Post on 19-Sep-2018
HISPANIA E GALLAECIA NA ANTIGÜIDADE
Selección documental a partir da realizada por Xosé Alfeirán, Ana Brea e Ana Romero
ÍNDICE
1. Escenas de caza e recolección mesolíticas
2. Construcións megalíticas en Galicia
3. Os petróglifos galegos
4. Tartesos e o comercio cos gregos
5. As construcións castrexas
6. Os nomes antigos da Península
7. As Casitérides, illas do estaño
8. O Tratado do Ebro de 226 a.C.
9. Viriato e os lusitanos
10. As guerras contra cántabros e ástures
11. Valentía e fereza dos pobos do norte
12. A administración das provincias romanas de Hispania
13. Os pobos prerromanos do noroeste peninsular
14. A riqueza mineira de Hispania
15. A ruina montium
16. As vías romanas no noroeste peninsular
17. A condena do priscilianismo
18. A guerra entre os romanos e o paso dos bárbaros polos Pirineos
19. Os reis suevos da Gallaecia
20. As vicisitudes do reino suevo
21. A lista dos reis godos
22. A conversión ao catolicismo de Recaredo
1. Escenas de caza e recolección mesolíticas
Os cazadores mesolíticos representaron en numerosos abrigos e refuxios rochosos diversas
escenas nas que aparecen figuras de animais e persoas que nos remiten a algúns dos seus ritos
e costumes.
2. Construcións megalíticas en Galicia
A maioría das construcións megalíticas teñen un carácter funerario. En Galicia consérvanse
varios miles; denominadas antas e mámoas poden ser de diferente tamaño e tipoloxía
3. Os petróglifos galegos
En Galicia, sobre todo nas áreas costeiras de Pontevedra, son moi frecuentes os gravados en
pedra ao aire libre, os petróglifos; entre os motivos máis representados están as espirais e os
cérvidos.
4. Tartesos e o comercio cos gregos
Na primeira metade do primeiro milenio antes de Cristo (entre o 1000 e o 500 a.C.), en torno
ao tramo final do actual río Guadalquivir, alcanzou un amplo desenvolvemento a cultura de
Tartesos, estreitamente vinculada á explotación das riquezas mineiras da zona e aos
intercambios comerciais con fenicios e gregos
Estes fóceos foron os primeiros gregos en facer tales viaxes por mar e os descubridores do
Adriático, Tirrenia, Iberia e Tartesos. Porque non navegaban en naves redondas, senón en
pentacónteras. Chegados a Tartesos fixéronse amigos do rei dese pobo, chamado Argantonio, que
gobernou Tartesos durante oitenta anos e viviu cento vinte. Os fóceos gañaron a tal punto a súa
amizade que, primeiro, queríalles convencer de que deixasen Xonia e se establecesen no país, onde
eles quixesen; logo, cando veu que non podía convencelos e soubo por eles que o poder dos medos
era cada vez máis florecente, deulles cartos para que construísen unha muralla na súa cidade. E deu
diñeiro sen escatimalo (...). Despois disto, unha nave de Samos, capitaneada por Coleo, navegando
rumbo a Exipto (...), foi desviada (...) polo vento afelio, que non cesou durante toda a viaxe. Foron
levados máis aló das Columnas de Hércules e, pola providencia divina, chegaron a Tartesos. Este
mercado estaba por entón aínda intacto; por iso os samios, ao volver ao seu país, obtiveron do seu
cargamento maiores gananciais que ningún dos gregos de quen teñamos noticia certa.
HERODOTO. Historias. Século V a.C. [grego]
5. As construcións castrexas
No noroeste, desde finais da Idade do bronce e ao longo da Idade do ferro, desenvolveuse a
cultura castrexa que ten no castro e nas súas formas construtivas un dos seus principais
elementos diferenciadores
6. Os nomes antigos da Península
Parece ser que foron os pobos colonizadores (fenicios, gregos, romanos) os que lle deron
nome na antigüidade á actual península. Algúns historiadores elaboraron diversas hipóteses
sobre o significado deses nomes, dos que derivan os actuais Iberia e España, e que están
recollidos nas fontes antigas gregas e romanas.
