No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

60
CELSO EMILIO FERREIRO ENDL IES FÉLIX MURIEL CELSO EMILIO FERREIRO SELECCIÓN POÉTICA

description

Selección poética elaborada polo ENDL do IES Félix Muriel para divulgar a obra de Celso Emilio Ferreiro entre a comunidade educativa.

Transcript of No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

Page 1: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL

IES FÉLIX MURIEL

CELSO EMILIO FERREIRO

SELECCIÓN POÉTICA

Page 2: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

AUTOPOÉTICA

(…) A Poesía está, coma Deus, en todo tempo. Agora ben,

como o poeta –queira que non- vive no seu tempo, o quid divinum

do seu oficio consiste en saber interpretalo e ser o seu voceiro. Pero

poñendo un gran empeño en diferenciar o grao da palla, é dicir,

non confundindo a moda dun tempo co modo do seu tempo. As

modas pasan; o modo, a Poesía, queda.

Polo que se refere aos poetas galegos, se queren ser fieis a si

mesmos e á terra, teñen que fuxir da arqueoloxía estéril e do

ruralismo pedáneo. Teñen que retorcerlle o pescozo ao reiseñor do

lirismo lacrimóxeno, saudosento… Teñen que mergullarse con

desesperado esforzo no mundo social da nosa terra; nos problemas

vivos do noso tempo; nas angurias das nosas xentes. Pero con ollos

recén abertos, con palabras de hoxe… (…)

(…) Preocúpame o oficio de home e o seu destino colectivo, de aí que

a miña poesía sexa eminentemente “engagée”, contestataria ou,

como eu prefiro, belixerante… (…) Sempre e en toda época houbo

poetas que dixeron: non desairo cantar á rosa e ao amor, pero

antes quero ocuparme dos meus irmáns, os homes.

A poesía belixerante, na que tan a gosto milito, ten un aquí

e un agora para, sen descanso, compadecer (padecer con) aos que

sofren a brutal presión da historia que outros escriben. E por ser

belixerante e inconformista, tradúcese en protesta, érguese contra

da inxustiza e incluso faise revolucionaria porque pretende

conquerir a transformación dunha sociedade coa que está en

íntima controversia.

Celso Emilio Ferreiro, 1955 e 1972

OBRA POÉTICA, EN GALEGO, DE CELSO EMILIO FERREIRO

Cartafol de poesía. Ourense, 1935

O soño sulagado. Vigo, 1955

Longa noite de pedra. Vigo, 1962 (ed. Galaxia)

Viaxe ao país dos ananos. Barcelona, 1968

Cantigas de escarnio e maldicir. Arístides Silveira.Caracas, 1968

Terra de ningures. Monforte, 1969

Paco Pixiñas. Historia dun desleigado contada por el mesmo.

(Romance de Arístides Silveira cun limiar tirado dos proverbios

do Conde de Vimioso e un epílogo de Celso Emilio Ferreiro).

Osedo – Sada, 1970 (Ed. Do Castro)

Cemiterio privado. Xenevra, 1973

Onde o mundo se chama Celanova. Madrid, 1975

OBRAS ÁS QUE PERTENCEN OS POEMAS SELECCIONADOS

O soño sulagado

Longa noite de pedra

Viaxe ao país dos ananos

Cantigas de escarnio e maldicir

Onde o mundo se chama Celanova

FONTE

Celso Emilio Ferreiro. Obras completas.

Col. Arealonga

Dir. X. Alonso Montero

AKAL EDITOR. Madrid, 1975

ISBN: 84-7339-080-6

Page 3: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

O NENO PREGUNTABA

¿De que lugar iñoto vén o vento

e ónde se vai o vento cando marcha?

¿Quen lle ensinou ao vento xeografía?

O neno preguntaba.

¿Dorme o vento no mar ou nas estrelas?

¿Dorme no val ou dorme na montaña?

¿Dorme no colo verde dos piñeiros?

O neno preguntaba.

¿Sabe que hai Dios o vento?

O neno preguntaba.

Ise vento que xoga cos meus rizos

¿será o anxo da garda?

¿Será o vento a voz dos que están mortos?

O neno preguntaba,

pero o vento

fuxía indiferente pola gándara.

O soño sulagado, 1955

FALARÉIVOS DE MIN

Falaréivos de min anque me doan

as escuras raíces dos meus soños.

Celso Emilio me chaman pero eu teño

outros nomes máis irtos apuntados

nun rexistro de ventos polifónicos

cun fondo musical de frauta triste.

Meus nomes sin palabras. Mainamente,

de par en par abertas sempre as portas,

espallándome vou polos camiños

co corazón aceso en cen abrentes,

nas maus a luz, nos ollos margaridas,

e unha piedá de río sin orelas.

Neno que fun e son, pésanme os anos

cangados de minutos e de días,

de beixos e de cárceres. Cadeas,

lóstregos, vermes, homes en ringleira

baixo a chuvia, isa frol nada no outono.

Lonxana primavera nunca volta,

O soño sulagado, 1955

Page 4: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

que nun intre vivín de pedra ou arbre,

canle de Dios que cara o mar me leva,

xílgaro azur, ronseles do pasado,

feridas coma labres no remorso:

Andando vou, alporizado o corpo

nun latexo sin fin que me agriloa.

Eisí me chamo eu. En fume escritos

os meus nomes están. Vádeos dicindo

cun fondo musical de frauta triste,

de bágoas esbarradas

petándome decote nas pupilas.

Vádeos decindo en verbas pequeniñas

coma coitelos fríos pola gorxa.

Non me chame ninguén por outros nomes,

alcumes meus en fírgoas entrevistos,

escura voz dun soño sulagado.

O soño sulagado, 1955

SAUDADE

A silandeira sombra sin consolo

de aquil que fun, decote vai conmigo.

Lexano amor, hedra que medra e medra

dentro de min robíndome a modiño.

Aquil que fun non son, por iso estamos

xuntos os dous. Aquil que entonces era

como un río fuxiu, pero quedouse

coma o río que pasa e sempre queda.

Fecunda sementeira do pasado

espello meu, única vida viva,

tódalas cousas morren i esmorecen

somente tí, lembranza, te eternizas.

Espello meu, no que me estou ollando

ise que agora son xa non esiste

O tempo faise estatua na saudade

i eu morro de saudades cada intre.

O soño sulagado. 1955

Page 5: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

MENSAXE DENDE O SILENZO

Ti ben sabes, amigo, o gran segredo

dise tempo que pasa e que nos moe

cun rodicio de sombras,

sen mañá e sen onte.

Nas nosas maus de lama nada queda,

todo se nos desfái, todo nos foxe

coma o vento que brúa,

coma a auga que corre.

Non somos máis que cousas

con diferentes nomes:

camiño, verme, folla,

estrela, arbre, home.

Cousas

que o tempo ha de pór podres.

E mentras tanto

de ningures pra lonxe,

igoal que toupas imos cegamente

furando o longo túnel dunha noite

que endexamais ten fin; sempre furando

sin máis norte que a morte.

Preguntas e preguntas e preguntas,

decote a preguntar. Ninguén responde.

O soño sulagado, 1955

ORACIÓN POLOS PARVOS

Señor Dios ten piedá dos probes parvos que non sabemos ren de xeometría i embobados na música celeste esquecemos a fórmula do binomio de Newton.

Imos andando a trancas e barrancas adeprendendo as cousas tristemente por iste mundo adiante que fixeches en sete días só, según os libros.

Eu son un pouco parvo, ben comprendo. Nunca poiden saber para qué sirven moitas cousas escuras que consintes. Humildemente quixen preguntar preguntas pequeniñas coma seixos sobre os grilos que cantan incansábeles e os amores dos peixes, pero sempre chegaban unhos homes carregados de textos e mazacotes grises sapientísimos, con datas rigurosas, datos certos, horríbelmente certos, abafantes.

O soño sulagado, 1955

Page 6: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

Mais ninguén me decía dos paxaros, dos cávados, das froles, e desas nubes que pousaches, Señor, sobre o meu teito.

Perdóanos, Señor, tanta parveza e tén piedade de nós, dos probes parvos que andamos os camiños das estrelas cos ollos alcendidos na bebedeira tépeda das fábulas.

E cando chegue a hora do Xuicio á túa veira lévanos cos nenos, cos santos inocentes, cos velliños, e déixanos seguir ollando ao ceo, modelando no vento doces sonos, como Ti fas, Señor, dende o Principio.

O soño sulagado, 1955

O ASESINO

Nin cadeias nin leises o persiguen, mais nunca será libre. O seus brazos sanguentos van atados ao invisíbel cepo do remorso. Pra il son as horrendas cárceres do insono e as bágoas que levedan as angurias alucinadas de silencio e noite.

Un escuro terror vaille nas veas coma cávados mestos rebulindo, ou coma treponemas sulagados no transfondo do ser. Pra il son as olladas derradeitas que xermolan vindicta nas revoltas de tódalas estradas.

As olladas dos mortos que morreron

afogados en sangue

tremando coma bimbios.

Illado vai do mundo

envolto en ollos pasmos que o interrogan

dendo tódolos ángulos berrando. O soño sulagado, 1955

Page 7: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

EU EN TI

Eu xa te busquéi

cando o mundo era unha pedra intaita.

Cando as cousas buscaban os seus nomes,

eu xa te buscaba.

Eu xa te procuréi

no comezo dos mares e das chairas.

Cando Dios procuraba compañía

eu xa te procuraba.

Eu xa te chaméi

cando soio a voz do vento soaba.

Cando o silenzo chamaba polas verbas,

eu xa te chamaba.

Eu xa te namoréi

cando o amor era unha folla branca.

Cando a lúa namoraba as outas cumes,

eu xa te namoraba.

Sempre,

dende a neve dos tempos,

eu, na túa ialma.

O soño sulagado, 1955

POEMA NUCLEAR

¡Qué ben, que bomba ven co seu rebombio!

A bomba, ¡bong!, a bomba, bon amigo

A bomba con aramios, con formigas,

con fornos pra asar meniños loiros.

A bomba ten lombrices, bombardinos,

vermes de luz, bombillas fluorescentes,

pixes de chumbo, vómitos, anémonas,

estrelas de plutonio plutocrático,

esterco de cobalto hidroxenado,

martelos, ferraduras, matarratos.

A bomba, bong, A bomba, bon amigo.

Con átomos que estoupan en cadeia

e creban as cadeias que nos atan:

Os outos edificios.

Os outos funcionarios.

Os outos fiñanceiros.

Os outos ideais.

¡Todo será borralla radioaitiva!

As estúpidas nais que pairen fillos

polvo serán, mais polvo namorado.

