Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

51

Click here to load reader

description

Selección de textos de Valetin Paz-Andrade, persoa a que se lle adican as Letras Galegas 2012

Transcript of Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

Page 1: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

LETRAS GALEGAS 2012

Valentin Paz-Andrade

Selección de textos

Page 2: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

2

PRANTO MATRICIAL (Bos Aires, 1955)

1

O que todo galego choraría

Chora, terra, teu pranto das augas, e dos eidos, e dos ares, as vivas páreas cósmicas da raza, en mantelo de brétemas envoltas, que noso fin ao noso orixe ligan, Deita nas aurias leiras do horizonte labradas de solpores e de abrentes, en ádoas de luz a debullarse, as sementes feridas da túa dor. Arpa de nobres cordas esquecidas, ceiba teu son no corazón retido, e fai acordes en total latexo almas, paxaros, ríos e paisaxes.

Page 3: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

3

Chora, Terra, teu pranto xeneroso. O que todo galego choraría, en roda de multánime silencio e ollares abatidos, sobre do longo corpo derrubado que fora vivo mastro en loita núa; perto daqueles beizos, seca fonte da verba nunca dantes máis belida; do peito petrucial, reflorecido de mapoulas pampeiras, que envexan a nacencia das chorimas; xunto das postas maos voltas ao xelo, onde a eito agromaron do seu arte, no cerne da galega patronía, vizosas primaveras. Chora, Terra, teu pranto matricial. O que todo galego choraría, se inda chorar puidera, até cubrir de bágoas o mare.

Page 4: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

4

2

Dor da paisaxe

Das augas deloridas, doce pranto que escorra pola face das alboradas,

deica a raíz das herbas, destilado na pinga dos orballos,

e dea seu latexo a noite e día nas rezadoras choivas que soerguen

o canto-chao das tellas, e o responso romántico das gárgolas

sobre as pedras mortas de Sant Yago.

O cristalino pranto manadeiro polos ollos das pontes,

onde o pulso dos ríos esmorece, e se acugula co solpor calado,

na verdecida soidade dos vales, toda a dor da ribeira sen cantigas, dos cruceiros e as ánimas sen luz,

dos camiños sen lida labradora, dos fogares sen sangue gomarizo.

Page 5: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

5

Pranto baril dos ventos galgadores alimentados co sal da Ría,

que xa non baten velas de Rianxo, e te chaman, Daniel, con voz ferida,

-agullas dos lentos piñeirales, verdes coros arpados do Salnés-

ou con voz dos abismos, roncadeira, na crátera fadal das oleaxes,

pé das rochas de Sálvora.

O salaio de ferro das motoras, coa agonía da néboa e dos naufraxios,

chámante polas bocas de Marín; e o nacarado choro das buguinas,

uivando nos salgados areales, sobre as laxes rachadas dos cantiles,

nos cabos onde escachan as tormentas… co folgo máis sostido e sonoroso

que brotaran de peitos mariñeiros.

Page 6: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

6

E aló, nos curutos desnevados das serras estremeiras,

ou polas corredoiras dos lugares esquecidos no ermo,

a corna inxel que tallan os pastores, buguinada da urce,

ceiba tamén no azul fanal aberto a coita da montaña taciturna, ferida polo mesmo desconsolo.

3

A terra e os sinos

Foi a terra levada, barro materno ao barro teu xuntado,

con líricos loureiros, no camposanto de Padrón unxidos

polo amor e a dor de Rosalía… sagra primeira estrofa deste pranto.

Page 7: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

7

Para compoñer as outras, tanguidos a unha man de Sul a Norde,

os sinos todos das eirexas todas que por todos redobran,

e tamén se ouvirán polos escuros, non recollerán no coral de bronce a dimensión da nosa desventura.

Por ti, Daniel, a máis dos campanarios,

siñaleiros da morte empadroada, han de dobrar, da vida, acentos novos; han de dobrar as cordas dos espíritus;

das cousas, seus metales: das cousas,

nas que os homes deixamos en anacos os anacos da ialma.

Page 8: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

8

4

Alá lonxe

Que se escoiten agora seus líquidos acentos alá lonxe, vibradoiros na libre rede dos merindiáns ultramarinos. E mergullen, Daniel, no mesmo pranto os ronseles postreiros das túas signaturas á deriva abraiante de Marte; dende o trópico a foro pintigado ao balbordo de Hudson, e ás peladas serras de Araucania. En Cuba se derramen, e no Mare de Cortés, e no ardente mato dos bandeirantes paulistamos e nas punas do inca, e nas pampas do gaucho cabalgadas, con Don Segundo Sombra polos médanos.

Page 9: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

9

Océano de terras escontra o dique sísmico dos Andes, mexido polo zonda sequioso e por quillas sen leme navegando; natureza auroral que se espreguiza co inxerto de vidas esgazadas; foro aberto do mundo, onde a estrela dos parias tamém loce; mapa de libramento presentido, onde o sangue romeiro dos galegos a ventureira vocazón renova.

