concepto da cooperativa

Post on 22-Mar-2016

225 views 7 download

description

1ª unidad de "guia de cooperativismo en galicia"

Transcript of concepto da cooperativa

IV CURSO SOBRE EMPRENDEMENTO COOPERATIVO

“SOCIEDADES COOPERATIVAS E AUTOEMPREGO"

UNIDADE DIDÁCTICA 1

CONCEPTO DE COOPERATIVA

Docente

María Inmaculada Muñoz Pliego Técnica de Emprego do SAEE (UDC)

1.1 ORIXE DO COOPERATIVISMO

A orixe do cooperativismo atopámola nas primeiras experiencias cooperativas datadas no século XIX. Estas formas empresariais promovidas polas clases traballadores tentaban reclamar unha forma distinta de ser tratadas. Nesta época, a economía transfórmase sobre bases mercantilistas, individualistas e a riqueza concéntrase nas mans de moi poucos que impuñan durísimas condicións de traballo.

Todo isto leva a pensar que o cooperativimo emerxe con obxectivos claros de emancipación social e autoxestión, onde determinados grupos sociais tentan crear os seus propios medios de produción e de xerar riqueza.

En Galiza atopamos as primeiras orixes do cooperativismo en institucións de axuda mutua, explotacións veciñais, mutuas gandeiras, etc, ligadas á vida tradicional no ámbito rural. O momento máis álxido deste movemento dáse nas décadas dos setente e oitenta do século vinte, onde o cooperativismo supuxo unha ferramenta moi importante para atallar os efectos da crise industrial e de emprego tanto no mundo rural coma no urbano.

Tamén vai ser a finais dos oitenta onde se dean as condicións para o nacemento das principais asociacións de cooperativas.

O cooperativismo actualmente en Galiza está a supor un 2% da poboación ocupada e está a crear máis de 80.000 postos de traballo.

1.2 CONCEPTO

As cooperativas son sociedades que, con capital variable e estrutura e xestión democrática, asocian, en réxime de libre adhesión e baixa voluntaria, persoas que teñan intereses ou necesidades socioeconómicas comúns que, para a súa satisfacción e ao servizo da comunidade, desenvolven actividades empresariais. Unha vez que se atenden os fondos comunitarios en función da actividade cooperativizada que realizan, im-pútanselles os resultados económicos aos/ás socios/as.

Calquera actividade economico-social poderá desenvolverse mediante unha sociedade cooperativa.

As cooperativas galegas incluirán, na súa denominación, as palabras “sociedade cooperativa galega” ou a súa abreviatura “S. coop. galega”.

Podemos definir a cooperativa como a empresa onde as socias e os socios se xuntan voluntariamente para satisfacer as súas necesidades, xa sexan económicas, sociais ou culturais en común, na que a propiedade é conxunta e a súa xestión democrática.

1.3. CARACTERÍSTICAS

A sociedade cooperativa axustarase na súa estructura e no seu funcionamento aos principios establecidos pola Alianza Cooperativa Internacional* :

• adhesión voluntaria, o principio de portas abertas defende a voluntariedade do cooperativismo “calquera ten liberdade de entrada e saída”.

• xestión democrática, baseada na participación igualitaria de todos os socios e socias “unha persoa, un voto”.

* Alianza Cooperativa Internacional: organización independiente que reúne, representa e serve a organizacións cooperativas en todo

o mundo. O seu principal obxectivo é promover e fortalecer as cooperativas a nivel mundial.

• participación económica dos socios e socias, con base no compromiso e na identificación co proxecto.

• autonomía e independencia dos socios e socias na dirección e xestión da cooperativa.

• educación, formación e información son os piares que sosteñen a participación e a autoxestión cooperativa.

• intecooperación: cooperar é facer algo entre varias persoas a partir do convencemento de que xuntas poderemos mellor, por iso a colaboración vai máis alá das portas da nosa cooperativa e leva á cooperación entre cooperativas.

• interese pola comunidade á que pertencemos, porque a cooperativa forma parte dun contorno en que a influencia é recíproca.