O soño sulagado, 1955

Page 8: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

Os estúpidos pais, as prostitutas,

as grandes damas de beneficencia,

magnates e mangantes, grandes cruces,

altezas, excelencias, eminencias,

cabaleiros cubertos, descubertos,

nada serán meu ben, si a bomba ven,

nada o amor, e nada a morte morta

con bendiciós e plenas indulxencias.

¡Qué ben, que a bomba ven! Nun instantiño

a amable primavera faise cinza

de vagos isotopos placentarios,

de letales surrisas derretidas

baixo un arco de átomos triunfaes.

A bomba, ¡bong! A bomba co seu bombo

de setas e volutas abombadas

axiña ven, vela ahí ven, bon amigo.

¡Estános ben! ¡Está ben! ¡Está bon!

¡¡¡¡¡Booong!!!!

O soño sulagado, 1955

CANTIGA DE AMOR CICÁIS

A liberdade endexamáis se acada

e nós, os homes, nunca tivemos azas.

As nosas almas sempre están coutadas

e de xionllos rendidas. Hai espadas.

Hai mulleres e fillos. Tamén patrias.

Tamén economía. Tamén fábricas.

(Ouh, qué gozo morrer nas guerras santas

por mitos, por bandeiras, por palabras

-baixo palabra de honor- palabras sacras.)

Europa ten trescentos millóns de almas,

en cada ialma un mundo, en cada corpo un mandria.

Fusiles, bombas, cañóns, tanques, escadras

-de mar e vento- policías, gardas,

sociedades anónimas, comanditas, limitadas,

xuzgados, xefaturas, alfándegas.

As nosas maus sempre estarán atadas.

Meu corazón, ¿ónde se foi a esperanza

dos verdes anos, i aquelas brancas,

fondas, tenras, outas inquedanzas?

O soño sulagado, 1955

Page 9: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

PALABRAS

Na miña gorxa agruman as palabras

que de fontes moi fondas vanme vindo

e fanse ríos longos polas veas,

rosas de luz nos ollos ou escumas.

Pero as miñas razón non son palabras

sinon cousas que eisisten elas soias,

que coma Dios eisisten arredradas

nun silenzo de estrelas fuxidivas.

Pequenas cousas, grandes coma vermes,

pechadas no silenzo, sin palabras,

pousadas sobre sí dende o principio,

indo e vindo no tempo coma peixes,

coma peixes do vento, sin palabras.

Vós nunca entenderedes estas cousas,

estas fontes tan fondas, sin palabras,

que nas palabras xurden tatexando

coma meniños nados nun hospicio.

Oramá non sepades o segredo

destas fontes tan fondas, sin palabras,

xa que sodes somente unas palabras

indo e vindo no tempo, unas palabras,

palabras e palabras e palabras.

O soño sulagado, 1955

NAI

Eu non choro por ti, pois sei que mouras

onde a fonte do tempo, alá no fondo

de todos os camiños.

Choro por min un pranto inconsolábel,

que me quedei sin ti, meu limpo espello,

coma un arbre na noute, soio e núo,

fendido polo cerne, coas reigames

sin os doces segredos das violedas.

Choro por min, por estas maus de cinza

que outrora foron pombas,

cando o meu corazón era un paxaro

e ti pasabas sempre atafegada

nun andar de formiga labourando.

Tecían as labercas os abrentes

i eu era un vagalume, unha estreliña

ateigada de luz polos camiños.

Dios estaba con nós.

Agora vou senlleiro,

orfo de beixos tépedos sin mácula.

Choro por min que xa non teño colo,

para pousarme níl coma nun niño,

miña nai imposíbel, viva e morta

no cristal dos meus ollos.

O soño sulagado, 1955

Page 10: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

DEMPÓIS

¿Ti non sabes que eu teño outras preguntas

—poutas sanguentas sobre a miña gorxa—

e ninguén me contesta?

Que inda non sei por qué dioses iñotos

morreron tantos mozos que pasaban

cantando ledamente

cando o solpor durmía sobre os pinos.

Nin sei por qué non cantan ises nenos

que xogan a ser homes polas rúas

con tristura de páxaros mollados.

I esas doridas nais de doces ollos

coutados de violedas,

inda non sei por qué choran magoadas

baixo un ceo impasíbel

cheos de cinza os colos.

Non me preguntes nada.

O soño sulagado, 1955

LONGA NOITE DE PEDRA

O teito é de pedra.

De pedra son os muros

i as tebras.

De pedra o chan

i as reixas.

As portas,

as cadeas,

o aire,

as fenestras,

as olladas,

son de pedra.

Os corazós dos homes

que ao lonxe espreitan,

feitos están

tamén

de pedra.

I eu, morrendo

nesta longa noite

de pedra.

Longa noite de pedra, 1962

Page 11: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

O REINO

No tempo aquil

cando os animales falaban,

decir libertá non era triste,

decir verdá era coma un río,

decir amor,

decir amigo,

era igoal que nomear a primavera.

Ninguén sabía dos aldraxes.

Cando os animales falaban

os homes cantaban nos solpores

pombas de luz e xílgaros de soños.

Decir teu e meu non se entendía,

decir espada estaba prohibido,

decir prisión somente era unha verba

sin senso, un aire que mancaba

o corazón da xente.

¿Cando,

cando se perdéu,

iste gran Reino?

Longa noite de pedra, 1962

LIBREMENTE

Nós queríamos libremente

comer o pan de cada día. Libremente

mordelo, masticalo, dixerilo sin medo,

libremente falando, cantando nas orelas

dos ríos que camiñan pra o mar libre.

Libremente, libremente,

nós queríamos somente

ser libremente homes, ser estrelas,

ser faíscas da grande fogueira do mundo,

ser formigas, paxarosminiños,

nesta arca de Noé na que bogamos.

Nós queríamos libremente surrir,

falarlle a Dios no vento que pasa

-no longo vento das chairas e dos bosques-

sin temor, sin negruras, sin cadeas,

sin pecado, libremente, libremente,

coma o aire do mencer e das escumas.

Coma o vento.

Mais iste noso amor difícil rompéuse

-vidro de soño fráxil-

nun rochedo de berros

e agora non somos máis que sombras.

Longa noite de pedra, 1962

Page 12: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

TESTIMUÑA

Presento a testimuña das feridas

-mocedá derrubada,

tronzada frol de arelas-

e doume aos berros fondos dos camiños.

Ollade como estamos mutilados,

ergueitos os muñós apodrecidos

na noite interminável.

Vede que longas sombras dondas

pasan correndo, fuxindo cara a morte,

pola sede calada de aquil día

-Día da Dor sin Nome-

que ha de escribirse aínda nas estrelas.

Presento a testimuña dos aldraxes

e doume ao medo dos primeiros homes

que alcenderon lumieiras nos curutos

e creeron na libertá dos soños.

Longa noite de pedra, 1962

AIRE PURO

O aire puro da mañá procrama

o seu dereito a entrar en cada casa.

¡Ábrelle as portas, patria!

¡Dalle os teus seos, alma!

Deixa ise tufo acedo que te abafa,

esquece istas mortaxas

estiña as túas bágoas,

fala,

canta,

arrumba a desespranza,

non deixes que te aldraxen; aldraxa.

Onte non. Pensa nas albas

que han de vir, ponlle cerco ás lembranzas

que te atan.

Deixa entrar a mañá crara

na túa casa.

Longa noite de pedra, 1962

Page 13: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

ESPRANZA

Erguerémola espranza

sobre ista terra escura

coma quen ergue un facho

nunha noite sin lúa.

Marcharemos cinguidos

polos duros segredos

dunha patria soñada

á que non voltaremos.

Non sabrán o camiño

que pra entón colleremos.

Longos ríos de brétema,

longos mares de tempo.

Tripulantes insomnes,

na libertá creemos.

Viva, viva, decimos

aos que están no destero

e soñan cun abrente

de bandeiras ao vento.

Adictos da saudade

que levades a luz polos vieiros.

¡Saúde a todos,

compañeiros!

Longa noite de pedra, 1962

CREDO

Eu creo que iste mundo é moi fecundo

e que hai algunhos ríos hidroeléctricos,

pero que o ventre das doridas nais

sexan montós de trigo,

nunca podréi creelo.

Creo que a lúa é aquela cousa

que está no teito da noite,

pero que o avión que pasa rum, rum,

fungando por enriba, sexa insecto,

nunca podrei creelo.

Creo que os homes pecan sete veces

por sete veces sete cada día,

creo na xeometría,

creo no átomo tan pequeniño,

pero que haxa unhos seres

capaces de leer tranquilamente os xornales

sin sentir tremer de noxo as vísceras,

nunca podrei creelo.

Cambio de tema e por exempro digo:

Elisabeth un ciclón made in U.S.A.

sementóu o Caribe de cadavres

Bombas en seta, pun e tiranías,

negro linchado en Little Rock, Arkansas,

os dereitos do home en guerra fría.

Longa noite de pedra, 1962

Page 14: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

Cambio de tema e verbigratia digo:

Qué desgracia tan grande ser poeta,

oficio de chorar sin cobrar nada,

oficio de cuspir na mar inmensa

e de chantar pancartas no deserto.

(Poetas conformistas desta terra

-testicular emporio de esqueletes-

mentras o home loita, chora e sofre,

cantade a violeta, a margarida,

e desfollade a rosa reticente

dos vosos mínimos problemas...

decide sí a todo e medraredes).

Cambio de tema pra decir etcétera,

etcétera, xa sabes, en voz baixa,

con puntos suspensivos

que loitan por saírme,

que ocultan as palabras prohibidas

con fórceps de xenreira e de cabreo:

que xa me están saíndo

hai algo que está podre en Dinamarca

e fede que alcatrea dende sempre.

Dempois entonarei un gran Tedeum

laudamus optimista pra dar gracias

ao ceo poderoso

que me labróu esí como me vedes,

pedra deixada, cousa estremecida,

canle de tempo e soño. Digo, un home.

Longa noite de pedra, 1962

O CAN DANADO

Igoal que un can danado nos camiños

o terror anda solto polo mundo.

Semella un vento negro que pousase

súas azas de corvo

sobre a frente dos homes temerosos.

Un xelo de invernía en descampado

paraliza os relós, perfora as gorxas

e pon veos de anguria nas palabras.

Un grande telescopio nos vixía

coma un ollo de Cíclope

que sigue os nosos pasos

e fita sin acougo o noso rumbo,

dende tódalas fiestras,

dende tódalas torres,

dende tódalas voces que nos falan.

A noite é un micrófono impasível

que escoita o latexar do noso peito,

coma un escuro espía que espreitase

os nosos pensamentos máis segredos.

