O romance da urca de Santo Antón (1777). Poesía en galego no Ferrol do século XVIII

21

description

Índice

Transcript of O romance da urca de Santo Antón (1777). Poesía en galego no Ferrol do século XVIII

O romance da urcade Santo Antón (1777)

Poesía en galego no Ferrol do século XVIIIRamón Mariño Paz

Margarita Sánchez YáñezDamián Suárez Vázquez

Biblioteca Filolóxica Galega | Instituto da Lingua Galega

O romance da urca de Santo Antón (1777)Poesía en galego no Ferrol do século XVIII

EDITA:Fundación Barrié

Biblioteca Filolóxica Galega | Instituto da Lingua Galega

IMPRIME: Graficas Mera S.L.

DESEÑO: agrafojo + asocs

ISBN:978-84-9752-068-3

Déposito Legal: C 1393-2012

©2102, Fundación Barrié©2012, dos textos: Ramón Mariño Paz, Margarita Sánchez Yáñez, Damián Suárez Vázquez

AGRADECEMENTO

Desexamos expresar publicamente o noso agradecemento a todas aquelas persoas que de diversas maneiras fixeron máis doado o noso labor e contribuíron, por tanto, á publicación deste libro.

Particularmente, queremos deixar constancia da nosa gratitude a José Carlos Iglesias, que ade-mais de nos abrir paso ao director do Museo Naval de Ferrol achegounos preciosa información

sobre diversos aspectos relacionados coa Mariña e coa vida a bordo das embarcacións, ao director do Museo Naval de Ferrol polas facilidades que nos deu para que se fotografase o cadro da urca

de Santo Antón que nel se conserva, ao fotógrafo Kiko Delgado polo seu excelente traballo, a todo o persoal do Archivo Histórico Nacional de Madrid que nos abriu as portas para a consulta e a reprodución do manuscrito que nesta obra editamos e, finalmente, a Antón Santamarina, que

coas súas observacións corrixiu algúns erros de lectura que inicialmente cometemos.

Os autores

ÍndiceI. EDICIÓN DO TEXTO _______________________________________________ 7

1. Descubrimento da peza e primeira aproximación a ela ___________________________ 92. Contido e datación do romance ______________________________________________103. O manuscrito ____________________________________________________________124. O autor da composición ____________________________________________________155. O compilador da colección de manuscritos _____________________________________196. Criterios de edición _______________________________________________________207. O texto __________________________________________________________________238. Bibliografía ______________________________________________________________489. Manuscrito do romance da urca de Santo Antón ________________________________50

II. ESTUDO HISTÓRICO _____________________________________________ 631. A realidade histórica no contido do romance da urca Santo Antón __________________65

1.1. Notas sobre o autor e a cronoloxía do poema __________________________________________ 651.2. A urca Santo Antón e as outras embarcacións do convoi _________________________________ 661.3. Os perigos no mar. A viaxe do poema. O voto á Virxe ___________________________________ 691.4. Documentos da viaxe. Información e comentarios _____________________________________ 73

2. Os personaxes e o contexto__________________________________________________872.1. Personaxes e participación da sociedade na función á Virxe ______________________________ 872.2. O que se sabe dos personaxes ______________________________________________________ 92

2.2.1. Xosé Franco ____________________________________________________________________________ 922.2.2. Ánxel Suárez ____________________________________________________________________________ 962.2.3. Xosé Gómez ___________________________________________________________________________ 1002.2.4. Xosé Iglesias ___________________________________________________________________________ 1072.2.5. O contramestre Pedro ____________________________________________________________________ 1082.2.6. Os cantores: Mestre Freire e Nicolás Cordido __________________________________________________ 1082.2.7. Os músicos ____________________________________________________________________________ 112

3. Documentos e comentarios referentes ó estado das obras da igrexa parroquial de San Xiao____________________________________________________________112

4. Fontes de arquivo ________________________________________________________1175. Fontes secundarias: bibliografía e webgrafía ___________________________________117

III. ESTUDO LINGÜÍSTICO _________________________________________ 1211. As condutas lingüísticas observables no poema no contexto do moderno proceso castelanizador de Ferrol ____________________________________________ 1232. Motivacións para o emprego do idioma galego no romance ______________________1333. Trazos definitorios da lingua galega do romance _______________________________140

3.1. Usos gráficos __________________________________________________________________ 1403.2. Fenómenos de indución, transposición, subtracción e aumento de unidades segmentais _______ 1473.3. Os ditongos decrecentes /oi/ e /ui/ _________________________________________________ 1483.4. Grupos consonánticos tautosilábicos nos cultismos e nos castelanismos ___________________ 1493.5. Grupos consonánticos heterosilábicos nos cultismos e nos castelanismos___________________ 1493.6. Gheada e gueada _______________________________________________________________ 1503.7. Outros fenómenos fonéticos ______________________________________________________ 1523.8. O artigo determinado ___________________________________________________________ 1523.9. Os pronomes persoais ___________________________________________________________ 1533.10. Paradigma dos demostrativos ____________________________________________________ 1543.11. Morfoloxía nominal ___________________________________________________________ 1553.12. Morfoloxía verbal _____________________________________________________________ 1563.13. Adverbios ___________________________________________________________________ 1583.14. Preposicións e conxuncións _____________________________________________________ 1593.15. Outros trazos morfolóxicos e sintácticos ___________________________________________ 1603.16. Uso e depuración de castelanismos lexicais e léxico dialectal ____________________________ 1623.17. Fraseoloxía __________________________________________________________________ 1643.18. Conclusións _________________________________________________________________ 164

