Dacón Dacus ou Dacianus - canedo.eu · aínda así, hai que ter en conta que o primitivo examen, a...

28
D Dacón (Amarante, Maside).-- Antrotopónimo motivado polo xentilicio Dacus ou Dacianus, "natural da Dacia". Un "daciano" que ben puido ser un "compañeiro de viaxe" dos visigodos. Dadín (lug. e parroq. do Irixo).-- Podería ser un antrotopónimo referido a un posesor chamado Datinus, xenitivo latino Datini . Damil (lug. e parroq. de Xinzo de Limia).-- Outro posesor, chamado esta vez Damirus. Xenitivo Damiri . Delás (Araúxo, Lobios).-- De Danillanes, xenitivo do nome persoal Danilla. A Derramada (Carballeda, Piñor).-- O sentido orixinal de "derramar" é "des-ramar", espolar, quitar as ramas ou polas. Aquí está en participio e tanto se pode referir a unha árbore soa como a unha plantación enteira. A Derrasa (San Xoán de Moreiras, O Pereiro de Aguiar).-- Segundo E. Rivas é unha forma estereotipada dun " Camiño da Rasa", sendo A Rasa unha aldea do Concello veciño de Nogueira de Ramuín. Desteriz (parroq. de Padrenda).-- Nome procedente dun posesor chamado Destericus. A través do xenitivo latino dese nome: Desterici . Deva.-- Segunda parte do topónimo Pontedeva (parroquia e concello) e determinante de Aldea de Deva, Freáns de Deva e Xinzo de Deva, todos da parroquia e concello mencionado. É o nome do río que pasa por eses lugares, pero é unha palabra celta que significa "deusa" ou, quizaves, sexa o nome propio dunha delas, considerando ó río coma unha divindade. Hai outro río en Pontevedra con ese mesmo nome e varios máis no norte de España. Devesa (Osoño, Vilardevós) ║ A Devesa (Mourillós, Celanova ║ Río Caldo, Lobios ║ A Corna, Piñor) ║ As Devesas (lug. da parroq. e Conc. de Pontedeva).-- Palabra do léxico común (Terreo acoutado e con árbores destinado a pastos ou leña), do lat. defensa, "prohibido". Ademais dos lugares habitados citados é moi común en toponimia menor. Distriz (Albarellos, Boborás).-- Igual que Desteriz. (Ver) Doade (Xirazga, Beariz).-- Debe o nome a un propietario romano chamado Donatus (Donato), ao referirse á súa propiedade -en latín- como " Donati ", é dicir, "de Donatus". Domés (parroq. de Verea).-- De * (vila) Dominici ou "(vila) de Dominicus", nome latino. Os Domínguez (Chaguazoso, Vilariño de Conso) .-- Nome de familia. Ver o dito en "Os Blancos". Domiz (lug. e parroq. de Carballeda de Valdeorras ║ Trasestrada, Riós).-- Nome de

Transcript of Dacón Dacus ou Dacianus - canedo.eu · aínda así, hai que ter en conta que o primitivo examen, a...

DDacón (Amarante, Maside).-- Antrotopónimo motivado polo xentilicio Dacus ou Dacianus,

"natural da Dacia". Un "daciano" que ben puido ser un "compañeiro de viaxe" dos visigodos.

Dadín (lug. e parroq. do Irixo).-- Podería ser un antrotopónimo referido a un posesor chamado Datinus, xenitivo latino Datini.

Damil (lug. e parroq. de Xinzo de Limia).-- Outro posesor, chamado esta vez Damirus. Xenitivo Damiri.

Delás (Araúxo, Lobios).-- De Danillanes, xenitivo do nome persoal Danilla.

A Derramada (Carballeda, Piñor).-- O sentido orixinal de "derramar" é "des-ramar", espolar, quitar as ramas ou polas. Aquí está en participio e tanto se pode referir a unha árbore soa como a unha plantación enteira.

A Derrasa (San Xoán de Moreiras, O Pereiro de Aguiar).-- Segundo E. Rivas é unha forma estereotipada dun "Camiño da Rasa", sendo A Rasa unha aldea do Concello veciño de Nogueira de Ramuín.

Desteriz (parroq. de Padrenda).-- Nome procedente dun posesor chamado Destericus. A través do xenitivo latino dese nome: Desterici.

Deva.-- Segunda parte do topónimo Pontedeva (parroquia e concello) e determinante de Aldea de Deva, Freáns de Deva e Xinzo de Deva, todos da parroquia e concello mencionado. É o nome do río que pasa por eses lugares, pero é unha palabra celta que significa "deusa" ou, quizaves, sexa o nome propio dunha delas, considerando ó río coma unha divindade. Hai outro río en Pontevedra con ese mesmo nome e varios máis no norte de España.

Devesa (Osoño, Vilardevós) ║ A Devesa (Mourillós, Celanova ║ Río Caldo, Lobios ║ A Corna, Piñor) ║ As Devesas (lug. da parroq. e Conc. de Pontedeva).-- Palabra do léxico común (Terreo acoutado e con árbores destinado a pastos ou leña), do lat. defensa, "prohibido". Ademais dos lugares habitados citados é moi común en toponimia menor.

Distriz (Albarellos, Boborás).-- Igual que Desteriz. (Ver)

Doade (Xirazga, Beariz).-- Debe o nome a un propietario romano chamado Donatus (Donato), ao referirse á súa propiedade -en latín- como "Donati", é dicir, "de Donatus".

Domés (parroq. de Verea).-- De *(vila) Dominici ou "(vila) de Dominicus", nome latino.

Os Domínguez (Chaguazoso, Vilariño de Conso) .-- Nome de familia. Ver o dito en "Os Blancos".

Domiz (lug. e parroq. de Carballeda de Valdeorras ║ Trasestrada, Riós).-- Nome de

posesor. *Vila Dominici, "de Dominicus", nome latino.

Dona Elvira (Santa María de Traseirexa, Vilardevós).-- Posiblemente deba o nome a unha propietaria inicial, respectada no entorno e chamada Elvira.

Donas.-- Determinante presente en varios topónimos tales como: Casa da Dona (Paradela, Castro Caldelas; Chao das Donas (Xava, O Bolo) e Casteadona (As Caldas, Ourense). O máis probable é que sexan derivados de domina, "dama, señora, ama", pero non se pode descartar que non sexa un hidrónimo procedente do celta *dubro, "auga", formado, á súa vez, sobre un indoeuropeo *dheu, "correr, fluír". Tal efecto sucede ca palabra común "doira" (regato, arroio, torrenteira) e con outros topónimos como Doroña, Dubra, Duño, etc. e probable, e precisamente, cos dous ríos Donas, un afluente do Tambre e outro do Ulla. Por non amentar varios europeos -que cita E. Bascuas- como, por exemplo, o Düna (Danubio). Dos 3 lugares citados máis arriba o primeiro está bañado polo río Sobredo, o segundo polo Regueiral de Teixido e mais o Regueiro de San Bernabé, e o terceiro está a beira do Miño con regatos que van cara el. É dicir que os 3 teñen as súas propias circunstancias hidronímicas.

Doniz (Espiñoso, Cartelle).-- Dun *(villa) Donnitti , antigo posesor de nome Donnitus. Machado opina que sería más ben Donici, xenitivo de Donnicius.

Dornela (Lobás, O Carballiño ║ Dornelas: San Lourenzo de Fustáns, Gomesende ║Toubes, A Peroxa).- Diminutivo (o primeiro en singular e os outros en plural) da palabra "dorna" que actualmente en galego ten distintos significados (unha embarcación, unha maseira, unha artesa, etc), pero todos eles coa idea común de obxecto cóncavo que se corresponde en toponimia con lugares cóncavos ou deprimidos.

Dradelo (Tabazoa de Umoso, Viana do Bolo) ║ Drados (lug. e parroq. de Chandrexa de Queixa).-- Lugares de hedras. Son dúas palabras derivadas de hedera, "hedra", pero con aférese do "e" inicial. As palabras completas serían "Edradelo" (diminutivo) e "Edrados" (plural dun colectivo). Nas dúas hai tamén supresión ortográfica do "h". (V. Hedrada)

Ducí (Augas Santas, Allariz).-- De Dulcidii, xenitivo de Dulcidius, nome de posesor latino.

EO Eido (Grou, Lobios).-- Palabra corrente para designar un terreo cultivado, leira ou herdade.

Pode vir do lat. aditus, -a, -um, pp. de adeo, "dirixirse, ir a un sitio".

Eido de Lamas (Sabucedo, Porqueira) ║ Eido de Ribeira (Sabucedo, Porqueira ║ Eidos de Limia (Ordes, Rairiz de Veiga).-- Compostos de Eido. Obsérvese que na parroq. de Sabucedo -Porqueira- hai dous con distinto predicado, para identificalos.

Eidobispo (Zapeaus, Rairiz de Veiga).-- Composto cunha haploloxía = Eido do bispo.

Eiradela (Faramontaos, Nogueira).-- Diminutivo de ‘eirado’ (pequeno campo ou praza pequena dun lugar).

Eiras (lug. e parroq. de San Amaro ║Alcázar de Milmanda, Celanova ║ Trez, Laza║ Vilameá, Ramirás) ║ Eira de Mouros (Lebosende, Leiro) ║ Eira de Lapela (lug. da parroq. e Conc. de Padrenda).-- Unhas eiras de mallar déronlle o nome a estes lugares (lat. area).

Eirasvedras (Canedo, Ourense) ║ Eiravedra (Mourisco, Paderne de Allariz ║ Albarellos, Boborás).-- Un está en plural e o outro en singular, pero ambos se refiren a eiras moi vellas, vetustas. (De area e vetustum -a)

A Eirexa (lug. e parroq. de Maceda ║ A Mezquita, A Merca ║ Navea, A Pobra de Trives ║ Sistín, A Teixeira ║ Castromao, Castromarigo e Valdín, A Veiga ║ Alais e Mazaira, Castro Caldelas ║ Ribela, Coles ║ Rabiño, Cortegada ║ Tioira, Maceda ║ Garabás, Maside ║ Quins, Melón ║ Loña do Monte, Nogueira de Ramuín ║ Madarnás e Ponte Veiga, Carballiño ║ San Cosmede de Cusanca, O Irixo ║ Vilariño, O Pereiro de Aguiar ║ Beiro, Canedo, Reza e Untes, Ourense ║ Torcela, Piñor ║ Ourantes, Punxín ║ Trasestrada, Riós ║ Rante, Santa Cruz da Rabeda e Soutopenedo, San Cibrao das Viñas ║ Cea e Longos, San Cristovo de Cea ║ Torán, Taboadela ║ Puga, Toén ║ Lobaces e Trasmiras, Trasmiras ║ Reádegos e Tamallancos, Vilamarín ║Arnuíde, Vilar de Barrio ║Traseirexa, Vilardevós ║ Mormentelos, Vilariño de Conso) ║ A Eirexa Vella (Longos, San Cristovo de Cea).-- Estatisticamente esta familia de topónimos é a segunda máis frecuente en toda Galicia. En Ourense e sur de Lugo predomina a forma (A) Eirexa. (No resto de Galicia, A Igrexa.) Eirexa e unha das formas mais ou menos arcaicas e populares que serviron para designar ó núcleo de poboación erguido xunto a unha igrexa, concretamente a igrexa parroquial, sendo unha referencia tan clara e precisa que seguramente fixo desaparecer calquera outra posible toponimia anterior. É unha das varias derivacións da do latín vulgar eclesia ou do clásico ecclesia, tomada esta á súa vez do grego onde tiña o significado primario de "asemblea de cristiáns" e logo, tamén, o do propio lugar da asemblea, o templo. (Ver Airexa, Eirexe, Igrexa e Igrexario)

A Eirexe (lug. da parroq. e Conc. de Cea ║ Torcela, Piñor).-- É outra evolución de ecclesia, quizais do xenitivo. Este podería estar presente nunha expresión do tipo (positio) ecclesiae, "(situación) da igrexa". Con todo non se pode descartar un nome de persoa como os íberos Erhesius ou Erhex-o. Pero habendo máis de 120 "Eirexe" en toda Galicia esa segunda opción, de existir, tería que ser moi minoritaria. Con todo na provincia de Ourense só hai dous polo que estes dous precisamente puideran ser a excepción.

