Post on 03-Dec-2015
description
TEMA 1
A POESÍA DAS IRMANDADES DA FALA.
CARACTERÍSTICAS, AUTORES E OBRAS
REPRESENTATIVAS
A imaxe que presenta Galicia no período comprendido entre
1900-1936 caracterízase por unha tendencia cara á
modernización das estruturas económicas e sociais.
O apoxeo industrial e comercial favoreceu o incremento de habitantes
nos núcleos urbanos; sobre todo nas dilas principais cidades: Vigo e A
Coruña.
Polo que se refire ao tecido industrial, hai un evidente apoxeo das
actividades pesqueiras, coa eclosión da industria conserveira e mais o notable
aumento da construción naval. A presenza crecente do sector eléctrico
configura, pola súa parte, outra posibilidade de desenvolvemento.
Algún dos cambios máis significativos tiveron lugar na agricultura coa
propietarización campesiña da terra lograda tras varios intentos de
organizar un movemento agrario. Basilio Álvarez, o máis célebre dos
dirixentes agrarios, poñerase á fronte de Acción Gallega coa que levou
adiante unha denuncia incendiaria contra o caciquismo, os foros e, en
xeral, todos os males do agro. En 1926, durante a ditadura do xeneral
Primo de Rivera, son suprimidos formalmente os foros.
Paralelamente a estes feitos, desde o apartado literario, a cultura e a literatura
galegas reciben un impulso fundamental coa creación na Coruña, en 1916, da primeira das
Irmandades da Fala. Ademais as Irmandades conforman un paso decisivo na proxección
do galeguismo político, que entra nunha fase, o nacionalismo, de maduración teórica e
práctica. A I Asemblea Nacionalista Galega celebrada en Lugo vai conter a base
programática do conxunto do nacionalismo galego deica 1936. Entre os apartados
esenciais do texto destacan a “Procura dunha autonomía integral para Galicia dentro dunha
Federación / Confederación Ibérica” e a “Cooficialidade entre a lingua galega e a castelá,
e promoción do galego en todos os niveis do ensino”.
Agora ben, a acción política das Irmandades quedou coutada tras a IV Asemblea
Nacionalista de Monforte. Risco propugna nela o abstencionismo electoral e tras o
golpe de Estado do xeneral Primo de Rivera, en 1923, que impedía calquera posibilidade
neste sentido, o nacionalismo galego centrouse case exclusivamente na actividade
cultural.
A POESÍA DAS IRMANDADES
O papel da literatura como elemento decisivo da identidade nacional é algo
que foi considerado con especial relevo por parte do pensamento galeguista das
Irmandades.
1. Dentro dela, a liña que consideraba que a cultura galega debía permanecer
fiel á tradición decimonónica —costumismo temático, raralismo, emprego do galego
oral na expresión...— vai contar cun bo abano de seguidores; de entre eles, destaca a
figura de ANTONIO NORIEGA.
Antonio Noriega foi autor dun único libro de poemas, Do ermo (1920),
modificando ao longo da súa vida. Nel procurou reafirmarse arreo na dirección dun
lirismo de carácter costumista no cal o canto á paisaxe e aos costumes populares
constitúen un eixe fundamental.
Mais, se ben o costumismo e mais o lirismo da natureza son as notas domi-
nantes, rexistramos tamén na obra de Noriega Varela outras dúas posibilidades:
- A primeira está conformada por aqueles textos nos que segue o que se ten
clasificado como estética franciscanista; isto é, un canto aos elementos máis sinxelos,
humildes..., que conforman a natureza.
- Un segundo matiz está constituído polos sonetos nos que é preciso anotar
a influencia do saudosismo portugués. O poeta incorpora, entón, formas cultas á fala
popular e amosa unha actitude de contemplación esteticista.
2. Porén, conscientes do limitado desta proposta, personalidades como
Antón Villar Ponte ou Vicente Risco teorizaron o afán por producir unha literatura «á
altura dos tempos»: textos que incorporasen as novidades chegadas desde Europa e
que demostrasen que a literatura galega merecía atinxir un posto no concerto das
nacións. Deste xeito, ben podemos dicir que se estaba a propiciar a procura dunha
verdadeira estética nacional. Para Villar Ponte e Vicente Risco, tal armazón vaise
concretar na obra-dun autor ao que as Irmandades van declarar o «poeta da Raza»:
RAMÓN CABANILLAS.
Ramón Cabanillas naceu en Cambados en 1876. En 1910 emigrou a Cuba
onde entrou en contacto coa intelectualidade galeguista que daquela residía na illa.
Foi alí onde deu a coñecer o seu primeiro libro de poemas, No desterro, prologado polo
carismático líder agrarista Basilio Álvarez. A relación entre ambos os dous continuaría
viva durante os anos seguintes, participando plenamente Cabanillas do ideario de
Acción Gallega para a cal escribiu os versos do seu himno.
Aínda en Cuba, en 1915 publica o poemario Vento mareiro. En 1917, xa de
retorno en Galicia, sae do prelo Da terra asoballada.
En 1921 Cabanillas entrega a súa primeira peza teatral, A man de Santiña, com-
posta para o Conservatorio Nacional da Arte Galega. En colaboración con Antón Villar
Ponte compuxo unha segunda peza de teatro, O Mariscal (1926).
Deste mesmo ano son os textos que conforman Na noite estrelecida. Un ano máis
tarde aparece A rosa de cen follas. En 1954 Cabanillas dá a coñecer Da miña zanfona,
á que lle segue, finalmente, Samos (1958).
Desde 1929, ano do seu ingreso na Real Academia Española, Cabanillas viviu
en Madrid, onde habitaba en 1936, ao dar inicio a Guerra Civil. Da capital española
trasladouse a Valencia e, no medio da guerra, conseguiu regresar a Galicia. Faleceu en
1959, en Cambados.
Desde a publicación de No desterro, no que Basilio Álvarez saúda a Cabanillas
como o sucesor de Curros. A obra de Cabanillas amosa variedade tanto no aspecto
temático como no estilístico, de tal xeito que á beira de textos de denuncia social
atopamos outros nos que o eco de Rosalía gaña espazo ou tamén composicións de clara
inspiración novecentista. Cabanillas é un poeta que se caracteriza pola variedade de
rexistros temáticos e mesmo pola capacidade de traballar en diferentes direccións
estilísticas. A súa obra vén a resultar unha síntese —mais unha síntese con claro selo
persoal— entre as diferentes correntes a cabalo do século XIX e o XX —romantismo,
formalismo, parnasianismo, simbolismo e modernismo— e más o legado de Rosalía,
Curros e Pondal.
Nun percorrido ao longo da obra do noso poeta destacamos cinco eixes temá-
ticos esenciais:
Os textos de denuncia social e significación cívica. Estamos diante de
composicións que reflicten a retórica inflamada do agrarismo, con ataques
ao caciquismo e chamadas á loita redentora.
Textos de lirismo sentimental e intimista.
Textos de carácter costumista. Neles presenciamos estampas e
ambientes tradicionais, que o emparentan coa lírica da paisaxe, nos que
Cabanillas demostra unha extraordinaria mestría.
Presenza de motivos novecentistas.
Outra opción radica naquelas composicións de carácter patriótico onde
abrollan os ideais atlántico-cristiáns e nas que Cabanillas desenvolve o mundo
céltico de Pondal mediante unha linguaxe con referencias simbólicas e gran
contido musical.