olorosa. Pero tamén podería ser un sitio onde hai puxa. A palabra "puxa", sen nada que ver coa homófona que designa o acto de puxar/subhastar e que falta en moitos dicionarios, é sinónima de muíña, pulazo, gaspallo ou coaño, todas elas actualmente de pouco uso. Refírense ó conxunto de po e miudezas de palla que queda despois da malla dos cereais. (En castelán é unha das acepcións de "tamo".) O topónimo puidera referirse a un sitio, próximo a eira, onde se amontoaba a puxa ou, en sentido metafórico, onde se acumulaba lixo vexetal.

    … Guterrez de Baruantes, Gomez Ares d ' Eyres, Migell Paez prellado de Pungin.Foro. 1290. San Clodio do Ribeiro