Post on 19-Jun-2015
GALA FIN DE CURSO 2014
Fermosa e emotiva gala de Despedida do Curso 2013-2014 no CPI Virxe da Cela,
unión de sentimentos contrapostos. Por un lado desexamos rematar dunha vez este
mes de xuño, sempre repleto de exames, traballos e carreiras dun lado para outro ao
borde da taquicardia, e así por fin vernos liberados gozando dunhas merecidas
vacacións. Por outra banda, poñer o punto final a unha travesía na que
inevitablemente algúns terán que abandonar o barco: o alumnado de 4º da ESO,
rapaces e rapazas que pasaron a meirande partes das súas vidas compartindo aula,
compañeiros, profesores e cargados de centos de recordos. A partir de agora terán
que deixar esta a súa “casa” atrás e camiñar cara a novos horizontes, enfrentándose a
novas situacións e comezando novas relacións de amizade. Tamén foi o momento de
despedir a Pedro García, Abel Soto e Mª Carmen Espiñeira, profesores que mudan
destino ou ben rematan a súa traxectoria profesional, e que tamén viviron esta
xornada como unha despedida.
Como xa ven sendo toda unha tradición no noso centro, foron os alumnos/as
de 3º da ESO os encargados de organizar e presentar esta gala, e o fixeron con todo
detalle e cariño, obsequiando aos seus compañeiros/as de 4º e aos profesores que
deixan o centro cunha fermosísima rosa vermella, orixinais diplomas e simpáticas
presentacións audiovisual cos mellores momentos e con algún material inédito que
fixo arrancar as gargalladas do público alí presente. Houbo tamén espazo para as
bágoas, que comezaron a asomar a través da lectura dalgunha carta de despedida e xa
foi imposible poñerlles freo unha vez que soaron os fermosos arpexios do comezo da
canción “Cuando me vaya”, que cantamos todos xuntos en unión e que puxo punto
final a este curso 2013-2014.