4. Anexos _________________________________________________________________165Anexo I. Impresos do século XVIII con textos en lingua galega ______________________________ 165Anexo II. Manuscritos en galego do século XVIII ________________________________________ 166

5. Bibliografía _____________________________________________________________167

Capítulo 1

Edición do textoRamón Mariño Paz Damián Suárez Vázquez

Ramón Mariño Paz Margarita Sánchez Yáñez Damián Suárez Vázquez 9

1 Descubrimento da peza e primeira aproximación a ela

O achado da peza manuscrita que nos ocupa produciuse en abril de 2009, no marco dos traba-llos levados a cabo no proxecto de investigación sobre “Edición de textos das primeiras décadas do século XIX”, desenvolvido no Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Baseándonos só nas súas referencias internas, unha primeira aproximación á obra, anónima e sen data, permitiunos encadrar a súa composición entre 1777 e 1834, é dicir, tras a consagración da igrexa parroquial de San Xiao de Ferrol en 1772 e antes da desamortización de 1836, que afectou o convento de Santa Catarina de Montefaro, pero tendo en conta que o 10 de agosto do ano en que sucederon os feitos relatados no texto, día de San Lourenzo, tiña que ser un domingo: 1777 e 1834 eran os dous anos extremos en que tales circunstancias concorreran. O tipo de letra do manuscrito, aparentemente decimonónico, así como algún trazo particular da lingua empregada (nomeadamente a representación gráfica da gheada, que aparece con certa frecuencia en textos do Prerrexurdimento) fixéronnos supoñer nun principio que o romance da urca de Santo Antón constituía unha nova mostra de produción literaria en galego das pri-meiras décadas do XIX (Mariño Paz / Suárez Vázquez 2010: 16). Tempo despois, unha análise máis pormenorizada do contido da composición, debida a Margarita Sánchez, permitiu afinar na datación da peza, que parecía ser do mesmo ano 1777, o que quedou plenamente confirmado ao ser localizada no Archivo General de Simancas a documentación relativa á accidentada viaxe marítima que se relata na obra.

O poema consérvase desde data incerta no Archivo Histórico Nacional de Madrid, formando parte do Códice 1052B, un volume facticio que reúne manuscritos literarios dos séculos XVIII e XIX que debeu de pertencer ao erudito pontevedrés Eugenio Reguera y Pardiñas (1806-1866). Este volume recolle un romance en galego e castelán de 668 versos no que se relatan acontece-mentos reais que tiveron como escenario unha travesía desde A Habana ata Ferrol realizada entre abril e xullo de 1777 a bordo dunha urca de nome San Antonio (galeguizado nos versos 33 e 235 do texto como San Antón), e mais unha función relixiosa votiva celebrada na igrexa parroquial de San Xiao en agosto dese mesmo ano.

Trátase dunha composición de carácter satírico escrita nun ton informal. Nela, un personaxe que non demos identificado, posiblemente un crego, relátalle a un seu amigo as vicisitudes da travesía e descríbelle a posterior celebración relixiosa, incidindo especialmente na intervención

10 O romance da urca de Santo Antón (1777). Poesía en galego no Ferrol do século XVIII

do predicador, personaxe ao parecer ben relacionado entre a sociedade ferrolá da época. A posta por escrito desta historia xustifícase no propio texto polo distanciamento físico entre o autor e o seu destinatario, que impediría a comunicación persoal entre eles os dous: “heyche de contar un conto / que chá de dar justo ohílo; / ê, com’-estamos tan lexsos / que nompódo estar contigo, / nin dicircho cara á cara, / mandocho así por escrito” (3-8)1. Esta circunstancia non tería por que responder necesariamente a un recurso de ficción literaria; máis ben somos da opinión de que o romance da urca de Santo Antón representa unha mostra real de correspondencia en verso (o saúdo inicial e a despedida apuntan nesa dirección) que o autor enviaría desde Ferrol a alguén situado nun lugar incerto. Trataríase, por tanto, dun escrito literario de carácter privado, ou polo menos de circulación restrinxida, que non estaba destinado a ser feito público. Nesta mesma modalidade creativa inscríbense algunhas outras mostras en lingua galega que son da mesma época ou un pouco posteriores, o que suxire que nestas pezas circunstanciais feitas por divertimento o uso da nosa lingua puido ser naquela época algo menos excepcional ca na crea-ción literaria máis ambiciosa. Son, en definitiva, exemplos de correspondencia privada en verso parangonables co romance da urca de Santo Antón de 1777 o romance de María Francisca de Isla y Losada ao cura de Fruíme escrito entre 1774 e 1777 (cf. Mariño Paz 2007), a carta do cura de Esmelle de 1827 (cf. Navaza 2012) ou o poema de 1842 en que Juan Manuel Pintos lle comu-nica a seu pai o nacemento do seu fillo Basilio Aniceto na vila de Cambados (cf. Hermida Gulías 2010, Mariño Paz / Suárez Vázquez 2012: 487-494 e Xove Ferreiro 2009).

