2013 09-26 pnc profesorado apoio ferrol 090013050
-
Upload
jorge-suarez -
Category
Documents
-
view
29 -
download
5
Transcript of 2013 09-26 pnc profesorado apoio ferrol 090013050
Á MESA DO PARLAMENTO
O Grupo Parlamentario da Alternativa Galega da Esquerda (EU-ANOVA), a iniciativa
dos seus deputados, Ramón Vázquez Díaz e Xabier Ron Fernández, e ao abeiro do
disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara do Parlamento de Galicia, presenta
a seguinte Proposición non de Lei, para o seu debate en Comisión, relativa ás
actuacións que necesariamente debe acometer o Goberno da Xunta de Galicia dirixidas
a dotar de profesorado de apoio aos centros CEIP Manuel Masdías, CEIP San Xoán de
Filgueira e CEIP Recimil de Ferrol.
A comarca de Ferrol está a notar de xeito especialmente cruento a crise económica,
acadando unha cifras de paro superiores ao 30%, moi por riba da xa de por si elevada
taxa de Galicia e do conxunto do Estado.
Os colexios públicos de Ferrol, Manuel Masdías, San Xoán de Filgueira e Recimil, teñen
entre os seus aspectos diferenciadores posuír unha importante diversidade de
alumnado. Un aspecto enriquecedor que ten favorecido a posta en marcha de
programas educativos innovadores e de vangarda que mesmo teñen acadado
recoñecementos tan importantes como o CEIP San Xoán de Filgueira, finalista nacional
do Premio Acción Maxistral 2013.
Uns centros que implementan programas pedagóxicos inclusivos e de atención á
diversidade dirixidos a dar respostas axeitadas ás necesidades da comunidade na que
se sitúan e que permiten, realizar un servizo educativo publico de calidade. Un esforzo
conxunto e realizado por toda a comunidade educativa que precisa de recursos para
poder ser levado a cabo.
A pesar disto, A Consellería de Cultura , Educación e Ordenación Universitaria ven de
eliminar o profesorado de atención a minorías étnicas co que se viña dotando ao CEIP
Manuel Masdías, San Xoán de Filgueira e Recimil nos últimos anos, unha supresión de
profesorado, que non se xustifica nun descenso do alumnado con necesidade de apoio
educativo.
Nos tres centros educativos referidos, situados en barrios populares da cidade de
Ferrol, o numero de alumnado doutras etnias, de orixe estranxeiro, en situación de
exclusión social e con necesidades educativas especiais, mantense e mesmo se
incrementou nos últimos anos. Unha diversidade de alumnado que inclúe, mais aló de
etiquetas, un 50% de alumnado con necesidade específica de apoio educativo.
No caso concreto do CEIP San Xoan de Filgueira, dos 178 alumnos e alumnas
escolarizadas , 65 proceden doutras etnias ou nacionalidades e o 50% se atopan en
situación de exclusión social.
No caso do CEIP Recimil, das 335 matriculas do centro, 90 proceden doutras etnias ou
nacionalidades e o 50% teñen Necesidades Específicas de Apoio Educativo. As cifras,
son semellantes no CEIP Manuel Masdías de Caranza.
A normativa galega e estatal en materia de dotación de profesorado deixa claro que,
naqueles centros ordinarios que integren alumnado con necesidade educativas de
apoio educativo, poderanse incrementar os catálogos en función do número e tipo de
necesidades. Sen dúbida, os centros Manuel Masdías, San Xoán de Filgueira e Recimil,
reúnen estes requisitos, polo que necesitan unha dotación de profesorado
especializado que permita realizar unha intervención educativa axeitada ás necesidades
do seu alumnado.
Os centros citados precisan dunha dotación de profesorado estable e con dedicación
completa e non mestres itinerantes que a duras penas poden facer un seguimento e
unha atención educativa acorde ás características do alumnado co que traballan. Son
moitos os recursos que estes centros precisan, moitas veces non só materiais, tamén
organizativos ou simplemente o apoio e a proximidade dunha administración, con
frecuencia afastada e desconectada da realidade. Mais os tres centros de Ferrol,
facendo unha petición sobradamente razoada e de mínimos, aceptarían dispoñer dun
mestre ou dunha mestra de apoio con horario completo no centro para atender ao
alumnado con necesidades de apoio educativo.
A falsa integración educativa sen recursos unicamente conduce a creación de guetos,
condenando á marxinalidade educativa e cultural a determinadas zonas e mesmo a
comarcas enteiras, que precisan dunha discriminación positiva en recursos materiais e
persoais.
Por todo elo, Alternativa Galega de Esquerda presenta a seguinte proposición non de
lei para o seu debate en comisión
O parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia
A dotar, como mínimo, dun profesor de apoio no CEIP Manuel Masdias, no CEIP San
Xoán de Filgueira e no CEIP Recimil, cun perfil axeitado e con horario completo nos
centros referidos.
Compostela, 26 de setembro do 2013.
Asdo. Xabier Ron Fernández
Asdo. Ramón Vázquez Díaz
Asinado dixitalmente por:
José Javier Ron Fernández na data 26/09/2013 14:32:14
Ramón Vázquez Díaz na data 26/09/2013 14:32:23