5

Teu destino

Sementador leixado, peregrino namorado dos roteios cara o destino da Galiza abertos; flor das vidas chagadas na acedume incerta do desterro: o de morrer alá teu sino era. Alá, sen escoitar as elexías do violín dos cegos,

Page 10: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

10

e a zanfona de pedra dos Profetas, que tan só por ti soar puidera, O de morrer sentindo na agonía, a quentura arterial dos emigrados, lonxe do morno ollar das Dolorosas talladas ao respaldo dos cruceiros. O de ancorar a nao, desarborada, nos peiraos de alén-mar, abrindo regos novos á saudade; reencendendo os pábilos da ialma na Galiza migral, e na Galiza que aínda agarda, Daniel, o teu retorno...

6

Cando ti volvas…

Na matricial Galiza, sempre túa, que dende a Torre de Hércules ao Miño un facho acenderá por cada illa, cando ti volvas polo mare; de toxo unha fogueira en cada monte, cando ti volvas polo mare; dos castros na coroa unha cachela, cando ti volvas polo mare; unha loura candea en cada pino,

Page 11: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

11

cando ti volvas polo mare; o seu cirio de frouma os arciprestes, cando ti volvas polo mare; luces de ardora branca en cada mastro, cando ti volvas polo mare; un farol mariñeiro en cada dorna, cando ti volvas polo mare; veliñas á xanela en cada casa, cando ti volvas polo mare; e as pérolas das bágoas derramadas, cando ti chegues polo mare, cando ti chegues polo mare…

Page 12: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

12

SEMENTEIRA DO VENTO (Ed. Galaxia, 1968)

Rústicas nais Na cruz dos vosos corpos dobradizos sobre os agros de pan, as raíces do barro floreceron. Sangue o centeo foi, o millo carne, enfornados ao longo dos invernos entre leira e lareira. Só pola lei dos glóbulos que escoan de vedrañas nacentes a se xuntar na vosa ánfora salva, aínda Galiza escoita o seu latexo, as súas cores loce sen adobíos emprestados, no viveiro dos pobos en promesa, como roseira que mantén vizosos o ouro do seu polen, de pétalas e arume o seu tesouro

Page 13: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

13

Longas maternidades reschoradas a fío no mandil, para longas anadas sen amor, o lenzo a relembrar das despedidas trestemido no ar, e a seguir para os tortos asoballos da vida en soidade, para o bater das neves e das chuvas, para fames e loitos e naufraxios. Mais pola seiva morna que alimenta a ramada baril das vosas veas, pola candea que nos vosos peitos reencenden as fontes matriciales e os cruxoles do ser da nosa xente coa voz que criou, ás cinzas do pasado que destilan nos úteros do tempo para vir… aínda nós somos nós.

Page 14: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

14

A mesma mao para o sacho e para a teta, na Virxe e no trasno a mesma fe, un agarimo ao neno, outro agarimo a benquerida sombra que deixara no leito de follatos o home que foi voso aquela noite. Firmes seos de nai onde amadriga das sementes o celme, para recebar as íntimas fontelas das que recibe o seu feitío o ser, e para fundir nos eslabóns do sangue os acentos no pobo xenerados, o formento da loita, a vontade de amar e resistir. Rústicas nais de entranas repartidas entre os fillos e os eidos, cal se nos hemisferios da crianza tamén zugaran os meniños leite das úberes da Terra. Eu sinto día e noite a me roer a cega dor da vosa carne lúcida, parideira de brancas andoriñas

Page 15: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

15

no cedo xa tolleita para o amor, a se trocar varona de mantelo, sempre coa sorte revirada en trinca ao timoeiro da pobreza. Tamén sinto a desonda do voso matriarcado escurecido, orfo de lúa e de luceiro orfo, a devalar axiña sobre os areales do presente e cara as parameiras do porvir. E se sinto unha esperanza, ou na destinación do noso pobo ou una perpetuación do noso ser, arquiveiras da esencia dunha raza! non é senón aquela que aínda podemos pór agora e sempre na virtude baril do voso leite.

(Pousa Nova do Mar, 1966)

As úberes do medo Se isto é vivir... eu vivo vivo aínda neste val de viventes espantallos munxidores das úberes do medo,

Page 16: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

16

mais a xeito dun prófugo da morte, que por teima dos outros houbo de recuncar quixera ou non, nos arriscados xogos de facer ventureiro resgate da súa vida. Experimentei en quente catro veces mal gobernada Dona da Gadaña! o axexo dos teus tarsos... nos meus pasos, e o tronce dos aceiros tolledores ou a facer peneira no meu coiro, ou a trillar meus osos e deixar debulladas pola area espigas do meu sangue. Fuxir fuxín con vida... non sei como, aos tiros dunha banda arremesados e os pelouros da outra, para aboiar despois facendo o morto, como cortiza a flote mexida no ir e vir de cada ola, sen bourel de loureiro ao pairo polas augas de ninguén.