2 Contido e datación do romance

O romance da urca de Santo Antón constitúe en boa medida unha sátira contra dous perso-naxes ferroláns, seguramente ben coñecidos polo autor da composición. Unha primeira parte está protagonizada polo capelán de navío José Franco, a quen se lle recrimina a súa covardía durante a tempestade padecida nunha travesía marítima e, tamén, a mesquindade de que fai gala ao organizar a función relixiosa que lle ofreceu á Virxe en agradecemento polo seu auxilio. Na segunda parte do relato entra en escena Ánxel Suárez, o cura a quen se lle encarga o sermón da dita celebración relixiosa, que peca de fatuidade. A actuación levada a cabo por este segundo personaxe non resultou do agrado de boa parte do auditorio ferrolán, feito que o narrador atri-búe de maneira claramente irónica á escasa categoría do público asistente (613-620, 649-652), o que talvez constitúe unha resposta velada a insinuacións dos responsables do evento.

Mais o romance serve ademais para facer un rico retrato da sociedade ferrolá da época, e nel aparecen representadas desde as altas xerarquías políticas e administrativas da cidade ata as xentes do común. E, por suposto, tamén reflicte o inicio dun proceso de substitución lingüística que, como é ben sabido, chega ata os nosos días.

1 Indicamos entre parénteses o número ou números do verso ou do grupo de versos do poema en que se atopan as palabras ou construcións aducidas como exemplos ou como confirmación do que afirmamos na nosa exposición.

Ramón Mariño Paz Margarita Sánchez Yáñez Damián Suárez Vázquez 11

O desenvolvemento da historia relatada é lineal. No seu inicio o narrador diríxese ao destinatario da composición (1-4), un bo amigo seu a quen explica que lle envía un “conto” por escrito por non poder transmitirllo persoalmente (5-8) e a quen tamén xustifica o seu uso do galego (9-28). A parte central da historia (31-656) comeza co relato da viaxe da urca de Santo Antón: despois da presentación dos personaxes do capelán (39-46) e do piloto (47-56) descríbese a treboada que pa-deceron a bordo da nave (58-160), onde se pon de manifesto a personalidade pusilánime do cape-lán. O narrador introduce entón unha digresión que ten por cometido describirlle ao seu amigo o que habitualmente acontece nas embarcacións en caso de tempestade (161-236), que en realidade é o que ocorreu na propia urca do relato. A desesperación do capelán no fragor da tormenta lévao a facer unha invocación á Virxe e a ofrecerlle unha función solemne ao chegar a terra (237-290), para a que pide a colaboración do piloto (291-339): eles os dous, xuntos, planifácana en detalle (340-413). O punto forte desa función radicaría no sermón dun coñecido dos dous personaxes, Ánxel Suárez (394-411), a quen o piloto visita ao chegar a Ferrol para poñelo ao corrente de todo (422-439). O narrador aproveita entón para desmentir un ruxerruxe acerca de que, para facer o seu sermón, o predicador recorrera á axuda dun estudante (440-449), quen en realidade só participou nos ensaios dos días previos (450-472). A continuación descríbese polo miúdo a función relixiosa (473-607): a actuación dos músicos e do coro (477-490), as personalidades e o público asistentes (497-522) e a intervención de Ánxel Suárez (525-603), no medio da cal se introduce unha nova digresión na que a lembranza da fábula de Esopo titulada “O parto dos montes” serve para extraer unha ensinanza que se aplica ao ocorrido aquel día na igrexa de San Xiao (552-567). As distintas valoracións acerca do sermón (608-646) e o apuntamento de que Suárez predicou poucos días despois en Mugardos (649-656) pechan esta parte da obra. Xa no desenlace (657-668), o narrador despídese do seu amigo, anunciándolle un próximo sermón de Suárez sobre o martirio de San Xiao que talvez chegue a relatarlle.

Os feitos narrados no romance da urca de Santo Antón aconteceron realmente entre o 1 de abril de 1777 (cando partiu desde A Habana un convoi integrado pola nosa urca e catro naves máis) e o 16 de agosto dese mesmo ano (día en que supoñemos que Ánxel Suárez predicou sobre San Roque en Mugardos). Ata onde nos foi posible comprobar coa documentación conservada, sa-bemos que o autor do poema plasmou a realidade histórica con bastante fidelidade2. No entanto, chama a atención a discordancia existente entre a data real de partida das embarcacións desde Cuba, o día 1 de abril, e o que se di no texto: “Aló polo mes de Mayo / saleu da Habana a’-ste sitio / á Vrca de San Antón” (31-33). Sen dúbida, o autor non tiña coñecemento exacto da data de inicio da travesía, cuestión que queda reflectida no fragmento reproducido arriba polo uso do adverbio aló, que expresa imprecisión. Do que si parece que estaba advertido é de que a urca arribara ao porto de Ferrol o 20 de xullo e de que a súa travesía fora máis longa do previsto debi-do ao mal tempo que tivo que soportar, que mesmo obrigou a que fixese escala no porto de Vigo (235-236, 414-415, 595, 660). Botando as súas contas, o autor debeu de imaxinar que a saída se producira efectivamente no mes de maio, sen sospeitar que a viaxe fora tan extremadamente de-morada como en realidade chegou a ser. Para facerse unha idea disto, abonda con contrastar os 111 días que durou esta travesía de retorno cos 63 da previa viaxe de ida da urca de Santo Antón