Todo se troca en cousa inconfesável;

detrás de cada esquina unha sospeita,

unha duda detrás de cada sombra,

e medo, medo, medo,

un pozo profundísimo de medo,

espello de auga fría

no que o terror se mira eternamente.

Longa noite de pedra, 1962

Page 15: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

MONÓLOGO DO VELLO TRABALLADOR

Agora tomo o sol. Pero até agora

traballéi cincoenta anos sin sosego.

Comín o pan suando día a día

nun labourar arreo.

Gastéi o tempo co xornal dos sábados,

pasóu a primavera, veu o inverno.

Dinlle ao patrón a frol do meu esforzo

i a miña mocedade. Nada teño.

O patrón está rico á miña conta,

eu, á súa, estóu vello.

Ben pensado, o patrón todo mo debe.

Eu non lle debo

nin xiquera iste sol que agora tomo.

Mentras o tomo, espero.

Longa noite de pedra, 1962

O EDIFICIO (suprimido a partir da ed. de 1967)

Enlixouse a cidá de telegramas

un lús pola mañá ás doce horas:

convocatoria urxente

defensa postulados

cotización, finanzas, dividendos.

O monstruo abriu a boca:

xa témo-lo argumento

para ofercer aos dioses novas víctimas.

Xa témo-las palabras que destruien

aos que portan a luz e van dediante:

pena de morte,

cadea perpetua,

pliego de cargos.

Postos en pé, a unha, os concentrados,

con coitelos nos ollos,

procramaron a lei do embudo cego

cun si en re maior afirmativo.

(Favorábel

cotización da Bolsa deseguida).

Rubricáronse os pactos e puxéronse

a erguer o edificio,a cárcere dos soños,

Longa noite de pedra, 1962

Page 16: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

o gran pazo do medo.

En cada pedra sangue, pinga a pinga,

en cada fuste bágoas e tristuras;

a ira en capiteles,

a estupidez en arcos.

I enriba, nas outuras,

deitada sobre arelas i esperanzas,

a Cariátide xorda presidindo.

As xentes esqueceron os seus nomes

e puxéronse alcumes de combate.

Sóio se ouvía falar do lume

i os homes que interpretan o gran libro

dixeron que moi ben, que todo aquelo

estaba xa previsto i era grato

ao corazón dos dioses,

e tiña o "visto bueno" das Euménides.

Longa noite de pedra, 1962

CONSELLOS

Si foses a xantar con poderosos

coida ben a carón de quen te sentas.

Pecha a túa gula e couta os teus degaros,

ponlle portas á fame si a tiveras,

pois é pan mintireiro o pan dos ricos,

doce por fóra, por dentro amarguexa.

Afoga a túa cobiza,

non desacougues por xuntar facenda.

¿Non coidas que a riqueza non é nada,

que o vento a trai e o vento axiña a leva?

Non comas pan dun home deshonroso,

nin da fartura dil teñas envexa.

Dirache, come e bebe, meu amigo,

disfroita dos meus teres canto queiras;

mais o seu pensamento non concorda,

de boca afora serán as súas verbas,

pois o seu corazón, cativo e duro,

ten de cotío pechas

as fenestras do amor e da xusticia.

Non o esquezas.

Longa noite de pedra, 1962

Page 17: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

CARTA Á MIÑA MULLER

Querida, nono esquezas, hai palabras

que é pecado decilas niste tempo.

Palabras que non debes pronuncialas,

nin xiquera pensalas, cavilalas,

tatexalas, gabalas, escribilas...

Moito menos berralas.

Esposa, toma nota e non esquezas:

non digas libertá palabra triste

con peligro de morte a calivera.

Si é certo que me queres nunca digas

esta palabra estúpida

que ten dentes e morde coma un lobo.

Non digas tan xiquera

as verbas derivadas,

por moi lonxano e vago

que sexa o parentesco etimolóxico,

como son, verbi gratia, libertino,

liborio, liberata, libre cambio.

En troques di cadea, viva, viva,

sí señor, moitas gracias, Dios llo pague.

¡Xa verás que felices imos sere!

Longa noite de pedra, 1962

DESTERRO

Abrín o grifo do baño,

saía a iauga

fungando,

fuu, fuu, fuu.

(A iauga na cidá non canta.)

-Vella amiga,

camarada

da lonxana nenez

na montaña:

-Que fas eiquí

nesta casa?

-Nunha cárcere estóu,

téñenme desterrada.

Canles de ferro negro

apréisxanme a ialma.

Debaixo da cidá,

Aa carón das cloacas,

camiña a miña noite

sin alba.

Volvoretas de outono

baixo unha chuvia maina,

¿qué foi das follas murchas

que sobre min levaba?

Longa noite de pedra, 1962

Page 18: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

Espello das estrelas

e das nubes que pasan,

nos regatos cantores

tolos de escumas brancas.

¿Qué foi do ceo aquil,

do vento e das calandrias,

dos solpores calados,

dos prados e labranzas?

-Tamén eu,

irmá auga,

Teño saudades

da nativa patria,

á que un día voltaréi

nunha caixa.

Non se pode tornar

atrás. O tempo pasa

e non volve.

O mar agarda.

O mar.

A noite sin alba.

Longa noite de pedra, 1962

MARÍA SOLIÑA

Polos camiños de Cangas

a voz do vento xemía:

ai, que soliña quedache,

María Soliña.

Nos areales de Cangas,

muros de noite se erguían:

ai, que soliña quedache,

María Soliña.

As ondas do mar de Cangas

acedos ecos traguían:

ai, que soliña quedache,

María Soliña.

As gueivotas sobre Cangas

son os de medo tecían:

ai, que soliña quedache,

María Soliña.

Baixo os tellados de Cangas

anda un terror de auga fría:

ai, que soliña quedache,

María Soliña.

Longa noite de pedra, 1962

Page 19: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

EIQUÍ SERÁ

Quero morrer eiquí (cando me chegue

a hora do viaxe que me agarda).

Eiquí niste silencio

de pombas arroladas,

niste vento que dorme nos piñeiros

un profundo sono de arelanzas.

Quero morrer eiquí cos ollos postos

no fumegar das tellas, na borralla

do tempo, frente a frente

de min, aberta a ialma

aos latexos das horas, nunha tarde

ateigada de arpas.

Van e veñen as nubes viaxeiras,

as anduriñas pasan.

O pandeiro da chuvia

repenica unha maina

melodía de outono,

que no roncón do río se acompasa.

Quero morrer eiquí. Ser sementado

nesta miña bisbarra.

Finar eiquí o meu cansancio acedo,

pousar eiquí pra sempre as miñas azas.

Longa noite de pedra, 1962

NON ME MIRES

Xa tódolo teño visto.

O que miréi un día

coma unha pedra pésame nas pálpebras.

Pesadume de ollar, ¡cómo me does!

Eu vin medrar os lobos,

vin nascer os cercados

e vin baixar as cinzas

por canles sanguiñentas.

Eu fun até os volcás e tiven fogo

nas maus. Vin pasar ringleiras silenciosas

de mozos feitos home de repente.

Chap. Chap, chapoteaban

as súas botas sobre a lama.

Vin condeados a norte

cunha coroa amárela envolvendo

os rostros casi caliveras.

Vin camiños ateigados de mortos

mirando cara o ceo, preguntando.

Vin a Dios encadeado. Vin a libertá xunguida.

Vin falsos paradisos

de escarnio e de inxusticia.

Vin escravos cantando.

Meus ollos firen. Nonos mires.

Longa noite de pedra, 1962

Page 20: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

TI E MÁIS EU

(Non falemos dos bobos

que tódolo adeprenden nos libros.

Non falemos dos parvos

con cara de domingo;

nin dos sapientes memos,

nin dos túzaros listos,

nin do eterno mal gusto

dos probes novos ricos).

Falemos de ti e de min

xa que vivimos.

Ti i eu nos ventos

e nos solsticios.

Ti i eu nos bosques

e nos ríos.

Ti i eu, historia

de corpos nidios.

Ti i eu, saudade

de álbores íntimos.

Ti i eu sin tempo

polo tempo imos.

Ti i eu cantando,

chorando e rindo.

Longa noite de pedra, 1962

VIAXE DE VOLTA

Viñen ao val. Baixéi dende a montaña

e a fe que nada novo teño visto:

Soio os teus seos puros, primavera.

Vin os mesmos traidores,

os mesmos delatores,

os mesmos basureiros,

os mesmos usureiros,

troiteiras, cagatintas, pederastas.

Tan vello coma o mundo. Nada novo.

Soio os teus seos puros, primavera.

Quixera decir por qué sinto canseira

niste val de carneiros conformistas.

Vin morrer centos de homes,

vin parir as femias,

vin chegar a xusticia con retraso.

Vin caudalosos ríos de sangue,

vin paredes enormes de iñoranza.

Paredes de cobiza,

paredes de avareza,

paredes de hipocresía.

Paredes,

tan vellas coma o mundo.

Nada novo.

Soio os teus seos puros, primavera.

Longa noite de pedra, 1962

Page 21: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

CIMENTERIO DE CIDÁ

A soberbia dos poderosos chega até os cimenterios

e trócase en mármores corintios

i en bronces propietarios.

Compre chantar no mundo esta pancarata:

Hai mortos de primeir e de segunda,

e mortos que non teñen onde caírse mortos.

O esquelete dun rico

val por tres esqueletes

dises homes sinxelos que cobran os sábados

un xornal resuado de soños i esperanzas.

Os mortos poderosos

chegan ao cementerio con boleto de palco

e métense nunha furna de mármol separatista,

pensando que as trompetas do xuicio final

tocarán para iles en escrusiva

unha fermosa diana froleada.

Un día despoxarémolos disa terra ofensiva

e faremos unha soia tumba igualitaria.

Deitaremos no mar os mármores noxentos

e os bronces orgulosos fundirémolos no lume.

Aos herdeiros dos soberbios mandarémoslles os osos

dos seus devanceiros para que os coticen na Bolsa

cos nitratos, cos ferros, co carbón e o cobre,

i eisí poidan vivir, coma sempre, de rendas.

Longa noite de pedra, 1962

SON UN PASMÓN

Son un pasmón

peatón

con opinión

decindo a verdade núa

pola rúa

nunca fun usuario

de automóvil suntuario

nin tampouco utilitario.

Camiño a pé

e por iso é polo que

vexo o mundo tal cal é.

Sei da cobiza burguesa

e do furor proletario

O pan gárdase na artesa

i a fame ronda a diario.

Ando sin presa,

nada altera o meu horario,

nin couta o meu comentario.

Non teño medo

do que o tempo traguerá

porque sei que tarde ou cedo

o que ha de vir chegará.

