1º de abril contos

11
O primeiro de abril van os burros a onde non deben ir Meu pai celebraba o día primeiro de abril. Cando era pequena mandábame que fose buscar a pedra de afiar as aghullas ao xastre, este mandábame despois a casa de "José o Mexón" e este ao mesmo tempo mandábame ao de "Aghulla" que era o xastre do Señal. Dende o peirao, onde eu vivía, ata o "Señal" a distancia é grande. Meu pai e os seus compañeiros ríanse moito de min. Outras veces o pai dábame un paquete cun rato vivo para que o levase á da Soutela que era unha muller que tiña unha taberna e cando eu chegaba alí e abría toda contenta o paquete, que levaba un lazo e todo, subiamos todas ás mesas co susto de ver saír o rato. Josefina Rodríguez Gil

Transcript of 1º de abril contos

O primeiro de abril van os burros a onde non deben ir Meu pai celebraba o día primeiro de abril. Cando era pequena mandábame que fose buscar a pedra de afiar as aghullas ao xastre, este mandábame despois a casa de "José o Mexón" e este ao mesmo tempo mandábame ao de "Aghulla" que era o xastre do Señal. Dende o peirao, onde eu vivía, ata o "Señal" a distancia é grande. Meu pai e os seus compañeiros ríanse moito de min.

Outras veces o pai dábame un paquete cun rato vivo para que o levase á da Soutela que era unha muller que tiña unha taberna e cando eu chegaba alí e abría toda contenta o paquete, que levaba un lazo e todo, subiamos todas ás mesas co susto de ver saír o rato.

Josefina Rodríguez Gil

Un día do 1º de abril miña nai mandoume ir a casa do meu irmán. Tiña que ir buscar unha chaqueta e poñela. Eu puxen a chaqueta e detrás tiña un boneco pegado. Todos se riron de min. Eu enfadeime e púxenme a chorar polo enfado que tiña.

Teresa Costas

O conto dunha cativa

Cando eu era cativa, na nosa aldea un señor que podía ser meu pai poñíanos a andar a todos dun lado para outro. Pero nós, aínda que cativos, tamén llas faciamos ao primeiro que atopabamos, algúns non se recordaban do día que era e caían na inocentada do 1º de abril.

-Manuel vai ao agro, que tes o burro ceivo! E cando Manuel viña de volta botaba diaños pola boca. A min tamén me fixeron as miñas.

JDT

O conto da raia

Entre as pescantinas tamén se facían esta broma dos rabos de raia unhas ás outras.

Un día do mes de abril fomos unhas cantas nenas á praza de pescado e pedímoslle a unha señora uns rabos de raia. Como tiñan pinchos nos viñeron moi ben.

As mulleres da aldea cando viñan comprar traían unhas tocas tapando as costas. Como estas tiñan buratos, nós buliamos a correr e colgabámoslles os ditos rabos.

Aquilo era de risa. Os homes que estaban na barbería esmendrellábanse de rir.

Josefa Barreiro

O 1º de abril é unha tradición de fai moitos anos en Galicia. Agora celébrase o 28 de decembro "o día dos inocentes". É unha bonita tradición porque se contan mentiras. De pequena lembro que coas miñas amigas mandabamos a alguén facer un recado -como dicirlle que a profesora mandouno xunto á directora, cousa que non era verdade, ou era verdade- ou tamén a miña filla díxolles ás súas amigas que lle tocara a primitiva.

As tradicións galegas non deben de perderse nunca e a única forma de que así sexa é seguir facéndono, grandes e pequenos.

Nieves Rodas

Na alameda

Un día polo primeiro de abril, cando era unha nena pero non tan nena, tiñamos por constume poñernos na Alameda Vella eu e mais as miñas compañeiras. Os vellos estaban sentados e nós iamos por atrás e colocabamos un burro. Unha vez, cando se levantaron nós estabamos detrás do palco da música escondidas. Empezaron entre eles a culparse uns a outros, tanto que saíron incomodados e nós todas disfrutando do primeiro de abril que van os burros a onde non deben de ir.