Page 17: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

17

Cando a febre do chumbo viña a menos ou viraban as lúas, seus ferrollos abrían as cadeas ou súas soidades os desterros, e non faltaban no poleiro galos con gorxa de papel de oficio chea, para me pór á sombra ou me liscar co demo unha tempada. Escomasí o meu remorso sinto de non ter até agora merecido tentos fanados holocaustos e condecoracións do... revirallo, tanto calafateo de suturas e versiculación de cicatrices, tanto derramamento de garoubas que atinguiron os brancos e marraron no fin, tanto xemer de folios e de ferros mexido contra aquelo... que non fun. Farei nunca reconto dos aldraxes que nas táboas da lei que o pobo dita non teñen cabemento ou son aínda máis que mágoa honra.

Page 18: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

18

Un non ha ser tan solo a suma do que quixo e do que fixo, illado na súa illa, a forza remador contra corrente, pois os rodicios da inxustizxa allea, contra do non querer do muiñeiro tamén moen para un. O tempo foi correndo nos reloxos sen corda moitas veces, e nas vísperas de días que virán van indo xa de seca pouco a pouco as úberes do medo. Pois mentres agardamos, agardamos... a mudanza do sino, eu confesar quixera boamente, que se non fixen da desgraza sorte, sempre tomei a ben aquelo todo que por mal me foi feito. Algún refrán dixo de vellos que... cando non nos acaban tanto os paus como as dores fortalecen.

[Vigo, 1966]

Page 19: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

19

As miñas horas sen ti…

Amor, lonxe da túa voz o meu ouvido sen ter o mel de sonos que viñera a me enlevar na doce transparencia… horas escuras son as miñas horas. Sen o regueiro azul do teu ollar nos pousos da verdade cada cousa, nin a cuncha ateigada da túa mao para sede de luz do meu espírito… horas de area son as miñas horas. Sin o par dos teus pasos ao pé dos meus no mesto labirinto que ha percorrer o tren das arelanzas onde fan seu viaxe nosas vidas… horas sen rumo, cegas singraduras, son as horas, amor, sen ti vividas.

Page 20: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

20

Sobresolares horas do México maduro e tamén verde, nas razas de obsidiana e de limón, no sangue feito pedra de pirámides que aínda escoa na historia, siñada pola serpe e o quetzal. Horas de Veracruz dos marimbeiros, madrepórica filla das marés, corpo na bris do Golfo sobre pés de corais e cadril de mestizas abalado. Do Guanaxato de ouro e de Tasco da prata, vividuras de gloria esmorecida dende o fulgor dos séculos mineiros. Das noites de Acapulco no luaral Pacífico arxentadas, con dormición de Venus nas areas e sensual ondulación do mar no colo das caletas. Horas reverdecidas na esmeralda sabaneira dos chibchas,

Page 21: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

21

con Santa Fe de Bogotá e da Chuva cuberta pola sombra de Ximénez e o bafo dos cabalos de Bolívar. Horas do Cauca longas de languidez procesional do río rimadas na nocturna sonata de arboreda adormecida polo arrolo das garzas, e a lírica gorxa do turpial, Mañáns do Matto Grosso, co sabiá cantor nas mangabeiras, fatos de garimpeiros aos diamantes, vaqueiros e boiadas ao trote nas veredas do sertao. ** Horas das travesías esteares nos desertos do éter navegadas, sen quentura de peitos, agarimo de falas nin paisaxe amantío, levando sempre a morte suspendida do folgo dos mecánicos pegasos. Horas esvaradizas pola fraga de ferro das cidades e a cobra das estradas,

Page 22: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

22

onde ferven motores, ferven razas, baixan os urubús cheirando a prea aos recintos da xente, e asoballando a vida que tiñamos o galope dos dólares redobra. Horas sen o ar do trópico amarelo queimadas nas raxeiras litorais, xunto o espeso xermolar da cénaga e a barba lacustre do manglar, ou na farra criolla, feira dos semellantes entintados, xemida en tangos e mexida en rumbas nos esturdidos caixóns dos “nigth club´s”.

** As miñas horas que para ti naceran, as a eito vividas de maos dadas denantes ter do noso lar fuxido… as miñas horas que para ti naceran baixo un ledo repique de campás… revivirán somentes cando a túa quentura globular reviva en min, cando aos meus brazos tornes orballada polo luar das noites da Galiza, envolta aínda

Page 23: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

23

no resplandor da chama que acendes a cotío na lareira onde quece os seus sonos noso amor.

[Sao Paulo, 1959]

CEN CHAVES DE SOMBRA (1979)

As palabras

Vén o ar ateigado de palabras, cada mañán chamando aos nosos vidros, para pór a xemolar son e semente. As palabras de cote están falando e somos nós os xordos ao mensaxe que no seo das sílabas carrexan. Polas palabras somos outra cousa, e non primaz materia dunha besta, só desbravada en nós polas palabras. Son palabras as ondas do gran río da fala, que morre un pouco e nace do mencer ao luar de cada día.