¿Noraboa ou noramá?

Longa noite de pedra, 1962

Page 22: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

¡Tanto me dá!

Ogallá

me colla vivo a noticia.

¡Qué gran ledicia

ver chegar o que virá!

Pra o gran suceso

xa está aceso

acolá moi lonxe, un lume

que no mundo prenderá

e queimará

a fedente podredume.

Camiño a pé

e por iso é polo que

vexo o mundo tal cal é.

Longa noite de pedra, 1962

INVERNO

Chove, chove na casa do pobre

e no meu corazón tamén chove.

Dor da mau encallecida,

dor da xente aterecida

de frío polos camiños.

Dor dos vellos e meniños.

Dor dos homes desherdados

e dos que están aldraxados.

Mágoa da ferida allea.

Dor dos que están na cadea,

dos que sofren a inxustiza

e viven baixo a cobiza.

Mágoa e loito

por tanto pranto que escoito.

No meu peito, sulagado,

soturno, fondo, calado,

un río de amor se move.

Chove, chove na casa do pobre

e no meu corazón tamén chove.

Longa noite de pedra, 1962

Page 23: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

NON

Si dixese que sí,

que todo está moi ben,

que o mundo está moi bon,

que cada quen é cada quen...

Conformidá.

Ademiración...

Calar, calar, calar,

e moita precaución.

Si dixese que acaso

as cousas son esí,

porque sí,

veleí,

e non lle demos voltas.

(Si aquíl está enriba

i aquil outro debaixo

é por culpa da vida.

Si algunhos van de porta en porta

cun saco de cinza ás costas

é porque son uns docas).

Si dixera que sí...

Entón sería o intre

de falar seriamente

da batalla de froles

nas festas do patrón.

Pero non.

Longa noite de pedra, 1962

DEITADO FRONTE AO MAR

Lingoa proletaria do meu pobo,

eu fáloa porque sí, porque me gosta,

porque me peta e quero e dame a gaña;

porque me sai de dentro, alá do fondo

dunha tristura aceda que me abrangue

ao ver tantos patufos desleigados,

pequenos mequetrefes sin raíces

que ao pór a garabata xa non saben

afirmarse no amor dos devanceiros,

falar a fala nai,

a fala dos abós que temos mortos,

e ser, co rostro erguido,

mariñeiros, labregos do lingoaxe,

remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta

e quero estar cos meus, coa xente miña,

perto dos homes bos que sofren longo

unha historia contada noutra lingoa.

Non falo pra os soberbios,

non falo pra os ruís e poderosos,

non falo pra os finchados,

Longa noite de pedra, 1962

Page 24: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

non falo pra os estúpidos,

non falo pra os valeiros,

que falo pra os que agoantan rexamente

mentiras e inxusticias de cotío;

pra os que súan e choran

un pranto cotidián de volvoretas,

de lume e vento sobre os ollos núos.

Eu non podo arredar as miñas verbas

de tódolos que sofren neste mundo.

E ti vives no mundo, terra miña,

berce da miña estirpe,

Galicia, doce mágoa das Españas,

deitada rente ao mar, ise camiño...

Longa noite de pedra, 1962

NENO ORFO CON CABALOS AO FONDO

Pasaron os cabalos da noite

e veu a ialba.

Madre,

iste é o país do pranto.

Pasaron os cabalos da noite

agallopando.

Madre,

iste é o país do pranto.

Coma un vagalume senlleiro,

estar quixera

cheo de luz nos carreiros.

Pasaron os cabalos da noite

coma un vento mouro.

Madre,

os cabalos deixáronme orfo.

Longa noite de pedra, 1962

Page 25: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

O MEU REINADO

Eu son o rei de min mesmo;

goberno o corazón

na libertá do vento e dos camiños.

Eu obedezo ás miñas propias leises

i os meus decretos sigo ao pé da letra.

Un cetro de solpores,

unha croa de nubes viaxeiras,

un manto abermellado

de soños i esperanzas

no limpo alborexar de cada día,

dame o poder lexítimo do pobo.

Represento aos calados,

interpreto aos que foron

voces de terra nai

nos antergos concellos da saudade.

Eu son un rei.

Un labrego do tempo dos sputniks.

Longa noite de pedra, 1962

A POESÍA É A VERDADE

Un procura a verdade

por tódolos camiños, baixo as pedras,

nas raigames escuras das olladas,

máis alá das escumas i os solpores.

Busco a verdade en ti, rexa poesía

dos homes que labouran,

taito real das cousas

que están e son, anque ninguún as vexa.

Home total,

que vas e ves sin sombra polas rúas

e tes a túa verdade nos curutos

do mundo, no profundo da historia,

na esperiencia de un día calisquera,

e non ves os paxaros nin as nubes

nin as lonxíncoas maus do vento dondo

que acariñan o mundo dende sempre.

Investiga a verdade do teu tempo

i alcontrarás a túa poesía.

Longa noite de pedra, 1962

Page 26: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

ROMANCE INCOMPLETO

Fuco Pérez sin segundo,

veciño de Gargamala,

viudo, maior de edade,

propietario dunha cabra

e dun terrón que produce

cinco ducias de patacas.

Fuco Pérez sin segundo,

furibundo iconoclasta,

pai dun neno engaranido

chantado diante a cabana.

Por teimoso inconformista

téñente fichado os gardas;

por herexe e descreído

póñenche a figa as beatas.

Fuco Pérez sin segundo

ninguén sabe o que che pasa.

Tes o o día, tes a noite,

tes os paxaros da ialba,

tes as estrelas do ceo,

tes as rúas i as estradas.

Fuco Pérez sin segundo

¿qué che falta?...

Longa noite de pedra, 1962

IRMAUS

Camiñan ao meu rente moitos homes.

Non os coñezo. Sonme estranos.

Pero ti, que te alcontras alá lonxe,

máis alá das sabanas e das illas,

coma un irmáu che falo.

Si é túa a miña noite,

si choran os meus ollos o teu pranto,

si os nosos berros son igoales,

coma un irmáu che falo.

Anque as nosas palabras sean distintas,

e ti negro i eu branco,

si temos semellantes as feridas,

coma un irmáu che falo.

Por enriba de tódalas fronteiras,

por enriba de muros e valados,

si os nosos sonos son igoales,

coma un irmáu che falo.

Común temos a patria,

común a loita, ambos.

A miña mau che dou,

coma un irmáu che falo.

Longa noite de pedra, 1962

Page 27: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

UN PROBE POLA RÚA DA CIDADE

Estendéu a súa nai para darme

unha esmola de chuvia e vento frío.

Non pedía, daba.

Seus ollos pousáronse lentamente

na miña garabata.

Pasaban correndo os automóviles

cuspindo o seu rosmar de besta cega.

Outavoces, anuncios luminosos

polos camiños negros da noite

como paxaros vivos un só intre

en un só intre mortos sobre o xelo.

Estendéu a súa mau temerosa,

a súa mau apenas humá,

tímidamente aberta coma un aza

que quixera voar e non poidera.

Non pedía, daba.

Daba as súas razós, as máis antigas:

a inxusticia da fame, a tristura,

a absoluta soedá dos rochedos.

O aire é teu e meu, decía

sin voz, falando coas pupilas

que se pousaron de novo lentamente /na miña garabata.

Sentín vergoña das miñas maus limpas

e nascéume, de pronto, nos zapatos

coma un pudor de solas impermeáveles

que me rubíu polas veas, foi rubindo

-hedra de alba, albre da noite-

até esconderse nos meus soños para sempre.

Longa noite de pedra, 1962

MENTRAS IMOS ANDANDO

O tempo cheira a estación ferroviaria

no arrabaldo do amencer,

cando os trens agallopan xemendo

por túneles de noite

e brilan luces misteriosas

nos bosques profundos

e no perfil confuso das cidades lonxanas.

Mentras imos andando.

O tempo soa a frauta melancólica

de pastor isolado; a birimbao de vento

nas marelas acacias ao caír a tardiña.

Un soar monocorde

que ven baixando a tombos dos curutos,

chega até o val e trócase en paxaro.

Mentras imos andando.

O tempo ten a cor dos prados, pero ás veces

ponse gafas vermellas e reloce,

-esmacelado e fondo, aluarado-

coma un Sahara de augas movedizas,

auga de area, chuvia de area,

sobre mares de area interminábeles.

Mentras imos andando.

O tempo leva grímpolas de berros pendurados

dun aramio de espiño; leva fírgoas de luz;

leva farrapos de esperanzas ergueitas

Page 28: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

sobre mastros de soños; e leva as derradeiras

palabras dos soldados descoñecidos

que morreron nas guerras polas patrias inútiles.

Mentras imos andando.

O tempo é unha cousa que está e que esbara

coma cóbrega longa rastreando

o corazón dos homes, ises vermes

que están tamén e van tamén pasando,

matinando furar un rexo muro de soidades,

pedra de escuros dioses que couta a súa sombra.

Mentras imos andando.

Mentras imos andando o tempo ten un nome,

un alcume de neve que ninguén o pronuncia,

un alcume que esbagoa nos vidros do inverno

e nos segredos xardís de acibos mergullados.

Mentras imos andando pregunto polos mortos,

pregunto polas cores das froles que amaban,

pregunto polas mornas mañás que gozaron,

pregunto polas ondas do mar. Eu pregunto.

Mentras imos andando.

Longa noite de pedra, 1962

NUNCA PODEREI ESQUECELO

Polo aire chegóu a triste nova

e isto pasóu: Eu era un puro sono

pero veu un abrente a espertarme

reducíndome a número sumando

con dous tacós de aceiro nos zapatos

que tripaban o pranto dos humildes.

Entón adeprendín o que era sangue,

o que era crueldá e zooloxía.

Adeprendín metafísica nos montes

e física do medo polas chairas.

Levaba ferros fríos diante os ollos

baixo unha torva brétema de vermes.

Isto pasóu e casi non me lembro,

-mais nunca podréi esquecelo-.

Soio sei, iso sí, que os tamboriles

chamaron, plan, plan, rataplán,

e xa nunca voltéi a sere sono.

Longa noite de pedra, 1962

Page 29: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

SPIRITUAL

Cicais mañá

cando a miña mirada

non abrolle na luz

como cativa mapoula de auga,

veña a soedade.

Pero hoxe canto en libertá

e mentras canto

non estou isolado,

que o corazón vai comigo

e con il falo.

Beberei a paisaxe

nun amencer de lirios.

As campanas do mar

nos ventos fuxidíos.

Cada intre un paxaro,

cada pulso un latexo.

Unha espada de chuvia

cortando a frol do vento.