Eiró (Xagoaza, O Barco de Valdeorras).-- Eira pequena. Do latino areola, derivado diminutivo de area, "eira".

As Eiroás (Antes era de Cudeiro, Ourense).-- Seguramente esteamos -igual ca o anterior- ante un derivado do latín areola, diminutivo de eira = eira pequena. O paso do sufixo diminutivo -ola a -oá é típico dunha zona de Ourense. Con todo -á vista dese artigo- non se pode descartar un apelativo familiar referido a unhas mulleres supostamente coñecidas como "as Eiroás".

Eixán (Astureses, Boborás).-- Hidrotopónimo. Está ó lado do río actualmente chamado Pedriña. A pesar da súa aparente relación con 'eixe', lat. axis, Bascuas cítao entre varios que se poden relacionar co hidrónimo prerromano 'axe' (da raíz indoeuropea *Aps-, "auga". (Axe en outras partes -Río Aso, Huesca, ou río Asón, Santander- trocou o 'x' en 's', pero en galego, aparte da diptongación do 'a', conservou o 'x'. Esta é a orixe do apelido Eixán, modificado a Eiján.)

Elfe (O Barón, O Carballiño).-- De Adelfi, forma xenitiva do sobrenome Adelfus, antes Adelphus saído do grego Adelphos, "irmán". Adelfi > Aelfe > Elfe. (En Chantada hai A Elfe, que conserva o "A" anque estea separado.)

A Ella de Abaixo e A Ella de Arriba (Ambas de Espiñoso, Cartelle).-- Son dous lugares de mesma parroquia, moi próximos entre si e ambos á beira do chamado, precisamente, río das Ellas. É curioso que o río leve o nome actual dos núcleos e que estes, no seu día, colleran o nome do río, nome que non era o actual senón o de Elenia. Na documentación medieval proliferan as alusións ó rivulo Elenia. Este nome de procedencia paleoeuropea está formado sobre o tema hidronímico El-en-. A evolución fonética puido ser Elenia > E(l)enia > Eña > Ella. O suposto artigo "A" é un "pegote" (quizais inducido polo nome moderno do río," … das…").

A Embalsada (lug. da parroq. e Conc. de Padrenda).-- De balsa, charca ou poza, oco no terreo que se enche de auga. Da voz prerromana balsa, "valgada encharcada".

A Encomenda (lug. e parroq. da Pobra de Trives).-- A encomenda era unha dignidade de certas ordes militares recibindo tamén ese nome as propiedades que o encomendeiro puidera ter nun sitio.

Enfesta (Celaguantes, A Peroxa ║ Longoseiros, O Carballiño ║ Corneda, O Irixo) ║ A Enfesta (Barbantes, Punxín ║ Vilameá, Ramirás).-- Do lat. infestus, "levantado, erguido". Alude a un sitio elevado: cume, cumio ou pico. Tamén hai a forma Infesta. En Asturias teñen Infiesta e Infiesto. (V. Vilanfesta)

A Enfestela (Folgoso, Allariz).-- Diminutivo de "Enfesta". O diminutivo quere explicar que será un sitio elevado, pero sen esaxerar.

Ensalde (Xurenzás, Boborás).-- De *(villa) Insalde, de Insaldus.

Entrambosrios (lug. e parroq. da Merca ║ Armental, Peroxa).-- A palabra composta xa o di: Entre dous (ambos) ríos.

Entrecinsa (Sabuguido, Vilariño de Conso).-- Topónimo de procedencia viaria romana acorde coa realidade dunha calzada romana, próxima ó lugar, que se supón era unha vía secundaria da Vía Nova. Procedería do fem. do adx. latino instercisus, a, um, "cousa cortada, fendida en dúas", e significaría, xunto cun elidido 'saxa' (pl. neutro) -"saxa intercisa"- algo así coma "pedras cortadas", aplicado normalmente a obras de inxeniería, como as fendeduras de rocas para abrir paso para unha calzada. (En Italia, provincia de Pesaro e Urbino, hai un tunel romano, anexo á Vía Flamina, hoxe chamado do Furlo pero que antigamente era coñecido, precisamente, como 'Saxa Intercisa'.) Para algún outro autor "Entrecinsa" viría de "entorcisa" que equivale a un camiño transversal.

Entrerríos (San Pedro da Torre, Padrenda).-- É descritivo. O lugar está un pouco antes da confluencia dos ríos Crespos e Deva, sendo o primeiro afluente do segundo.

Entreviñas (Rubiás, Ramirás).-- "Entre viñas" (inter vineas) referirase a un lugar situado no medio de viñas.

Entrimo (parroq. e Conc. da Baixa Limia. Non hai ningunha entidade de poboación así chamada. A capitalidade do Conc. está na Terrachá).-- Do sintagma latino inter amnis, "entre ríos". Como o topónimo se refire a toda unha parroquia e máis un concello non podemos precisar en que lugar xeográfico se iniciou para deducir a que ríos se refire dado que, aparte do Limia, hai unha chea de afluentes seus. Corominas cita os ríos Pacín e Voutureira e di que a orixe non está no latín senón na base céltica *interémbiom.

Enxames (lug. e parroq. de Vilardevós).-- O lat. examen, -is, é unha palabra polisémica da que o galego común conserva "enxame" (de abellas ou avespas) e "exame" (análise, proba). O valor toponímico haberá que supeditalo á primeira das acepcións mencionadas, pero, aínda así, hai que ter en conta que o primitivo examen, a teor do dito, tamén valía para designar unha bandada ou multitude de outras cousas. Ou sexa que hoxe un enxame sería de abellas ou avespas, pero en tempos latinos puidera ser doutro colectivo.

Está essa leyra u chaman Eenfesta en loco que chaman a Penna do Boy morto.

Venda. 1292. San Pedro de Ramirás.

Erbededo de Arriba e Erbededo de Abaixo (Razamonde, Cenlle). ║ Erbedelo (Vista Fermosa, Ourense) -- Tanto erbedelo como erbededo son lugares de érbedos, o arbusto Arbutus unedo que da os morogos, chamado "madroño" en castelán. (Neste idioma un topónimo equivalente sería ‘madroñal’).

A Ermida (Lebozán, Beariz ║ Macendo, Castrelo de Miño ║ Campo, O Irixo ║ Vilaseco, San Cristovo de Cea ║ Chamosiños, Trasmiras ║ Vilardemil, Viana do Bolo) ║ As Ermidas (lug. e parroq. do Bolo).-- Unha ermida é unha capela en despoboado. Hoxe dependen dalgunha parroquia, pero en tempos estaban o coidado dun ermitán, un anacoreta. Moitas destas ermidas deron lugar a un topónimo co nome do santo alí venerado. Noutras, estas poucas que estamos vendo, a referencia motivadora do topónimo foi a propia construción. A palabra ermida ven da greco-latina eremita, derivada de eremus, "deserto, ermo".

As Ermidas, lugar agreste e retirado, axeitado, no seu día, para a vida de anacoreta.

Ermide (Acevedo do Río, Celanova ║ San Lourenzo de Siabal, Paderne de Allariz).-- Podería ser unha relaxación do anterior Ermida, pero tamén pode que proceda de Hermidii, xenitivo do nome Hermidius.

Ermille (Santa Cruz de Grou, Lobeira).-- Antrotopónimo. O xenitivo de Ermegildus, evolucionando, deu un medieval Ermildi e, máis tarde, Ermilli (por un fenómeno especial galego de -ildi > -illi). O último paso sería de Ermilli a Ermille. (En Portugal segue habendo un Ermegilde.)

As Escadas (Soutipedra, Manzaneda).-- Recibe o nome da configuración do terreo, montado sobre sucesivos socalcos coma se fosen os chanzos dunha escaleira. Lat. *scalata, de scala.

Escornabois (lug. e parroq. de Trasmiras).-- O topónimo Escornabois, aínda que coincida co nome dun insecto coleóptero de gran tamaño tamén chamado vacaloura, non ten nada que ver con iso nin, por suposto, con bois que se escornan. Os topónimos "Boi" concordan sempre con lugares pedrosos polo que se sospeita duna probable base *boi, "pedra". Engadamos que tamén, nun céltico ou precéltico, *korn- era "pedra, lugar pedroso". Deste xeito unha mestura dos sons korn e bois darían unha arcaica tautoloxía que logo,

modificada por etimoloxía popular, daría o termo actual. O terreo ven confirmar isto porque o lugar está asentado nunha protuberancia pétrea. A base das casas é unha enorme masa rochosa que emerxe da chaira. Na maioría das edificacións pode verse que as paredes están asentadas na rocha.

A igrexa de Escornabois está na cima do gran penedo no que asenta todo o lugar.

Escuadro (Castro de Escuadro, Maceda).-- Parece relacionado co lat. quadrum, "cadro", pero, probablemente, a través da expresión ex cuadro, que fai supoñer ben unha partición dun terreo entre catro ou ben o escuadrado dese terreo.

Escudeiros (lug. e parroq. de Ramirás).-- Único topónimo desta forma en toda Galicia. É de supoñer que se estea a referir ao oficio de tal nome nunha das súas dúas acepcións: servinte dun cabaleiro ou fabricante de escudos.

A Esculqueira (lug. e parroq. da Mezquita).-- Lugar axeitado para esculcar ou vixiar. Do verbo xermánico skulkan, "espiar, axexar". Tanto a parroquia coma o núcleo habitado (que está a 920 m. sobre o nivel do mar) toman o nome da Serra homónima compartida por España e Portugal e que no punto máis alto acada unha altitude de 1149 m. Desde o cumio divisase unha enorme extensión montañosa tanto do lado galego coma do portugués. A parroquia linda con Portugal.