Parece que o nome máis antigo da península ibérica era Ofiusa (país de serpes). Dende a época
romana se lle chama, xeralmente, Hispania. En lugar de Hispania sería máis correcto escribir
Ispania, da que deriva a forma actual de España. A opinión de Bochart de que este nome remóntase
ao fenicio span, significando país de coellos, apóiase na comparación, completamente caprichosa,
de span co hebreo schapan. Antes dos romanos se lle chamaba Iberia, o país dos iberos, aínda que
este nome non alcanza máis que a costa sur e leste. O nome poético de Hesperia é unha
denominación xeral para occidente. Hispania represéntase nunha moeda de Adriano en forma de
matrona sentada xunto á que está un coello, símbolo do país; sen embargo, polo xeral está armada
coas armas típicas dos iberos: dúas lanzas e un pequeno escudo redondo.
Adolfo SCHULTEN. Hispania [reelaboración].1920 [alemán]
Hispania está envolta polo mar en todas as súas partes, a excepción do lado que limita coa Galia;
nesta zona é moi estreita, pero vaise ensanchando cara ao Mare Nostrum e o Océano, segundo se
avanza cara ao occidente, onde alcanza a súa maior anchura.
Pomponio MELA. Corografía. Século I d.C. [grego]
7. As Casitérides, illas do estaño
As fontes antigas falan da existencia dunhas illas ricas en estaño situadas en Occidente. Os
fenicios foron os que inicialmente, desde Cádiz, comerciaron con elas, mantendo en secreto a
ruta e sacando amplos beneficios dese comercio. Tras diversos fracasos, os romanos acabaron
por controlar tamén esa ruta. A localización desas illas é motivo de polémica entre os
historiadores, que as sitúan en Galicia, Bretaña ou Irlanda.
As illas Casitérides son dez e están situadas moi próximas unhas das outras cara ao noroeste do
porto dos Ártabros, en alta mar. (...) teñen minas de estaño e chumbo e peles que [os seus
habitantes] cambian cos comerciantes por cerámica, sal e obxectos de bronce. Antes [dos romanos]
unicamente os fenicios realizaban este comercio desde Gades, ocultando a todos a ruta marítima, e
cando os romanos perseguiron a certo navegante para coñecer aqueles emporios, este,
voluntariamente, embarrancou o seu barco nuns baixos e arrastrou á mesma desgraza aos que o
seguían.
ESTRABON. Xeografía. Século I [grego]
8. O Tratado do Ebro de 226 a.C.
No ano 226 a.C., Roma e Cartago asinaron un tratado de reparto de zonas de influencia na
península ibérica, fixando no río Ebro os seus límites; porén, mantívose unha forte inimizade
entre ambas potencias polo control do Mediterráneo occidental e unha diferente
interpretación sobre a liberdade das colonias gregas asentadas ao sur do Ebro. No 218 os
cartaxineses atacaron a colonia grega de Sagunto, o que provocou o enfrontamento cos
romanos.
Os cartaxineses, atraídos polo botín que Iberia ofrecía, envían aló outro exército, á fronte do cal
poñen a Asdrúbal, xenro de Barca, entón en Iberia. (...) Asdrúbal someteu moitos pobos de Iberia
aos cartaxineses, gañándoos pola persuasión e o encanto da súa elocuencia, na que sobresaía entre
todos; cando había de actuar pola forza utilizaba ao xove Aníbal. Por este procedemento, desde o
océano occidental, penetrou polo interior de Iberia ata o río Íber, que divide Iberia case pola
metade, a cinco días de distancia dos Pirineos, e desemboca no mar setentrional. Pero os
saguntinos, colonos de Zacinto, establecidos a igual distancia dos Pirineos e do Íber, e os restantes
pobos gregos establecidos arredor de Emporion e outros lugares de Iberia, acudiron cunha legación
aos romanos. O Senado, non querendo que prosperase demasiado a potencia de Cartago, enviou
legados a esta cidade. Fíxose un convenio entre as dúas partes que o límite do imperio cartaxinés en
Iberia fose o río Íber, máis aló do cal nin os romanos atacarían aos pobos suxeitos aos cartaxineses,
nin os cartaxineses poderían levar a cabo a guerra; pero a liberdade e autonomía dos saguntinos e
dos restantes gregos de Iberia sería respectada. Estes acordos foron sancionados por ambas partes
cun tratado.