Page 24: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

24

A eito marteladas nos falares do pobo, que as mestura ao seu suor, limadas cal semánticas moedas nas forxas oficiais do saber, sempre as palabras teñen lei de onda a develar na vida dos demais. É de palabras a primeira música que dá tremer de luz ao noso tímpano, e de palabras o primeiro río que verte ao noso canle súas ondas, e se fai subterráneo en cada noite para renascer no leito das auroras. Denantes das palabras foi a choiva linguaxe de cristais da natureza, de verticales sílabas composto, elemental vocabulario líquido das claves seminales sobre a terra, a descrifrar polas meniñas da alma. Palabras insonoras baixo o sono

Page 25: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

25

como peixes de acuarium apagado que a memoria repesca na vixilia. Palabras e memoria dúas forzas que xa casadas nascen lonxe, lonxe... no orbe prebabélico do home. E cando chega a morte a nosa beira, cando nos pasaporta para o nada, o que de certo pasa e se rexistra, o que nos deixa listos para o embarque na dorna por Caronte tripulada... é o naufraxio de todas as palabras.

(Vigo, 1970)

Non escoitedes…

Non escoitedes voz onde non trema o vidro do seu tempo, mainamente, como na pel das augas treme a bris tinguida no brancor dos amieiros.

Page 26: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

26

Non escoitedes voz na que se esquezan as raíces do barro que nos dou feitío de criaturas, amor pra repartir cos semellantes quentor do noso sangue. Non escoitedes ecos en retorno dos paredóns da morte. a vida virá sempre a sulcos novos pra se facer fecunda no grao de cada espiga.

[Pousa Nova do Mar, 1977]

Noso Alexandre, mártir

Trinta e seis, trinta e seis, trinta e seis… Taquicardia da historia dunha imaxe con pulsación esmorecida. Trinta e seis, trinta e seis, trinta e seis… Que ancho o peito teu para os balazos, con corazón equidimensionado, alcouve pola idea frolecido, Que regueiro de folgo para unha fe

Page 27: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

27

por un agosto tráxico xiado, ao despuntar un día a mañanciña! Trinta e seis, trinta e seis, trinta e seis… Toda a xeografía da Galiza, esquí as aldeas, achola as cidades, da miñota fronteira até Teixido, da Curota ao Caurel, alí cabía dun costado a outro, mapa do corazón comprometido, augas, montañas, pobos,… que lavabas cal loriga carnal do pensamento, aquel da Galiza acriboada ao cuspir os fusiles sobre ti. Trinta e seis, trinta e seis, trinta eseis… Sete cruces na Tampa como escudo, ste cruces e o calix do Grial, tatuaxe azul dos símbolos amados, unha terra a ceibar de alleas poutas, unha xente a curar da praga exótica, unha patria a facer. Sete, catorce… tiros na Caeira, contra un pino dos himnos de Pondal, contra un pino de froumas a cair, contra un pino de ponlas a chorar!

Page 28: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

28

Trinta e seis, trinta e seis, trinta e seis… E unha bandeira de Galiza a furto, cadaleito a pechar, pra o teu peito aquecer no máis alá!

(Vigo, 1976)

Canto ao catro de Nadal

Galiza abría os ollos despois da negra sombra que murchara no cedo as roseiras de abril. De novo puña os pés no camiño de volta ao de forzas circiais dentro de si. As rúas eran ríos de peitos xa rimados, na arela de facer unha patria coas mans, desxugar cabezallas que esmagan os destinos devolvendo aos galegos a imaxe do seu chan. A pulsación do pobo a devalar no asfalto reinzou as calzadas de latexos votivos, de calcañares firmes na fe remanecida de que non máis seremos os decote vencidos.

Page 29: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

29

A voz autonomía cobrou azas de pomba que os sonos arrolara do pobo a camiñar, A voz autonomía quente de pulsos ledos debullou a súa mensaxe no sangue popular. Labregos a esquecer o símbolo da fouce, mariñeiros en terra pola Terra a remar, os señores collidos do brazo dos obreiros, mulleres das aldeas con donas da cidá. As viúvas e os orfos das vendimas noitebras, e os das segas lívidas rente do paredón da súa dor sacaron contrición de silencio e na ara da Terra cancelaron súa dor. E ninguén reclamaba desforra nin ordalío, nin das vellas feridas cicatrices furgou. Tódalas voces unha erguendo o mesmo canto, Tódolos berros berro de reliberación. A bandeira galega na destra tremeloce, ao compás reondean símbolo e corazón. As prazas eran urnas traslúcidas e abertas, quiñentos mil sufraxios e brazos un millón.

Page 30: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

30

Repican bronces novos nos vellos campanarios, voces remanecidas desde a raíz do tempo, a Galiza de onte e aGaliza de hoxe, alicerce e palanca do mesmo pensamento. Galiza dixo agora na linguaxe de Euclides, súa palabra acesa nas luces de mañán, quere facer a pulso seu anaco de historia con ferramenta dócil ao sangue matricial.

[Pousa Nova do Mar, decembro 1977]

As ovellas de Joyce

Can correu no milleiral. Can? Non. Isegrim orellas murchas.

Até lobo. E ovellas sineiras paran sen fólego.

(James Joyce, Finnegans Wake)

Page 31: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

31

Ai!, delatadas ovellas dos seus rixelos arrente. Ai!, polas linguas de bronce que dos seus colares penden. Ai!, polas linguas de bronce que esporan do lobo o dente. Isegrim orellas murchas -duplo pavillón solerte- Isegrim orellas murchas malo raio te estatele! Non eres o can que ladra dantes de trabar na xente. Os milleirales contigo murcharon seus fogos verdes, a paz que nas chocas tanxe e nos pendóns arrecende a paz que nas chocas tanxe de cana se fai, e fende.