Esgos (lug., parroq. e Conc. da Com. de Ourense).-- Incerto. Identifícase co medieval Alesgos e este cun prerromano *Ales-icos. É o nome antigo do río principal da zona -hoxe río Grañal- . Segundo E. Bascuas aparenta ser un hidrónimo, pero tamén puidera ser que se tratase dun xentilicio, os alésicos (¿ribeiráns do río *Alesia?).

Donnis sanctisque martiribus apostolorum Petri et Pauli quorum baselica ab antiquitus sita est territorio buvalensse, subtus monte Baron et castro quod nuncupant Litorie, inter duos rivulos Laonia et Aleet alpes ibidem prolixas et plures et ipso monasterio de Sancto Petro quod nuncupant Rocas.

Testamento. 1175, San Pedro de Rocas.

Esgueva (Madarnás, O Carballiño).-- É un hidrónimo de orixe prerromana. Está cerca do río Pedriña, afluente do Arenteiro. En Castela hai un río con ese nome, afluente do Pisuerga, que antigamente se chamaba Agoseba e do que consideran que o nome, ibérico, significaba "río do bosque" ou "río estreito" [Esga/Esk (estrecho) + Ev/Av (rio)]

Esmoriz (San Pedro da Torre, Padrenda).-- Nome de posesor. Dun tal Smoricus, a través do xenitivo Smorici.

Espadanedo (lug. da parroq. e Conc. de Xunqueira de Espadanedo ó que se aplica como predicado).-- Derivado colectivo da espadana, nome que se aplica a varias especies botánicas con follas semellantes a unha espada.

A Esparreliña (Untes, Ourense).-- Na linguaxe común unha ‘esparrela’ é unha trampa para cazar paxaros, unha especie de gaiola sen fondo feita de vimbios ou varas. Esparreliña pode ser un diminutivo desa palabra.

Espartedo (Santa Cruz de Rubiacós, Nogueira de Ramuín).-- Terreo onde se da o esparto, planta que se corresponde con varias especies do xénero Stipa e coas que se poden facer cordas.

Esperanzo (San Paio de Araúxo, Lobios).-- Antrotopónimo: Vila de Sperantio (Sperantius).

Antropónimo latino.

Espiñal (San Martiño de Berredo, A Bola) ║ Espiñas (O Condado, Padrenda) ║ Espiñás (Chandrexa, Parada de Sil) ║ Espiñedo (Melias, O Pereiro de Aguiar) ║ Espiñeira (lug. e parroq. do Irixo) ║ Espiñeiro ( Amiudal, Avión ║ Ordes, Rairiz de Veiga) ║ Espiñeiros (Louredo, Maside ║ O Regueiro, O Irixo) ║ Os Espiñeiros (lug. e parroq. de Allariz ║ Mazaira, Castro Caldelas) ║ Espiño (lug. e parroq. da Veiga ║ Videferre, Oimbra) ║ O Espiño (Espiñeira, O Irixo) ║ Espiñoso (parroq. de Cartelle).-- Todos estes topónimos están relacionados con distintas especies botánicas que levan o nome, xenérico, de "espiño". Como o Crataegus monogyna (tamén chamado espiñeiro), o Prunus spinosa (tamén abruñeiro), etc. Todos os mencionados poden ter valor colectivo, a pesar da aparencia de singular. Do lat. spinus, "espiñal". ║ Respecto a Espiñeiros E. Rivas expón que pode ser un caso de "fonética sintáctica" polo que empezaría sendo Os Piñeiros para acabar no que é hoxe, Espiñeiros.

Esposende (lug. e parroq. de Ribadavia ║ lug. e parroq. de Cenlle ║ Curiosamente estas dúas parroquias do Ribeiro -Santiago de Esposende e Sta. Mariña de Esposende, respectivamente- son contiguas e lindeiras entre si. ¿Sería un latifundio único?).-- Provén dun nome (xermánico) de posesor con xenitivo rematado en -sindi. Spanosindus ou Hispanusindus.

A Estación (San Miguel de Melias, Coles ║ Campo, O Irixo ║ Arrabaldo, Ourense).-- Topónimos modernos para designar uns grupos de casas erguidos á beira de cadansúa estación do ferrocarril. As denominacións ferroviarias destas son, respectivamente, "Barra de Miño", "O Irixo" e "Santa Cruz de Arrabaldo".

Estevesiños (lug. e parroq. de Monterrei).-- Alude, en diminutivo, á planta arbustiva esteva (lat. stipes) tamén coñecida como estepa, carpaza ou queiroga. En portugués tamén din 'esteva'.

As Estibadas (Atás, Cualedro).-- A opinión máis estendida é a de que se trata de monte rozado para sementar cereal. Do sintagma (*terras) extirpatas, hoxe 'extirpadas',

procedente dun p.p. do verbo exstirpare, "extirpar, desarraigar". G. Navaza pensa que se remonta a outro verbo latino, stipare, relacionado co substantivo stipes, "estaca" e que o significado orixinario do topónimo sería o de ‘terreo cercado’.

A Estrada (Puga, Toén ║ Sas de Penelas, Castro Caldelas).-- Palabra antiga esquecida e de novo recuperada. De (vía) strata, "camiño empedrado". (Hai varios homónimos en Galicia, como a vila de Pontevedra, pero, probablemente, non todos teñan o mesmo significado. Algúns poden referirse a unha corredoira estrada, do verbo estrar, estender estrume –toxos, xestas, palla, etc.-- para cubri-lo bulleiro.)

Estrada de Reza (Reza, Ourense).-- Topónimo recente, tanto que quizais moita xente non o sinta como tal senón coma un simple apelativo. Refírese á fileira de casas construídas, en Reza, na estrada, agora Estrada.

O Estremadoiro (Ganade, Xinzo de Limia).-- Este é un topónimo que a primeira vista parece intelixible, pero que pode ter dúas orixes distintas. As que se deducen do dobre significado de 'estremar'. Ambos con base no lat. extremus, a, um, "Cousa extrema, última, final", que deu o lat. popular extremare. Estes significados (aparte dalgún máis que aquí non procede) son os de lindar ou deslindar e o de separar as ovellas e cabras dos distintos donos. No primeiro caso falaríamos dunha estrema, un lindeiro, o lugar onde se estrema algo, os lindes dun terreo con outro, os límites dunha propiedade ou xurisdición, etc. (Neste sentido recorda a Extremadura que tamén alude a esa acción e efecto de "extremar", estremar, separar, deslindar.) O outro caso é o referente os rabaños de gando de distintos donos que se levaban conxuntamente ó monte e a volta se 'estremaban'. Habería que indagar na historia local se alí houbo un estremadouro (ou estremadoiro), ó sitio onde se realizaba esa tarefa.

Estrumil (O. Río, Vilamarín).-- Antrotopónimo. De (villa) Estromiri (de Estromirus, nome xermánico) ou do celta Estremiros.

Estúniga (O Lago, Maside).-- O nome oficial é Estúniga, pero na práctica coexiste con Estúñiga. Suponse que é un antrotopónimo formado sobre un nome importado, quizais o apelido vasco Estúniga, procedente dun topónimo homófono navarro, actual Zúñiga.

FFabeiros (San Cosmede de Cusanca, O Irixo).-- Designa uns terreos onde se cultivan fabas.

Fábrica (parroq. e Conc. de Lobios).-- Transparente anque impreciso. A palabra común ven do lat. fabrica -ae, "oficio", "obra", "obradoiro", pero se a toponimizaron en tempos latinos podía referirse a unha forxa e se foi en tempos posteriores, a unha instalación máis

complexa.

A Faceira (lug. da parroq. e Conc. de Vilariño de Conso).-- É un termo do léxico agrario que segundo as zonas pode ser: un terreo de labranza próximo á aldea, un espazo grande cultivado, unha terra orientada ó mediodía, etc.

A Facha (Vilameá de Ramirás, Ramirás).-- Palabra común. Suponse que fai referencia a unha antiga facha ou lumieira que se acendería nese lugar. Facha ou facho proveñen dunha variación do lat. facula, diminutivo de fax, -cis, "tea, facha, fachón".

Os Facheiros (Soutopenedo, San Cibrao).-- Facheiro é palabra común aínda que hoxe algo esquecida, sinónima da vista no topónimo anterior. Reciben tal nome as fogueiras que antigamente se acendían na cima dunha montaña para dar algún aviso convido. Tamén se di ‘facho’.

Facós (parroq. e Conc. de Lobeira).-- Antes Fackilanes, do nome persoal Faquilo.

Faquín (Garabás, Maside).-- Nome latino de posesor. De alguén chamado Faquinus, por medio do xenitivo Faquini.

O Faracho (parroq. e Conc. de Punxín).-- O lat. pharus, -nome tomado da illa grega de Pharos, na badía de Alexandría, famosa polo seu faro, unha das sete maravillas do mundo antigo- aparte do seu coñecido significado mariñeiro é usada toponimicamente moitas veces para designar determinadas alturas. Lémbrese o Faro de Avión ou o Monte Faro. Ó mesmo tempo 'facho' é palabra moi relacionada con faro, chegando incluso a veces a usarse como sinónimas, seguramente por un proceso metonímico: se nos faros da costa había fachos, nos montes do interior nos que houbese fachos tamén serían faros. No caso que nos ocupa tanto puidera tratarse dunha anómala mistura fonética de faro e facho coma -o máis probable- dun diminutivo do primeiro, un tanto afectivo ('faro' con sufixo -acho), para referirse a unha pequena altitude.

Faramontaos (parroq. de Nogueira de Ramuín ║ lug. e parroq. da Merca ║ lug. e parroq. de Xinzo de Limia ║ San Martiño, Porqueira ║ Pereda e Viña, San Cristovo de Cea).-- Nalgún documento antigo pode lerse este topónimo como "Foramontanos" o cal ("fora montanos") resulta máis revelador ca o actual. Sen embargo non hai unanimidade na interpretación desas palabras. Para uns "fora-montanos" apunta a unha veciñanza que vive "fóra do monte", na chaira, e puidera tratarse de moradores dun castro ("o monte") que por algunha razón (saturación do recinto, imposición romana, mellora, moda, etc.) baixaran a vivir "fóra do monte". Para outros son xentes vidas de "máis alá dos montes", ultramontanos. E para outros estase a referir a oriúndos da chamada "Terra de Foris", unha das rexións do Reino de León ó redor do século X, ubicada ó leste da provincia de Ourense (León e Zamora). (Na Historia de Castilla hai literatura sobre os "foramontanos", pero -a pesar da palabra coincidente- non ten por que haber relación algunha. En Portugal falan de foro-montanos que só cambia unha letra, pero que muda todo o sentido: foro é arrendo e montano, do monte.)

… damus et outorgamus a uos Lopo Perez et a toda uosa uoz un lugar que auemus en o terrado a que chaman calsal de Facha, como parte per lo balado da cortina et con souto …

Foro. 1274. San Pedro de Ramirás

Fariñas (Castromarigo, A Veiga).-- Palabra ben coñecida para un topónimo misterioso do que non se sabe a motivación. Podería ser un antropónimo referido ben a un apelido familiar ben a un sobrenome ou un alcume, de alguén que recorde á fariña, por exemplo, un muiñeiro.