APIANO. Iberia. Século II d.C. [grego]
9. Viriato e os lusitanos
Desde as costas mediterráneas os romanos foron penetrando cara ao interior da Península
enfrontándose cos diferentes pobos que habitaban nela. Os lusitanos, dirixidos por Viriato,
ofreceron unha dura resistencia a ser sometidos entre o 147-139 a.C.
Os lusitanos foron ao principio, por falta dun adecuado xefe, unha presa fácil nas súas loitas con
Roma, pero logo, cando apareceu Viriato, causaron serias perdas aos romanos. Este Viriato era dos
lusitanos, quen habitaban xunto ao océano. Pastor desde a nenez, coñecía ben as montañas. A esta
forma de vida axudoulle enormemente a súa complexión física, posto que en fortaleza, en rapidez,
axilidade e destreza era case sempre moi superior aos restantes iberos. Acostumado así a un réxime
de escaso alimento, moito exercicio e tempo indispensable de sono, nunha palabra, vivindo
constantemente en armas e en permanente rivalidade coas feras salvaxes e os ladróns, logrou moita
fama entre a plebe, que o elixiu como ao seu xefe, e en pouco tempo reuniu no seu arredor a unha
banda de ladróns. Polos seus éxitos na guerra, gañou reputación, non só como guerreiro senón
tamén polas súas excepcionais calidades como xeneral. Era, ademais, xusto no reparto do botín e,
segundo as fazañas de cada un, colmaba de regalos a aqueles dos seus homes que se distinguiran
pola súa valentía. Pouco despois, proclamouse a si mesmo señor, xa non ladrón, e tomando as
armas contra os romanos, derrotounos en moitas batallas. Viriato, o xefe de ladróns lusitano, era
xusto no reparto do botín, pois recompensaba segundo o mérito, dando regalos mellores a aqueles
dos seus homes que se distinguiran polo seu valor, sen apropiarse para si de nada que pertencera á
reserva común. Por iso, os lusitanos lle seguían entusiastas no combate e honrábano como ao seu
benfeitor e salvador común.
Diodoro SÍCULO. Historia Universal. Século I d.C. [grego]
10. As guerras contra cántabros e ástures
Os romanos conquistaron a franxa norte da Península derrotando aos cántabros e ástures; as
campañas militares entre o 29-19 a.C. foron dirixidas polo propio emperador Augusto.
En occidente, case toda Hispania fora pacificada, salvo a parte próxima aos acantilados da fin dos
Perineos que baña o océano citerior. Aquí dous pobos moi valorosos, os cántabros e os ástures,
vivían libres e independentes. Os cántabros foron os primeiros, os máis enérxicos e os máis
pertinaces na rebelión, pois non contentos con defender a súa propia liberdade, intentaban incluso
someter aos seus veciños e castigaban os vacceos, os turmogos e os autrigóns con frecuentes
incursións. Contra eles, (...) non enviou César [Augusto] unha expedición senón que asumiuna el
mesmo. Persoalmente chegou a Segisama [Sasamón, Burgos], instalou o campamento e desde alí,
cun triplo exército, envolveu Cantabria e encerrou a este pobo fero, como bestas nunha rede. Nin
sequera houbo paz pola parte do océano, pois a flota atacounos tamén sobre as mesmas costas dos
inimigos. Primeiro combateuse contra os cántabros, baixo a muralla de Bergida. Desde aquí fuxiron
ao monte Vindio, tan alto que pensaban que aos romanos seríalles máis fácil escalar o mar océano.
En terceiro lugar, a cidade de Aracelium [Aradillos, Santander] ofreceu moita resistencia, pero a fin
foi tomada. En último lugar chegou o asedio do monte Medulio, rodeado sen interrupción por unha
fosa que se estendía ao longo de vintecinco quilómetros, e cando os bárbaros se viron rodeados por
todas partes polos romanos e que chegara a súa última hora, con fogo, coa espada nos banquetes, e
co veleno que alí se extrae facilmente do teixo, rivalizaban en adiantar a súa morte e libráronse, a
maior parte deles, dunha catividade que entón, a este pobo indómito, lle parecía peor que a
morte.(...) Por entón, os ástures, cun gran exército, descenderan dos montes nevados e, (...) tras
dispoñer os seus campamentos xunto ao río Astura [Esla] e dividido o seu exército en tres partes,
preparáronse para asaltar simultaneamente tres campamentos romanos. E tería sido un combate
incerto e sanguento (...) cun plano tan ben concibido, se non fose revelado polos brigaecinos; grazas
ao seu aviso, acudiu Carisio cun exército. Frustrar os seus planos supuxo a vitoria, e aínda así en
combate cruento. (...) Isto foi, para Augusto, a fin das súas campañas, e tamén a fin da rebelión de
Hispania.