Page 32: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

32

Sineiras de sinos mornos, orbillo de sons no abrente, sineiras se signos mornos, copas de candor vertentes. O voso espaller de sons… un facón por cada dente. Pombas do chan nas auroras Pombas do chan nos poentes, De Isegrim a treiduría, o badal cisca a semente. De Isegrim a treiduría Na vosa candura quece.

* * * *

Baixo a lá das ovelliñas, O corazón do home treme. Polo son que outros penduran Ao noso pescozo débil, Polo son que outros penduran, Tamén o lobo nos fere.

Page 33: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

33

(Pousa Nova do Mar, outubro 1975)

Veño da Morte

Galegos, meus irmaos, veño de ter co-a morte. Sin o agardar unha vez mais atopo o ventureiro empalme con a vida. Estou na singladura do retorno, con ollos recuncantes na alborada, tímpano a se tremer en libres odas, pernas reencanadas para andar os camiños resucitados. Veño da morte, irmaos, e no fardel, pouco trouxen pra vos: cicatrices de ferro nas palavras

Page 34: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

34

POEMAS SOLTOS

Na brétema, tres cantos…

A Luís Seoane in memoriam tuam

I

Xa bogas, sen fardel, na brétema sen horas intérmula bandeira na arcada de outro mar,

a nosa sombra ollando por buraco estear, rachada nos carreiros abruñados de amoras.

Contigo levas fachos para novas autoras, e deixas a Galiza nun cego navegar, co destino atrapado na pouta moncloar, debruzada de novo na ponte das deshoras. Xa semellamos moucos exiliados na Terra, con segunda hipoteca na nosa liberdade. Só o ronsel que canta dos mortos nos acentos nos devolve a esperanza a que o home se aferra, nos ergue até as almeas da moura soidade, onde aínda agardamos teu mensaxe nos ventos.

Page 35: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

35

II

Túas mans tallarían corpos e almas no buxo, retábulo de opresos a corazón magoado, de anatomías quentes código promulgado na diástole de brancos e tintas sen embruxo. Plana imaxinería o teu pulso compuxo, para lle dar vida do hoxe aos mitos do pasado, de Rui Xordo descobres o arrufo alanzado, de María Balteira o namorar cabuxo. Sorna, panos, tamancos, remontas, parachuvas… raza en pristinidade, como a terra a pariu, con brazos para a fouce, o remo e o badal, na véspera do día de madurar as uvas na mítica parreira que o destino encubriu, onde nos chaman hoxe as voces de metal.

III

Ao alén chegarías, Orfeu dos emigrantes, con Ramón Cernadas no adro a te agardar, e Mesdamus, Basalo e tantos que a máis dar, abonan co seu calcio camposantos errantes.

Page 36: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

36

Da loita “as cicatrices” cavadas nos semblantes, Galiza sen Galiza, a patria a despatriar, raíces sen filame beira a beira do mar, emerxendo da cinza das lareiras vacantes. Ao fin agora deixas o posto nos combates, sen recoller as gubias nin pinceles limpar, eles berrarán sempre polo que xa non berra, erguerán o teu nome nos vindeiros embates, cando Galiza volva de seu a camiñar, e sexa nosa mao a mao da nosa Terra.

[Maio de 1980]

Castelao no Harlem preto

Virando a ponte fría do Triboro, na pasaxe de Harlem a Broadway, diante dos teus pés romeiros toparas as vareas máis ingremes que ían ensarillar o teu exilio. Corpo sen sombra a pervagar serías

Page 37: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

37

en ronsel sen estrela, e quente man sen palma irmán aberta onde poder pousarse, e o corazón a latexar en vougo, perdidiño no mato de cimento e sombras alongadas sobre as almas e deitar de alciprestes ferro-ergueitos sobre dos corpos ao metal dobrados en orfandade de raíces. Xa levabas andando encosta arriba o labirinto vial do Harlem preto, recollendo súa imaxe e seu ritmo, no prismático espello do espírito, e na plástica antena do teu lapis. Outra fronteira humana descubriras na xeografía epitelial das razas onde teus ollos cativos tentan reatopar ao home como Deus o tirara do seu forno, levando no seu queimo seu mensaxe

Page 38: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

38

e seu fado fanado para a vida. Ai Harlem, Harlem, Harlem… dos pretiños! Ai Harlem dos menceres estourantes no repicar de gongs e de maracas, a referver nas noites estragadas de farras saturnais! Alí topou teu arte novas liñas, outro latexo irmán vibrou teus pulsos, outro amor no teu peito magoado principou a medrar. E por Baixo das dermis chamuscadas Túas meniñas macias desvearon outras virxindades seculares, outro drama social agabeando a cabalo da sombra de Caín, pola cor dunha pel. Un vertical exilio polo sangue que ten tamén do noso a mesma cor, mais que leva nos glóbulos da liberdade as cinzas aínda mornas a querer soerguer as súas linguas

Page 39: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

39

e cancelar as dores milenarias, que arrastro traguen polo chan da historia o ser mais o destino dunha raza. E foi en ti, Daniel, o nacemento, de novas cordas na arpa do ancho peito, que despois cantarían nas formas e nos ritmos de acibeche, o poema de amor en tintas libres do sangue irmán que ferve nos proscritos.