A Farixa (lug. da parroq. e Conc. de San Cibrao das Viñas).-- Antrotopónimo. De (villa de) Farigia. (Farigia, nome xermánico)

Farnadeiros (lug. e parroq. de Muíños).-- O dicionario Estraviz define "farnadeiro" coma un adxectivo para as plantas que están no momento apropiado para a fecundación. Aplícase a cereais sendo a farna o período de fecundación destas plantas. Por outro lado "farneiro" é o depósito do muíño onde cae a fariña. Respecto o topónimo E. Rivas entende que se refire a "terreos farnadeiros, que esfarnan ben". En cambio N. Ares pensa que máis ben debe referirse a un oficio relacionado coa fariña: fariñeiros, muiñeiros, panadeiros, etc.

A Farria (parroq. e Conc.de Xunqueira de Ambía).-- Toma o nome do contiguo "Monte da Farria", o monte que fai de limite polo Norte da antiga lagoa de Antela. É un monte de protección paisaxística. Desde a súa cima hai unhas impresionantes vistas da chaira do Limia ou da vila de Xunqueira de Ambía. Ocupa parte deste concello e parte do de Baños de Molgas. Farria é palabra común se ben de uso moi limitado. O P. Sarmiento xa falaba de "terra faria" en contraposición a "terra marjal". Noutro lugar di "que parece compuesta de pedazos de pizarrillas, y se deshace entre los dedos". E. Rivas, en Frampas, di que é unha clase de roca e que nalgún lugar é unha roca de mala calidade. Considera como o seu étimo o lat. far-farrem (o mesmo de 'farelo').

Fatón (Souto, San Cristovo de Cea).-- Aínda que a palabra se corresponde co nome dado en Ourense a un tipo de cirolas non é fácil de entender a súa intención toponímica. Este parece un deses casos nos que a motivación está acochada detrás dalgunha circunstancia metafórica, irónica ou anecdótica.

Feá (lug. e parroq. de Toén).-- Podería ser derivado do lat. fenale, "lugar de feo" (herba segada seca), pero hai dúbidas a este respecto. No século XIII coñecíase como Fiaa.

Feal de Ansemil (Ansemil, Celanova) ║ Feás (lug. e parroq. de Boborás ║ lug. e parroq. de Calvos de Randín).-- Singular e plural dun colectivo de feo (lat. fenum). Agora ben, este "feo" pode ser tanto a herba segada e seca (lat. fenum) coma unhas determinadas gramíneas que levan o mesmo nome, coma, por ex., a Ammophila arenaria (chamada barrón en castelán) e algunhas outras. No primeiro caso feal (do lat. fenale) pode ser sinónimo de palleiro. O castelán -que tamén ten as dúas acepcións colectivas de "heno"- distingue henal ("Lugar donde se guarda el heno") de henar ("Sitio poblado de heno"). Este último será a orixe do topónimo castelán Henares e este o equivalente de Feás. O singular ven do lat. fenale e o plural de fenales, campos de cultivo de feo (herba seca). Este plural noutros lugares de Galicia derivou en Feáns.

Feces de Abaixo (lug. e parroq. de Verín) ║ Feces de Cima (lug. e parroq. de Verín).-- Son dous lugares e parroquias distintas (Sta. María de Feces de Abaixo e Sta. María de Feces de Cima) do Concello de Verín. Os lugares distan entre si uns 6 kms. Deben o nome ó río Feces, tamén chamado río Pequeno, afluente do Támega e fronteirizo con Portugal. A palabra ven do lat. fex, fecis, "feces, pouso, borra, etc."

Fechas (lug. e parroq. de Celanova ║ Sorga, A Bola) ║ Fechiñas (Fechas, Celanova).-- A palabra común ‘fecha’ (lat. fistula, "cano") designa un grolo, unha pequena cantidade de líquido ou, por outra banda, unha fervenza pequena. Seguramente a esta última acepción

remiten os topónimos citados.

Fechos [Esta aldea é a única da parroquia de Trasalva que pertencía a Canedo, agora Ourense].-- Podería tratarse de "fentos", tras unha evolución irregular de filictum, "fento, campo de fentos", quizais influida polo castelán 'helecho'. ║ A dubida incítanos a cavilar máis: O nome pode ser ou non do vocabulario común. Fecho é sinónimo de pecho ou pechadura. Tamén é unha peza do carro, coa alternancia fecho/pecho. Pero hai que admitir que ningún deses conceptos é habitual na formación de topónimos. O Dicionario Estraviz da para 'fecho' (derivado do lat. pessulu) varias acepcións, entre elas a de "remate, conclusom, fim" e tendo en conta que Fechos está ó final dun camiño, rodeado dunha gran barronca -un precipicio- e sen outra saída resulta que, en certa maneira, é un final e ben puidera ter algunha relación con esa acepción. ('Fechos' é tamén palabra do castelán antigo co significado de 'feitos'.)

Feilas (A Trepa, Vilardebós).-- Feila é unha variante de 'foula' (po de fariña que voa nos muíños

e panaderías). E en sentido figurado equivale a 'poeira'. ) Do lat. favilla, "cinza".

A Feira Vella (Galez, Entrimo).-- Transparente. Lugar onde se celebraba unha feira antiga.

Feirobal (Santa Olaia de Esgos, Esgos).-- Da expresión “fogium lupale”, ‘foxo lobal" ou "foxo do lobo", construción medieval que se facía para atrapar ó lobo dentro. A etimoloxía popular foi variando o nome para adaptalo a voces coñecidas coma "feira" e "val".

A Fenteira (Feás, Boborás) ║ Filgueira (A Encomenda, A Pobra de Trives ║ Campo, O Irixo ║ San Cosmede de Cusanca, O Irixo) ║ A Filgueira (Sabucedo, Porqueira) ║ Filgueiras (Pedrouzos, Castro Caldelas ║ Guillamil, Rairiz de Veiga) ║ A Folgosa (A Canda, Piñor) ║ Folgoso (lug. e parroq. de Allariz ║ lug. e parroq. de Castro Caldelas ║ Veiga, A Bola ║ Vilar de Ordelles, Esgos ║ Os Abeledos, Montederramo ║ Cortegada, Sarreaus).-- Todos procedentes do fento, planta de distintas especies, chamada "helecho" en castelán. Son colectivos e derivan, respectivamente, de filictaria, filicaria e filicosa/u.

As Fermosas (Vilar de Condes, Carballeda de Avia).-- É indudable que 'fermosas' se corrreponde cun feminino plural que podería estar cualificando ás mulleres habitantes dun lugar que se acabaría chamando así, pero, ben mirado, isto resulta excesivamente simple e sinxelo. Máis ben parece que se estea a referir a outro determinante. Coma, por exemplo, a unhas pedras decoradas. Ou, máis concretamente, as chamadas "pedras fermosas" ou "pedras formosas". Dáselle este nome a unhas determinadas instalacións termais hachadas nas cercanías de varios castros, feitas en pedra, cun forno interior e varias cámaras. A principal destas cámaras estaba pechada cunha gran lousa vertical na que unha pequena abertura na parte inferior faría de entrada. Estes cerramentos estaban decorados con baixorrelevos na pedra e isto foi o que lle deu o nome ó conxunto. De todas formas este nome foi aplicado por primeira vez na Citania de Briteiros (en Guimarães, Portugal) descuberta en 1875 polo que pode que non sirva para o lugar que estamos a tratar. Pero si se podería referir a petroglifos ou outra peza de pedra.

Os Fernández (San Lourenzo de Trives, A Pobra de Trives ║ Chaguazoso, Vilariño de Conso) .-- Nome de familia. Ver o dito en "Os Blancos".

Ferradal (Covas, O Pereiro de Aguiar ║ Vilarrubín, A Peroxa) ║ O Ferradal (Xagoaza, O Barco de Valdeorras ║ Salamonde, San Amaro).-- Sitio no que hai mineral de ferro. Nalgún sitio hai algunha fontes con augas desa cor.

As Ferreiras (lug. da parroq. e Conc. de Riós) ║ Ferreiros (Santo Eusebio da Peroxa, Coles ║ lug. da parroq. e Conc. de Entrimo ║ Grou, Lobios ║ lug. da parroq. e Conc. de Padrenda) ║ Os Ferreiros (Pereda, San Cristovo de Cea) ║ Ferreiros de Alén (Grou, Lobios).-- Indican que neses lugares traballaban eses artesáns do ferro. (O último leva un predicado para distinguilo de outro chamado igual na mesma parroquia de Grou. Alén é "máis alá, da parte de alá". Do lat. illinc, "de alá".)

A Ferreirúa (Viñoás, Nogueira).-- Diminutivo (pouco frecuente) de ‘ferrería’. (Coma o castelán Ferreruela en Zamora).

A Ferrería (Castromao, Celanova ║ Gabín, Montederramo).-- Transparente: Taller onde traballa o ferreiro. (Sinónimo de forxa ou ferraría)

Ferrón (Nogueira, Montederramo).-- Voz vencellada a ferrum, ferro. Quizais a través de ferrunnus ou ferrarius, "ferreiro".

Fervenza (O Ribeiro, Bande ║ Santa Mariña do Monte, O Barco de Valdeorras) ║ A Fervenza (Lebosende, Leiro ║ Marrubio, Montederramo).-- Palabra da linguaxe común, sinónimo de cadoiro, cascada, etc. Salto de auga polo desnivel do leito do río. De fervencia e esta de fervere, "ferver".

A Fiestra (Toubes, A Peroxa) ║ As Fiestras (Laroá, Xinzo de Limia).-- Palabra ben coñecida do galego común. Do lat. fenestra, "fiestra, ventá". Toponimicamente non alude a unha fiestra real senón metafórica, por ser lugares que fan de visos ou miradoiros.

Figueiras (Fontefria, Amoeiro) ║ Figueiredo (lug. e parroq. de Paderne de Allariz ║ Pazos de Arenteiro, Boborás ║ A Veiga, Celanova ║ Melias, Coles ║ lug. da parroq. e Conc. de Maside ║ Vilariño, O Pereiro de Aguiar ║ Untes, Ourense) ║ O Figueiredo (Beariz, San Amaro ║ lug. da parroq. e Conc. de Vilamarín).-- Colectivos de figueiras (a árbore do figo, Ficus carica). O primeiro como plural da árbore. Os outros por derivación de ficaria + o sufixo -etu.

Figueiroa (Cameixa, Boborás ║ Vilela, Punxín ║ Las, San Amaro) ║ Figueiroá (parroq. de

Paderne de Allariz).-- Diminutivos de "figueira". As terminacións proceden do sufixo latino -ola (con dúas solucións distintas).

Filgueira (A)/s.-- (V. A Fenteira)

Fiscal (Moura, Nogueira de Ramuín) ║ Fiscás (lug. da parroq. e Conc. de Carballeda de Avia).-- Son fitónimos os dous. Derivados de "faísca", dun lat. vulgar *falisca. Faísca é un dos moitos nomes da folla de piñeiro, sinónimo de arume, frouma, pinocha, etc. A terminación -al (así como o plural deste, -ás) indican un valor colectivo e aluden a lugares nos que abonda.