L.A. FLORO. Epítome de Tito Livio. Século II d.C. [latín]
11. Valentía e fereza dos pobos do norte
Os romanos ao enfrontarse cos diversos pobos que vivían na península foron recollendo e
relatando os principais acontecementos das diferentes campañas. Os pobos do norte
destacaron por súa fera resistencia, preferindo a morte antes de caer prisioneiros.
Xunto a estraños costumes, víronse e contáronse outros moitos sobre os pobos ibéricos en xeral,
pero, sobre todo, dos do norte, non só sobre a súa valentía, senón tamén sobre a súa fera dureza.
Así, unhas nais mataron aos seus fillos antes de que caeran prisioneiros nas guerras cántabras; e un
neno, por orde de seu pai, matou a este e aos seus irmáns que estaban prisioneiros cun ferro que
collera; e unha muller matou aos demais prisioneiros (...). Estas características son comúns aos
pobos célticos, tracios e escíticos; tamén é común a valentía, tanto dos homes como das mulleres.
ESTRABÓN. Xeografía. Século I [grego]
12. A administración das provincias romanas de Hispania
Tras o dominio completo da Península por Roma, o emperador Augusto reorganizou a
administración romana, dividindo os territorios en tres provincias: Bética, Lusitania e
Tarraconense, cada unha delas con diferentes gobernadores.
Actualmente, das provincias que foron declaradas, unhas propiedade do pobo e o Senado e outras,
do emperador de Roma, a Bética pertence ao pobo e para gobernala, envían a un pretor, cun
cuestor e un legado subordinados a el. A súa fronteira oriental situouse nos arredores de Cástulo, e
o resto pertence ao César. Este envía alí a dous legados, pretoriano e consular respectivamente, dos
que o pretoriano, asistido á súa vez por outro legado, ten como misión a de administrar xustiza aos
lusitanos, que limitan coa Bética e esténdense ata o río Douro e a súa desembocadura, pois na
actualidade aplican o nome de Lusitania especificamente a esta rexión. Aquí encóntrase a cidade de
Augusta Emérita. O resto, que constitúe a maior parte de Iberia, encóntrase baixo o gobernador
consular, que ten ás súas ordes un importante exército de tres lexións e tamén tres legados. Un dos
legados, ao mando de dúas lexións, vixía todo o territorio ao norte do Douro; os seus habitantes (...)
son chamados galaicos hoxe en día. Limitan coas cordilleiras setentrionais, e cos ástures e os
cántabros (...). A seguinte rexión, paralela ás montañas ata os Pirineos, correspóndelle ao segundo
legado, coa outra lexión. O terceiro vixía o interior, atendendo os asuntos dos chamados togados,
isto é, pacíficos e transformados, coas súas togas, a súa suavidade e o seu modo de vida itálico.
Estes son os celtiberos e os pobos que viven xunto a eles, a ambos lados do Íber [Ebro] ata os
territorios próximos ao mar. En canto ao gobernador, pasa o inverno administrando xustiza nas
rexións costeiras, principalmente en Cartago Nova e Tarraco e no verán percorre a provincia
inspeccionando constantemente as cousas que deben ser melloradas. Hai tamén procuradores do
César, de rango ecuestre, que distribúen entre os soldados o diñeiro necesario para o seu
mantemento.
ESTRABÓN. Xeografía. Século I d.C. [grego]
13. Os pobos prerromanos do noroeste peninsular
As descricións dos autores gregos e romanos permítenos coñecer os nomes e os costumes dos
distintos pobos que viviron na Península antes da conquista romana, así como a súa
distribución dentro dos límites da nova organización administrativa imposta por Roma.