2 Véxanse polo miúdo todas estas cuestións no “Estudo histórico” deste volume.

12 O romance da urca de Santo Antón (1777). Poesía en galego no Ferrol do século XVIII

á Habana, que por certo tamén foi bastante accidentada (saíra de Ferrol o 19 de xuño de 1776 e recalara no seu destino o martes 20 de agosto); e, sobre todo, abonda con contrastar eses 111 días do retorno cos 45 días que lles levou chegar a Ferrol ás outras naves do convoi que partira de Cuba o 1 de abril, pois sabemos que fixeron arribada o xoves 15 de maio.

O poema tívose que compoñer despois do 16 de agosto de 1777, cando Ánxel Suárez “foy pe-dricar de San Roque” á veciña vila de Mugardos (649-653), pero tamén antes do 7 de xaneiro do ano seguinte, pois o narrador infórmanos de que o mesmo personaxe “há de predicar / de San Xulian ó martirio” (661-662)3. En todo caso, debeu de ser escrito antes de rematar ese ano de 1777, xa que o determinante demostrativo est[e] dos versos “O dia de San Lourenzo, / qu’-est’-ano cadro’-en Dominjo” (473-474) apunta con certeza a que o ano en que se sitúa o autor é o mesmo ca aquel en que ocorreron os feitos relatados. Se ademais pensamos en que a Ánxel Suárez “moy pouco tempo lle dan / prá rexistrar os seus libros” (663-664) á hora de preparar o sermón dedicado ao martirio de San Xiao, poderemos concluír que o romance da urca de Santo Antón foi composto en data máis próxima ao 7 de xaneiro de 1778 ca ao 16 de agosto de 1777 e, por tanto, debeu de escribirse no mes ou nos meses finais dese ano 1777.

Sen dúbida, esta recuada data de composición supón un valor engadido para un texto galego que, cómpre recoñecelo, non destaca pola súa valía literaria, aínda que si é certo que ofrece va-liosísima información de carácter histórico e lingüístico.

3 O manuscrito

O caderniño que contén o romance da urca de Santo Antón ocupa o décimo terceiro lugar entre os quince manuscritos (dous deles, duplicados) que actualmente conforman o Códice 1052B (antigo 1157) do Archivo Histórico Nacional de Madrid. Como veremos, os textos deberon de pertencer a Eugenio Reguera y Pardiñas, aínda que a configuración actual do volume pro-bablemente se levou a cabo no propio arquivo, pois algunhas das pezas presentan, ademais da numeración correlativa das páxinas impares, unha anterior que afecta a páxina inicial de catro dos textos. Así, ao noso manuscrito correspóndenlle os folios 26 a 31 do volume, pero presenta tamén na marxe superior esquerda da primeira páxina a antiga numeración “XI 12”. As distintas pezas non parecen ter máis vínculo entre si ca o de seren textos ou grupos de textos poéticos (dez en galego, dous en castelán e un en portugués) que podemos datar, ata onde sabemos, no século XVIII os máis antigos e en 1864 o máis moderno. Non é exacto o título Poesías. Autógra-fos do códice, pois cónstanos que algúns dos textos son copias non debidas aos seus autores4.

3 O 7 de xaneiro é o día en que se celebra a festividade de San Xiao en Ferrol.

4 Por exemplo, un poema fragmentario de Nicomedes Pastor Díaz copiado polo propio Reguera (Mariño Paz / Suárez Vázquez 2012: 455-460).

Ramón Mariño Paz Margarita Sánchez Yáñez Damián Suárez Vázquez 13

O manuscrito ten unhas dimensións de 15,5 cm. de ancho por 21,5 cm. de longo, con lixeirísi-mas variacións de folla a folla. Consta de tres pregos dispostos de maneira consecutiva e cosidos, o que dá lugar a un caderniño independente de doce páxinas, das cales está en branco a última e só foi escrita parcialmente a penúltima (verso e recto, respectivamente, do folio 31). A copia aparece organizada en dúas columnas e o conxunto da obra presenta unha feitura coidada e limpa, sen apenas correccións debidas á primeira das dúas mans que nela traballaron. A súa letra ten un trazado regular desde o comezo ata a fin. En troques, a distribución de versos por columna non é regular, pois varía desde os 26 da segunda columna do folio 26r ata os 37 da segunda columna do folio 30r. O seu estado de conservación é bo pero a tinta está algo esvaída, quizais polo paso do tempo, o que en calquera caso non afecta a lectura do texto. O tipo de letra empregada, humanística cursiva, é tipicamente decimonónico, o que nos leva a concluír que esta é unha copia realizada bastantes anos despois de que fose composta a peza, probablemente tendo como modelo o orixinal autógrafo ou algunha outra copia setecentista. Podemos supoñer que foi feita ou encargada por alguén interesado no texto, xa fose polo seu contido, xa por ser unha peza escrita en galego ou por algún outro motivo; en calquera caso, elaborouna alguén xa distanciado cronoloxicamente dos feitos de 1777, como imos ver.