(Pousa Nova do Mar, xullo 1982)

Ode sen pranto ás cinzas rescatadas I

Arela de resflor, Hoxe remanecida musa nosa ―Daniel desde a nacenza carismando con óleos de profeta— esta mañán volvo en achego a ti. Dobrarán bronces sagros no ar viúvo

Page 40: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

40

a brazo nu tanguidos Desde o Miño arterial á foz do Navia

Sonou ao cabo a data degorada da restituto ceneris, a terra que das chagas convalece na restinga das décadas umbricias, onde ben fora que nos atoparas desatrelados xa, ceibes e ledos para o complexo de Caín avesos remerecentes circios das liberdades porque ti loitabas. Daniel desde a nacenza carismando pra que teu pasamento se trocara en revoada de espíritos.

II

En boas medras eu quixera agora -Daniel a luz pairal restituído- Nesta polo San Xoán mañán lavada, Con orballo arumado de naisilvas…

Page 41: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

41

Que translevar a ti puidera hoxe As palabras quecidas Na fe do pobo aínda resistente. As tantas veces por túa voz vibradas, En tímpanos anónimos Dantes que a paz civil fose esmagada. Palabras de mensaxe que xuntos espallamos moitos días nos adros das parroquias, desde a escada de pedra dos cruceiros, por sobrados vilegos… agás para os serodios rechouchíos dos mandachuvas recuncantes. Primavera esquecida da que foras o máis lanzal lilaz, denantes da súa hora deslogrado.

III

Mais agora, Daniel, _delfín maior dos exiliados nosos_, nesta a deshora hora do retorno, van de camiño longo xa exauridos

Page 42: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

42

anos demais do tempo xerminante, que teus faraldos pretos agoiraran. Xa es cinza, Daniel, aínda que sempre cinza namorada. Xerme en calada trasremudación da concienciana idea. Cinza asuntiva de valores prestos a outro vizoso afloramento que anada tras anada se reínce no miúdo milagre da semente para longas labradas no porvir. Verbo con son eterno propagado no país a rescatar agora das servidumes residuais. Desembargada prenda A se facer do seu dona e señora.

IV

Cos fíos de ouro da túa vida e a fulguración da túa obra,

Page 43: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

43

nos anais do país restituído aínda se escribirán, tras de moitos capítulos de sombra outros alumeados de esperanza, en románicas letras lapidares, onde unha pauta esgrevia se retrace do modelo de Patria que soñaras como Pondal denantes para o solar “dos bos e xenerosos”. Sono e bandeira nosos, que sen se transfundir en realidade xa de abondo sería para que teu ollar atoutiñante e túa man sabida, na cadea sen reixas nin alxemas, na onda fraternalia dos galegos sufrintes vellos da orfandá do chan, unha noite arxentina de xaneiro no eternal exilio esmoreceras.

Page 44: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

44

V

Teu Nome de vagoes ecoantes -Daniel barón baril de transparencias- polos ermos do alén onde navegas… en volta da túa imaxe unha coral de razas que se convoca. Cal si de axiña convertido foras, de paladino estrenuo de Galiza nun mago para os outros a nivel semellante marxinados. Desembruxada plástica social, da nosa xente pristinazo molde e dos outros trasunto avivecido, -coa súa cor enfornados, e seu carril balsante, pel e ritmo…- no obradoiro do mesmo do Paradiso. Labregos no zoar dos milleirales, mariñeiros de mares repartidos, matronas parideiras de emigrantes, sanguixolas do Fisco, umbilicado,

Page 45: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

45

prisioneiros e mártires de Marte, pretos de Harlem, guaxiros de Cuba, chineses de matute na Manhattan, gauchos de pingo e poncho pola Pampa.

VI

Unha resaca negra de saudade, do baleiro que deixas, desde nontronte abala a Chacarita. Tingue de dor as pedras tumlares polos cinceles de Asorey labradas, onde, Daniel, gañada a peito tiñas túa máis delongada residencia. Rianxo de ultramundo! Morada sen morar dunha Galiza ciscada por espazos emprestados. Dez anos de vivencia convivida en comunión belixerante. E trinta e catro máis de conmorencia.

Page 46: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

46

A suma dos teus restos, noso Daniel por Bonaval gañados, compre que a Patria nosa faga hoxe reasunción de cinzas asociadas. As de todos aqueles que túas soidades compartiron e contigo loitaron de mans dadas. Galiza tamén vive dos seus mortos.