[Despois dos cántabros] están os 22 pobos dos ástures, divididos en augustanos e transmontanos
[estes habitaban entre a cordilleira Cantábrica e o mar], con Astúrica, magnífica cidade. Fronte a
estes están os gigurros, os paesicos, os lancienses e os zoelas. O número de toda a poboación é de
240.000 homes libres. O convento lucense ten ademais dos célticos e lemavos, 16 pobos de nome
descoñecido e bárbaro, pero ten case 166.000 homes libres. Do mesmo modo o convento brácaro ten
24 cidades e 285.000 homes dos que, ademais dos mesmos brácaros poden nomearse sen fastidio os
bíbalos, os coelernos, os callaicos, os equaesos, os límicos e os querquernos.
PLINIO. Historia Natural. Século I d.C. [latín]
14. A riqueza mineira de Hispania
Polas noticias que nos transmiten os autores clásicos coñecemos as principais actividades
económicas da península ibérica na época romana, destacando especialmente a súa riqueza
mineira.
Polibio, mencionando as minas de prata arredor de Cartago Nova, di que son moi grandes, que
están a uns 20 estadios da cidade e que teñen unha periferia de 400 estadios e que nelas traballan
40.000 homes, que proporcionaban entón ao Estado romano 25.000 dracmas por día (...). Do
mineral arxentífero di Polibio que se machuca e se criba en cestos sobre a auga. Despois machúcase
outra vez o que quedou e se isto se peneirou e quitou a auga, machúcase ben outra terceira vez. O
quinto sedimento fúndese e dá a prata pura, despois de ter quitado o chumbo. Aínda hoxe hai estas
minas de prata, pero xa non son do Estado nin por alí nin por outros sitios, senón que pasaron a
propiedade particular. Só as minas de ouro, na súa maior parte, aínda hoxe pertencen ao Estado. En
Cástulo e outros sitios hai minas de chumbo que pertencen a particulares. Tamén este chumbo ten
algo de prata, pero non bastante para que sexa proveitoso ao limpalo. Non moi distante de Cástulo
está tamén a serra que, segundo din, dá orixe ao Betis e que chaman a Serra da Prata, a causa das
minas de prata que hai nela. Polibio di que o río Anas e o Betis veñen da Celtiberia e que distan un
do outro 900 estadios. Porque os celtiberos, estendendo o seu territorio, estenderon tamén o seu
nome por toda a rexión lindante.
ESTRABÓN. Xeografía. Século I d.C. [grego]
15. A ruina montium
Os romanos tamén se interesaron pola riqueza mineira do noroeste peninsular. Entre as
explotacións realizadas destacaron as minas de ouro das Médulas que foron explotadas polo
procedemento da ruina montium: o xacemento era minado por unha rede de galerías
escavadas nas que se introducían auga a presión que provocaba os seu derrubamento.
16. As vías romanas no noroeste peninsular
Para facilitar os intercambios e a administración e goberno do territorio, os romanos
construíron diferentes vías de comunicación que unían as diversas cidades.
17. A condena do priscilianismo
A finais do século IV, as ideas de Prisciliano tiveron unha grande aceptación popular na
Gallaecia. Executado por herexía, as súas doutrinas foron perseguidas e condenadas pola
Igrexa, condenación que nos permite coñecer o que defendía.
Se alguén, ademais da Santa Trindade, introduce outros non sei que nomes da divindade, dicindo
que na mesma divindade hai a trindade da trindade, como afirman os gnósticos e Prisciliano, sexa
anatema.
Se alguén non venera verdadeiramente a natividade de Cristo segundo a carne, senón que finxe
honrala facendo xaxún naquel día e en domingo, porque non cre que Cristo naceu con verdadeira
natureza de home, como afirmaron Cedrón, Marción, Maniqueo e Prisciliano, sexa anatema.
Se alguén di que as almas humanas pecaron primeiramente nas moradas celestiais, e que por iso
foron arroxadas á terra en corpos humanos, como afirmou Prisciliano, sexa anatema.
Se alguén cre que o diaño fixo no mundo algunhas criaturas e que el de propia autoridade produce
os tronidos, lóstregos, tempestades e secas, como afirmou Prisciliano, sexa anatema.
Se alguén cre que os doce signos siderais, que adoitan ser observados polos astrónomos, están
dispostos por cada un dos membros da alma ou do corpo, e que se lles aplica os nomes dos
patriarcas, como o afirmou Prisciliano, sexa anatema.