Nin as olladas torvas,

nin os beizos esquivos,

nin as voces nemigas

nin os homes cativos.

Vivirei coma o lume

alcendido na noite.

Terei cumios de estrelas,

cantarei para os homes.

Estou comigo mesmo.

O corazón é quen manda,

i eu obedezo.

Longa noite de pedra, 1962

CANTIGA DE AMIGO PARA JOAN MIRÓ

Saúdo a Xoán Miró

que me puxo nos ollos as longas sombras

de doces cornamusas melancólicas

que estaban diante min sin eu sabelo

frolecidas de outonos dende sempre,

cantando seu cantar dende o principio.

Saúdo a Xoán Miró

que me insinou a ollar o intrascendido,

o que está baixo as pedras i as raigames

e nos doridos soños da adoescenza,

alí onde se xuntan as palabras

en acios de preguntas inconcretas.

Saúdo a Xoán Miró

que sabe conciliar a luz contraria

e sumar as eternas forzas tristes

que empuxan as mareas e os solsticios,

fan medrar os carballos e promoven

o pranto dos meniños perdidos nas cidades.

Saúdo a Xoán Miró

alxebraico e saudoso solitario

tecedor de imposíbeles contornos,

que garda tempo en ánforas de vento,

Page 30: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

reuto, curvo, dourado, metafísico,

cunha camelia moza nas pupilas.

Dende esta orela envolta en neboeiros

de peneirada luz cuasi caricia,

onde o mar faise río e beixa o dolmen

das vellas paganías, mando apertas

para ti, Xoán Miró. Teño morriña

do teu sul, senlleira craridade

da escuma ao meiodía, azul distante

do teu país natal, esauto e forte.

Longa noite de pedra, 1962

UNHA VEZ

Unha vez houbo un home

que nunca dixo, meu.

Petou nas portas do mundo,

chamou no meu corazón.

Falaba con palabras

que semellaban pombas.

As cousas á súa beira

púñanse brancas.

Nascíalle nos ollos un abrente

coma un río de luz,

ou coma un mar lonxano de gueivotas.

Un bálsamo de amor

tiña aquil home

pra ista miña dor

sin nome.

Longa noite de pedra, 1962

Page 31: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

TEMPO DE CHORAR

Hei de chorar sin bágoas duro pranto

polas pombas de luz aferrolladas,

polo esprito vencido baixo a noite

da libertá prostituída.

As espadas penduran silandeiras

coma unha chuvia fría diante os ollos

e teño que chorar na sombra fuxidía

diste pútrido vento

que arromba a lealtá e pon cadeas

no corazón dos homes xenerosos.

Pois que somente os ollos me deixaron

para chorar por iles longos ríos,

hei navegar periplos, descubertas

por tempos que han de vir cheos de escumas,

por onde o día nasce,

alí onde xermola o mundo novo.

Pois que o que chora vive, iremos indo;

indo, chorando, andando,

salvaxe voz que ha de trocarse en ira,

en coitelo de berros i alboradas

para rubir ao cumio dos aldraxes.

E pois que cada tempo ten seu tempo,

iste é o tempo de chorar.

Longa noite de pedra, 1962

LIMIAR

A xeito de S.O.S

falo na madrugada:

Pechái tódalas portas

e que xa ninguén saia.

Sin a seiva nutricia

esmorecen as gallas.

Arbre antigo, Galicia,

fendérono ás machadas.

Unha ponla no mundo,

outra ponla na casa.

A ponla de alén mar

é soio unha metáfora.

O povo quere terra

como Anteo na fábula.

A terra quere povo

para ser fecundada.

Nunca virá de fora

remedio ou esperanza.

Si o noso povo morre

quedámonos sin patria,

pois patria e povo son

o mesmo en dúas palabras.

Pechái tódalas portas

e que xa ninguén saia.

Viaxe ao país dos ananos, 1968. Primeira parte

Page 32: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

1

Eu, Gulliver Ferreiro, bon galego,

solemnemente digo:

Esilado na miña propia Terra,

canso de ollar as mesmas torres sempre,

farto de ver as mesmas caliveras

–fasquía de vivir pecho nun sótano–

quixen seguir o rumbo do meu pobo,

o ésodo sin fin dos emigrantes.

Troquéi os lares patrios

polos eidos alleos

e percorrín o mundo coma un nómada

compañeiro do vento e das estrelas.

Camiñéi á ventura,

naveguéi día e noite, mar adentro,

paséi as illas páledas,

vin o peixe voador i os arroaces,

deixéi á esquerda as augas dos Sargazos,

cheguéi ás moles praias do mar quente,

do eterno vrau vestido de bikini,

choutando pola area.

(Veda Woodlake decía quedamente:

“O mar non é un camiño innumerábel;

é un gran corazón abandoado”.)

Non quixen escoitar

teus cantos de sereia,

Veda Woodlake. Buscaba

aos meu irmáus perdidos. Rosalía

choróu por iles bágoas de esperanza.

Curros berróu os seus trenos inmorrentes

i eu mesmo un día dixen (malia a hora!)

que os nosos emigrantes

“erguen seus urros ceibos e labouran

cos músculos encheitos de esperanzas

lonxe da patria”.

Viaxe ao país dos ananos, 1968. Primeira parte

3

Probe de min. A terra prometida,

a Galicia emigrada que eu buscaba,

era somente un pozo de residuos,

unha corte de ovellas resiñadas:

emporio de logreiros,

caverna de usureiros,

buraco de tendeiros,

guarida de comprades basureiros.

O País dos Ananos,

poboado de petisos

comestos da iñorancia,

mandados pola enveza i a cobiza.

¡ Qué sórdida paisaxe !

Galicia xaz eiquí morta de anguria,

crucificada en sombras, sepultada

baixo as nádegas porcas dos badocos,

dos pequenos burgueses desertores,

alugados ao esterco,

vendidos ás letrinas,

sin outro afán nin fin que o dasme-douche,

o merco-vendo, okey, pago ó contado.

Viaxe ao país dos ananos, 1968. Primeira parte

Page 33: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

5

No País dos Ananos

veñen e van, fon, fon, os automóviles,

coma bestas fuxindo,

non se sabe,

bulindo escuramente polas rúas,

camiño de ningures,

non importa

con tal de ser veloces.

Velocidade,

ise Moloch de agora, aluciado,

queimando gasolina,

roda, roda,

hai que chegar axiña, non sei ónde,

ou non chegar xamáis, o caso é ire

nas catro rodas, ire e dempóis vire,

coa brincadeira a punto.

O asunto

está no ire-vire,

chegar, logo marchar,

adéus que teño presa,

que teño moita presa,

presa, presa,

que teño moita presa de ter presa...

semáforo bermello, mala sorte,

de novo a camiñar, fon, fon,

as bestas sobre rodas,

veñen e van, fon, fon,

e non se sabe. Viaxe ao país dos ananos, 1968. Primeira parte

8

Eiquí, entre istes homes pequeniños,

penso na patria, e síntome un xigante.

Penso en Galicia e vexo un lume aceso

nás pálpebras azúes da paisaxe.

Vexo a mañá pechada sobre os boscos

sulagados no mar. Escoito as voces

misteriosas das nais cantando tristes

cántigas que cheiran a mazás nas arcas.

Digo Galicia e sinto un arrepío,

unha esperanza ergueita,

unha ferida

que non estiña nunca.

Viaxe ao país dos ananos, 1968. Primeira parte

Page 34: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

13

Teño o corazón senlleiro

e orfo na noite fría.

Non importa, agardaréi

polo albor do novo día.

Teño lobos, teño sombras,

teño a sorte fuxidía.

Non importa, agardaréi

polo albor do novo día.

Está mudo o reixiñol

que outrora cantar solía.

Non importa, agardaréi

polo albor do novo día.

Que está comigo a esperanza,

fiando, fía que fía…

Ela fía i eu confío

no albor do novo día.

Viaxe ao país dos ananos, 1968. Primeira parte

14

Cicais mañá

cando a miña mirada

non abrolle na luz

veña a soedá.

Pero hoxe canto á libertá

e mentras canto

non estóu isolado,

que o corazón me leva

e con il vou falando.

Bebo a diario paisaxe

nos amenceres líricos.

As campanas do mar

están feitas de lirios.

O soño é un paxaro,

que aniña nos latexos.

A chuvia é unha bandeira

pendurada do vento.

Non importan as verbas

que berran os nemigos,

nin as torvas olladas

dos batracios cativos.

Vivo ledo no lume

diante da porta da noite.

Teño cumios de estrelas,

e canto para os homes.

Lévame o corazón

Por unha longa estrada.

E nos meus pulsos van

Dúas pequenas mapoulas de auga.

Viaxe ao país dos ananos, 1968. Primeira parte

Page 35: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

15

Viaxeiro, que vés de lonxe

e vas de paso.

Coa palabras máis viva

de meu linguaxe, falo.

Repudio as inxusticias

i a liberdá procramo.

Digo a miña verdade

e no pobo descanso.

Viaxeiro, que vés de lonxe

e vas de paso.

Teño a luz dos abrentes

i as estrelas reparto.

Estóu cos sofridores,

vivo cos desheredados.

Pelexo contra a noite

e non creo nos anxos.

Viaxeiro, que vés de lonxe

e vas de paso:

dilles aos irmáus da Terra

que é moi trite o País dos Ananos.

Viaxe ao país dos ananos, 1968. Primeira parte

10

Eu vou andando

coa procesión por dentro

moi cabreado.

Uns ofrécenme rodas de muiño,

outros crávanme cravos.

Ninguén se compadece

do meu andar tan canso.

Chove noite no mundo,

a libertá morréu fai moitos anos.

Son rebelde,

danme noxo os homes mansos,

os pequenos tendeiros do tedio

que viven coma sapos.

Durmo sobre un xergón de neve

i estóu descalzo.

Sofrín a lei do embudo

e son moi mal pensado.

Creo nos homes puros

que non son educados

que non teñen modales esquisitos

nin saben comportarse coma fámulos.

Son un hiperestésico

E padezo do bazo

ao ver tódolos días

pasar os mesmos lobos e rebaños.

Page 36: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

subasto cen arelas malogradas

i alugo gratis cen amigos falsos.

Adevirto aos homes serios que me bulro

do seu aire paiaso,

e téñolle xenreira

aos solenes estúpidos i ós parvos.

Palabras prohibidas

pronuncio sin descanso

e vounas traducindo

encheito de entusiasmo.

Agardo un telegrama

que chegará un sábado

coas aves do amencer:

“Por fin o home foi decapitado”.

Viaxe ao país dos ananos, 1968. Primeira parte

A ESTRELA

Na serán remota

tódolos camiños morren

na noite pecha.

