NO PATRÓN?

18
TRABALLO REALIZADO POR: ÁNXELA VÁZQUEZ DOPICO. 2º E DE BACHARELATO.

Transcript of NO PATRÓN?

Page 1: NO PATRÓN?

TRABALLO REALIZADO POR: ÁNXELA VÁZQUEZ DOPICO.2º E DE BACHARELATO.

Page 2: NO PATRÓN?

As festas forman parte da vida das nosas familias.

A xeración dos meus pais e das miñas avoas recordan con gran ledicia os festexos que celebraron ao longo das súas vidas coa familia máis cercana, parentes e amigos.

Page 3: NO PATRÓN?

A celebración do patrón…

era o acontecemento anual que xuntaba a familias

enteiras que doutro modo non se vían en todo o ano.

A única maneira na que podían coincidir fóra da festa era nalgún funeral ou enterro dalgún parente ou veciño.

Page 4: NO PATRÓN?

Os patróns …son festas que teñen unha orixe

relixiosa. Cada parroquia está

encomendada a un santo que é o que lle dá o nome.

Así, o San Xoán dalle nome á parroquia dos meus avós, pertencente ao lugar de Filgueira, no concello de Ferrol.

Page 5: NO PATRÓN?

O párroco preparaba coa feligresía…a celebración dese día. As mulleres que ían á misa os domingos

xuntábanse pola semana para limpar e adornar a igrexa. Poñían no altar os manteis reservados para as ocasións máis solemnes ( o Nadal, a Semana Santa e o patrón) e adornábana con flores que elas mesmas traían das súas casas.

O día da festa o cura invitaba aos sacerdotes das parroquias veciñas e celebraban unha misa cantada acompañados dun vello harmonio, que xa hai anos desapareceu, e do coro de homes e mulleres novos da parroquia. Ao meu avó gustáballe moito a música e cando lle teño preguntado pola súa afición musical, recordo que me ten falado do coro onde el e outros rapaces e rapazas cantaban, dirixidos por unha profesora retirada ou polo mesmo párroco.

Page 6: NO PATRÓN?

Ás oito da mañá…

as bombas de palenque anunciaban o comezo das festas patronais. Un grupo de gaiteiros, co tamboril e o bombo, percorría o lugar anunciando a boa nova mentres un grupo de veciños ían tirando foguetes ao longo do percorrido.

Page 7: NO PATRÓN?

Cando chegaba o mediodía…as campás anunciaban o

comezo da misa e ao remate volvían repinicar para poñer en coñecemento dos veciños a saída da procesión.

Os curas, co párroco ao frente, feligreses e convidados, desfilaban coas imaxes polo campo da igrexa mentres unha pequena banda de música interpretaba melodías relixiosas acompañando á comitiva.

Page 8: NO PATRÓN?

Todos os mozos…

querían levar as andas do San Xoán e da Virxe María. O meu avó Cholo e os seus amigos tiveron a sorte de facelo en varias ocasións porque eran moito de igrexa e o cura tíñaos en boa estima.

Rematada a celebración relixiosa escomezaba a sesión de foguetes de artificio e a xente ía ao campo da festa botar unhas pezas e tomar uns viños cos veciños e amigos.

Page 9: NO PATRÓN?

Cando lle preguntei á miña avoa…

pola sesión vermú vin na súa cara o disgusto que lle producía porque, segundo me aclarou despois, nunca lle gustou escoitar o estoupido das bombas de palenque.

É algo no que me parezo moito a ela porque dende pequena téñolle medo aos foguetes.

 

Page 10: NO PATRÓN?

A miña avoa di que…dende sempre se celebrou a festa do patrón polo vinte e catro de xuño, festa que tiña unha característica moi especial. Na noite do vinte e tres a meirande parte dos veciños xuntábanse por rueiros e prendían a lumeirada de San Xoán, onde o meu avó xunto con outros rapaces novos saltaban a cachela para protexerse das meigas e doutros males, mentres dicían:

Salto por ribado lume de San Xoánpara que non me trabecadela nin can.

Page 11: NO PATRÓN?

Esa mesma tarde…

a miña avoa coa súa irmá, apañaban flores e plantas aromáticas e deixábanas nun recipiente con auga á intemperie durante a noite. Lavábanse con elas na mañá seguinte para curar e previr enfermidades e perfumar a pel.

Os preparativos da festa tiñan moi

atarefadas ás mulleres da casa. Uns días antes todas se poñían a facer unha limpeza xeral para que cando chegaran os convidados estivera todo ben limpo e ordenado.

Page 12: NO PATRÓN?

Era misión dos homes…

ir á feira e mercar un bo cabrito. Despois tiñan que sacrificalo para poder servir o día da festa xunto con outras carnes de porco ou cucho, sen esquecer a dun bo polo de corral asado no forno de leña e acompañado dunhas pataquiñas redondas e uns bos pementos morróns.

Page 13: NO PATRÓN?

A véspera as cociñeiras…tiñan moito traballo: debían preparar

o moado das empanadas, amasalas e levalas ao forno, encargar a bóla de patrón, para a que levaban a manteiga e os ovos.

Despois tiñan que preparar no fogar todo o necesario para o xantar da festa do día seguinte, sen esquecer facer o requeixo, sobremesa que non podía faltar na casa da miña bisavoa, e moer o café para preparar unha boa pota ao día seguinte.

Page 14: NO PATRÓN?

Eran xornadas moi duras…

para as mulleres da casa onde se celebraba o patrón. Como elas mesmas din: “cando o pasabas ben era cando ías celebrar a festa á casa dos teus parentes porque na túa…non sentabas nen para xantar”.

Dende ben cediño acendíase a cociña de leña para preparar unha pota de callos e un bo asado. Dos fogóns encargábase Xosefa, a nai da miña avoa Luca, axudada pola súa cuñada Pepita.

Page 15: NO PATRÓN?

Mentres tanto…

as mozas da casa poñían a mesa coa mantelería gardada para as ocasións especiais, a vaixela, a cristalería e os cubertos das festas. Cando remataban, poñíanse a cortar as empanadas de bacallao e carne e colocaban as fontes na mesa para que,cando chegaran os convidados, puideran botar un bocadiño antes de ir á función.

As cociñeiras quedaban a cargo de todo e o resto da xente da casa ía á igrexa e á festa.

Page 16: NO PATRÓN?

Á volta comezaba o festín…

Todos agardaban o día do patrón con moita ilusión. Por un lado ían xantar cos parentes e amigos que había tempo que non vían e, por outro, poderían disfrutar dunha comida á que non tiñan acceso o resto do ano.De seguro que a miña avoa Luca, ese día, non pasou fame de empanada. Lembrades...

Page 17: NO PATRÓN?

Como remate do xantar…

despois dunha boa sobremesa regada cunhas copiñas de guinda feita na casa e varios cafés, non podían faltar as partidas de cartas e dominó que se alongaban ata ben entrada a tardiña.

Page 18: NO PATRÓN?

A tradición da festa do patrón…

pertence á nosa memoria histórica e, como tal, debémola respectar e coidar para que siga manténdose no tempo de xeración en xeración.

Iso si, habería que cambiar algunhas cousas porque estamos no século XXI e o papel da muller é moi diferente ao que desempeñaron as miñas antepasadas.

Agora sentaríamos todas e todos á mesa para xantar xuntos, non si?