Se algún clérigo ou monxe ten na súa compaña algunhas mulleres como adoptivas, que non sexan a
nai, irmá, ou tía, ou outras unidas a el con parentesco próximo e convive con elas, como ensinou a
seita de Prisciliano, sexa anatema.
Se alguén condena os matrimonios humanos, e aborrece a procreación dos que van nacer, como
afirmaron Maniqueo e Prisciliano, sexa anatema.
Disposicións acordadas no Concilio I de Braga. Século IV [latín]
18. A guerra entre os romanos e o paso dos bárbaros polos Pirineos
A comezos do século V, en Occidente, os romanos estaban enfrontados entre eles polo
control do poder imperial. No caso de Hispania, a familia do emperador Honorio defendeu os
pasos dos Pirineos, fronte ao usurpador Constantino. Este enfrontamento debilitou o poder
romano, facilitando a entrada na península dos suevos, vándalos e alanos.
Dous xoves irmáns, nobres e ricos, Didimo e Veriniano [primos de Honorio, emperador lexítimo]
tramaron (...) defenderse a si mesmos e a súa patria contra o usurpador [Constantino III, emperador
proclamado polas lexións de Britania e da Galia no 407] (...).Contra eles enviou Constantino ás
Hispanias ao seu fillo Constante (...) na compaña dalgúns bárbaros (...) recrutados como soldados
regulares, chamados honoriacos. De aquí procede o primeiro azote do mal para as Hispanias. Pois,
mortos aqueles dous irmáns que pretendían defender coas súas forzas privadas a cordilleira dos
Pirineos, estes bárbaros recibiron en primeiro lugar, como prezo pola súa victoria, permiso para
saquear os campos palentinos, e, nun segundo lugar, foron encargados da vixilancia do citado
monte e dos seus desfiladeiros (...). Pouco despois [no 409] os honoriacos (...) deixaron entrar nas
provincias das Hispanias a todos os pobos que deambulaban polas Galias, e uníronse eles mesmos a
estes.
Paulo OROSIO. Historia contra os pagáns. Século V [latín]
19. Os reis suevos da Gallaecia
No 406, os suevos, vándalos e alanos penetraron en Hispania. Tras diversas vicisitudes, os
suevos asentáronse na Gallaecia, principalmente en torno a Braga, establecendo un reino
independente desde o 409 ata o 585. As crónicas conservadas permítenos coñecer os nomes
dos seus reis, aínda que non todos.
Hermérico 409-438
Hermérico e Rékhila 438-441
Rékhila 441-448
Rekhiario 448-456
Axiulfo 456-457
Framtan 457
Remismundo e Maldras 457-460
Remismundo e Frumario 460-464
Remismundo, rei único 464-469
[reis descoñecidos]
Kharriarico (?) 550-559 (?)
Ariamiro 558/59-561
Teodomiro 561-570
Miro 570-583
Eborico 583-584
Audeca 584-585
Xosé ORLANDIS. Historia do reino visigodo español. 1988 [cast.]
20. As vicisitudes do reino suevo
Tras a súa derrota no 456 fronte aos godos, os suevos dividíronse en bandos que se
disputaban o poder. No 464, Remismundo logrou impoñer o seu dominio en toda a Gallaecia
e en parte da Lusitania, territorios que conformaron o reino suevo ata a súa desaparición no