Pero alá lonxe,

no confín dos touzales,

un espello de luz palpabrexante

anuncia a gran estrela

que a de traguer o fin da vervidumbre

i a libertá dos soños coma un vento.

Eu agardo sereo pola estrela

e pídolle aos meus fillos me disculpen

esta longa esperanza

ardéndome nos ollos coma un lume,

valla a palabra.

Viaxe ao país dos ananos, 1968. Segunda parte

Page 37: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

NENOS NUN RANCHO DE CARACAS

Meniño negro,

meniña branca,

decide se o sabedes:

¿Cándo derubarémolas estatuas?

¿Cándo aforcarémola inxusticia?

¿Até cando as coutadas?

¿Nunca deixarán que os nenos todos,

os homes todos e tódalas espranzas

teñan un só color,

unha soa bandeira ao vento alzada?

Meniños brancos, negros:

a norte está pousada

sobre cumios de berros e de sangue

sin distinción de razas.

Amargo mar, deixa a túa amargura.

Volcán, apaga

o lume que te queima.

Vento, descansa.

Río, agarda.

Tempo, pasa.

Ponlle un só color aos homes,

esperanza. Viaxe ao país dos ananos, 1968. Segunda parte

EL HERMOSO ROSTRO DEL PAÍS

(Titular de Faro de Vigo)

A miña terra é doce coma o mel,

abondosos e gasalleiros os seus froitos.

Na primavera agroman os touzales

e o cuco canta.

Xermola a natureza

baixo a fecunda codia das labranzas.

Alédanse os boscos

i as noites son infindas i estreladas.

Sí.

A miña terra é doce coma o mel,

pro, a carón de tanta fermosura,

a miseria labróulle

un túnel amarguísimo na historia.

A miña terra é soave, solermiña

polo vrau, cando as anduriñas tecen

os seus voos de soños. Os grilos poñen

axóuxeres vibrátiles na serán lenta.

Os reisiñoles cantan ás portas do mencer,

e os ríos pasan en romería.

Sí.

A miña terra é soave, solermiña,

pro, nos ollos dos meniños

que van á escola nas mañás frías,

hai unha tristura antiga.

A miña terra é aquelada coma unha mazá

polo outono, cando os arbres son de ouro

e a brisa acariña coma un beixo.

Viaxe ao país dos ananos, 1968. Segunda parte

Page 38: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

Nácenlle á paisaxe camiños novos

con merlos chifradores baixo as parras.

Farturentas colleitas,

dondos acios, cántigas de ceifa e de vendima.

Ateigadas de graus fican as tullas.

Sí.

A miña terra é aquelada coma unha mazá,

pro a inxusticia, proterva, dura, fonda,

vai furando

o corazón dos homes coma un verme.

A miña terra é íntima e tenra

coma un colo de nai polo inverno

rente ao lume do lar.

Húmedos e verdes, os campos

expónxanse na brétema, os vales

dormen brandamente, as cumes branquenexan

baixo un vento fungón que ven no norde.

As vacas muxen nos cortellos

e o fume das lareiras

arromeda pantasmas nos tellados.

Sí.

A miña terra é íntima e tenra,

pro, a mocedá fuxe dela

en busca de outra terra

onde o pan

se pode comer sin bágoas.

Viaxe ao país dos ananos, 1968. Segunda parte

CANCIÓN

O vello cantaba

unha lembranza.

O mozo cantaba

unha esperanza.

O neno cantaba

unha louvanza.

Pobo meu: pois que cantas,

érguete i anda.

Viaxe ao país dos ananos, 1968. Segunda parte

Page 39: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

PRÁ MOCEDADE

Tedes que alcender un facho

de baril inconformismo.

Non, non, diredes decote

aos profesores de mitos,

que queren de contrabando

pasar falsos paradisos.

Non, non, diredes arreo

aos que van no seu machiño

cabalgando moi contentos

entre nubes de outimismo.

Non, non, debedes decir

aos que minten por oficio.

A verdá, soio a verdá

da terra na que vivimos,

labrada en berros de lume,

nascida en berce cativo.

A verdá, soio a verdá

da terra na que nascimos,

Viaxe ao país dos ananos, 1968. Segunda parte

A LEUCIÓN

Adeprender a vida é tan difícil

ou máis que resolver un crucigrama.

Tan difícil ou máis que unha pregunta

que houbera que facer na madrugada

cando tódolos arbres choran noite

i os galos cantan.

Adeprender a vida é moi difícil

i ademáis cansa.

Cando tes a leución medio sabida

non che sirve pra nada.

As cousas son así: imos e vimos,

sin enterarnos nunca do que pasa.

Pra saber a leución dámoslle voltas,

cando acaso mellor era non darllas.

Unha mazá, un verme,

unha chuvia caíndo, terca e mansa,

un discurso do alcalde,

unha vinganza,

unha muller parindo,

unha bomba de nápalm.

Dámoslle voltas

sin enterarnos nunca do que pasa.

Viaxe ao país dos ananos, 1968. Segunda parte

Page 40: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

O VASO

O meu vaso é pequeno

pro nel bebín a máis moura amargura

do mundo.

Chégame abondo.

Non preciso outro vaso

nin o quero.

Viaxe ao país dos ananos, 1968. Segunda parte

A NENA AFOGADA

Un bruar de cidade sulagada

metéuselle nos ollos

e baixóu pola ialba

coma un lonxano fume de gueivotas

do derradeiro rumbo das chalanas.

A nena está durmindo

un sono longuísimo.

Berros na luz. Campanas nas escumas,

labres de sal e vento. Na boca

unha branda dozura.

As outas nubes

tornasolan alá lonxe as dunas.

A nena está durmindo

un sono longuísimo.

Púxose azul o mar. O vento verde

levaba nas súas maus escuras meles

de boscos e pinares

e de seves.

A nena está durmindo

un sono longuísimo.

Fíxose o ceo mar e na distancia

nacéu a noite

coma unha frol doente e vaga.

A nena está durmindo

un sono longuísimo

sobre a paisaxe verde.

Que ninguén a desperte.

Viaxe ao país dos ananos, 1968. Segunda parte

Page 41: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

UN DÍA

Eu sei que un día dobraréi unha esquina

e xa non voltaréi atrás.

Colleréi unha rúa de auga infinda

feita de noite e de cristal.

Pasarán silenciosos carros

e xentes que nada me dirán.

Camiñaréi perdido definitivamente

e nunca máis voltaréi aomeu fogar.

Entón, non tendo outra cousa ue facer,

seguramente poréime a pensar

que a vida é un motor moi complicado

i a norte unha solemne imbecilidá.

Viaxe ao país dos ananos, 1968. Segunda parte

DIGO VIET NAM E BASTA

Digo bomba de fósforo.

Apenas digo nada.

Digo lombriga e larva

de carne podrecida.

Digo nenos de napalm,

terror de noite e selva,

fedor de cidade e cloaca.

Fame, suor, aldraxe,

pugas de aceiro, antropofaxia.

Digo guerra bestial,

tremor de terra, crime, lume, lava,

estoupido, verdugo

e mortandade en masa.

Digo gas abafante.

Apenas digo nada.

Digo yanqui invasor,

depredador de patrias.

Digo plutonio, pentágono,

esterco bursátil, palanca.

Presidente, gadoupa,

Viaxe ao país dos ananos, 1968. Segunda parte

Page 42: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

chuvia, amargura, baba.

Digo petróleo, ferro,

mineral, trampa,

lobo, caimán, polaris, cóbrega,

miseria, diplomacia.

Digo devastación que USA, usa.

Apenas digo nada.

Digo Viet Nam i está xa dito todo

cunha soIa palabra.

Para abranguer a vergonza do mundo,

digo Viet Nam e basta.

Viaxe ao país dos ananos, 1968. Segunda parte

TEORÍA DO ARBRE

O berce foi antes arbre,

Berce do arbre é o vento.

O arbre fillo da terra,

danos sombra i alimento.

Arbre, a porta da casa,

Arbre, o estrado i o teito,

Arbre, o carro i a mesa,

Arbre, a chuvia no vento,

Arbre, a caixa do morto,

Arbre, a fiestra i o asento.

Arbre, o bosco, i a barca,

no medio soio silencio

A nosa casa é un arbre.

Casa do arbre é o vento

que pasa peleriñando,

con ledos paxaros dentro.

O mundo semella un arbre

prantado no firmamento

que pasa peleriñando

con ledos paxaros dentro.

O arbre danos de todo:

barca, teito, enterramento.

O mundo semella un arbre

Prantado no firmamento.

A vida parece un arbre,

no medio tan soio o vento. Viaxe ao país dos ananos, 1968.

Segunda parte

Page 43: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

COMPROMISO

Estóu entre vós

e de vós falo, homes.

Non me importan

as derradeiras modas

nin os modos snob

dos poetisos

que procraman o estrume por divisa.

Eu canto dende dentro do meu pobo.

Tido,

metido,

prometido,

comprometido

cos homes, meus irmáus,

meus camaradas na loita

pola libertá.

Non me importa

o que digan mañá

os aduaneiros da poesía.

Si un intre só

conquiro darvos folgos

co meu canto,

ficaréi moi contente

e non perciso

máis

nada.

Viaxe ao país dos ananos, 1968. Segunda parte

PORTA

O fel de ter que vivir

entre badulaques tantos,

fixo nacer istes cantos

de escarnio e de maldecir.

Neles, sin ningún aliño,

pro con moito ritintín,

chámolle, tal como os vin,

pan ó pan, i o viño, viño.

Istes versos ó tuntún,

irmáu das horas acerbas,

levan pra ti unhas verbas

de amor na Patria común.

Irmáu meu na emigración,

galego peregrinante,

ergue a testa, mira adiante,

camiña con decisión.

Aprende a decirlle non

ó paisano denigrante,

ó logreiro, ó negociante

da túa triste condición.

De que despertes é hora,

dilles que non, logo berra

que eres bon fillo da Terra,

que estás coa Nai e Señora.

Cantigas de escarnio e de maldecir, Arístides Silveira, 1968

Page 44: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

CONVERSA ENCOL DUN BOI

- Disque, na súa tenra xuventú,

iste boi que ós galegos estercola

foi en Galicia á escola

i adeprendéu el soio a decir Múu.

- Non sexas, meu amigo, fabulista

e faime a gracia de facer memoria:

aquél que dixo múu na nosa historia

non era un boi, que era un burro flautista.

- O conto que che conto é a verdá

e ninguén torcerá a miña pauta:

o boi que dixo múu tería unha flauta

que soar poido por casualidá.

- En vista de que falas con firmeza

conveño en que o eu boi é mitolóxico;

un especimen raro fisiolóxico,

mixto de burro e boi na mesma peza.