(Pousa Nova do Mar, San Xoán, 1984)

Page 47: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

47

A EVOLUCIÓN TRAS-CONTINENTAL DA LINGUA GALAICO-PORTUGUESA

(dentro do volumen colectivo O porvir da lingua galega. Lugo, 1968)

[Extracto do texto de 1968, incluído no volumen colectivo O porvir da lengua galega, editado polo Cículo das Artes de Lugo]

Da teimosía nunha óptica revirada ao pasado ningún proveito

poderá agardarse. Con conciencia do mal, ou sen ela, semellante

visión é a que mantén aínda hoxe, envolto nun senso reverencial de

reliquia, ao idioma galego. Dunha banda, polo fenómeno de

marxinación, que xa leva durado máis de catro séculos. Resulta,

quéirase ou non, da presión asimilista que exerce o castelán

oficializando.

Doutra banda, polo complexo de inferioridade, que ao redor

da fala propia aquela marxinación provocou na área de nacenza. A

proscrición do uso nas escolas, no culto, nas relacións

administrativas, etc., tiña que carrexar ao longo termo, cando

menos, esta pauliña serodia da auto-subestimación. Máxime na

poboación monolingüe, que aínda hoxe chega ou pasa dos tres

cuartos da total.

Temos diante de nós un “status” posicional vicioso e falaz,

que algún día entrará no desxeo. Mais para conquerir tan lexítimo

obxectivo, non abonda coa denuncia isolada e teórica. Cando

menos se se exerce como deica agora, arrequecida nos senti-

mentos reivindicativos e pouco máis.

Recuncando neste xeito de obrar, é ben seguro que non se

vencerá a xordeira das esfinxes entronizadas. Mais a cousa podería

mudar de vez, se fósemos homes dabondo para ligar o problema do

idioma a un pensamento social moito máis que á reacción

sentimental.

Fai falla escomenzar poniendo en destaque, entre os valores

que a nosa lingua conserva, a súa capacidade como “medio de

comunicación”. Chegou o intre de cifrar a importancia do idioma

─mais que na súa orixe e os seus servizos á creación literaria ou

histórica ─, no censo das persoas que valéndose da ferrramenta

verbal recibida no lar, poden entenderse polo ancho mundo. Ao

mesmo tempo compre ter en conta a evolución previsible das

Page 48: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

48

magnitudes demográficas que veñen avencelladas, na comunidade

lingüística, resultante dun arriscado proceso histórico.

O MAPA DA FALA COMÚN

O mapa da lingua de Camõens e Rosalía abrangue terras de

catro continentes. Atendendo ao censo dos que a usan, clasifícase

no terceiro posto entre as linguas neolatinas. Despois do inglés e o

castelán, é tamén a terceira das Américas.

Hoxe o cómputo anda polas beiras dos cen millóns de

falantes. Todos se entenden, ou pódense entender, nas mesmas

voces. O feito de que algunhas desemellanzas se aprecien na

fonética ou na escritura non mingua validade ao xuízo.

Do total daquel censo, máis dos oitenta millóns viven só nun

país. O que ha de ter sempre papel gravitante no conxunto, non

soamente pola forza do número. Hoxe tamén pola súa puxanza

económica e a xerarquía da súa literatura.

Compre engadir que, entre o contixente supermaioritario do

Brasil, e o núcleo orixinario, aquelas desemellanzas son

minguadas. Maiormente no idioma escrito. O exemplo da prosa de

Guimarães Rosa, entre outros menos ao día, constitue o mellor

testemuño para reforzar a nosa apreciación.

Os datos que describen o expandemento xa arrecadado pola

língua galaico-portuguesa son impresionantes. Mais o son moito

menos do que terán de ser ao cabo dalgúns decenios. Os índices

de crecemento demográfico e tamén econômico do Brasil fornecen

proba anticipada da realidade que está a vir, moito máis densa e

próspera aínda da que hoxe existe.

Tardarán máis, se se quer, outros países, como Ángola ou

Mozambique, en chegar a unha escala de maior desenvolvemento.

De todos os xeitos, a descolonización nunca poderá incluír a lingua,

o seu mellor herdo, definitivamente xunguido á historia futura de

moitos pobos chamados a conquerir fortes aceleramentos no

ritmo da súa expansión.

Polo tanto, dentro da comunidade, o valor-espazo canto o

valor-tempo da nosa lingua, son ben claros. O primeiro é dunha

Page 49: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

49

realidade grandiosa. O segundo vén ser hoxe tan positivo como

prometedor cara o mañá.[...]

UNIFICACIÓN POLA LINGUA

Lingua do pobo e dos trobadores era o galego que no século

XIII Dom Diniz, Rei labrador, plantador e poeta, converteu en idioma

oficial do seu Reino. Daquela, Galiza e Portugal mantíñanse aínda

en certa unidade de espírito. Foi tan gloriosa simbiose o berce

remoto do espectáculo cultural, que hoxe podemos contemplar e

vivir.

De tan nobre orixe sobreviven realidades sociais cheas de

fecundidade. As que fixeron posíbel, a despeito de diferenciacións

raciais, de continentes e de hemisferios, paralelos e meridianos...

que un labrador de Castroverde poida parrafear cun “facendeiro” de

Rio Grande do Sul, que un mineiro de Silleda poida entenderse mao

a mao cun “garimpeiro” que arrinca diamantes en Rochedo ou

Corguiño (Matto Grosso); unha regateira do Berbés ou do Muro da

Coruña cunha varina de Peniche ou de Porto Alegre; un intelectual

luso-galaico cun “bugre” dos Campos Gerais.