Fitoiro (lug. e parroq. de Chandrexa de Queixa).-- É un topónimo referido a lindes. Do lat. vulgar *fictor(i)u, derivado de fictus, "fincado, cravado". Designa un fito, marco ou pedra fita que serviría para delimitar territorios. (Topónimo que equivale ó navarro Fitero.)

Flariz (lug. e parroq. de Monterrei).-- Nome xermánico de posesor. Dun *(villa) Frarici ou (vila) "de Fraricus".

Florderrei (lug. da parroq. e Conc. de Riós) ║ Florderrei Vello (Arzádegos, Vilardevós).-- Trátase do mesmo topónimo en dúas épocas distintas. Pero é moi enigmático e posiblemente se trate dunha etimoloxía popular sobre algún antropónimo anterior de difícil comprensión. E. Rivas di que ven de Fronderedi.

Folgosa/o.-- (Ver A Fenteira)

A Follateira (Ourense cidade).-- Follato é a carocha do millo e follateira pode ser un colectivo deses follatos ou unha morea de follas secas.

O Folón (A Guía, Gomesende ║ Arnuíde, Vilar de Barrio).-- Topónimo transparente. Un folón (sinónimo de batán) é un aparello de madeira con dous mazos para bater os tecidos que saen dos teares. A palabra "folón" ven da latina fullo, -onis, e é máis antiga ca de "batán", esta quizais de ascendencia árabe,

Foncuberta (lug. e parroq. de Maceda).-- Transparente: Fonte cuberta. De fons + cooperta.

Fondevila (parroq. e capitalidade do Conc. de Lobios ║ Meire, Allariz ║ Zaparín, Cortegada ║ Orde, Rairiz de Veiga).-- Contracción de "Fonte da Vila".

Fondo da Aldea (lugares das parroqs. de Castromao e Castromarigo, ambas da Veiga) ║ Fondo de Cea (Cea, San Cristovo de Cea).-- Identificadores territoriais transparentes, sen maior complicación, salvo a posibilidade constatada ó final do parágrafo seguinte.

Fondo de Vila (lugares das parroquias de Pardevedra e Sorga, A Bola ║ A Manchica, A Merca ║ Piñeiro, A Pobra de Trives ║ lugares das parroquias de Parada de Amoeiro e Trasalba, Amoeiro ║ Astureses, Boborás ║ Macendo, Castrelo de Miño ║ Loña do Monte, Nogueira de Ramuín ║ Cabanelas, O Carballiño ║ lug. da parroq. e Conc. de Parada de Sil ║ Vilameá, Ramirás ║ Mandrás, San Cristovo de Cea ║ lug. da parroq. e Conc. de San Xoán de Río ║ lug. da parroq.e Conc. de Vilamarín ║ A Abeleda, Xunqueira de Ambía) ║ Fondodevila (Ambía, Baños de Molgas ║ Os Pensos, Esgos ║ Grixoa, San Amaro ║ Ourille, Verea).-- Parte máis baixa dun conxunto poboacional. (Ver Cima de Vila.) ║ Ainda que pareza normal que un "Fondo de Vila" sexa o oposto a un "Cima de Vila" pode haber algún caso no que non sexa así, senón que derive

dun "fundus villae", referido a un fundus, "herdade, terreo", pertencente a unha villa. (Non necesariamente no fondo.)

O Fondón (lug. da parroq. e Conc. de Toén) ║ Fondóns (Leirado, Quintela de Leirado).-- Lugares fondos, fondura, profundidade.

O Fonsillón (Ourense cidade).-- Do sintagma latino “Fons Silioni” (Fonte de Silo/Silón).

A Fontaíña (lug. da parroq. e Conc. de Pontedeva) ║ As Fontaíñas (San Fagundo, Cristovo de Cea) ║ O Fontaiño (Graíces, A Peroxa).-- Diminutivos dun derivado de "fontanus, -ana", concretamente dun hipotético *fontaninus, -anina.

Fontao (lug. e parroq. da Teixeira ║Corvillón, A Merca ║ Melias, Coles ║ Lobás, O Carballiño ║ Coiras, Piñor) ║ O Fontao (lugares das parroquias de Beacán e Toubes, ambas da Peroxa ║ O Río, Vilamarín).-- A primeira vista parece un derivado do adxectivo latino ‘fontanus, a, um’, "relativo a fonte" e podería referirse a un lugar ou terreo no que houbese fontes. Pero tamén hai a posibilidade de que sexa un antroponímico motivado por un *(villa) Fontani, e dicir, *(vila) de Fontanus. A palabra fontanus, -a, -um comezou sendo un adxectivo de fons e logo substantivouse coma nome de persoa e, incluso, de divindade aparte de actuar como sinónimo de fons. Este topónimo repítese ata 49 veces en toda Galicia, pero ademais, noutras partes, fóra da provincia de Ourense, resolveuse como "Fontán" outras 25 veces.

A Fonte (Castromarigo, A Veiga ║ Reza, Ourense ║ As Cabanas, San Xoán de Río ║ Fontes (Soutomel, A Bola ║ lug. da parroq. e Conc. de Amoeiro ║ lug. da parroq. e Conc. de Nogueira de Ramuín ║ Reádigos, O Irixo ║ As Fontes (A Corna, Piñor).-- Transparentes. (Lat. fontem.)

Fonte Arcada (Aguís, Os Blancos).-- Composto transparente. De fons e arcuata, "abovedada".

Fonte Branca (Penosiños, Ramirás) ║ Fontebranca (Penosiños, Gomesende).-- Composto transparente. De fons + xermánico blank.

Fonte Cuberta (Barxa, Celanova).-- Composto transparente. De fons + cooperta. (Como Foncuberta.)

Fonte de Mouros (Reádegos, Vilamarín).-- Do lat. fons, fontis. O de "Mouros" pode ser moi arcaico e vir de *mor, 'pedra'.

Fonte Ermida (Corvillón, A Merca).-- Composto transparente.

Fonte Larelle (lug. da parroq. e Conc. de Toén).-- Antroponímico. De fontem Larelli (Fonte de Larius ou Larellus, nome persoal derivado de lar, lares, "deuses do fogar").

Fonte Maior (Freás, Punxín).-- Composto transparente. De fons e maiore.

Fonte Moreiras (Moreiras, Boborás).-- Composto transparente aludindo ó nome da

Conoçuda cousa seya a todolos presentes e aos que an de vir, que eu Iohan de Souto arrendo a uos Roy Diaz coengo d ' Ourense e a uosa uoz a mia vina que aio en Afonsilon, a qual uina iaz entre la vina de Migeel Guiça da vna parte e Iohan de Ayra da outra.

Venda. 1273. Catedral de Ourense.

parroquia.

A Fonte Santa (lug. da parroq. e Conc. de Melón).-- Composto transparente. De fons e sancta.

Fonteantiga (O Barón, O Carballiño).-- Composto transparente. De fons + antiqua.

Fonteboa (Amarante, Maside).-- Composto transparente. De fons e bona.

Fontechide (Cexo, Verea).-- Antroponímico. Quizais dun Fontem *Cliti ou *Cleti.

Fontedoso (Gabín, Montederramo).-- Fonte do oso (ursu).

Fontedouro (lug. da parroq. e Conc. de Punxín).-- Fonte do ouro (aurum).

Fontefiz (Ucelle, Coles).-- De Fontem Felicis, ‘Fonte de Félix’. Felice tamén pode ser ‘feliz, abundante, saudable’. Puidera tratarse dunha fonte considerada así.

Fontefría (lug. e parroq. de Amoeiro ║ lug. e parroq. de Nogueira de Ramuín ║ Proente, A Merca ║ Mirallos, A Peroxa ║ Servoi, Castrelo do Val ║ Candás, Rairiz de Veiga).-- Transparente. De fontem frigidam, "fonte fría".

Fontei (lug. da parroq. e Conc. da Rúa de Valdeorras).-- Antroponímico. Dun (villa) Fontani, ou "(vila) de Fontanus". Ou quen sabe se "Fonte do Teo".

Fonteita (lug. e parroq. de Chandrexa de Queixa).-- Composto. De fons (fonte) e tecta (cuberta).

A Fontela (Brués, Boborás ║ Amarante, Maside ║ Piñeira de Arcos, Sandiás) ║ Fontelas (Armental, A Peroxa) ║ As Fontelas (Santa María de Mones, Petín) ║ Fontelo (S. Miguel de Canedo, Ourense ║ Viveiro, Celanova ║ Barrán, Piñor).-- Fonte pequena. Do lat. fontanella, -um, diminutivos de fontana e fontanus, respectivamentre.

Fontemoura (lug. e parroq. e Conc. de Porqueira).-- Composto. De fons e maura, "moura".

Fontenova (Na vila e Conc. de Verín).-- Composto transparente. De fons e nova.

As Fontes.-- Ver A Fonte.

Forcadas (lug. e parroq. de Chandrexa de Queixa) ║ As Forcadas (Santa Comba, Bande).-- Forcada, do lat. furcata, (sinónimo de forca, forcado ou galleta) é un instrumento agrícola, pero en termos toponímicos predomina o sentido de bifurcación implícito na palabra e serve para designar a confluencia de dúas ladeiras de montes contiguos. (Estes topónimos repítense en toda Galicia.)

Forcas (lug. e parroq. de Parada de Sil) ║ Forcadela e Nogaledo (parroq. do Barco de Valdeorras) ║ Forcadela (lug. da anterior parroq.).-- O primeiro, do lat. furca, e os segundos, diminutivos de forcada, están no mesmo caso do anterior: Depresión formada pola confluencia de dous montes ou outeiros.

Formarigo (Desteriz, Padrenda).-- Nome de posesor. Dun *(villam de) Fromaricus.

Os Formigos (Vilameá de Ramirás, Ramirás).-- A palabra formigo ten varias acepcións, pero todas elas irrelevantes para un uso toponímico. Máis ben parece que o topónimo estea rexistrando a presenza dun grupo familiar con ese alcume. A artigo e o plural parecen

ratificalo.

Formigoso (lug. da parroq. e Conc. de Baños de Molgas).-- Lat. formicosus, -a, -um, "cousa chea de formigas".

O Formigueiro (Trasalba, Amoeiro).-- Niño ou colectivo de formigas. Como pasa tantas veces, aínda que se poida identificar a palabra equivalente a un topónimo, non se sabe a motivación primaria pola que se empezou a usar como tal topónimo. Un formigueiro, en relación coa extensión de toda a paisaxe é algo insignificante pero puido ser usado nalgún sentido figurado. Polo pronto o monte que está ó carón desta aldea (que nalgún momento tivo a consideración de vila de realengo) ten unha forma cónica como, a distinta escala, moitos formigueiros. Nese monte (que aínda hoxe chaman o Coto do Castelo) estivo ata hai 200 anos o castelo desde o que se gobernaba o territorio de Alba de Búbal. Está documentado que en 1060 pertencía a Fernando I, pero pode ser anterior. (Ver Trasalba) ║ Temos sospeitas (que nos gustaría confirmar) de que nalgúns lugares de Galicia chaman 'formigueiros' ás cámaras dos dolmens.