Reviste especial interese o feito de que o manuscrito fose revisado e retocado ou corrixido por unha segunda man, que presumiblemente foi a que tamén introduciu nel tres notas informativas a pé de páxina. A intervención desta segunda man sobre o texto non parece que fose na liña de corrixir ou limitarse a corrixir posibles erros de copia detectados tras facer un cotexo co orixinal. Mesmo nin estamos seguros de que obrase tendo á vista ese orixinal. Máis ben dá a impresión de que, segundo ía lendo na copia, foi retocando aquilo que por diversos motivos lle debeu de parecer mellorable, en moitos casos intervindo simplemente para que a lectura resultase máis doada. Neste sentido introduciu acentos gráficos e tiles (chàmanchelle –41–, fogòn –117–, màndocho –8–; camiñhos –92–, mariñheyros –251–, poñho –232–; quixseron –62–, tolaxse –91–, xsurar –228–), signos de puntua-ción (sobre todo comas, pero tamén puntos, algún signo de interrogación...), retocou o trazado dal-gunhas letras co fin de evitar confusións (especialmente entre <n> e <u>5) e restituíu vogais elididas en encontros de palabras (com’-a > como a –206–, perdich’-ó > perdiche ó –383–, tod-’isto > todo isto –229–)6. Outro tipo de modificacións afectou, nun número moito máis reducido, formas que talvez o revisor da copia considerou vulgares (famelear > familiar –42–, infuncion > Funcion ou funcion –343, 354–, nazasito > nezasito –355–) ou posiblemente alleas ao seu modelo de lingua (meyo > me-dio –247–, saleo > saleü –451–, sintiu > sinteu –259–), e por tanto merecentes de seren cambiadas. Finalmente, tamén interveu sobre os diálogos en castrapo da tripulación da urca, corrixindo, ata en cinco casos, galeguismos ou formas incorrectas no castelán: afierren > aferren (221), Garcia > Jarcia (197), isto > esto (182), mastelieros > masteleros (196), socedido > sucedido (182).

Canto ás notas aclaratorias do manuscrito, parece que foron engadidas por alguén —moi proba-blemente a mesma persoa que retocou o texto— máis ou menos próximo aos feitos narrados, tanto espacial coma temporalmente. Por unha parte indica ao final do manuscrito (folio 31r) que coñeceu

5 Tamén optou nalgún caso por marcar a vogal <u> con diérese (<ü>) para distinguila claramente, iso entendemos, da consoante <n>: enclaboü (592), saleü (451), seü (357).

6 Pode consultarse a relación de todos estes cambios no apartado de notas que acompaña a nosa edición do texto.

14 O romance da urca de Santo Antón (1777). Poesía en galego no Ferrol do século XVIII

a todos os personaxes da historia, pero tamén que estes xa faleceron: “Conocìlos à todos, y se per-cibiria mejor, si yo le leyese: omnes in pace requiescant. Amen.”. Escribe, por tanto, despois do 2 de decembro de 1828, data en que morre un dos personaxes principais do romance, o predicador Ángel Antonio Suárez Díaz, e necesariamente tamén despois do 1 de marzo de 1831, o día en que finou o sacerdote Xosé Gómez7. Precisamente, a segunda nota do revisor está destinada a esclarecer a iden-tidade deste personaxe, “D. José Gomez Sacerdote Q.E.P.D.” (folio 28v b), o estudiantiño que formou parte do coro e que axudou a Ánxel Suárez nos seus ensaios do sermón, referido en tres ocasións no romance como “fillo de Xan Gómez” (358, 444, 488-489). O revisor do manuscrito tamén se sentiu na necesidade de lle explicar ao destinatario da copia que tipo de embarcación era unha urca: “Urca es mas grande, que fragata de Guerra para carga de pertrechos, tropa […]8 lleva cañones” (folio 26r a). Quizais non introducise esta nota por considerar que esa persoa descoñecería todo o relacionado cos barcos ou co mar (de feito define a urca por contraste cunha fragata de guerra), senón porque no momento en que escribiu talvez as urcas constituían xa un tipo de embarcacións en desuso9, o que apunta a que o seu destinatario podería ser bastante máis novo ca el.

O uso do latín e das fórmulas piadosas en dúas das notas anteriormente mencionadas (a segun-da e terceira segundo a súa orde de aparición no manuscrito) fainos pensar na posibilidade de que o seu autor fose un crego. En consonancia co que diciamos arriba de que podería tratarse dunha persoa máis ou menos contemporánea dos feitos recollidos no romance está o tipo de letra que emprega, con aparencia de ser máis antiga ca a do copista do texto. Coidamos que o trazado característico dalgunhas letras (nomeadamente do <g>, do <r>, do <d> e do <t>) e mais o uso de abreviaturas (q.e = que, p.a = para) permiten supoñer que se trataría de alguén con hábitos de escritura adquiridos no século XVIII.