Os principios cooperativos* están fundamentados nos valores de axuda mutua, responsabilidade, participación, igualdade, equidade, transparencia e solidariedade.

Teñen ademais estas outras características:

• Variabilidade do capital social e do número de socios/as.

• Igualdade de dereitos e obrigas dos/as socios/as.

• Personalidade xurídica propia (desde o momento en que se inscriba a escritura pública de constitución no Rexistro de Cooperativas de Galicia).

• Constitución formalizada en escritura pública e posterior inscrición no Rexistro de cooperativas.

• Poden desenvolver calquera actividade económica, se ben as actividades puramente especulativas non concordan cos principios e filosofía cooperativa.

• Poden desenvolver, nas condicións en que a lei o permita, actividades con terceiros.

• Os/as socios/as non responden persoalmente das débedas sociais.

• Existirá un fondo de reserva obrigatorio para consolidación, desenvolvemento e garantía da cooperativa e un fondo de educación e promoción cooperativa para garantir a formación dos/as socios/as e traballadores/as.

• Participación de cada socio nos excedentes netos que poidan repartirse en concepto de retorno cooperativo. Pódese acordar recibir unha compensación, de existir, limitada, sobre o capital entregado como condición para ser socio/a.

• Os/as socios/as teñen dereito a participaren na actividade económica e social da cooperativa de acordo cos estatutos. Os/as socios/as contribúen equitativamente ao capital da cooperativa.

* Principios cooperativos: son os fundamentos teóricos que establecen as pautas de actuación das empresas cooperativas.

1.4. LEXISLACIÓN APLICABLE

Galicia ten competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola lei orgánica 16/1995, de 27 de decembro (BOE 28.12.95), que ampliou a competencia recollida no artigo 28.7 do Estatuto de Autonomía de Galicia. Con data 30.12.98 publicase a Lei 5/1998 de 18 de decembro de Cooperativas de Galicia, que dende a súa entrada en vigor, en marzo do 1999, regula as sociedades cooperativas galegas.

Galiza ten competencias exclusivas en cooperativismo desde 1995, o que vai posibilitar que aquí se elabore e aprobe a Lei de cooperativas de Galiza no 1998.

A promoción e o apoio ao cooperativismo vén de ambas as dúas Administracións.

• Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia.

Vai ser de aplicación a todas as cooperativas galegas sempre que o seu ámbito de actuación non exceda o autonómico. (Ver Lei 5/98)

• Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, que regula a organización e funcionamento do Consello Galego de Cooperativas. (Ver Decreto 25/2001)

• Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia. (Ver Decreto 430/2001)

• Decreto 248/2004, do 14 de outubro, polo que se regulan os procedementos de conciliación e arbitraxe cooperativa.

• Artigos 17,18 e 19 da Lei 14/2004, de 29 de decembro, de medidas tributarias e de rexime administrativo.

• Lei de cooperativas de ámbito estatal (Lei 27/1999, do 16 de xullo); aplicación supletoria do non regulado na Lei de cooperativas de Galicia.

• Lei 20/1990, do 19 de decembro, sobre o réxime fiscal das cooperativas, materia que non foi obxecto de transferencia (Ver Lei 20/90)

• Orde Eco/3614/2003, de 16 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os aspectos contables das Sociedades Cooperativas (estatal).

• Regulamento (CE) nº 1435/2003, do 22 de xullo de 2003, do Consello relativo ao estatuto da sociedade cooperativa europea.

• Directiva 2003/72/CE do Consello, de 22 xullo de 2003, pola que se completa o estatuto da sociedade cooperativa europea no que respecta á implicación dos traballadores

• Lei 31/ 2006, de 18 de outubro, sobre implicación dos traballadores nas AS e cooperativas europeas.

O Goberno aproba o proxecto de Lei de Economía Social.

O Consello de Ministros aprobou o proxecto de Lei de Economía Social, por proposta do Ministro de Traballo e Inmigración. Coa devandita aprobación iníciase agora o trámite parlamentario da Lei.