Cantos galegos labraron despois fortunas inmensas en Lisboa

ou no Brasil, saíron da terra cunha man diante e outra detrás. Non

manexaban máis arma que a súa lingua para vencer na emigración.

Sen ela, os fados que lles foron agarimosos, teríanse afastado do

seu camiño. Sen ela, e sen coñecemento suficiente doutra fala, a

franquía que a comunicación proporciona non lle abriría a porta de

estraños países.

As verticais gaiolas de ferro e cimento, que aloxan a febre dos

negocios en São Paulo, Rio, Santos, Belo Horizonte, Recife... están

poboadas de voces galegas. As que foron arrincadas ás cordas do

pobo desde Airas Nunes a Macias, pasando polo Rei Sabio. As

voces nas que rezan as negras da Bahia noveladas por Jorge

Amado, as mesmas oracións que se ofrecen ao Bon Jesus de

Braga ou á Virxen da Franqueira. Unificación pola fe, que no caso

non é simple exemplo de sincretismo relixioso, pois presupón outro

xeito de unificación. A unificación pola linguaxe.

Page 50: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

50

CHAVE DE MUNDOS PECHADOS

Ningún experimento mellor que o de mergullarse por certo

tempo nesta estalante bulsa do orbe, escoitar a disforme cadencia

dos seus latexos, tomar o achego dos feitos violentamente

diferenciais, para coñecer a percusión, profundamento humano, do

fenómeno socio-cultural a que me veño referindo. Hai xa algúns

anos percorrín, cuase de ponta a ponta, a xeografía lingüística

galaico-portuguesa. Poucos ensinos máis fecundos, para un galego

de hoxe, que o recibido da comunicación na súa lingua, cos

inmigrados xaponeses radicados en Campo Grande ou Cuyabá, ou

explorar a i-alma dos tupís-guaranís que baixan da tribo ao mercado

das cidades, por citar só dous exemplos.

Almas pechadas a cal e canto nos muros do ancestro racial.

Soamente poderían abrirse un pouco para os estraños ao conxunto

da fala común. Penso que non é pequena regalía dispoñer dunha

chave máxica para penetrar no segredo de mundos morais tan

diferentes do noso. ¿Non vén ser un privilexio do meirande valor

humano?

Descubrírono ben a tempo os misioneiros das Relixións

militantes. En troques, non parecen sospeitalo os que podendo

favorecer a plena rehabilitación da lingua nativa, escomezando pola

escola, igrexa, os medios audio-visuais… mantéñense afincados na

teimosía da marxinación.

POSICIÓN CARA O FUTURO

A área de espallamento da lingua galaico-portuguesa non fica

limitada a dous continentes. Mais xa se sabe que Europa e América

serán os escenarios do seu futuro, como son do seu presente.

Ninguén pode con certeza aventurar prognósticos, sobre se o

censo de falantes manterá no día de mañá a proporcionalidade que

hoxe garda co censo do castelán. O crecemento explosivo do Brasil

alimenta non poucas dúbidas. Aínda seguindo as cousas do mesmo

xeito –con superioridade numeral do idioma de Cervantes- o

Page 51: Textos de Valentín Paz-Andrade - Adrián Rico

51

problema de coexistencia e da evolución de entrambos sistemas de

comunicación non perderá interese socio-cultural.

Moito máis, tendo a emigración española proclividade

histórica para escoller os das Américas como países de

acollemento. Este e outros imperativos farán sempre inxustificábel

que do mesmo lado se manteña unha posición inhibitoria, cando

non subestimatoria, para a ponla orixinaria da terceira das linguas

faladas máis alá do Atlántico.

Non debera botarse a esquecemento o fenómeno de

subordinación entre o florecemento das linguas e o

desenvolvemento das sociedades a que veñan incorporadas. Aínda

que da parte do Estado se persistise en abandonar o galego á súa

sorte, a lingua extravernácula seguirá evolucionando e mellorando

as súas marca nos territorios que a porfillaron. De xeito que ao

descoñecer este proceso multiplicador, sen proporcionar a Galiza

axudas para acompañalo, serán tamén os intereses xerais de

España os que resulten danados. Sufrirían a perda da mellor vía de

influencia humana, económica e cultural , no trópico ultramarino.

Só pola coexistencia activa do castelán co galego, sen

servidume nin alxadre dun sobre outro, poderá establecerse neste

orde de relacións unha posición vantaxosa cara ao porvir. Unha

posición que aínda España pode aproveitar a fondo, grazas a que a

lingua oficialmente leixada non se perdeu. Unha posición que para

si quixeran norteamericanos, rusos, ingleses, franceses ou italianos

para aumentar o seu influxo en terras que sempre lle encheron o

ollo.

Soamente valéndose do túnel lingüístico do Noroeste, hoxe

tan pouco aberto, a cultura e a economía españolas poderían

expandirse naquel fabuloso mundo. O cobizado mundo do porvir, ao

que a esquecida Galiza vai xa para cinco sécalos, transmitiu o seu

herdo máis glorioso, nos lusitanos beizos de Pedro Álvares Cabral.

[…]