Noutra orde de cousas, cómprenos indicar que o folio 29 do manuscrito contén unha marca de auga consistente nun monograma coas letras S e M maiúsculas superpostas (véxase a imaxe na seguinte páxina). Se o papel empregado polo copista é de factura galega, a presenza destas dúas letras podería indicar que procede da antiga fábrica de Laraño, situada nas proximidades de Santiago de Compostela, fundada a finais do século XVIII polo industrial de orixe asturiana Ramón Pérez Santamarina (1741-1808) e mantida tras a súa morte polos seus fillos Ramón e Nicolás (cf. Barreiro Fernández 2001). As marcas de auga máis antigas que coñecemos en papeis producidos nesa importante fábrica reproducen de maneira íntegra o segundo apelido do em-presario (“Santamarina.&.H.M.”)10 en documentos posteriores a 1812 (Basanta Campos 2002, VII: 193)11, ou simplemente “Santamarina” despois de 1820 (VII: 195). Polo contrario, a partir

7 Véxase o estudo histórico deste volume, páxinas 99-100 e 106.

8 A lectura da abreviatura non é clara; talvez se trate dun ampersand (&.).

9 Deixaron de construírse a comezos do século XIX e non se retomou a súa fabricación ata a década de 1850, segura-mente despois de feitas as anotacións no manuscrito (véxase no estudo histórico, páxinas 66-67).

10 É dicir, “Santamarina e Hijo Mayor”, tamén chamado Ramón e nacido en 1780.

11 Ofrecemos en cada caso a data do documento máis antigo rexistrado no volume Marcas de agua en documentos de los archivos de Galicia, aínda que esa data non ten por que coincidir exactamente co inicio do uso dunha determinada marca. Téñase en conta, por exemplo, que a creación da firma “Santamarina e Hijo Mayor” é de 1809 (Barreiro Fernández 2001: 1056), polo que é posible que xa fose utilizada esa marca en papeis fabricados antes de 1812.

Ramón Mariño Paz Margarita Sánchez Yáñez Damián Suárez Vázquez 15

da década de 1830 vemos que se introducen marcas que conteñen só as iniciais do nome, coas letras xustapostas e en ocasións adornadas cunha filigrana, pero similares no seu trazado ás do noso manuscrito: “NSM” desde 1836 (VIII: 112) e “NPSM” desde 1841 (VII: 284), que aluden ao nome de Nicolás (Pérez) Santamarina. Parece lóxico deducir, por tanto, que, se a marca de auga do manuscrito que estamos a analizar pertencese efectivamente á fábrica de Laraño, po-siblemente correspondería á etapa final do seu funcionamento, ou sexa á década de 1830 ou de 1840. Polo de agora, con todo, este é un suposto que non podemos confirmar.

4 O autor da composiciónO romance da urca de Santo Antón é unha peza anónima cuxo autor non demos identificado, pero que ofrece pistas e información de interese sobre a figura do seu creador.

En primeiro lugar é doado imaxinar que fose orixinario de Ferrol, unha cidade en que por volta de 1777 vivía unha alta porcentaxe de poboación de orixe foránea. Sabemos que está na cidade departamental cando escribe o poema e probablemente tamén cando suceden os feitos relatados (“saleu da Habana a’-ste sitio” –32–, “foron entrando por Vijo / é ó qu’-alí socedeu / non cho poderey dicilo; / hasta qu’-entraron aquí” –415-418–, “é beuse pro-ó Ferrol / tres dias antes Domingo” –452-453–, “Eu ohín á duas vellas / en San Roque” –621-622–). Sabemos, ademais, que os principais personaxes da historia (o capelán don José Franco, o piloto Iglesias e o predicador Ánxel Suárez, “O fillo de Pepe Suarez, / aquel que vive en Canido” –398-399–) son tamén ferroláns, fillos de veciño nas palabras do autor do romance, que parece coñecer

Marca de auga no fol. 29 do manuscrito do romance

16 O romance da urca de Santo Antón (1777). Poesía en galego no Ferrol do século XVIII

ben os distintos habitantes da cidade. Por outra parte, como se detalla no “Estudo lingüístico” deste libro, o escritor emprega un tipo de galego no que se recoñece como substrato básico a variedade propia de Ferrol e a súa contorna.

Resulta interesante que se valla da expresión “Jallejo castizo” (12) para definirse a si mesmo como galegofalante habitual, posiblemente pola súa decisión de manterse firme no uso da súa lingua materna (21-24) fronte a outras persoas do seu mesmo estrato social que xa optarían polo cambio lingüístico no Ferrol do último cuartel do século XVIII. El mesmo manifesta que coñece a moitos que tratando de falar castelán “fán un misto de lenjuas / que causa gran risa ohílos” (27-28), e esta circunstancia queda reflectida, de maneira paródica e non moi realista, na intervención de todos os personaxes que no romance non se expresan en galego, que apare-cen caracterizados polo uso do castrapo, coa única excepción do piloto José Iglesias.