Entrada a aldea do Formigueiro co monte do Castelo de Alba ó fondo.

Fornelos (lug. e parroq. do Bolo ║ Abelenda das Penas, Carballeda de Avia) ║ Fornelos de Cova (Covelo, Viana do Bolo) ║ Fornelos de Filloás (lug. e parroq. de Viana do Bolo).-- É unha forma metafórica de designar uns dolmens que aparecerían ao escavar nunhas mámoas.

Os Fornos (lug. da parroq. e Conc. de Barbadás).-- A palabra é sobradamente coñecida, pero tanto se pode referir a fornos de pan, carboeiras ou, incluso, furnas megalíticas.

O Forriolo (San Martiño de Berredo, A Bola).-- Antrotopónimo. De Villa Ferrioli (de Ferriolus). (É posible que a nivel popular se identificase 'forriolo' con algún obxecto coñecido e isto motivase a presenza do artigo.)

Forxa (capitalidade do Conc. de Porqueira e parroq.) ║ A Forxa (lug. -capitalidade do Conc. de Punxín- e parroq.).-- Fan referencia a unha ferraría ou taller de ferreiro.

Forxán (Celaguantes, Peroxa ║ Leirado, Quintela de Leirado) ║ Forxás (Ordes, Rairiz de Veiga) ║ Forxás de Montes (Corvillón, A Merca ║ Seoane, Allariz).-- Antrotopónimos. De Froilanes, xenitivo de Froila, hipocorístico do nome xermánico persoal Froia.

Foxo (Barral, Castrelo de Miño).-- Aínda que foxo podería ser simplemente unha cavidade no terreo parece máis probable que se estea a referir ao que na idade Media chamaban fogium lupale, un foxo ou trampa para cazar lobos.

Fradalvite (Santa Comba, Lobeira).-- Parece un híbrido romance-mozárabe. No árabe hispano al-bayt é "casa, residencia". O conxunto ben podería ser "Casa de frades".

Fradelo (lug. e parroq. de Viana do Bolo).-- Parece un diminutivo / despectivo de "frade" (lat. fratre). Podería ser unha alusión a alguén con ese alcume ou aparencia.

A Fraga (lug. e parroq. de Lobeira ║ Sagra, O Carballiño ║ San Cosmede de Cusanca, O Irixo).-- Das varias acepcións que ten a palabra fraga considérase que a que predomina en termos toponímicos é a de "terreo escabroso". Derivada de fragosus, -a, -um, "escarpado, fragoso, rochoso".

Fraguas (Leirado, Quintela de Leirado ║ Paizás, Ramirás).-- Fragua é palabra do léxico común (sinónimo de forxa) para designar ó taller do ferreiro.

A Fraira (Santa María de Traseirexa, Vilardevós).-- O mesmo que "freira" (monxa), feminino de fraire/freire, membro dunha orde relixiosa.

Framia (Xirazga, Beariz ║ Arcos, O Carballiño).-- Antrotopónimo. Formado sobre o nome persoal gótico Framila, -anis ou sobre Framinianus, -ani.

Francelos (lug. e parroq. de Ribadavia).-- Do antropónimo "Francellus", nome persoal da Idade Media formado con Francus (do xermánico frank, "libre") e -ellus (sufixo diminutivo do lat. vulgar).

Francos (Vide, Baños de Molgas ║ lug. da parroq. e Conc. de Maceda).-- Aínda que non se pode desbotar a idea de que se estean a referir a estranxeiros, franceses ou a individuos do pobo dos francos o máis probable é que se trate de "franquiciados" (francos), e dicir, dun colectivo de xente que por algunha razón estivesen exentos de certas taxas ou tributos.

A Franqueirán (San Domingos de Fóra, Ribadavia).-- Xentilicio feminino de A Franqueira, lugar e parroquia do cercano concello de A Cañiza. É de supor que se refira a algunha muller alí residente de esa procedencia. Como nome común, en galego normativo sería "franqueirá", pero non se trata dun nome común senón dun topónimo e de formación popular. Por iso leva a peculiar marca da zona lingüística, que para as palabras desa terminación usa a mesma forma -án para os dous xéneros (o irmán / a irmán).

Franza (Xuvencos, Boborás).-- Derivada do lat. frons, -dis, "follaxe" (igual que fronda), existe no vocabulario galego esta palabra, 'franza', cos significados de "leña miúda" e "ramas máis altas e miúdas das árbores". Para resolver esta dualidade fronda/leña habería que saber se o nome foi posto en latín ou en romance.

Freande (Freixo, Sarreaus).-- Nome de posesor. Dun personaxe chamado Fredenandus. A evolución do seu xenitivo, Fredenandi, acabaría dando este topónimo.

Freáns (Crespos, Padrenda) ║ Freáns de Deva (lug. da parroq. e Conc. de Pontedeva) ║

Freás (parroq. de Punxín ║ Astariz, Castrelo de Miño) ║ Freás de Canda (A Canda, Piñor de Cea) ║ Freás de Eiras (lug. e parroq. de Ramirás) ║ Freás de Ourantes (parroq. de Punxín).-- Antroponímico. De (villa) Froianes, xenitivo do nome xermánico latinizado Froia. Ou dun hipocorístico deste, Froila, que tería dado o mesmo resultado (Froilanes > Froianes > Froiáns/ Froás > … ).

Freire (San Xes da Peroxa, Peroxa).-- Monxe, frade. (Podería ser apelido.)

A Freiría (O Val, Gomesende).-- Freiría pode ser un conxunto de freires ou ben referirse a unha propiedade dependente destes.

Freixedo (O Castro de Beiro, Ourense) ║ Freixeiro (A Mezquita, A Merca) ║ Freixendo (Alongos, Toén) ║ Freixido (lug. e parroq. de Larouco ║ parroq. de Petín) ║ Freixido de Abaixo (Freixido, Petín) ║ Freixoso de Penela (Penela, Cartelle).-- Todos eles derivados colectivos de 'freixo'. (V. Freixo)

Freixo (lug. e parroq. de Celanova ║ lug. e parroq. de Sarreaus ║Castrelo, San Xoán de Río).-- Transparente. Lat. fraxinu, "freixo", árbore Fraxinus excelsior e outras do xénero Fraxinus (cast. fresno).

Freixoso de Penela.-- V. Freixedo.

Frieira (Melias, O Pereiro de Aguiar) ║ A Frieira (lug. da parroq. e Conc. de Allariz ║ Ponte Castrelo, Castrelo de Miño ║ Desteriz, Padrenda).-- Frieira é -entre outras cousas- un lugar onde se sente moito o frío (derivado de frigus, frigoris). Tamén entra no posible unha relación co nome xermánico Friedar.

Frixe (Froufe, O Irixo).-- Piel e Kremer postularon para este topónimo unha orixe no sintagma (Villa) Fridiscli. Sobre o antropónimo xermánico Fridisclus.

Froiás (San Martiño de Berredo, A Bola).-- Antrotopónimo. De Froilanis, xenitivo latino do nome persoal Froila. Igual que Forxás, Freás, Freáns ou Froxais.

Froufe (lug. e parroq. do Irixo ║ Vide, Baños de Molgas).-- Antrotopónimo. De Fradulfi, xenitivo latino do nome persoal Fradulfus.

Froxais (lug. e parroq. de Viana do Bolo) ║ Santa Mariña de Froxais (San Martiño, Viana do Bolo).-- Antrotopónimo. De Froilanis, xenitivo latino do nome persoal Froila. Igual que Freás, Freáns, Froiás, Forxán ou Forxás.

Froxás das Viñas (Proente, A Merca).-- Antrotopónimo. Igual que Forxán e Forxás. Ver.

Fruíme (Podentes, A Bola).-- Antrotopónimo. Quere dicir "De Fronímio", dito en lat. "Fronimii".

Fumaces (lug. e parroq. do Conc. de Verín).-- Fumazo ou fumaza, gran cantidade de fume, fumareda.

A Furada (Sto. Eusebio da Peroxa, Coles).-- A palabra designa un burato grande na terra.

Fustáns (San Lourenzo de Fustáns, Gomesende).-- Fustán é o nome que recibe un certo tecido de la ou de algodón que ten pelo por unha cara, pero non entendemos que valor toponímico pode ter. Salvo que sexa un alcume antigo, aposto a alguén que vendese esa tea. (Segundo E. Rivas a palabra ven dun lat. medieval fustaneum e este do árabe fustan, "manto de señora".)

GGabián (Moreiras, Boborás ║ Longos, San Cristovo de Cea).-- Nome de posesor. Dun

sintagma igual ou similar a *(Villa) Gabilani, que significa "(vila) de Gabila".

Gabín (lug. e parroq. de Montederramo).-- De *(villa) Gabini, é dicir, (vila) "de Gabinus". posesor latino.

Gaiás (Santa Cruz de Grou, Lobeira).-- De *(villa) Gaudilanes, é dicir "(vila) de Gaudila".

Gaioso (lug. da parroq. e Conc. da Peroxa).-- De “(Villa de) Gaudioso”. Antropónimo este que uns consideran latino (por gaudiosus, "ledo") e outros celta.

Galez (lug. e parroq. de Entrimo).-- Antrotopónimo. Do nome persoal latino Gallaecus.

O Gamoal (Oseira, San Cristovo de Cea).-- Un gamoal é un sitio poboado de gamón, planta silvestre Asphodelus albus, tamén chamada gamota.

Ganade (lug. e parroq. de Xinzo de Limia).-- Nome de posesor. Do sintagma *(Villa) Gannati, que significa "(vila) de Gannatus".

Ganceiros (Torno, Lobios).-- Derivado (en -ariu) de ganzo, vara de breixo seca usada para alumear.

Gándara (Lampaza, Rairiz de Veiga) ║ A Gándara (Sabudedo, Porqueira) ║ Gándara Longa (Reádegos, Vilamarín).-- Transparentes. Gándara: monte baixo ou terreo inculto. É palabra preindoeuropea (Iº milenio a. C.). [Topónimo moi estendido. Contando as variantes (con artigo, plural, etc.) hai uns 120 núcleos en toda Galicia, aparte de multitude de "microtopónimos".]

A Gandarela (Castromao, Celanova).-- Diminutivo de Gándara. [Contando os que teñen artigo e os que non hai 15 en toda Galicia.]

Garabás (lug. e parroq. de Maside).-- Probablemente se trate dun xentilicio prerromano. (Escrito Garavaes no séc. XIII e Garabaás / Garabaans no XV). Segundo Menéndez Pidal é un nome de orixe iliria ou ligur, basado na raíz gara, "altura, monte".