Un estrano animal

que co seu múu asnal e corifeo

ampliou o solfeo

cunha moderna nota musical.

Por elo chegarán futuras datas

en que todos veredes

carteles coma iste nas paredes:

“Concerto en múu maior a catro patas.”

Cantigas de escarnio e de maldecir, Arístides Silveira, 1968

O VICE-HOME

O rostro de vilán, mondo lirondo,

remata nunha cúspide careca

i-a sua torva imaxen de boleca

esconde un can hidrófobo no fondo.

No seu paísnatal, todo o redondo,

é de sobra sonado iste babieca,

i o seu rodar, de estrada e de cuneta,

noutro tempo, conócese de abondo.

Gargallo delator, sapo fedondo,

Asesiño e ladrón de entrana seca.

Cantigas de escarnio e de maldecir,

Arístides Silveira, 1968

Page 45: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

OS HERDEIROS

Pasan mudos e xordos,

valeiras de canciós as súas vidas.

Teñen as bocas murchas

de pronunciar palabras fratricidas.

Pasan coas almas turbias

I os corazós de pedra.

Teñen os ollos de auga

e polos veas rúbelles unha hedra.

Son os carcundas fósiles,

desendentes dos monos paleolíticos.

Son fillos de Caín e de Tricornia.

Son os herdogardalíticos.

Cantigas de escarnio e de maldecir,

Arístides Silveira, 1968

O NETO DO CAGARRÁN

Cando o vello zoqueiro remendón

-chamado por mal nome Cagarrá -

soupo que un neto seu, o máis pasmón,

fora eleito Reitor da Sociedá,

ficóu meditabundo,

co rostro asaz pasmado

e alá na escura cova do ultramundo

onde está dando malvas o coitado,

púxose con paciencia

a escribir os palotes dunha carta

modelo de sabencia:

Meu neto: que mal raio non me parta

si comprendo iste choio.

A ti sempre te tiven por un burro

de testa periforme, duro croio

inxertado na ialma dun cazurro.

¿Cómo é posible entón

que o galego avisado e intelixente,

elixira un papón

pra Presidente?

Por máis que o meu caletre torpe escarbo

non poido comprender estas matracas.

Cantigas de escarnio e de maldecir, Arístides Silveira, 1968

Page 46: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

¿É que se puxo parvo,

de sópeto, o galego de Caracas?

¿Acaso o teu cerebre, envase hidrópico,

armado en argamasa, duro bloque,

tornóuse luz solar no quente trópico

por arte da presión birli-birloque?

¿Qué pasóu pra que os fillos de Galicia

nombrasen un patrón que ten albarda?

Ó saber a noticia

da túa reitoría de alpabarda

sentín no peito o peso dunha lousa

e nos ollos o pranto,

pois nunca a Terra foi tan pouca cousa,

nin ti poideches nunca medrar tanto.

Cantigas de escarnio e de maldecir, Arístides Silveira, 1968

UN TAL ARCO

Arco de ferradura e basureiro,

friso vulgar, cacumen da impudicia,

que esconde, baixo o nome de Galicia,

ó sapo, ó desleigado i ó logreiro.

Un volumen servil de hortera arteiro,

un gonoco inxerto en inmundicia,

un envase fecal, unha ictericia,

un lercho cagallón palanganeiro.

Un ripio asnal, un fillo de malato,

un puto de burdel, un tahur lato,

un caco de feirón, un lendia prea.

Ista e a imaxen fiel do arco paleto,

doctor “honoris causa” analfabeto,

asombro da gavilla filistea.

Cantigas de escarnio e de maldecir, Arístides Silveira, 1968

Page 47: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

UN SEGREDARIO SIN SEGREDO

Arranxa un nazi burrón de triste historia,

mistúralle fusil e metralleta,

engádelle algún morto na cuneta,

dibúxalle nariz supositoria,

ponlle cara de alcuza con escoria,

fabrícalle un cerebre de penedo,

revólvelle alquitrán e leite acedo,

invéntalle unha ollada xesuita

faille unha voz que lembre a dunha pita

i ahí tés un segredario sin segredo.

Cantigas de escarnio e de maldecir, Arístides Silveira, 1968

LENDO CERTO PERÍODO MENSTRUAL

Olla meu irmáu honrado

o que acontez con Daniel:

os que o tiñan desterrado

agora falan ben del.

O palurdo de alma lerda,

o tendeiro desertor,

o vinculeiro da merda,

disfrazado de señor.

O lurdo carca refrito,

o monifate de entroido,

o aprendiz de señorito,

marqués de quero e non poido.

O badoco endomingado,

o franquista pousafol,

o forricas desleigado,

o pequeno burgués mol.

O devoto do onanismo,

o feligrés de pesebre,

o tolleito de cinismo

o que dá gato por lebre.

Cantigas de escarnio e de maldecir,

Arístides Silveira, 1968

Page 48: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

O rateiro de peirao,

o refugallo incivil,

válense de Castelao

pra esconder a caste vil.

Escoita puto nefando,

criado na servidume:

non pasará o contrabando

dise teu noxento estrume.

Grotesco escriba sandéu,

inxertado nun raposo.

Castelao nunca foi teu,

porque Castelao é noso.

I anque a ti che importa un pito,

sabrás que é cousa sabida,

que estás incurso en delito

de apropiación indebida.

Cantigas de escarnio e de maldecir,

Arístides Silveira, 1968

UN BÍPEDO RONZAL

Portuga, non. Resulta moi ridículo

que o nome dunha pátria benemérita

se enlixe apelidando a iste pedículo

parásito ronzal de alma pretérita.

Non digas Portugal, di portugálico

pois gálico rezuga o rostro estólido

diste pimpín pasmón microcefálico

que ten un non sei qué de peido sólido.

Chámalle ao tal, memez enciclopédica,

acólito sandéu, mula ortopédica,

bípedo insólito, orneo asnal.

Pero non Portugal, que iso dá pábulo

a que a xente confunda ao probe rábulo

co gran país de Antero de Quental.

Cantigas de escarnio e de maldecir, Arístides Silveira, 1968

Page 49: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

OS FILLOS DA CIZAÑA

O ácrata, burgués de via estreita,

sementóu istes eidos de cizañas,

prantóu sebes de insidias e patrañas

i agora nós cargamos coa colleita:

Gandules ezquerdistas de dereita,

farsantes con careta de esilados,

lobis-homes de ovellas disfrazados,

carcundas, maricós de especies mil,

pasan con seu triste andar incivil

todos xuntos, revoltos, misturados…

En impúdico pauto amalgamados,

o pícaro, o bribón, o proxeneta,

o sórdido truán que os alcahueta,

o matador i os fillos dos matados.

Todos tolleitos, todos emporcados

na mesma zarrumalla i amasixo,

todos coa mesma faz de carapixo

falando oc astelán do cagatinta,

velos ehí van coa súa innobre pinta,

fillos da nai que os deu i o pai que os fixo.

Cantigas de escarnio e de maldecir, Arístides Silveira, 1968

MODESTIA FORA

Nacín (modestia fora)

nun lugar onde o mundo

se chama Celanova.

Moitas vegadas

a miña nai contóumo.

O día que ti naciche

houbo estranas sinales no ceo.

Outo era entón o vento de xaneiro,

as pombas do solpor tornaban lentas

na serán sosegada.

Arpas invisíbeles,

penduradas das torres centinelas,

mentían un rumor de frautas doces.

Cando chegóu a noite envolta en nardos

coutóu a derradeira luz do día

que aguniaba alá lonxe

como brasa mortiza dun rescaldo.

(Como brasa mortiza

ten sido a miña vida,

como brasa mortiza dun rescaldo.

Por eso vivo coa angueira

de non saber si son lume

ou si son somente fume

dunha remota fogueira.)

Onde o mundo se chama Celanova, 1975

Page 50: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

TERRA

Todo o meu ser está leigado á terra,

Sábeme a terra todo na memoria,

Terra o camiño, terra a miña historia,

Terra esta voz que no deserto berra.

Onde o mundo se chama Celanova, 1975

PROCRAMA ÓS MEUS VECIÑOS

Ouro vello de outono e prata fina

a lúa embaixo, o sol enriba.

Nesa surrisa túa, Celanova,

pola que pasa o vento,

hai unha triste historia non contada

feita de amor e troquelada en ferro.

Longos días de pranto e de cinza,

a lúa embaixo, o sol enriba.

Por ise rostro craro,

no que se miran todas as estrelas,

pasan sulcos de luz estremecida,

cantigas de mencer, noites de pedra.

Escumas de saudades sempre vivas,

a lúa embaixo, o sol enriba.

Cando surrís, libéraste. Só saben

surrir aqués que levan a esperanza.

Quen espera non morre

i o que sabe surrir é quen se salva.

Afía o teu lecer, a espada afía,

a lúa embaixo, o sol enriba.

Onde o mundo se chama Celanova, 1975

Page 51: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

EIQUÍ SERÁ

Quero morrer eiquí (cando me chegue

a hora da viaxe que me agarda).

Eiquí niste silencio

de pombas arroladas,

niste vento que dorme nos piñeiros

un profundo sono de arelanzas.

Quero morrer eiquí cos ollos postos

no fumegar das tellas, na borralla

do tempo, frente a frente

de min, aberta a ialma

aos latexos das horas, nunha tarde

ateigada de arpas.

Van e veñen as nubes viaxeiras,

as anduriñas pasan.

O pandeiro da chuvia

repenica unha maina

melodía de outono,

que no roncón do río se acompasa.

Quero morrer eiquí. Ser sementado

nesta miña bisbarra.

Finar eiquí o meu cansancio acedo,

pousar eiquí pra sempre as miñas azas.

Onde o mundo se chama Celanova, 1975

CANTIGA PARA DURMIR A UN NENO

Celanova ten un vento,

Celanova un vento ten,

un vento peleriñante,

un vento que vai e ven.

Un vento que máis que vento

é un teimoso roncón

fungando polos tellados

con grave e tristeiro son.

Iste vento vagamundo,

vai coa lúa, ven co sol,

vai cos mozos, ven cos vellos,

vai coa neve, ven coa frol.

Vai coas nubes viaixeiras

por camiños de romaxe.

Ven co pandeiro da chuvia

repenicando a paisaxe.

De día vai cos paxaros

i anda a brincar polas hortas.

De noite ven cos morcegos

i anda a petar polas portas.

Onde o mundo se chama Celanova, 1975

Page 52: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

Meu neno, no teñas medo,

que iste vento é meu amigo

i anque rosma polas rúas

non te levará consigo.

Vento que vas á ventura,

¿non ollas cómo che aceno?