585. Tamén os suevos viviron a división relixiosa entre arriáns e católicos.
Morto Rechiario [no 457], os suevos que quedaran na parte extrema da Gallaecia, elixen por rei a
Maldras, fillo de Masila. Logo, divididos en dous bandos, uns recoñecen por rei a Frantan, e outros
a Maldras. Pouco despois, morto Frantan, os seus partidarios seguen a Remismundo. Concertada a
paz con Maldras, depredan a un tempo as rexións da Lusitania. Degolado Maldras [no 460] xorde a
disputa pola potestade do reino entre Frumario e Remismundo. Frumario, cos suevos que
capitaneaba, asolou o convento da cidade Flaviense, facendo horribles estragos; mentres
Remismundo devasta de igual xeito os lugares veciños dos Aurixenses e os marítimos do convento
lucense. Morto Frumario [no 464], Remismundo, reunidos todos os suevos baixo a súa autoridade,
restableceu a paz cos galaicos, envía legados en solicitude de alianza a Teodorico, rei dos godos, do
que recibe armas e a que sería a súa esposa. Logo pasa á Lusitania, entra con enganos de paz en
Coímbra e a saquea; ademais apoderase de Lisboa (...). No seu tempo, Ayax, gálata de nación, que
apostatara abrazando o arrianismo, predica entre os suevos combatendo, coa axuda do seu rei, a fe
católica e a divina trindade, traendo ese virus pestífero da Galia dos godos, e infectando a toda a
nación sueva (...). Moitos reis suevos permaneceron despois na herexía arriana, ata que subiu ao
trono Teodomiro [no 561] quen (...) logrou que os suevos volvesen á fe católica, mediante a
predicación de Martín, bispo do mosteiro de Dumio.
Isidoro de HISPALIS. Historia dos reis dos godos, vándalos e suevos. Século VII [latín]
21. A lista dos reis godos
Desde o 415 ata o 711, os reis godos gobernaron sobre maior ou menor extensión de territorio
na Península. A lista dos seus reis foi aprendida por moitos escolares en España en épocas
pasadas, xa que moitos historiadores e políticos de ideoloxía conservadora os consideraron
como un antecedente da unidade de España
Ataulfo 410-415
Sixérico 415
Walia 415-418
Teodomiro I 418-451
Turismundo 451-453
Teodorico II 453-466
Eurico 466-486
Alarico II 484-507
Xesaleico 507-510
Rexencia de Teodorico, o Ostrogodo 510-526
Amalarico 526-531
Theudis 531-548
Theudiselo 548-549
Axila 549-555
Atanaxildo 555-567
Liuva I 567-568
Liuva I e Leovixildo 568-571/72
Leovixildo 571/572-586
Recaredo 586-601
Liuva II 601-603
Witérico 603-610
Gundemaro 610-612
Sisebuto 612-621
Recaredo II 621
Suíntila 621-631
Sisenando 631-636
Chíntila 636-639
Tulga 639-642
Chisdasvinto 642-649
Chisdasvinto e Recesvinto 649-653
Resesvinto 653-672
Wamba 672-680
Ervixio 680-687
Exica 687-698/700
Exica e Witiza 698/700-702
Witiza 702-710
Rodrigo 710-711
Xosé ORLANDIS. Historia do reino visigodo español. 1988 [cast.]
22. A conversión ao catolicismo de Recaredo
Os visigodos, cando penetraron na Península, tiñan como relixión a cristiá arriana, o que lles
enfrontaba coa maioría da poboación de orixe romana que eran fieis da cristiá católica. No
ano 589, o rei Recadero converteuse ao catolicismo, medida que incrementou a unidade do
reino e a desaparición das diferenzas entre godos e hispanorromanos.
Na era DCXXIIII [589], no ano terceiro do imperio de Mauricio, morto Leovixildo, foi coroado rei o
seu fillo Recaredo. Estaba dotado dun gran respecto á relixión e era moi distinto de seu pai en
costumes, pois o pai era irrelixioso e moi inclinado á guerra; el era piadoso pola fe e preclaro pola
paz. Aquel aumentaba o imperio da súa nación co emprego das armas; este ía engrandecelo máis
gloriosamente co trofeo da fe. Desde o comezo mesmo do seu reinado, Recaredo converteuse, en
efecto, á fe católica e levou ao culto da verdadeira fe a toda a nación gótica, borrando así a mancha
dun erro enraizado. Seguidamente reuniu un sínodo de bispos das diferentes provincias de Hispania
e da Galia para condenar a herexía arriana. A este concilio asistiu o propio relixiosísimo príncipe, e
coa súa presenza e a súa subscrición confirmou as súas actas. Con todos os seus abdicou da perfidia
que, ata entón, aprendera o pobo dos godos das ensinanzas de Arrio, profesando que en Deus hai
unidade de tres persoas, que o Fillo foi creado consubstancialmente polo Pai, que o Espírito Santo
procede conxuntamente do Pai e do Fillo, que ambos non teñen máis que un espírito e, por
conseguinte, non son máis que un.
Isidoro de HISPALIS. Historias dos reis dos godos, vándalos e suevos. Século VII [latín]