Os Garabatos (Cornoces, Amoeiro).-- Palabra de difícil etimoloxía; puidera ser unha forma prerromana próxima a carba, "poula, mato". Pero tamén é un sinónimo de ‘garabullo’ (pau seco para o lume), de ‘garabelo’ (un cepo para animais), de ‘garamata’ (poula seca que só sirve para queimar), etc. O parecido de todos estes valores resume que ‘garabato’ debe aludir a un lugar “onde se recollía leña miúda para o lume”. É un topónimo emparentado cos Garabelos de outros varios lugares.

Garabelos (lug. e parroq. de Bande ║ Garabelos do Bouzo, Baltar ║ San Lourenzo de Fustáns, Gomesende) ║ Garabelos do Bouzo (parroq. de Baltar).-- Seguramente dan nome a un

sitio onde se collían "garabatos", "garabelos", garabullos, guizos, paus pequenos para prender lume.

O Garavanzal (Sta. Cruz de Arrabaldo, Ourense).-- Topónimo transparente. Garavanzal é a horta adicada a garavanzos. O que pasa é que non sabemos a que especie se está a referir. Na Galicia do século XIX ó garavanzo actual chamábaselle ‘garavanzo castelán’ e o garavanzo, sen máis, era considerado unha variedade de faba.

Garduñeira (Rabal, Chandrexa de Queixa) ║ A Garduñeira (Sta Cruz de Arrabaldo, Ourense).-- En galego, como nome común, esta palabra ten dous significados: 1, lugar onde unha garduña ten a súa gorida e 2, trampa no monte para cazar animalias.

Garfián (lug. da parroq. e Conc. de Beariz).-- Nome de posesor. Derivación de Garfilani, xenitivo latino que significa "de Garfila".

Gargantós (parroq. de S. Cibrao das Viñas).-- Probable xentilicio ou alcume. (Relacionado co indoeuropeo *Garg-, "tragar").

Gaspar (Cantoña, Baños de Molgas).-- Suponse que é un antrotopónimo formado, sen máis, co nome propio dun individuo, propietario ou ocupante.

Godás de Cima e Godás do Río (Son 2 lugares distintos de Longoseiros, O Carballiño).-- Son antrotopónimos non nomes étnicos como puidera parecer. É unha actualización de Gutanes, palabra derivada do nome xermánico Guta.

Goiás (Toubes, A Peroxa).-- De *(Villa) Gaudilanes. (“de Gaudila”, nome xermánico).

Golpellás (lug. e parroq. de Calvos de Randín ║ A Barra, Coles) ║ A Golpilleira (Sta. Cruz de Arrabaldo, Ourense) ║ As Golpelleiras (A Barra, Coles).-- Refírense a covas de ‘golpes’ ou raposos. De vulpecularia, "raposeira".

Gomariz (lug. e parroq. de Leiro ║ lug. da parroq. e Conc. de Baltar ║ Loña do Monte, Esgos).-- De *(Villa) Gomarici, (vila de Gomaricus), posuidor xermánico (quizais suevo).

Gomesende (Conc. da Terra de Celanova que toma o nome dunha aldea do Conc. chamada así e que pertence á parroq. do Pao. A capitalidade do Conc. está en Sobrado, parroq. de Poula).-- O topónimo desa aldea ven de *(villa) Gumesindi, xenitivo de Gumesindus ou Gumersindus, nome xermánico precedente do actual Gumersindo. O xentilicio pode ser gomesendeiro, -eira, ou gomesendés, -esa.

Gomesendes (lug. da parroq. e Conc. de Padrenda).-- Ver o anterior.

Os Gómez (Chaguazoso, Vilariño de Conso).-- Nome de familia. Ver o dito en "Os Blancos".

Gondesende (Cexo, Verea).-- Nome de posesor. De *(villa) Gondesindi, de Gondesindus. (Este nome e os dos parágrafos seguintes que empezan por Gon- ou Gun- teñen en común o compoñente xermánico "Gunth" que, aplicado a nomes de persoa, significaba "loita".)

Gondulfes (lug. e parroq. de Castrelo do Val).-- Nome de posesor. De *(villa) Gundulfi, de Gundulfus, nome visigodo.

Gontán (lug. e parroq. de Verea ║ Salamonde, San Amaro).-- Nome de posesor. De *(villa) Gundani, de Gunda.

Gontelle (Cameixa, Boborás).-- Relacionado co nome gótico feminino Guntelli (que significaba "loitadora").

A Gorgoloza (Ganade, Xinzo de Limia).-- Hidrónimo da mesma serie do topónimo que tratamos a continuación. Formado ben en romance sobre o latín gurga, "charca", ou gurgulione, "gurgullón", ou ben moi anteriormente, en algunha lingua prerromana, sobre a raíz Gwer- ("tragar"). En calquera dos casos o resultado semántico é o mesmo: o nacemento de auga nun chan plano. A pervivenza do artigo podería significar que os falantes do lugar sempre lle deron á palabra a consideración de nome común.

Gorgua (San Pedro da Torre, Padrenda).-- Toma o nome do río chamado Gorgula no 940. Este é un hidrónimo formado sobre a raíz paleoeuropea *Gwer-, "tragar", a cal deu lugar tamén a palabras do léxico común (ó través do latín) como: gorgullo (normativo gurgullo), gorgullón, gorgolo (manancial), gorgoleira (castelán "borbotón"), gorgolexar, gorgorexo, etc.

O Gorgullón (Os Abeledos, Montederramo).-- Un gorgullón (en normativo gurgullo ou gurgullón) é un sitio onde rebenta a auga formando gurgullas. (Ver o anterior)

Gosende (lug. da parroq. e Conc. de Vilamarín).-- Antrotopónimo. De (Villa) Goisendi, (vila de Goisendus) ou Godesindi (de Godesindus), ambos nomes xermánicos.

Goterre (Amoroce, Celanova).-- Nome de posesor. De *(villa) Gottieri, de Gottierre. (Este patronímico é o que deu o apelido Gutiérrez.)

A Gouxa (Ponte Veiga, O Carballiño).-- Di o P. Sarmiento ("Catálogo de voces …") que 'gouxa' "significa un matorral, bosque, robledo, dehesa, etc. Acaso del francés gouse".

Os Gozos (Sta. Marta de Moreiras, Pereiro de Aguiar).-- Debe o nome ó Santuario de Nosa Sra. dos Gozos, do s. XVII, alí emprazado.

Graíces (lug. e parroq. da Peroxa).-- Antes Greyces (1249) e Greyzis (1259). Derivado romance de granum co sufixo -iza (Lat. –itia ou –icea) e o significado de “mestura de grans e sementes menores como orxo, fabas, chícharos, lentellas, avea, etc.”

As Gralleiras (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras).-- Abundancial, en plural, de gralla, paxaro da familia dos córvidos (Corvus frugileus). En lat. gracula e en castelán grajo.

Grandín (Chandrexa, Parada de Sil).-- Reducción e diminutivo de Gándara (terreo baixo improdutivo). (Ver Gándara)

Granxa (Vista Fermosa, Ourense) ║ A Granxa (lug. e parroq. de Oimbra ║ Cadós, Bande ║ Cameixa, Boborás ║ Amoroce, Celanova ║ Vilar de Ordelles, Esgos ║ Fustáns, Gomesende ║ Seoane de Arcos, O Carballiño ║ Vilariño, O Pereiro de Aguiar ║ lugares das parroquias de Arrabaldo, Cudeiro, Montealegre e Velle, en Ourense).-- O primeiro uso en Galicia da palabra 'granxa', lat. *granica, "gran, semente", foi para designar unhas explotacións agrarias dependentes dos conventos. Escrito xa como grangia no latín medieval.

A Graña (lug. e parroq. de Xunqueira de Ambía ║ lug. da parroq. e Conc. de Montederramo ║ lug. da parroq. e Conc. de Xunqueira de Espadanedo) ║ A Graña de Seoane (Seoane Vello, Montederramo).-- O mesmo que "granxa", só que cunha evolución lixeiramente distinta do lat. granica. (Ver Granxa)

Grazán (Alais, Castro Caldelas).-- De *(villa) Gratiani, que quere dicir "(vila) de Gratianus".

Gresufe (Crespos, Padrenda).-- Do nome xermánico Grisulfo. (Grisulfo quería dicir "terrible lobo".)

Grixó (lug. e parroq. de Ramirás ║ San Pedro da Torre, Padrenda) ║ Grixoa (lug. e parroq. de Viana do Bolo).-- Ambos equivalen a "igrexuca" ou "igrexa pequena". Proceden do lat. ecclesiola, dim. de ecclesia. (Ecclesiola > Egrixoa > Grixoa > Grixó) ║ Para Joaquín Caridad Arias proceden dun antropónimo prerromano, Gerexo ou Gerexso.

Esta igrexa de San Pedro de Grixoa é do sec. XII ou XIII, pero a toponimia é un testigo discreto que nos suxire que tivo que haber antes outra máis pequena xa que Grixoa (ou ecclesiola)

quere decir "igrexuca"

Groba (Ponte Veiga, O Carballiño) ║ Grobas (Torcela, Piñor) ║ A Groba (Moldes, Boborás ║ Lebosende, Leiro ║ Sanín, Ribadavia).-- ' Groba' é unha palabra galega común. Designa unha depresión (ou un camiño) fonda e estreita. Do gótico groba, "fondal, depresión, focha".

Grou (parroq. de Lobios) ║ San Martiño de Grou (parroq. de Lobios) ║ Santa Cruz de Grou (parroq. de Lobeira).-- Non hai ningún núcleo de poboación con este nome, pero si 3 parroquias entre os Concellos de Lobios e Lobeira. A 1ª das citadas está baixo a advocación de San Mamede, a segunda de San Martiño e a 3ª da Santa Cruz. Tamén hai un río con este nome, afluente do Limia, que é o que, desde tempos ancestrais, lle da nome ó territorio. Río e territorio están testemuñados desde o 941, coa forma Grau, e desde 1077 como Grou. E.Bascuas relaciónao coa raíz indoeuropea *gwer-, "tragar,

garganta", a cal non é estritamente hidronímica, pero da que explica a conveniencia semántica de asociala -dada as características dese río de montaña- coas ideas de remuíños, torbeliños ou cursos impetuosos. (Tragadeiras, diría eu.) Pénsase que os Gravi (ou Grovi) que mencionan algúns historiadores antigos eran a tribo asentada no val deste río do que tomarían o nome. ║ E. Rivas relaciona o topónimo co Grou, macho da grúa, ave zancuda e migratoria (Grus grus), pero coa posibilidade de que se usase ese nome como alcume dalgún posesor ou veciño.

Guamil (lug. e parroq. de Baños de Molgas).-- Antrotopónimo. De *(villa) Gualamiri, e dicir, "(vila) de Gualamirus".

Gudes (Guntimil, Xinzo de Limia).-- Antrotopónimo. De *(villa) Guti, e dicir, "(vila) de Guto".

Gudín (lug. e parroq. de Xinzo de Limia).-- Antrotopónimo. De *(villa) Gutini, e dicir, "(vila) de Gutinus.