A pesar de que a composición está escrita nun ton informal e coloquial, non é difícil ver detrás dela a man dunha persoa culta. Aínda que manifeste o contrario, compróbase doadamente que o autor ten un bo dominio do castelán nas intervencións que pon nos labios do piloto José Iglesias; así mesmo, como se indicará no estudo lingüístico, ten algunhas nocións de portugués. Demos-tra tamén que posúe coñecementos musicais cando describe as distintas voces dos membros do coro. Parece estar familiarizado coa cultura clásica (compara os personaxes con Narón –135– ou cos basiliscos –252–, relata unha das fábulas de Esopo –556-567–) e manexa con soltura certo vocabulario técnico e culto: termos do ámbito naval (derrota –129–, portillo –142–, Santa Barbora –149–, nostramo –195–, palo rendido –198–, toldilha –297–) e do mundo relixioso (serafico –74–, deprecacion –257–, manifiesto –363–, reserbar –365–, predicador de tabla –376–); ou voces coma dijresion –161–, afliccion –247–, aflicto –266–, estrataxsema –312–, as expresións latinas quid pro quô –187– e interin –462–, etc. Na nosa opinión, é probable que se tratase dun crego: fai frecuentes referencias a personaxes ou elementos do mundo católico (“paricia ó retrato / d’-un serafico Fran-cisco” –73-74–, “parece un Caifas ó vivo” –178–, “Seor Pilato” –181–, “cimbralhe’-unha bofetada / com’-a que deron á Cristo” –205-206–) e describe con bastante precisión a función votiva celebra-da na igrexa de San Xiao; por último, cremos que é bastante significativo o feito de que o romance constitúa fundamentalmente unha sátira dirixida contra dous cregos, o capelán José Franco na primeira parte do relato e o predicador Ánxel Suárez na segunda.

Unha cuestión diferente é a habilidade que o autor demostra como versificador, que non sempre é laudable. Vemos que tivo algunhas dificultades para lograr as rimas no poema, a pesar de optar por unha estrofa aparentemente sinxela coma o romance octosílabo. Para manter a rima asonante –í-o dos versos pares ao longo da composición non tivo reparos en botar man de numerosos diminu-tivos (Jallegiño –24–, enterriños –88–, pobriñho –238–, pouquiño –282–, sermonciño –284–...), de distintas formas verbais (ohílo –4–, decílo –38–, sufrilos –134–...; temído –44–, savído –54–, aflixsi-do –70–...; pidindo –84–, ohindo –98–, dormindo –172–…) e mesmo de flagrantes castelanismos, tanto de tipo léxico (mismo –26, 188, 216, 327, 461, 480, 490, 506, 544, 579, 632, 656–12, calzoncillos

12 Cando non aparece en posición de rima, o autor só utiliza a forma mesmo: “ó mesmo qu’-un rapazíño” (286), “así mesmo ó consigiron” (339). Curiosamente, tamén atopamos en posición de rima mesmo no canto de mismo en dous casos, o que posiblemente se deba a un lapso ou a un erro de copia: “non soceda ahora ô mesmo”(120), “aquí socedeo ó mesmo” (571).

Ramón Mariño Paz Margarita Sánchez Yáñez Damián Suárez Vázquez 17

–174–, bulsillo –288–, bolsillo –325–, chilhidos –486–)13 coma morfolóxico (uso de tempos verbais compostos co auxiliar haber, que só se rexistran en posición de rima: habrán ohído –361–, habían visto –427–, habian tido –431–). Non sabemos se se deben imputar ao autor ou constitúen erros de copia varias alteracións neste esquema estrófico de versos pares con rima asonante e versos impares soltos. Así, nos versos 300 a 303 lemos “Vienvenido, padre mio: / Vsted viene medio muerto”. / “¿Yl é ó caso prá menos?” / “Pues aprender buen oficio”. E máis adiante vemos: “interin qu’-así berraba / andab’-aquel seu amijo / xsa nunha parte, xsa noutra, / xsa frente do Santo Cristo, / xsá detrás d’-unha colua, / por si pudia ser ohído / ou se perdia aljun jrito” (462-468) ou “que os mais qu’-estaban dentro / cas’-entenderon ó mismo, / qu’-ahora os seus paisanos / por non saver ó qu’-hé bó / lhan de romper ó vistido.” (543-547). Outros desaxustes neste esquema orixinal ato-pámolos nos versos 610 a 620, 639 a 644 e no final da composición: “In fin, do que socedere, / se hé qu’-os dous andan xûntos, / eu cho participarey. / Entre tanto, Adios, amigo.” (665-668). As que si parecen imputables ao versificador son algunhas deficiencias na medición dos versos, ben por exceso (“nin queda por Males indino” –212–, “para estar mais adevertido” –435–), ben por defecto (“qu’-anqu’-hé estudiantiño” –447–, “con recados politicos” –516–).

O autor manifesta en diversas ocasións que non presenciou varios dos feitos relatados e que soubo deles a través doutra ou doutras persoas. Resulta sorprendente que non asistise á celebración relixiosa do 10 de agosto, da que ofrece tantos pormenores no poema: “En fin, non cantaban mal, / anqu’-eu non fun ohílos; / tampouco ohín ó sermon, / pero contoume un amijo / todo canto zocedeu / é che lebo referido” (491-496); “porque, sejun me contaron, / aquí socedeo ó mesmo” (570-571); “Esto sí que me contaron / que fora facendo un misto / de encontro, de sintimentos, / de colüa, crucifixo, / bofetadas, desenclabo” (584-588). Tamén dá a entender que non viaxou a bordo da urca14: “foron entrando por Vijo / é ó qu’-alí soce-deu / non cho poderey dicilo; / hasta qu’-entraron aquí” (415-418). Ao final da composición dános pistas sobre o seu informante, alguén que si debeu de facer a travesía marítima desde A Habana e que contribuíu economicamente para que se fixese a función votiva, polo que seguramente se contou entre os asistentes a ela: “Esto hé ó que pasou, / que che mo contou un amijo / que tamen déu prá á festa / cando arribaron á Vijo” (657-660). En principio non habería por que sospeitar da veracidade destas aclaracións, máxime tendo en conta que o romance da urca de Santo Antón é un texto de tipo privado e que o seu autor, aparentemente, non tería necesidade de ocultar a súa identidade. Pero tamén é certo que poderiamos estar ante unha brincadeira literaria, facilmente detectable para o destinatario do poema, en que o autor quixese establecer unha dicotomía entre a súa función de narrador e, talvez, a súa presenza velada na historia como personaxe.