Vaite deiquí paseniño,

deixa dormir ó meu neno.

¿Onde se marchóu mi padre

o ventiño reiseñol,

ventiño de doce gaita,

ónde se foi co seu fol?

O vento atópase canso

do seu constante bulir.

Deitóuse nos piñeirales,

coma nun berce, a dormir.

I o vento que rebulía,

Celanova xa o non ten.

O meu neno está durmido

i o vento dormíu tamén.

Onde o mundo se chama Celanova, 1975

A PALABRA

A realidá existe

porque existe a palabra.

Si non sabes decir longa é a noite

tampouco saberás que existe a alba.

Para ser libre o home

ten que saber decir creo na esperanza.

Onde o mundo se chama Celanova, 1975

Page 53: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

DIANTE DUNHA FOTOGRAFÍA DA MIÑA PRIMEIRA

COMUNIÓN

Pergúntome anguriado,

que diría de min, si é que me vira,

iste neno que fun fai tantos anos.

Onde o mundo se chama Celanova, 1975

PROIEUTOS

O meu programa é iste:

procramar o dereito

á espranza infundada

i ó imperativo categórico

do porvir imperfeuto.

Afirmaréi

a propiedá horizontal do vento,

a anatomía das horas ateigadas,

a tendencia centrífuga i a noria

dos asneiros, propicios moedores

para o reino burgués

do home satisfeito.

Construiréi

o movimiento inmóvil

baseado na estadística

inserta na cultura do per capita,

sin esquecer que unha cigoña pode

crear un laberinto

cando a máquina ven, cando o motor,

cando o berro astrevido i a anestesia

emporcallan os muros co seu gómito.

Onde o mundo se chama Celanova, 1975

Page 54: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

Eu quero ser

xente empadroada,

trocarme nun cangrexo

e dividir por sete

os estamentos dóciles,

para saber sin retesía

a distancia entre río e cementerio.

Porque estóu convencido

de que hai cero á esquerda

e que o verao foi feito

para que o inverno mostre o túnel

de vías paralelas

que marchan soparadas

pro que ó final atópanse.

Onde o mundo se chama Celanova, 1975

XULIO 1972

Dixo Moraima:

nunca poiden enxergar

que por ser fillo do vento

que namora á libertá,

ti teñas que ser á forza

un perigoso elemento,

sospeitoso e pecadento.

Ti non podes enxergalo,

Moraima, pro eu fai tempo,

fai moito tempo que o enxergo.

Onde o mundo se chama Celanova, 1975

Page 55: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

XANEIRO 1972, II

Cando quero vivir

digo Moraima.

Digo Moraima

cando semento a espranza.

Digo Moraima

e ponse azul a alba.

Cando quero soñar

digo Moraima.

Digo Moraima

cando a noite é pechada.

Digo Moraima

e ponse a luz en marcha.

Cando quero chorar

digo Moraima.

Digo Moraima

cando a anguria me abafa.

Digo Moraima

e ponse a mar en calma.

Cando quero surrir

digo Moraima.

Digo Moraima

cando a mañá é crara.

Digo Moraima

e ponse a tarde mansa.

Cando quero morrer

non digo nada.

E mátame o silencio

de non decir Moraima. Onde o mundo se chama Celanova, 1975

O CONDADO

Esta terra, ¿de quén é?

Canto dende eiquí se ve

e outro tanto que se esconde

é do meu señor o conde.

O mar é seu,

súa é a terra i o vento.

No mar ten barcos,

na terra, ríos hidroeléctricos.

Mais o aire

non lle produz dividendos

porque a xente, tan falta de principios;

respira o seu alento

coma si o aire fosse un ben de todos,

algo así coma un aire mostrenco.

Non hai concencia. O pobo

xa non sinte respeto

pola santa propiedade

nin polos sagros dereitos.

Reprime, conde meu, iste asoballo,

ponlle ponto final ó desenfreno.

Instala axiña un contador eólico

no espacio intercostal dereito

de cada cidadán diste condado.

Rixe o país a xeito,

impón a lei e medra os teus haberes,

que a paz e o orde voltarán ó reino. Onde o mundo se chama Celanova, 1975

Page 56: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

MAIO 1972, II

Dicen

que a vida é

unha estrela fugazzzzzz

que cruza oceo

na noite.

Pro ti e mais eu

cruzámolo

collidos

da mau

coma dous namorados.

Non foi

tan fugaz

o nosso paso,

anque foi moi escura

a noite

que nos tocou em sorte.

Onde o mundo se chama Celanova, 1975

ZEJEL PARA CASTELAO

Si Castelao nos guiara,

fillo do povo que il era,

outro galo nos cantara

no amencer que nos espera.

Nin badúas sabidores

nin raposos mintireiros

nin fámulos de terceiros

nin lobos depredadores

nin escondidos treidores

nin doutores tirteafuera

nin zumezugas sin cara

nas nosas ringlas houbera

si Castelao nos guiara,

fillo do povo que il era.

Fillo do povo que il era

ó povo respondería

i o noso tempo sería

un tempo de primavera,

un tempo de epifanía

no que o povo falaría

coa súa voz limpa e crara,

si Castelao non morrera

outro galo nos cantara

no amencer que nos espera.

Oito homenaxes. Obra completa, 1975

Page 57: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

NUNHA FOXA COMÚN

Aldraxados por séculos

mallados e feridos,

asoballados sempre,

decote desvividos,

pergunto qué fixeron,

contesto que fuxiron

da terra malpocada,

sin pelexar, vencidos,

abandonado o campo

á furia do nemigo.

Soio unhos cantos bravos

a proba resistiron.

Garda, matria, un loureiro

prá frente distes fillos.

Cimenterio privado, 1973

O MÁRTIR

Non che diréi que imos a vingarte,

amigo morto polo ferro airado.

Porque pasaron tantos anos,

tantos treidores e desleigados

e días de tristura, tantos,

que xa non saberíamos

en quén vingarnos.

Diréiche tan só

que te lembramos

e procuramos

seguirche os pasos,

mais por outros camiños que non leven

ás bosques dos coitelos afiados.

Cimenterio privado, 1973

Page 58: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

DECÍA O MALPOCADO QUE XAZ EIQUÍ ENTERRADO

Non trunfan na historia

os pobos sumisos.

Augas represadas

non moven muíños.

Nunca serán libres

os pobos sofridos.

Con augas paradas

non roda o rodicio.

O HINCHA

A felicidá, en resume,

era pra il berrar gol

nos partidos de fútbol

entre a mesta moitedume.

Mais deulle tal torozón

cando quedóu campeón

o odiado equipo contrario,

que por dous goles a un

xace na foxa común

iste badoco gregario.

Cimenterio privado, 1973

UN PERIGROSO ELEMENTO

Morréu sin entender

que por namorar ó vento

que namora á libertá,

(vento do pobo que xime

por coñecer a verdá);

que por rirse a gargalladas

da necia solenidá,

tivera que ser á forza

un perigroso elemento,

subversivo e pecadento.

Nunca o entendéu, mais agora,

dempóis de morrer, enténdeo.

Cimenterio privado, 1973

Page 59: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

XUSTIFICACIÓN

As computadores arqueolóxicas

do ano dous mil quinientos

alcontrarán eiquí,

niste meu cimenterio privado,

un gran depósito de esqueletes.

O Carbono-14 dirá que son da nosa época

i o seleutor eleutrónico clasificará os restos:

Homes de lápiza na orella,

homes cazadores de homes,

homes corruptores da cencia,

homes torturadores de homes,

homes derrubadores de conciencias,

homes furtadores do traballo dos homes,

homes vendedores das patrias dos homes,

homes de ben, bos e xenerosos ( soio unhos poucos).

Serán desenterrados outros restos

que non poderán ser identificados

por acharse en estado gaseoso.

Suporase que foron víctimas do napalm

nunha guerra que houbo séculos denantes

nun país que xa non estará no mapa.

Cimenterio privado, 1973

CARTA A FUCO BUXÁN

Fuco Buxán esfarrapado,

fillo da fame e neto de labregos.

Fuco Buxán, que vives de prestado,

comesto o corazón, os ollos cegos.

Fuco Buxán, compadre da miseria,

curmán das inxusticias i os aldraxes.

Fuco Buxán ¿non sintes que na Iberia

feden a podre os homes i as paisaxes?

Fuco Buxán, na noite estrelecida,

hai un río de luz que ven de lexos.

Fuco Buxán da testa decaída,

hai un río de luz pra os homes rexos.

Fuco Buxán, aprinde a andar ergueito,

Fuco Buxán, aprinde a falar forte.

Fuco Buxán, aprinde de tal xeito

que nunca máis esquezas o teu norte.

Fuco Buxán, que fozas de cotío

na terra que te manda e non te deixa.

Fuco Buxán, que tes un largasío

anoitecer na ialma que te apreixa.

FucoBuxán, de sol a sol, esterco,

Fuco Buxán, de sol a sol, eixada,

Fuco Buxán, coutado por un cerco,

Fuco Buxán, máis vale non ter nada.

Mentras o tempo da patria non chega,

mentras non pase o tempo que denigra,

deixa .ise escuro afán que te atafega,

Fuco Buxán, ¡emigra!. Poema solto

Page 60: No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

SELECCIÓN POÉTICA CELSO EMILIO FERREIRO

ENDL, IES FÉLIX MURIEL

POLA LONGA LONXANÍA

Pola longa lonxania

vou camiñando sen présa.

Na noite escura está acesa

unha luz que anúncia ó dia.

Aquelo que eu ben queria,

liberdade, nunca voltou.

Cuberto de noite vou

pola longa lonxania.

O vento lurpio non cesa

de oubear sobre o meu povo.

Como non lle temo ao lobo

vou camiñando sen présa.

Vida errante, noite espesa,

negrura embaixo e enriba.

Mais a miña esperanza altiva

na noite escura está acesa.

Aquelo que eu preferia,

revolución, canto tarda.

Mais o meu anceio agarda

unha luz que anúncia ó dia.

O DEDO NA CHAGA

Estas palabras que digo

abróllanme dende o fondo

porque eu endexamáis escondo

a canción que vai conmigo.

Cos meus cantares consigo

ser coma o vento lixeiro,

ninguén me marca o sendeiro,

ninguén me dicta a canción,

teño limpo o corazón

pra vivir ceibe e senlleiro.

Meu canto rudo e sinceiro

co badoco non se avén.

Desprezo a todo o que ten

alma servil de logreiro

sen outro Deus que o diñeiro.

Meu canto a ninguén falaga,

ninguén por cantar me paga,

soio o povo, meu irmán,

aplaude o meu canto chan,

se poño o dedo na chaga.