A Gudiña (lug., parroq. e Conc. da Com. de Viana).-- Antrotopónimo de Godina ou Gutina, nome de muller, de orixe xermánica, usado na Idade Media. (Forma masculina: Godín.) ║ É moi habitual que a nivel popular os establecementos de hostalería sexan coñecidos polo nome (artigo incluído) do seu dono. "Tomamos uns viños na Concha e logo ceamos no Manolo". Esta práctica podería estar na orixe do topónimo da Gudiña, por onde pasaba o antigo camiño de Castela e moi ben puido haber alí unha venda rexentada por unha muller co mencionado nome. Puido non ser necesariamente unha venda como tal senón algún tipo de explotación agraria, pero dada a situación xeográfica e viaria a teoría da venda é a de máis probabilidade. ║ Emparentado con este topónimo están La Almunia de Doña Gudina (Zaragoza) e Godina (Asturias).

A Gudiña. É de aceptación xeral que este nome deriva dun antropónimo feminino de orixe xermánica. Pero ademais disto considerase coma moi probable (dada a súa localización no

camiño de Castela) que estea relacionado cun establecemento de hostalería.

Guede (Folgoso, Allariz ║ Betán, Baños de Molgas).-- De *(villa) Guidi, ou sexa, "vila de Guidus".

Guende (San Paio de Arauxo, Lobios).-- Antrotopónimo. De Goendi, xenitivo latino do nome Goendus.

Guendón (A Hedrada, Parada de Sil).-- Antrotopónimo. De Windo, nome persoal de orixe xermánica.

A Guía (parroq. de Gomesende) ║ Outeiro da Guía (lug. da parroq. da Guía, Gomesende).-- Neste último lugar está o santuario de Nosa Señora da Guía, advocación que lle da nome a toda a parroquia.

Guidixe (lug. da parroq. e Conc. de Pontedeva).-- De Vidiscli, xenitivo latino do nome Vidisclus.

Guilfonxe (lug. da parroq. e C. de Amoeiro).-- De (Villa) Vilifonsi, ‘Vila de Vilifonsus’, nome xermánico.

Guillamil (lug. e parroq. de Rairiz de Veiga).-- De Viliamiri, xenitivo latino do nome Viliamirus.

Guimarás (lug. da parroq. e Conc. de Allariz ║ Sta. Olaia de Esgos, Esgos ║ Corneda, O Irixo ║ A Canda, Piñor).-- De Wimaranis, xenitivo do nome Wimara, pusuidor xermánico.

Guimarei (Infesta, Monterrei).-- Outro topónimo procedente dun nome de posesor, neste caso un tal Wimaredus. Concretamente do xenitivo latino deste antropónimo xermánico, e dicir, Wimaredi.

Güimil (Souto de Limia, Muíños).-- Outro do mesmo tipo. Este vez o posesor chamábase Guimirus e xenitivo do seu nome, que foi que deu o topónimo, era Guimiri.

Güín (lug. e parroq. de Bande).-- Máis. O posuidor foi un tal Godinus (nome xermánico) e a expresión de identificación do sitio (villa) Godini.

As Guístolas (Cerdeira, San Xoán de Río).-- Tanto o portugués P. A. Ferreira como o lucense J. Caridad tratan un topónimo "Guístola" considerando que é un antrotopónimo. Para o primeiro ven do xenitivo Guistilani (hipocoristico de Gudestiolus) e para o segundo, do patronímico Guistulaz. Ahora ben o que aquí estamos a tratar non é ese senón outro similar con artigo e forma de plural. Neste caso parece que se estea a referir a algún apelativo. E este podería ser o de 'cistas'. Sabemos que unha cista é un monumento megalítico individual, coma un dolmen pero de pequeno tamaño. O nome ven do lat. cista, "cesta", rexistrándose, como diminutivo cistella, -ae, "cestiña". Pois ben, desta última palabra ben puido derivar o topónimo que nos ocupa. Referiríase, nese caso, a un lugar con varias cistas. O feito de proceder dun diminutivo -que hoxe gramaticalmente sería innecesario- é comprensible por canto, no seu momento, a xente do común querería resaltar o pequeno tamaño do obxeto. O vocábulo 'cista' probablemente sexa un cultismo, pero 'cistella' faise máis popular e espontáneo.

Guizamonde (Antes de Cudeiro, Ourense).-- Da expresión latina *(villa) Wizamundi, e dicir, (vila) de Wizamundus.

Gulfar (Amarante, Maside).-- De *(villa) Gulfarii, "(vila) de Gulfarius.

Gulfariz (Graíces, Peroxa).-- De Villa Gulfarici (de Gulfaricus ou Wulfaricus, nome xermánico.)

Gundiás (Queiroás, Allariz ║ San Miguel do Campo, Nogueira de Ramuín).-- De *Villam Gundilanem (acusativo de Gundilanis).

Guntimil (lug. e parroq. de Xinzo de Limia) ║ Guntumil (Requiás, Muíños).-- De Gynthimirus, nome xermánico latinizado como Guntimirus ou Gundemirus.

Guntín (lug. e parroq. de Os Blancos).-- Nome de posesor. De *(villa) Guntini. e este "de Guntinus", nome xermánico.

Gustei (lug. e parroq. de Coles).-- De *villa Gudestei, "‘finca de Gudesteo". Gudesteus era un nome visigodo latinizado. Nun documento de Afonso VII de 1157 chámalle Godestei.

Gustomeao (Araúxo, Lobios).-- Evolución de Bustu mediano. (Ver Bustos)

Guxilde (Vilar de Astrés, Ourense).-- Provén de Godegildi, xenitivo do nome xermánico Godegildus. A expresión orixinal latina sería *(villa) Godegildi.

Guxinde (A Pereira, Entrimo).-- Este topónimo tan parecido ó anterior ven de Goisendi, xenitivo de Goisendus.

HHedrada (San Mamede de Hedrada, Vilariño de Conso) ║ A Hedrada (lug. e parroq. de Parada

de Sil) ║ Hedreira (lug. e parroq. da Veiga) ║ A Hedreira (Couso, Avión ║ lug. da parroq. e Conc. de Melón) ║ Hedroso (lug. e parroq. de Viana do Bolo).-- Calquera deles se refire a algún lugar cuberto pola hedra (Hedera helix), a planta sempre verde que gabea por muros e árbores. (Do lat. hedera.)

A Herdadiña (Torno, Lobios).-- Diminutivo de "herdade" (propiedade rústica). De hereditate ("herdanza") + sufixo dim. -iña.

Herosa (Pentes, A Gudiña).-- O mesmo que "hedrosa" (lugar de hedras), derivado de hedera + -osa, pero cunha redución do grupo -der- a -r- en vez de a -dr-.

O Hospicio (Anllo, San Amaro).-- Recorda a existencia dalgún hospicio, nome que na Idade Media era sinónimo de albergue, albergaría ou hospital.

O Hospital (Osoño, Vilardevós).-- No moi próximo lugar de Osoño houbo un mosteiro (San Pedro de Osoño) da orde de Malta con xurisdición sobre todo o entorno. Suponse que aquí, ruta secundaria do camiño portugués de Santiago, habería un hospital de peregrinos que pervive no topónimo.

IA Ibia (Quins, Melón).-- É un hidrónimo de orixe prerromana. Significa "río, corrente de

auga". Pode ser unha palabra relacionada ca vasca ibi, "vao".

O Ichó (Niñodaguia, Xunqueira de Espadanedo).-- Un ichó é unha trampa para coller perdices.

A Igrexa (Calvos, Bande ║ Trado, Pontedeva).-- Ver "A Eirexa".

O Igrexario (lugares das parroquias de Albarellos, Brués, Pazos de Arenteiro, Xurenzás e Xuvencos, todas de Boborás ║ Ordes, Rairiz de Veiga).-- Aínda que no léxico común a acepción primeira de "Igrexario" é a de "Terras pertencentes a unha igrexa", como topónimo vén sendo o mesmo que "Eirexa" (e similares) cunha pequena diferenza de matiz: mentres nestes a referencia motivadora é o propio templo en "Igrexario" éo o conxunto que forman o templo e as casas que están ó derredor. Non deixa de ser curioso (sendo un topónimo minoritario) o caso do concello de Boborás no que hai 5 lugares, en cada unha súa parroquia, que levan este nome. Claro que sempre hai quen gane e na Coruña temos outro Concello (o de Arteixo) no que atopamos 10. En toda Galicia hai 56.

A Illa (é unha parroq. -San Lourenzo da Illa- que está repartida entre os concellos de Entrimo, con 4 lugares, e o de Lobios, con 2. Un dos lugs. de Entrimo chámase tamén A Illa e probablemente foi o que deu nome a toda a parroq.).-- En latín a palabra insula (étimo de "illa") tiña varias acepcións. As dúas máis importantes, a actual de "illa" e a de "casa ou un grupo de casas isolado de outras". Neste último concepto foi no que se formou o topónimo.

Infesta (lug. e parroq. de Monterrei ║ Gargantós, San Cibrao das Viñas).-- Infesta é unha variante fonética de Enfesta e esta unha palabra galega que designa a parte máis alta dun terreo, dun monte, etc. Latin infesta. (Nótese que o topónimo é máis etimolóxico ca palabra común.)

O Invernadeiro (Pradoalbar, Vilariño de Conso).-- Hoxe é un Parque Natural, no Macizo Central Ourensán, de cerca de 6000 Has. Antigamente era un señorío feudal e na actualidade é propiedade da Xunta de Galicia. O nome, transparente, significa "sitio para invernar os gandos".

O Irixo (lug. e Conc. da Com. do Carballiño)║ Irixo de Arriba (Campo, O Irixo).-- É un antrotopónimo e procede dalgún nome xermánico como Irigus (documentado en 1010) ou Eirigo, Aerigus, Euricus ou Eirigus. O artigo pode proceder dunha deglutinación. ║ Tamén -segundo o profesor Manuel Ferreiro- podería vir de ecclesiola ("igrexa pequena") cunha evolución Ecclesiola > Irijoa > Irixoa > Irixó >Irixo. ║ Respecto a este topónimo resulta rompedor o parecer de E. Rivas quen di que Irixo está mal dito e que debería dicirse Irigo. Pensa que este era o nome tradicional, pero pronunciado con xeada (Irigho), -aí comeza a zona-, que facilmente se castelanizou como Irijo e

que, posteriormente, ó querer galeguizalo se transformou no Irixo . ║ O xentilicio é irixao, -xá.

O Ivedo (San Paio de Abeleda, Castro Caldelas).-- Derivado de oliva + -etu (medieval Olivetum), un colectivo de oliveiras, en vez de dar *olivedo, ou, en todo caso, *oivedo (por caída do l intervocálico) pasou a ser " O Ivedo" (incluíndo separación dun falso artigo) por capricho de escribáns.

Izás (Sto. Eusebio da Peroxa, Coles ║ Barbantes, Punxín).-- Derivado do nome persoal xermánico Ikila, concretamente do xenitivo irregular Ikilanes. (> Yzilanes > Izanes > Izás.)