Segundo o proxecto de Lei, a economía social é o exercicio de actividade económica e empresarial no ámbito privado mediante a asociación de persoas que, conforme a uns principios participativos e sociais, encamiñan a súa acción ao interese colectivo dos seus membros, pero tamén, se é o caso, ao interese xeral, tanto económico coma social. O obxectivo básico da Lei é configurar un marco xurídico que supoña o recoñecemento e mellor visibilidade da Economía Social, outorgándoo unha maior seguridade xurídica, sen pretender substituír a normativa vixente de cada unha das entidades que conforman o sector (cooperativas -nas súas distintas modalidades-, sociedades laborais, mutualidades, empresas de inserción, centros especiais de emprego, sociedades agrarias de transformación, confrarías de pescadores, fundacións e asociacións).

A xerarquía normativa establece os seguintes rangos: primeiro está a Lei de cooperativas de Galiza, logo os Estatutos, despois o Regulamento de Réximen Interno e, por último, os acordos validamente adotados nos distintos organos sociais.

1.5. ESTATUTOS SOCIAIS

Son obrigatorios e regulan a estrutura e o funcionamento interno da cooperativa.

Deberán regular unha serie de aspectos que a lei esixe como contido mínimo obrigatorio, como a denominación da sociedade, o domicilio social, o obxecto social, o capital social mínimo, a duración da sociedade, o ámbito territorial onde desenvolverá as súas actividades, as obrigas e dereitos dos/as socios/as, as condicións e os requisitos para adquirir a condición de socio/a e o réxime de baixa, as causas de disolución da cooperativa, etc.

Tamén poderán conter outras normas que os/as socios/as consideren, sempre que non sexan contrarias á lei.

Ao longo da vida da cooperativa, os estatutos poderán modificarse coas formalidades que dispón a lei. É obrigatoria a inscrición da cooperativa no rexistro competente, seguindo os trámites que recolle o Regulamento do Rexistro de Cooperativas.

1.6. REGULAMENTO DE RÉXIMEN INTERNO

Os estatutos da cooperativa poderán ser desenvolvidos a través do Regulamento de réxime interno. Trátase dun documento de carácter interno que complementa o establecido nos estatutos. A súa existencia é voluntaria e pode tratar sobre calquera aspecto que queiramos formalizar por escrito, aínda que xeralmente recolle aspectos organizativos e laborais. Tanto o seu contido como as posibles variacións posteriores teñen que estar consensuadas e aprobadas en asemblea xeral.

O obxecto do regulamento de réxime interno é concretar e clarexar as regras de funcionamento, para evitar deste xeito posibles conflitos e indefensións. O seu contido debe, polo tanto, adaptarse á realidade de cada cooperativa.

Os/as socios/as teñen plena autonomía para estableceren o seu contido, sempre que non contradigan os estatutos sociais nin a lei. Poderanse establecer nel a tipificación das faltas leves, a organización do traballo, os organigramas empresariais, etc.. Nas cooperativas de traballo asociado fará referencia como mínimo á estrutura da empresa, clasificación profesional, mobilidade funcional e xeográfica, licenzas retribuídas e excedencias.

DATOS BÁSICOS QUE AMBAS NORMATIVAS DEBEN RECOLLER

MARCO LEGAL NA ORGANIZACIÓN COOPERATIVA

ESTATUTOS

REGULAMENTO DE RÉXIMEN

INTERNO

- Denominacion, domicilio, obxecto, duración

- Capital mínimo, ámbito territorial - Requisitos para alta e baixa de socios/as

- Participación na actividade - Obrigas e dereitos dos/as socios/as - Normas de disciplina social - Normas para celebración Asembleas - Achegas obrigatorias, transmisión - Órganos de administración - Causas de disolución

- Estrutura de empresa - Clasificación profesional - Mobilidade funcional e xeográfica - Licenzas retribuídas - Excedencias - Calendario sociolaboral, duración da xornada de traballo, descanso mínimo, festas, vacacións, etc - Salarios - Formación - Modificación do Regulamento de Réxime Interno