O que está claro é que foi unha persoa moi próxima aos feitos narrados e aos protagonistas do relato, que parece coñecer ben. Mesmo ten acceso a algunha información privada, como a relativa á xuntanza de Iglesias e Ánxel Suárez no beneficio de Sillobre (422-439): sabe que alí o piloto lle

13 E outros castelanismos que talvez xa estaban plenamente asimilados na súa variedade de galego: colmillo (50), tubilhos (176), estalhído (561), síglo (605).

14 O que estaría en consonancia co seu aparente descoñecemento da data de inicio da viaxe, como xa foi apuntado.

18 O romance da urca de Santo Antón (1777). Poesía en galego no Ferrol do século XVIII

deu o diario de navegación ao predicador e que os dous celebraron o encontro bebendo viño15. Máis sorprendente aínda resulta o detalle co que describe o ensaio do sermón nas tres noites anteriores ao día da función, posto que o predicador e o fillo de Xan Gómez “metianse na parro-quia, / é, quedandose soliños, / cerrabanse por adentro” (456-458); mesmo achega o pormenor de que Ánxel Suárez sufriu unha hemorraxia nasal nun deses días (469-472). Isto podería facernos considerar o estudiantiño que formou parte do coro como un posible personaxe identificable co amijo que serviu de fonte de información para o autor. Está claro que, non sendo unha figura principal, ten certa singularidade na historia, tanto desde a perspectiva do autor (descárgase a súa responsabilidade na elaboración do polémico sermón –440-449– e é o membro do coro que emendaba os chilhidos de José Franco –485-490–), coma desde a perspectiva do anotador (é o único personaxe que merece unha nota individualizada na historia: “Don José Gomez, Sacerdote Q.E.P.D.”). Mais faise difícil demostrar que puidese participar na viaxe da urca de Santo Antón.

Quen estea familiarizado coa escrita galega do Prerrexurdimento podería relacionar o nome deste don José Gómez co do poeta Juan Gómez del Ferrol, que aparece ao pé dun romance satírico dialogado incluído no “Mosaico poético” do Álbum de la Caridad (1862: 332-338), titulado “O pleiteante. Relacion que un litigante chamado Farruco fai ò Cura da sua parroquia do que lle sucedeu no Tribunal da Cruña o ano de mil oito centos trinta e sete”. A escasa in-formación persoal que temos sobre este escritor redúcese á que aparece recollida no borrador dunha carta que Antonio María de la Iglesia enviou desde A Coruña ao dicionarista Francisco Javier Rodríguez, con data de 25 de marzo de 1856. Nela lese literalmente: “de lo inédito, que poseo me lo han dado de D. Juan Gomez del Ferrol Cura párroco que fue de S. Pedro de Sta. Comba tengo el Pleiteante”16. A coincidencia dos apelidos e da súa orixe ferrolá e tamén o feito de que os dous fosen sacerdotes fixéronnos considerar nun principio a posibilidade de que se tratase dunha mesma persoa. Non resultaba improbable que un estudiantiño de 1777 puidese seguir escribindo en 1837. Mesmo chegamos a considerar que nesta figura se podería recoñe-cer o autor do romance da urca de Santo Antón, que faría no poema unha especie de xogo ao aparecer como autor-narrador por un lado e como personaxe por outro. Mais estas especula-cións, evidentemente, teñen menos forza ca o testemuño manuscrito, reproducido por Mariño Paz, Barreiro Fernández e Aneiros Díaz (2008: 411-414), en que se declara que en realidade “O pleiteante” é unha composición probablemente debida ao escritor dezao Ramón Varela Vaha-monde. Ademais, o resultado dos traballos de pescuda arquivística (véxase “Estudo histórico”, páxinas 100-106) non nos levou por este camiño.

15 ¿Foi o piloto José Iglesias o amigo que lle relatou ao autor todo o sucedido? En principio, aínda que aparece caracte-rizado pola súa presuntuosidade (“un home de pelo en peito / que cospe polo colmillo” –49-50–), non sae moi malparado na historia: queda eximido de calquera responsabilidade no fiasco da función relixiosa, sendo como foi o seu organizador xunto co capelán da urca, e é o único personaxe que fala nun castelán correcto, é dicir, que non é parodiado lingüistica-mente polo autor. Claro que este tratamento deferente tamén podería vir xustificado por ser o piloto unha persoa coñecida para o receptor do poema (o “amigo da miñha alma” a quen se dirixe o autor), pois é o que parece desprenderse da súa presentación no relato: “Ó Piloto, xsa se sabe, / tamen filho de viciño” (47-48).

16 RAG. Arquivo dos Irmáns de la Iglesia. Rexistro 93/34.