Carmen Vilariño

Festas de San Salvador

Sendo eu pequena, nas festas do Patrón "mamá" mandoume á tenda por fariña. Díxome que correra xa que lle facía falta. Fun, pero ao vir de volta empezaron cos "fogos da Procesión". Eu, co medo que lles tiña, non sabía onde meterme e fun correndo para ampararme (nin máis nin menos ao lado do fogueteiro). Non me movín do seu carón mentres que non terminaron os fogos.

Cando cheguei a casa xantei e ceei todo xunto da man de "mamá" que me deu uns escobasos por chegar tarde.

Mª Josefa Rúa Miranda

O conto do gato

Hai moitos anos, sendo unha rapaza, eu e mailo meu irmán pequeno decidimos facer unha trasnada. Collimos o gato e empaquetámolo dentro dunha caixa. Era o primeiro de abril e díxenlle ao meu irmán: "colle a caixa e lévalla á nosa tía". O pobriño levoulla.

A tía chamábase Ermitas e tiña un xenio da rabia. Cando meu irmán chegou xunto a ela, a tía díxolle "Que me traes?" "Este paquete, que é para vostede".

Vaia paliza que levamos e el con moita gracia díxolle: foi a Cari. E andivo todo día así dun lado para outro o pobre do gato.

Francisca Santos Giráldez

O conto das pitas

Hai uns anos que fixemos unha trasnada. Entre unha pandilla de amigos mandamos un paquete cun agasallo e dixémoslle ao peón que o levaba eran un par de pitas dentro. Cando foron abrir para ver que tiña dentro decatáronse que lle faltaban as pitas.

Luisa Martínez

O tractor

Díxolle o meu marido a Julio: "Son capaz de facerlle unha broma ao teu pai" e el contestoulle: "Non es capaz".O meu marido chamou ao seu pai facéndose pasar por un xefe de tráfico de Pontevedra dicindo que tal día o tractor con tales números de placa ía a unha velocidade de 80 km/h pola estrada de Cela. O pai de Julio, todo preocupado contestoulle moi educado "Non se preocupe vostede que mañá o meu fillo e eu presentámonos en Pontevedra".O fillo, ao ver que o seu pai crérao díxolle que se fixase no día que era e o pai botouse a reir pois se deu conta nese momento que era unha broma.

María González Molanes

O peixe de abril

Unha lenda moi antiga conta a historia dunha tradición da Idade Media cando as xentes desa época tiñan por costume cada día un do mes de abril pasar o dito día gastándose bromas uns a outros.Ao parecer na Idade Media o papa Gregorio XIII decidíu cambiar a data do ano novo do día un de abril ao día un de xaneiro.A moita xente das vilas este cambio colleunos de sorpresa e como tardaron moito en decatarse do cambio do calendario foron motivo de moitas bromas e burlas.Por iso o do día dos inocentes.Tamén dicir que o calendario gregoriano foi chamado así en recordo do papa Gregorio XIII, que foi quen o cambiou polo calendario xuliano que se utilizaba dende a época dos romanos e levaba o nome en memoria do emperador Xulio César. Este calendario xuliano tiña once minutos e catorce segundos máis ca o ano solar o que causaba problemas estacionais, facendo que a primavera se adiantase.Os franceses chamábanlle a este cambio de datas o dia do "peixe de abril" ou "poisson d'avril". Antigamente facían festas e celebrábano o día un de abril. Quen recibía as bromas eran chamados peixes de abril e hai quen di que o día dos inocentes era tamén este día debido a que a chegada da primavera traía a ledicia e despreocupacións ás xentes e que de tanta ledicia todos acababan gastándose bromas entre eles para pasalo mellor. En Galiza tamén era chamado o "Día dos Enganos" ou o "Día dos Burros".

Manuel Ramírez